GALICIA INMORRENTE. MITOS E RITOS FUNDACIONAIS
Hoxe falaremos de
mitos e ritos fundacionais. Un pouco: imposible esgotar o tema. En Galicia hai
material dabondo. Así, currente cálamo, sen pararnos moito a pensar, veñen á
nosa memoria mitos (e ritos) fundacionais da cidade da Coruña e de Santiago:
estes dous quizais sexan os máis notorios, ricamente documentados. Hai interesantes e míticas lendas
fundacionais sobre Pontevedra e Noia. E querendo, en conexión directa con
certos ritos de delimitación e sacralización do territorio, podemos falar
doutros dous casos curiosos localizados sempre en Galicia.
(Foto tomada do libro Notas de un archivo de Isabel Martínez-Barbeito. Procede dun documento en galego datado en 22 de outubro de 1448 na Coruña; di a que fora arquiveira coruñesa que é, no que ela sabe, a documentación máis antiga onde aparece o símbolo da nosa cidade: con vieiras pero sen a cabeza de Xerión)
Empezamos pola
Coruña. Villamil y Castro recolle a
lenda que relata o franciscano P. Castro na obra Árbol cronológico de la
provincia de Santiago. Di que Gatelo, fillo de Cicopre, primeiro rei de Atenas
e xenro do Faraón Osiris, fuxindo de morrer afogado polo mar Roxo, arribou á
Coruña onde fundou un reino e daquela para lograr ser aínda máis temido e
respectado fixo o trono dunha pedra de estraña corpulencia. E dicía que aquela
pedra estaba fadada polos deuses, que dela dependía a conservación da súa coroa
e a de cantos desexasen semellante fotuna (Villamil relaciona estas lendas co
culto dolménico, co culto ás pedras).
Nós recollemos hai
anos unha lenda sobre a cidade que nos viu nacer, relatada por un ex alumno (a
quen, á súa vez, lla contara unha súa coñecida: ambos coruñeses). Fala dunha
serea namorada dun pescador; víanse e falábanse por estes lares pero un bo día
el namora dunha muller de terra adentro e abandona a aquela. A serea morre de amor e o seu corpo
convértese na actual península herculina (persoalmente sempre me pareceu moi
literaria, máis creada ou inventada ad hoc que de orixe popular, pero conservo
nos meus arquivos o escrito orixinal daquel alumno, que conste que non é
invención miña).
(Mapa cos lugares en que se documentan inscricións dedicadas a Hércules, tomado dun artigo, Distribución del culto a Hércules en Hispania según los testimonios epigráficos, da autoría de Mercedes Oria Segura)
Porén, o mito
fundacional máis célebre e complexo sobre a nosa cidade é o da loita entre
Hércules e Xerión, sobradamente coñecido (recoméndovos que leades con calma nun
verán os dous libriños da autoría de Francisco Javier González publicados en
1998, Hércules contra Gerión. Mitos y
leyendas de la Torre de Hércules). Só quixera facer fincapé en tres
cousiñas: unha, os paralelismos co ciclo irlandés do roubo de gando vacún con
núcleo no heroe Cúchulainn; dúas, quixera recordarvos que xa Sarmiento nos di
que o feito de darlle o nome de Hércules á torre posiblemente o que signifique
é simplemente que a romanización implantou por aquí un culto a ese deus, Herakles
a Hércules, talvez asimilable a un poderoso (por forte e guerreiro) deus
prerromano (Sarmiento é no que nós sabemos o primeiro en chamar a atención
sobre a inscrición dedicada a Hércules situada en Soandres, moi preto da
Coruña); e tres, cabe outro pensamento sobre os ritos que subxacen na fundación
da Coruña: este enterramento dunha cabeza humana parécese moito a un vello rito
pagán de sacralización dun novo territorio: son múltiples as marcas
apropiadoras e sacralizadoras que se documentan pola Europa pretérita, desde os
fiordos ata as nosas rías: facer arder fogos, delimitar co sangue dun animal,
delimitar coa madeira tallada dunha foresta, afundir machados nun curso de
auga, e tamén enterrar o corpo ou a cabeza do primeiro colonizador (un libro
precioso, tamén moi recomendable sobre estas cuestións é o de Claude Lecouteux,
Demonios y genios comarcales en la Edad
Media).
