luns, 2 de febreiro de 2015

LENDO A



LENDO A NICANDRO ARES VÁZQUEZ.

A Real Academia Galega publicou no ano 2013 a magna obra do sabio lucense Nicandro Ares Vázquez. Para os que amamos as palabras e nos consideramos filólogos de vocación, unha xoia. Para os que temos sempre curiosidade sobre a orixe dos nosos nomes, unha fonte inesgotable de coñecemento. 

Aproveitando que na aula estamos traballando no capítulo correspondente á formacion do idioma (substrato, estrato, superestrato), fixemos unha pequena investigación sobre os apelidos do grupo.

A ORIXE DOS NOSOS APELIDOS: GRUPO 1º BACH F DO IES PLURILINGÜE  ‘EUSEBIO DA GUARDA’. A CORUÑA.  CURSO 2014-2015.

ÁLVAREZ: Patronímico de Álvaro, que vén ao dereito do nome persoal gótico (xermano) Albarus (páx. 989).
AMEIJENDA: Igual que abelenda vén de abellanetum/-eta (Ares, páx. 1255), así tamén Ameixenda vén da forma latina (d)amascenetum/-eta; temos pois, que Ameixenda significa ‘terra rica en ameixoeiras’, é un fitónimo.
ARIAS:  Cabe pensar no antropónimo lantino Arius, pero en documentos medievais atópase o nome común ario/eiro como terreo de sementeira; en latín area, de onde vén eira/aira significaba ‘superficie de terreo chan’. Outra posibilidade sería pensar que Arias ten a mesma orixe que o topónimo Eirís (variantes Eiriz, Eiree), do antropónimo gótico Agericus. Outra opción máis improblable é relacionar Arias con Ariz, e Ariz deriva do nome gótico Alaricus . Outros autores din que Arias vén da mesma raíz cá  primeira parte do nome suevo Ariamiro, nome dun rei que aparece no primeiro Concilio de Braga, na segunda metade do  s. VI.
ARNEJO:  É un hidrónimo; na p. 1211 o señor Ares trata esa forma, que xa aparece documentada no 572 (Arnego flumen ‘río Arnego’), delimitando o condado de Deza. O Arnego é afluente do Ulla; en 1093 documéntase a variante Arneco, cum sufixo prerromano que lle fai pensar ao ilustre filólogo nunha orixe prelatina para a palabra (mentres que Moralejo pensaba na relación con area). A raíz Arn-  figura en nomes celtas recollidos por Holder (é a raíz do río Arno, que pasa por Florencia, e do río Arnoia que cantou Ferrín, e posiblemente é tamén a do río Asneiro –a lternancia s/r non é infrecuente- que desemboca no Deza).
BARBEITO: vén do latín vervactum ‘terra preparada en descanso sen sementar’ (páx. 827) (xa vimos na aula como o grupo  culto latino –ct- evoluciona vocalizando o primeiro elemento, como en lactem> leite, noctem>noite).
BARRAL:  ten o sufixo abundancial –al. Deriva de barro, voz prerromana.
CALVETE: puido ter a súa orixe no sobrenome persoal latino Calvus, ou aludir a terreos calvos, sen vexetación (páx. 1066). A palabra ten un sufixo diminutivo, -ete, relativamente frecuente en voces comúns (alfinete, ferrete, mocete, etc.), non tanto nos topónimos (Martinete, Dombrete, pero neste último non é diminutivo).
CASTELO: voz latina. En principio, temos un diminutivo de castrum.
CEBA: voz de orixe latina. É un substantivo deverbal, deriva do verbo cebar, en latín cibare.
CONCHEIRO:  Dialectalmente a palabra concheiro  é fitónimo e ten o mesmo valor cá forma máis común ‘nogueira’. Ora ben, moi probamente o apelido en cuestión garda relación co vello oficio dos concheiros que vendían as vieiras en Santiago. A palabra presenta o sufixo latino –ario, que dá –eiro en galego, un sufixo patrimonial moi produtivo e polivalente (porque forma tanto substantivos como adxectivos,  e dentro daqueles, pode indicar nome de oficio –como é o caso- ou nome colectivo...). A base tamén é latina: conchula, latín tardío.
Hai datos sobre os concheiros  e o seu gremio no artigo titulado: “Caminos sagrados”, que podedes ler libremente en:  http://www.celtiberia.net/articulo.asp?id=3136
COUTO: Ten orixe no latín cautum, participio de caveo ‘vedar, gardar, protexer’ (páx. 422). Tratábase dun espazo, dun terreo  delimitado, acoutado por un señor, por un mosteiro, etc.
CRUZ: voz latina. En latín era crux, crucis.
