mércores, 6 de setembro de 2023

COLABORACIÓNS ESPECIAIS. VISITANDO...

 

VISITANDO BULGARIA

 

O noso periplo comezou en Sofía, onde pasamos a noite nun impoñente edificio da eṕoca soviética. O apartamento, situado nun barrio da periferia, non estaba especialmente limpo, pero desprendía autenticidade polos catro lados. Como mostra o ascensor, repleto de pintadas e adhesivos oitenteiros, o cal a punto estivemos de confundir cos baños dun after.

 Tras esta primeira toma de contacto, a nosa odisea deu comezo. Ao lombo dun vehículo de vangarda (era un Citroen Picasso) puxemos rumbo cara á costa, no extremo oriental do país, coa intención de regresar a Sofía uns días despois. A viaxe brindaríanos sorpresas e algunha que outra indixestión. Pero a experiencia, diso non cabe dúbida, sería inesquecible.


Localización de Aquae Calidae, preto de Burgas, na Tabula Peutingeriana. Agás as dúas primeiras, tiradas de Internet, todas as fotografías foron feitas por Xácome González.
 

 A nosa primeira parada foi Burgas, cidade industrial situada xunto ás augas do Mar Negro. A pesar do que o seu nome poida suxerir, esta sinxela localidade costeira non alberga estatuas ecuestres de Rodrigo Díaz de Vivar, senón un discreto paseo marítimo e algún que outro monumento digno de mención, como o impactante Alyosha, dedicado ao soldado soviético, ou o panteón aos caídos na guerra. O que si resulta bastante probable é que as Burgas búlgaras e as ourensás estean emparentadas, pois a 15 km da actual cidade achábase Aquae Calidae, así chamada polos romanos, con baños de auga quente e un santuario dedicado ás ninfas, como houbo en Ourense.

Imaxe das tres ninfas que se acha no Museo Arqueolóxico de Burgas

 

 Lamentablemente, as nosas ansias por darnos un mergullo no Mar Negro víronse truncadas pola brava ondada e un ceo encapotado, polo que tivemos que conformarnos cunha ducha de aires costumistas nos baños do hotel (en Bulgaria, ducha e inodoro comparten espazo sen ningún tipo de división ou complexos, nun sincero acto de hixiénico pragmatismo).



Imaxe de Varna, coa Catedral da 'Durmición' á esquerda



Continuando polo norte chegamos ata Varna, a terceira cidade máis poboada do país. Varna (na que non se fala catalán) recibiu o nome de Stalin durante a década dos 50, e tamén aparece mencionada na novela Drácula, de Bram Stoker, dous fitos bastante arrepiantes. Os seus encantos, á parte dos xa mencionados, son varios: destaca o
Xardín do Mar, un inmenso parque bañado polas augas do Mar Negro e repleto de estatuas de personalidades búlgaras (aínda que nin rastro de Stoichkov), e tamén o paseo marítimo, ateigado de restaurantes  con música en directo e comida tradicional. Na Catedral da Durmición,  polo módico prezo de 1 leva podes depositar unha vela para honrar aos defuntos ou pedir pola túa saúde, se así o desexas. Nós decantámonos pola segunda opción, conscientes do que o asfalto balcánico nos ía deparar.


E é que viaxar en coche por Bulgaria é unha experiencia próxima ao deporte extremo. Vehículos de toda índole e carros de cabalos da época de Tólstoi compiten en desigual batalla sobre as zigzagueantes estradas que conducen cara ao interior. Alí, a liña continua non é máis que un estado de ánimo, unha vulgar prolongación que non impide ao experimentado piloto efectuar adiantamentos de fantasía sobre o fío dunha curva. A beiravía, pola súa banda, ofrece innumerables vantaxes: permite adiantar a unha caravana de coches, pero é ideal tamén para botar unha sesta. Quen necesita parar nunha área de servizo cando pode despregar un par de cadeiras ao carón do asfalto? 