Vaiamos agora a
Santiago: Antonio Neira de Mosquera, nacido en 1823, escribe un relato
lexendario marabilloso sobre a fundación dunha parte do territorio de
Compostela (en realidade refírese á fundación dun convento
pola propia man do santo de Asís: o territorio –seguindo a cláusula imposta
polo abade de san Martiño Pinario- fica delimitado pola pel dun touro, cortado
en tiras. A lenda titúlase así, La piel
del buey e foi publicada, xunto con outros escritos de Neira de Mosquera, no
2000: Monografías de Santiago). Di o
propio Neira, literalmente: la tradición
presenta en esta condición un mal plagio de la Eneida. Refírese, como
saberedes moitos de vós, á lexendaria fundación (que en realidade non vén
exactamente no libro de Virxilio) de Cartago por parte da raíña Dido
apropiándose do territorio que puido abranguer coa pel dun touro. E con todo, o
mito ou mellor dito, o rito fundacional da pel do touro ou doutro animal, un
cervo en concreto, non é privativo da fundación de Cartago. Aparece tamén no
ciclo de Melusina. E usouse ese mesmo método para establecer a fundación da
futura cidade de Londres. Esta operación pervive vivamente no imaxinario
popular galaico: os homes do Grupo Nós volven topar co rito. Mirade o que se le
no número 56 da revista Nós: “Cando o Santo Apóstolo rematou de botar ós mouros
de istas terras, quixo erguer unha catedral e andivo buscando sitio. De aquela
escolleu unha grande carballeira e foi arrincando carballos de ela, un por un
con unha mán sômente. Dempois estendeu unha pelica no chán e marcou os lindeiros
onde se tiña de levantar a catedral e foi pondo as pedras todas. Por eso dise
hoxe: A vila de Sant Iago, / a vila
santiaguesa, / a vila de Sant-Iago / algún día foi devesa” (e aínda engade
o autor do artigo: “relatou María Vázquez, casada, de 64 anos, do lugar de
Moimenta, freguesía de Macenda, ó pé do Barbanza”). Non é algo absolutamente
marabilloso, a pervivencia da memoria (que diría Dalí...), a poderosa
capacidade conservadora da nosa mitoloxía ancestral en boca do pobo? Somos
porque foron antes ca nós. Innegable tautoloxía. Somos porque herdamos parte
dun saber universal. Nese retrinco de vida pasada de María Vázquez está a
madeira e está a pel do animal ritualizador (sumémoslle o lume das luminarias
que viu o ermitán de Solovio). E querendo, sumémoslle aínda á ritualidade que
envolve a capital de Galicia, o rito de circumambulación (como cando Rómulo
colle o par de bóvidos e vai delimitando a fundación da que logo será chamada Roma):
no ciclo xacobeo da raíña Lupa, os discípulos que van xunta ela co corpo do
amigo de Xesús, obteñen un par de bois: circuambulan: delimitan un territorio e
cando os bois paran (alí mana unha fonte: a fonte da rúa do Franco) e alí será
o lugar onde comece a fundación do novo espazo sagrado: Santiago de Compostela.
Hai máis materia,
pero non me gusta cansarvos. Seguiremos outro día aínda.
Este comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminarEstarás contenta, a autora situou Soandres cerca de Silleda!. Non debía saber (nin se informou) onde queda A Laracha! Precioso artigo!
ResponderEliminarGrazas, Purecha. Vindo de ti, unha señora arqueóloga, o cumprido sábeme a gloria. A ver, o artigo de Mercedes ten os seus anos; seguro que hoxe situaba Soandres con máis precisión. Para compensar, fíxate en Sarmiento: sitúa exactamente Soandres a "3 leguas" da Coruña, e di que na inscrición se lía "Herculi Jonico". Páx. 386 de "Colección de voces y frases gallegas", na edición do admirado e relembrado J. L. Pensado.
ResponderEliminar