DOMÍNGUEZ: patronímico formado sobre Domingo, de orixe latina, de dominicus ‘día do Señor’.
ESPASANDÍN: vén do antropónimo, Spassandus, que aparece varias veces no Tumbo de Samos(unha das primeiras documentacións é a do ano 1002, onde figuran dous presbíteros, “Pegitus et Spasandus”, páx. 782); nesa mesma páxina dinos o señor Nicandro que Spassandus corresponde ao xerundio do verbo de procedencia xermana spassare ‘restablecerse, recuperar a súa saúde’.
FAGIL: voz de orixe gótica ou xermana. Fórmase, por apócope, do antropónimo gótico Fagildus. Ese –g- pode caer, e iso ocorre nos topónimos galegos Faíl e Vilafaíl (páx. 1018).
FERNÁNDEZ: patronímico, fórmase sobre o nome gótico Ferdinandus.
FIGUEIREDO: o sufixo –edo (do latín –etum) é abundancial, o nome fai referencia a un sitio onde abunda a planta ficaria ‘figueira’. Así pois, temos un fitónimo de orixe latina.
FREIRE: voz de orixe latina, en latín era frater ‘irmán’. Freire está tomado do occitano fraire; en galego común é frade.
GARCÍA: Vocábulo moi antigo, documentado xa no 870 no vello reino astur-galaico-leonés. O señor Nicandro Ares di que é voz prerromana, probablemente vasca ou emparentada co vasco, e co significado primixenio de ‘oso’. Corominas di que hai variantes sen g-, por exemplo no patronímico Garcés (< Garceiz),  porque coexiste coa variante Arcez/ Arçeiz. En vasco actual a palabra para ‘oso’ é artz, e un lingüista famoso, Schuchardt, deixou dito que artz vén do celta artos ‘oso’. Fixémonos que esa é a raíz do etnónimo Ártabro e do topónimo (e hidrónimo) coruñés Arteixo.  Pero en galego, garcia é variante de garza.
GÓMEZ: Patronímico de orixe xermana. Piel, a quen citamos abaixo, estuda a serie Gom-aldo, Goma-rigo, Gome-sindus, Gom-ecius, Gomi-ario..., e di que nese primeiro tema está a forma guma ‘home’. Nicandro Ares cita unha variante destes nomes góticos cando estuda o topónimo lucense Gomesende.
GONZÁLEZ: Cando o señor Ares estuda o topónimo lucense Gonzar di que vén do antropónimo visigótico bitemático Gundi- arius (páx. 720). No patronímico González, desde logo, está a primeira parte, Gundi. Se lemos o que di un dos maiores expertos europeos en onomástica xermana, Joseph-Maria Piel, vemos que esa forma, gundi, significaba ‘loita’. Para a segunda parte debemos ter en conta talvez as formas latinizadas que se documentan cedo (en 842, nun documento de Sobrado: Gundisaluus). Se pensamos que esa é a base de Gonzalo, o seu significado viría ser ‘salvado no combate’.
GRANDÍO: Caben tres opcións: relacionar esta voz co adx. de orixe latina grande, relacionala con gandarío (de gando), e unha terceira, relacionala con gándara (hai topónimo lucense Granda, con síncopa). Se valese a 3ª, sería voz prerromana. Parece preferible a 2º opción (o cambio gandarío>grandío implica síncopa e metátese), temos aí un xermanismo (porque a voz gando vén do verbo de orixe xermana gañar, xa que a ganancia por excelencia era o gando).
GESTOSO:  temos un sufixo en –oso, que aparece normalmente en adxectivos, pero que segundo N. Ares, aquí indica un colectivo, e a base é o latín genista ‘xesta’ (páx. 824). Polo tanto, este antropónimo é tamén un fitónimo (nome dunha planta). A pronunciación deste apelido está castelanizada, porque en galego debería soar xestoso, con palatal fricativa xorda inicial.
JARAMILLO: é voz allea a Galicia. Hai un sufixo diminutivo (-elo en galego), e unha raíz fitonímica. Esa planta, jaramago en castelán, chámase saramago/xaramago/xaramazo en galego. Nicandro Ares estuda o topónimo lucense Saramagal e di que vén do árabe sarmaq, seguindo a Corominas.  Pódese pensar na raíz de sámago, con interfixo carente de significado –ar-.
LODEIRO: pode vir dun nome de persoa: Lutarius (recorda a vella cidade dos parisii, Lutecia, hoxe París), pero tamén pode vir da voz latina lutarium, abundane en lutum ‘lodo’.
LÓPEZ: patronímico. Vén de Lope, e este probablemente derive do latín lupus ‘lobo’. Indicaría un atributo.
 (Foto de don Nicandro Ares Vázquez, tomada da Internet)