           
         
Gatos da rúa na parte antiga de Plovdiv
 

Desta guisa, dando un tombo e outro tombo chegamos a Plovdiv, segunda cidade máis importante do país, e primeira cuxo nome non conseguimos pronunciar correctamente. Entre os seus atractivos destaca o impresionante núcleo antigo, que percorremos con gran fruición pese á calor venusiana, ou o animado barrio de Kapana, coñecido polo seu ambiente bohemio. Tamén fixemos un alto en Veliko Tarnovo, fermosa aldeíña asentada entre montañas e coroada por unha impoñente fortaleza medieval; este lugar superou con fartura as nosas non demasiado esixentes expectativas.



Veliko Tarnovo

     

   
Outra parada innegociable é o Mosteiro de Rila. Situado entre montañas do mesmo nome (a sinuosa estrada que conduce ata el ben podería ser bautizada como “Travesía da Biodramina”), é unha das iconas turísticas do país e un dos máis emblemáticos exemplos do Renacemento búlgaro. A súa visita colmará as expectativas do visitante máis esixente, xa sexa cristián, budista ou vendedor de seguros.
      

Monasterio de Rila


     

 

Mentres tanto, de volta a Sofía, a estrada seguía brindándonos momentos de gran paz espiritual. Destaco con especial agarimo aquel no que un mastodóntico camión proveniente  de Turquía  –lembremos que dominaron o país con man de ferro durante máis de 5 séculos– pisounos os talóns cunha agresividade digna dun xeneral do Imperio Otomán, non sen antes lembrarnos varias veces que as súas luces longas funcionaban de marabilla[1]. 

  
Finalmente, do mesmo xeito que o heroe da Odisea–un pouco máis sabios, quizá con algo menos de pelo– logramos alcanzar Sofía, a nosa Ítaca particular. Debo recoñecer que sinto certa predilección pola capital búlgara. E é que resulta fascinante pasear polo Bulevar Vitosha, sempre tan cheo de vida; contemplar o xigantesco Palacio Nacional de Cultura (coa súa aparencia de nave espacial e esa aura distópica) ou perderse entre as súas amplas avenidas e parques. De noite, un pode acudir a lugares tan pintorescos como o Hambara, local de aspecto decimonónico, só alumeado por velas, e que recorda aquelas cantinas polas que transitaba o personaxe de Owen Wilson en Medianoite en París.



      

O Palacio Nacional de Cultura, en Sofía.

       

 Con todo, os momentos máis memorables da nosa travesía tiveron lugar entre nativos. Eles brindáronme a oportunidade de aprender frases e palabras moi valiosas, como “az sum tapanar” (“son parvo”), que me foi de gran utilidade durante a viaxe, ou probar pratos típicos, como a banitsa (pastel recheo de queixo feta), o kebache (peza especiada similar a unha salchicha) e, en xeral, todo tipo de saborosas carnes (non é país para veganos). Mención á parte merece a rakia, licor balcánico de gran popularidade entre os autóctonos e cuxo equivalente galaico sería algo así como a augardente. Iso no que se refire á graduación. No que respecta á inxesta diaria, o quivalente sería a auga mineral: os búlgaros consomen esta beberaxe con tal paixón que resulta ata estraño non velo representado no escudo do país.
   

O Hambara, localizado nunha oscura e estreita rúa de Sofía


  

Desta maneira, entre grolos de rakia e cancións tradicionais, puxemos fin á nosa viaxe. Unha vez en casa, esgotado tras un errático voo (os búlgaros pilotan como conducen), dígome a min mesmo que máis pronto ca tarde hei de volver a este belo e balcánico país, que aínda queda moito por ver.  E é que, como diría Enrique IV, Sofía –e polo tanto toda Bulgaria – ben merecen unha misa, aínda que sexa ortodoxa.
                                   Xácome González Soto.

