domingo, 7 de febreiro de 2016

LENDO A...



LENDO A RUDYARD KIPLING


No 2015 cumpríronse 150 anos do nacemento do novelista R. Kipling e con ese motivo propuxémonos ler algo del no Club de Lectura dos venres. O libro escollido foi Kim e non lles resultou nada facedeiro. Pedíranme máis tempo no Nadal. Agora puxemos punto final a ese labor. Catro rapaces remataron o libro e non nos podemos queixar, esa é a verdade.

 (Os rapaces do club de lectura dos venres)


O libro serviunos de pretexto para aproximarnos ao fenómeno do colonialismo (pregunteilles que sabían do tema e puiden comprobar que son en xeral xente lista e bastante ben informada; relembro por exemplo que ao preguntarlles polos aspectos máis negativos daquela sociedade colonial incidiron en que os nativos ocupaban os postos máis baixos da escala social; cando lles preguntei se eran capaces de dicirme algo positivo, algo que sacaran en limpo os habitantes da India tras décadas de seren súbditos británicos, unha das rapazas díxome que quizais o aprender inglés; talvez: pero saben todos inglés ou fálano coma nós, tras aprendelo –os que poden-  na escola?, eles teñen moitas linguas en que comunicarse, e algunhas descendentes daquel sánscrito prestixioso...); en segundo lugar, o libro serviunos de pretexto para achegarnos un pouquiño á cultura da India (comentamos refráns, por exemplo). Tamén lle dedicamos un tempo a algunha das estupendas edicións sobre O libro da selva, en concreto a edición de SM ilustrada por Christian Broutin, con comentarios de Pierre Pellerin e Pierre Reyss (unha edición rica en gravados e rica en datos: podemos apreciar como no século XIX os movementos de guerra e da política dos británicos e dos rusos, entre outros,  en India e Afganistán eran un auténtico Xogo de Tronos; nos gravados vemos as perfectas aliñacións das tendas do exército nos campamentos fóra das cidades; vemos so cornacs alimentando os elefantes, animais estes moi usados pola intendencia británica, fixádevos que un elefante podía levantar unha carga de media tonelada e percorrer 30 quilómetros ao día; puidemos apreciar, porén, que a cabalería era a rama máis prestixiada do exército, os cabalos australianos eran o orgullo do exército...; tamén soubemos a través desa rica edición que as serpentes que bailan ao son da frauta dos totalmente xordas, e que en realidade se prenden do movemento da propia frauta).

Dúas das rapazas, Mencía e mais Celia, entregáronme cadanseu traballo sobre a vida de Kipling: así soubemos que o seu pai era profesor de Arte e el e a esposa escolleron o nome Rudyard en lembranza do lago británcio que leva ese nome, en cuxas ribeiras se coñeceran. Na etapa de educación nun exclusivo colexio da Grande Bretaña non foi feliz e era a lectura a súa panacea: devorou a obra de Daniel Defoe e a de Ralph Waldo Emerson. Máis tarde chegaría a coñecer a Mark Twain. Algunhas das súas mellores obras foron levadas ao cine: Kim, O libro da selva, O home que puido reinar, e Capitáns intrépidos.



Pregúntolles a Iara e mais a Ramón que foi o que máis lles gustou de Kim: gustoulles viaxaren con el por todo o territorio, desde a cidade onde se criou, Laore, ata o Himalaia; quedoulles gravado o dato da parábola ou enigma do touro irlandés, e valoraron moito o personaxe do lama. Iara ría e fíxonos rir a todos relembrando cando o Lama esnifaba... Que buscaba o lama? –Un río. –Para que? (aquí as respostas foron divagadoras).

 (Véspera do entroido: Martina vai disfrazada de avatar; Charo vai de xove Picasso, porque os profes decidiron vir picassianos)

Eu nunca antes lera Kim. O último día, véspera do entroido, díxenlles e a min non me preguntades que foi o que máis me gustou de Kim? Si que me preguntaron, son bos rapaces. Faleilles con outras palabras da sanchificación de un (o Lama) e a quijotización do outro (Kim). Iso gustoume a min: como me fascina a verosimilitude de que un home que busca a perfección e a santidade ao final da vida ame como un pai ama, de capitón, totalmente e sen remedio, á criatura pura (e impura, por pícaro, tamén; un bo mestre ama atopar un bo discípulo: e viceversa cúmprese igualmente).


Ningún comentario:

Publicar un comentario