domingo, 8 de febreiro de 2015

LENDO A



LENDO A PEDRO FEIJOO

Lemos na aula de primeiro de bacharelato Os fillos do mar. Teñen que poñer por escrito a valoración do libro, o que máis lles gustou e o que menos. Deben tamén convencerme de que o leron todo, por completo.
O primeiro que me chama a atención, o primeiro do que vos quero facer partícipes, é que estou contenta cos resultados. Saben que me debían dar contas da lectura desta obra desde antes do Nadal e en ningún momento se queixaron pola extensión, polo número de páxinas. Primeira sorpresa, así pois: Leron sen rechistar.
De 22 escritos, non hai dúbida de que 20 leron o libro da cima ao fondo. Un dos subtemas favoritos meus (e que trataremos por extenso a semana próxima), a presenza nuclear de certos mitos galaicos, aparece dalgunha maneira referenciado en dez casos (50% do total). Refírome basicamente á chamada Boca ou Cova do Inferno, na illa de Ons. Xa digo, para min un atractivo nuclear.

 (A illa de Ons)
Que foi o que menos lles chistou?
Vexamos: Que involucrase o autor os nazis (“Está moi visto”).
Que matase tan axiña a Dona Isabel (2 alumnos) (“É un personaxe que cae ben, que resulta agradable, gustábame saber máis dela...”).
Que haxa un exceso de datos históricos (“demasiados datos para reter na memoria”, “acabas por perder o fío, sobre todo cando vai ao pasado”).
Que morra o irmán xusto cando acabamos de ver que si lle importaba realmente a súa irmá.
Que haxa tanta profusión e confusión de nomes cambiantes (3 alumnos).
A estrañeza polo pouco que Mariña parece sentir a morte da nai e mais do irmán.
Que o final sexa tan precipitado.
Que o libro sexa tan, tan longo (“Creo que lle sobran páxinas”).
E o que máis lles gustou? Imos de máis a menos (por número de persoas que coinciden no mesmo):
O ritmo, a acción trepidante.
Os espazos literarios familiares: este é un aspecto estupendo, francamente (nunca me deixan de sorprender estes rapaces...). Unha alumna comparaba o contexto de Os fillos do mar co de Ollos de auga; outra alumna refírese á Illa de Ons (“encantoume que transcorrese parte da acción alí, eu veraneo na illa des que teño uso de razón...”). Varios fan fincapé en que lles gustou seren conscientes de como o autor coñece ben e ama a súa cidade, Vigo.
A boa compaxinación de romance (o amor dos protagonistas) e o misterio.
O feito de que a historia enganche (5 lectores usan ese verbo).
Gústalles que por fin se bican, porque desde a primeira páxina en que se viron, o lector espera por ese momento (iso din eles).
A historia de Rande. Ten moita intriga (algún subliña e aínda non se atopou o ouro...).

 (Plano da Batalla de Rande. Foto tomada da Internet. Atópase no Museo de Pontevedra)
:::::::::::::::::::::::::::
En conclusión: Nesa clase tiña eu perfilados un par de sobresaíntes, e con este exercicio literario, albisco outro par claramente.
Desde aquí só nos resta desexarlle a Pedro Feijoo unha longa vida literaria.  
 (Foto de Pedro Feijoo, tomada da Internet)
(Mª Rosario Soto Arias, en colaboración co grupo de 1º F de bacharelato do IES ‘Eusebio da Guarda’).



Ningún comentario:

Publicar un comentario