 

(X. González é profesor de Lingua Castelá e Literatura no IES Fontexería de Muros, A Coruña. Estudou a ESO e o Bacharelato no ‘Eusebio da Guarda’ e non é a primeira vez que colabora co noso blog).

 

 



[1] É probable que as escenas máis aloucadas de O diaño sobre rodas, a ópera prima de Steven Spielberg, se rodaran nalgunha estrada de Bulgaria.

luns, 21 de agosto de 2023

GALICIA INMORRENTE

 

AS XESTAS

 

(Xesta branca. Foto tirada de Internet)

 

Traemos ante a vosa presenza as humildes xestas. Hai anos tivemos unha mata no noso xardín de xesta branca, cuxa floración era magnífica. Custáranos un montón, ferro e fariña, que se di, lograr que prendese mais prendera. Xa secou, a causa dunha mala poda. Tamén poden florear en amarelo (imposible non relembrar aquí o mediterráneo verso de Serrat, “le daré verde a los pinos / y amarillo a la genista”).

Non é esta a primeira vez que escribimos sobre este tema, mágoa non ter aquí aquela páxina, era nun dos números da fermosa revista Alén da chuvia que publicabamos no Instituto e da cal tedes varios números en Internet (http://www.edu.xunta.gal/centros/ieseusebioguarda/system/files/Alen_1.pdf).

 

(Xestas nas portas. Foto tirada de Internet)

 

Volvemos (a vida é en boa medida, pura repetición…). E facémolo porque temos algo novo que engadir. Imos por apartados. O primeiro, os refráns. Hai varios sobre as xestas na colección de Vázquez Saco (xa amentada neste blog en varias ocasións, un traballo ciclópeo, por parte do autor e por parte do equipo que publica a colección, o equipo do ‘Ramón Piñeiro’…):

1.    Hai unha serie de refráns que nos din que o esterco da xesta é bo:

nº 1512 Esterco de xesta, grau pola testa; nº1513. Esterco de xesta, pan pola testa; nº

1725 O de fento, polo cenzo; o de xesta, pola testa; i-o de palla non ten talla; nº 1743 O millo da xesta dá pola testa.

 

2.    Hai un que nos indica cando florea: nº 5224 A avea e maila xesta en maio fan a

festa.

 

3.    Agora veñen un par deles suxeitos a interpretación: nº 13028 Cando a xesta fai tris-tras, busca muller que a terás (hai variante en castelán: Cuando las cañas hagan tras, tras, busca la moza y la hallarás). Na nosa opinión, o das canas podería ser un calco, unha copia do das xestas. Polo menos nós non sabemos que fagan así as canas… Pero as xestas si que fan tris-tras  ou clap-clap, un estalido ben sonoro cando abren as cápsulas da semente. Unha servidora non o oíu persoalmente, pero si Luis, estaba saíndo da facultade en Elviña (onde agora está Ciencias da Educación), en pleno verán, e aló, pola parte de enriba do edificio, había e inda hai, unha boa xesteira e chamoulle a atención o ruído, que ruído será este? E parouse a mirar…

 

4.    Estoutro refrán non se entende á primeira (polo menos para nós é ambiguo): nº 14731. Vara de xesta o demo lla atesta. O autor da recolleita engade: “Tráelo Iglesia Alvariño (Q.H. Flacci Carmina), y explica: Atestar, llenar completamente, venir justo un tapón. De ahí, testo, tapadera. Falta en nuestros Diccionarios”. Mais con todo e con iso, que debemos entender? Que está a vara chea? De que? E a connotación negativa dada polo demo? Inicialmente pensamos na acepción específica, recollida por Aníbal Otero (DdD) de atestar ‘facer calar a un’, é dicir, non contradigas a que ten unha vara de xesta na man… Mais nunha segunda volta, inclinámonos por ver neste refrán (nº 14731) unha variante daqueloutros que din: nº 1201. A leña de xesta ten o demo na testa; nº 1202. A leña de xesta, pra encender, ten o demo na testa, i-a de chanteiro, no sombreiro. A explicación dánola o propio autor: “No dan llama cuando se le sopla”.