MAGARIÑOS: En  principio, parece posible relacionalo co adxectivo grego mákar ‘ditoso, feliz, benaventurado’, do que procede o antropónimo greco-latino Macarius (páx. 936, onde N. Ares estuda o topónimo lucense Mácara). Habería sonorización da oclusiva xorda ( -K- > -g-).
MANEIRO: hai varias opcións para explicar este apelido. Podemos relacionalo co antropónimo gótico Manna (de onde trae o señor Nicandro Ares o topónimo lucense Manán); outra opción é acudir á familia do latín manus ‘man’. O adxectivo maneiro (derivado de man) ten moitas acepcións en galego, unha delas é ‘manso, suave’ porque vén ben á man.
NÚÑEZ:  estuda o señor Nicandro A. esta forma na p. 761. Patronímico de Nunnius, orixinado no latín serodio nonnus ‘avó’.
PEREIRO: vén do latín Pirarium ‘horto de pereiras’.
PÉREZ:  patronímico (variante Peres), deriva de Pero (forma antiga do actual Pedro), de orixe latina.
PIURI: voz allea ao galego. De orixe precolombina. En Perú existe o río Piúra, verosimilmente da mesma familia có antropónimo Piuri. Entra dentro do posible que Piuri sexa un etnónimo.
POL:  vén do nome latino Paullus/Paulus/Polus  (páx. 771).
RUIBAL: este apelido correspóndese co topónimo Rubial (é unha variante por metátese). Na páx. 1139 explica que se basea moi probablemente no substantivo latino rubia ‘rubia, granza’. O sufixo –al  indica un colectivo. Teriamos, polo tanto, un fitónimo, se do nome da terra pasase ao nome da persoa. Pero máis ben haberá que pensar que aquí  -al  formou un adx. (como en formal, lanzal, corporal), un derivado de rubeus ‘rubio, roxo’ (e o apelido indica un atributo, unha calidade específica).
SÁNCHEZ: cando estuda o señor Ares o topónimo lucense Sanchón (p. 401), vemos que a base do patronímico Sánchez vén do latín Sanctius.
SIMÓN: de orixe hebrea, variante de Simeón. Os dicionarios consultados din que significa “Deus escoitoume”, ou “O que obedece”.
SOUSA: non coincide con ningún topónimo e non o estuda o señor Ares. Podería vir dun derivado do latín sal/salis, en concreto da forma salsa ‘lugar cheo de sal’; Corominas cita un  sausa xa no ano 929.
TASENDE: non coincide con ningún topónimo; parece voz xermana, posiblemente temos un xenitivo dun posesor, como en Hermosende (dun Ermesindus, antropónimo gótico), e tendo en conta que o señor Ares cita como antropónimos góticos un Atán e un Atala, podemos pensar que Tasende deriva dun *Atasindus ou *Atalasindus, con aférese da primeira sílaba.
UDAONDO: apelido cuxa orixe está fóra de Galicia. Na páxina na Internet da Real Academia da Lingua Vasca, na sección de onomástica documentamos apelidos da mesma familia: Udondo, Uduondo, Udarondo. Como voz común vasca temos uda ‘verán’; en canto ao sufixo, vemos que aparece en nomes que indican froiteiras. Así, udarondo/udareondo son nomes para a pereira (árbore que dá o froito no verán).
VAL: é transparente, do latín Vallis ‘val’, palabra feminina. É tamén topónimo moi frecuente, e entra en composicións, por exemplo Valonga, Valboa/Balboa, etc., onde se ve ben o carácter feminino da palabra.