 

5.    nº 15458. Pra ser muller decente hai que vivir debaixo dunha xesta. Dá o autor esta explicación: “Que lo trasparenta todo”. Porque a ramaxe da xesta é máis ben rara ca mesta. Con esa lóxica enténdense tamén o refrán nº 9692. Cos teus días santos e coas túas festas, véseche o cu polo medio das xestas, e variantes.

 

6.    O seguinte refrán non necesita explicación. Ao principio as cousas novas adoitan gustarnos: Nº 16188 A xesta, de nova, barre ben.

 

7.    Estoutro refrán búrlase dos habitantes dun lugar (un costume case que universal, malia a nula universalidade do valor expresado; Vázquez Saco xa nos advirte: Como diremos en los refranes tópicos de lugares, las rivalidades de donde proceden casi todos, son injustas, y no pueden alcanzar nunca un sentido universal): 1201. Caballero de Saviñao, freno de xesta, espuela de pao. Enténdese que son cabaleiros ruíns, no canto de ter un bo freo de metal lévano feito de xesta…).

 

En segundo lugar, a fraseoloxía: Antonio de la Iglesia recolle esta frase: bravo coma as xestas (TILG). Son relativamente comúns estas que nós (Carme López Taboada e Mª Rosario Soto Arias) integramos no Diccionario de Fraseoloxía Galega: ser coma unha xesta (varredoira) ‘ser un remedio eficaz’ e (tremer) coma unha xesta ‘(tremer) moito’. Iglesia Alvariño recolle outra unidade fraseolóxica máis: agre/amargo coma as xestas. Lemos: ¿Quén puxo bagas agres coma as xestas no labio aínda afeito ás canciós pelengrinas? (TILG). Esta condición ou atributo da xesta explica que en Sober lle chamen xesta ao viño acedo, áspero, tal como nos di Vázquez Saco a propósito do refrán nº 4141, recollido en Amandi: Día de san Martiño proba o teu viño. “ El vino, recién hecho, tiene unos pocos días sabor dulce; después, durante un mes adquiere acidez, xesta le llaman en Sober; y es áspero; cuando pasa esta acidez, es cuando el vino está hecho”.

 

Pasemos, e con isto xa rematamos, á utilidade das xestas. Diriamos que se trata de utilidades antigas. Usáronse para facer amallós (preciosa voz… a nosa nai, cando oe adiós sempre fai a rima: adiós!, ata a feira dos amallós! A ver se lle preguntamos que feira era esa, non existirá, claro que non, é só un divertimento, unha brincadeira…). En concreto, amallós de tamancas e cirolas, así  o vemos na obra de Rogelio Rivero, TILG. Usáronse para quentar o forno. E mais para queimarlle a pel no porco na matanza, polo menos en Valdeorras, aquí en terra de Deza usaban fentos. Para estrar nas cortes. Para facer as coañadeiras que serven para separar as espigas do gran (na propia definición de coañadeira no DRAG xa se di explicitamente). Naquela páxina da revista Alén da chuvia comentabamos que se lles poñía aos cans colares de xesta entrenzada… Tamén da lectura do TILG (http://ilg.usc.es/TILG/gl/search) tiramos outros usos: Para teitear as casas (en Darío X. Cabana) e como remedio para as hemorroides: Pr'as almorranas había un romedio a base de baños d'augua de cocer xestas (en: Notas etnolingüísticas del Conceyo da Veiga, de J. Antonio Fernández Vior) e nas bogadas: Na Gudiña o proceso era o mesmo , primeiro dábanlle á roupa unha lavadela no río , e logo cocían a auga nun caldeiro con xabón e incluso cunhas raíces de xestas , que puñan a auga de cor de rosa; arrancaban xestas e logo de cortar+lle-las raíces e lavá-las , botába-nas a cocer naquela auga con xabón (en: Trazos sobre a vestimenta tradicional no surleste de Ourense de José Rodríguez Cruz).