VARELA: moi probablemente vén de antropónimos latinos ben documentados na epigrafía hispana: Varilla e Varillus; a outra opción é traer Varela  da voz común varella, diminutivo de varus, a, um ‘torcido, curvado, trenco’, usado tamén como sobrenome persoal (páx. 1305), de onde vén o substantivo vara. Unha das primeiras documentacións do nome aparece en 1157, nun documento do mosteiro coruñés de Toxos Outos: Ego Varella conf[irmo].
VÁZQUEZ: apelido galego moi común. Correspóndese coas formas de fóra de Galicia, Velázquez, Blázquez e Balasch (páx. 275).  Deriva de Velasco, e esta forma  ten como base a voz bela ‘corvo’, conservada en vasco (voz prerromana, polo tanto), de modo que  -como di Menéndez Pidal- Velasco significa igual que o español Corvera ou o italiano Corvara. Como topónimo Velasco é frecuente en España e tamén aparece en Francia e en Italia.
VILLAFAÑE: apelido de fóra de Galicia. Temos unha composición. A primeira parte do composto é latino (latín villa), a segunda procede moi verosimilmente dun Fanne que documenta o coruñés Menéndez Pidal  na súa obra Orígenes del Español,  e sobre a que el mesmo –grande filólogo-  dubida: non sabe se considerar a orixe prerromana (ibérica, di el) ou xermánica, porque na documentación altomedieval alternan as formas sen f- Hanno/Anno,   coas formas con f-, como Fanne Uermudez (no s. XII). Recordemos que un amigo de Rodrigo Díaz de Vivar, mentado no Cantar, se chamaba Alvar Fáñez.
VIQUEIRA: (VID. 622) temos aquí o sufixo latino –aria, que dá o galego –eira. Para a base hai varias opcións: pódese pensar nun sitio con abundancia de ‘pica’ (folla do piñeiro) (páx. 1260 infra), ou aludir a algo (un terreo, por ex.) en forma de pico ou punta de ángulo (e entón a raíz é celta, Bic-/bec- de onde vén o galego bico/peteiro); na páx. 1261 N. Ares alude ao topónimo A Biqueira e relaciónao co ‘Puerto de Piqueras’ no Sistema Ibérico.
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

AS NOSAS CONCLUSIÓNS:

1ª. Predomina o estrato latino ou o superestrato xermano, ou quizais o substrato?
2ª. De onde veñen os nomes e os apelidos?
De nomes da terra (forma, relevo, etc.):
De nomes de plantas (fitónimos):.
De teónimos (nomes de deuses antigos; nomes que conteñen a voz ‘Cristo’): Atenas, Brigantia –nome antigo da Coruña-, Cristovo (os exemplos non son, evidentemente, do listado dos apelidos de 1º F).
De calidades, atributos, dos seres humanos:
3ª. A subclasificación dos substantivos ou nomes propios:
Antropónimos:
Topónimos (Orónimos, hidrónimos, talasónimos):
Teónimos:
Fitónimos:...
4ª. As pólas ou ramas da Lingüística que estudan os nomes das persoas:
5ª. Hai algunha lei que regule os nosos topónimos? 
6ª. Coñeces ben o significado das palabras en vermello?

(Alumnado de 1º bacharelato F, en coordinación coa profesora de Lingua galega e Literatura)

Ningún comentario:

Publicar un comentario