 

Á derradeira, un par de utilidades antigas que perviven, isto é, antigas e modernas: Valor profiláctico ou preventivo contra mal de ollo ou semellante, valor propiciatorio. Poñianse  ramiños de xestas nas portas das casas. Vímolo tamén nos coches, en Noia haberá tres ou catro anos. Sabemos pola nosa compañeira Beni Vidal, natural de Portosín, que así se fixo toda a vida por esa zona atlántica no primeiro de maio. Igualmente, puidemos saber que en Portugal non é tradición descoñecida: Nalgúns lugares de Portugal aínda se enfeitam as portas e xanelas da casa con maias (xestas en flor) na noite do 30 de Abril para 1 de maio, para afastar os maus espíritos ( p. 47, GRAN ALMANAQUE PORTUGUÊS, ED. Guerra&Paz, 2019).


 

A derradeira tradición que comentaremos parécenos digna de aprofundar. Temos moito interese nela, entre outras cousas porque aínda puidemos ver os nós “frescos”, en pólas novas, este día mentres paseabamos polas inmediacións do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, era cando a festa do santo, dez de agosto e baixamos polos restos da calzada real á ponte do demo (restaurada non hai tantos anos por alumnos de escola de cantería que daquela había en Silleda) e alí, xunta á ponte, vimos os nós feitos nas xestas verdes… E témolos visto, en abundancia, indo á fervenza do Toxa, non lonxe de Carboeiro… Debemos revisar as nosas notas, pero xurariamos que alguén nos dixo que hai que anoar cunha soa man.

(As sementes da xesta nas súas vaíñas. Foto feita por Charo Soto)

 

Porén, non logramos falar nunca cunha persoa que os faga… Tampouco temos nada claro en que categoría entra este costume vello, un rito?, unha proba do tipo das iniciáticas, de cambio de estado?, un símbolo-metáfora do duro e/ou difícil que pode ser  o matrimonio (como aquel ritual,  do que fomos testemuñas á beira do río Nevá, consistente en beber sen respirar unha copa de ardente vodka os noivos o día da voda e logo romper o vidrio, “queima e custa bebelo, como custa soportar certos amargos tragos do matrimonio”, contábannos en San Petesburgo cando había paz e era bonito viaxar á terra dos grandes novelistas do XIX; Rosalía díxonos, “do dereito e do revés, matrimonio, un dogal es”)? Pensamos que temos moito que saber aínda. En calquera caso, hai estudosos que parecen ter claro que é cousa de mulleres: As mozas que queren casar fan nós coas xestas , que están preto dos santuarios// O día de San Benito fan nós coas xestas ó redor do santuario  (en: Mandianes:  Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega, 1984, TILG). Con todo, o señor Omil fala de que era a parella quen anoaba, non a muller soa (en: https://www.pontevedra.gal/publicacions/Chamadeiros/files/assets/common/downloads/publication.pdf)

 

(Camiño que baixa desde o mosteiro de Carboeiro, Silleda, Pondevedra. Nó na xesta. Foto feita por Charo Soto)

 

Outros dan que pensar nunha interpretación distinta: outras [prácticas] de contido máis profano , tachadas aínda como superticiosas , tales como facer nós nas xestas ou nas follas de millo cando se fai a romaxe a pé ( poñamos como exemplo nos Milagres de Amil ) (en: Xosé Fuentes Alende, Medicina popular e antropoloxía da saúde. Actas do Simposio Internacional celebrado en Santiago en Homenaxe a D. Antonio Fraguas (11-14 de outubro de 1995), 1997, TILG).



 

Albiscamos unha referencia sutil a esa práctica nestas verbas: XESTAS Nomes tecéndose na punta das xestas co sopro dos mortos (en: Emilio Araúxo, As chairas da letra, 1998, TILG).