venres, 1 de xullo de 2016

CLUB DE LECTURA

CLUB DE LECTURA. CURSO 2015-6. 

SELECCIÓN DE FOTOS

(Outono: lemos a Miguel Torga; tamén na horta do grande iberista había unha nogueira)

 (Outono: cos membros máis pequenos ese día lemos contos populares rusos)

 (Ese día recibimos a visita da profesora Ana Rey; este terceiro grupo só durou un trimestre; traballabamos coa mitoloxía esa semana)

 (Co grupo dos "cazatesouros", chocolatada de Nadal)

 (Co entusiasta grupo dos de primeiro da ESO, celebración do Nadal)

(Varios membros do Club rodean ao escritor Francisco Castro, tras oílo e participar activamente na rolda de comentarios)

(Escoitando a Santiago Lopo na súa visita ao centro; vemos claramente a Óscar, do grupo dos "cazatesouros")
 (Maratón de Lectura Solidario, febreiro: foron das primeiras en chegar, aí as vemos, na espera: logo participarían activamente, lendo)
(María Vázquez practica a peza que tocará na XI edición do noso certame literario de marzo, "Rita Suárez Amado"; outros membros do Club axudarán como azafatos e vendedores do prato conmemorativo do 125 aniversario do Instituto; o caso é participar)

(Visitamos no inverno as ruínas aparecidas na rúa Durán Loriga, rúa que se abriu en 1920. Dubidaban os expertos se serían valados de vellas casas ou restos dun baluarte das murallas coruñesas que delimitaban a Pescadería, ocupando o espazo da actual rúa Xoana de Vega; na foto vemos unha das guías-arqueóloga que nos ilustrou amplamente sobre o tema) 


(Visitamos o Caramanchón, resto da muralla que atravesaba desde a Batería de Salvas -actual Rosaleda- ata este punto exacto; lemos e comentamos os ricos carteis informativos; nunca nos fartamos de experimentar abraio polos cambios sufridos pola nosa amada cidade, non sempre foron cambios para ben...)

(Abril: co gallo do día do libro facemos festa no Instituto; Picasso é un motivo nuclear)


(Festa do Día das Letras Galegas: distribuímos entre os membros do Club de Lectura os libros con que nos agasallou a Fundación Barrié, a quen amosamos aquí e agora o noso agradecemento pola súa contribución sempre xenerosa)

(Selfi despedida Club de Lectura)

(Na festa do 22 de xuño, festa conmemorativa dos 125 anos de 'Instituto da Guarda').

domingo, 26 de xuño de 2016

Biografías Lectoras (XIII): Xulio L. Valcárcel

1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
-Unha antoloxía de poesía que recollera Antón Campelo. Eran as letras das cancións d´ O Carro, un grupo “folk”, pioneiro na canción en galego.  A maioría  dos textos eran de Celso Emilio Ferreiro. Naquel momento eu estaba máis preto da música que da literatura. 

2. E en castelán?
-“Corazón”, de Edmundo de Amicis. Recomendoumo meu avó Xesús, e aínda me lembro dalgúns contos: “O pequeño escribinte florentino”, “Dos Apeninos aos Andes”…

3. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
-Sen dúbida, “O deserto dos Tártaros”, de Dino Buzzati. Constitúe unha alegoría   do destino de moitas persoas, que empezan a vida con moito entusiasmo pero acaban  desencantadas.

4. Que libro che prestaría ler agora en galego?
-Relería “A Esmorga”, de E. Blanco-Amor. Ou os de Cunqueiro. En xeral gústanme os autores que escriben un galego celmoso, con sabor, con gracia.

5. E en castelán?
- “El Quijote”, de Miguel de Cervantes. Polas mesmas razóns. A gracia do español antigo e a precisión estilística.

6. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
-Todos os de Manuel Rivas, o noso autor máis universal.
-“Con tacones y a lo loco”, de Clarilou.

7. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
- En xeral, adáptome aos seus gustos  e hai unha variedade tan ampla que resulta difícil concretar ningún.

8. Que libro tes neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
- “Libros conversos”, de Baldo Ramos e Pepe Cáccamo.
- “Historia de los heterodoxos Españoles”, de Méndez Pelayo.

9. Que libro leva agardando moitos anos por ti?
- “O Ulises”, de J.  Joyce, que tamén o teño na mesiña na versión en  galego.

10. Houbo algúns textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
-Si, sei moitos poemas ou anacos de poemas, de memoria: Rosalía, Curros, Quevedo, Celso Emilio, González Garcés,  Novoneyra, Juan de Yepes, Bécquer,  Manuel Antonio, Juan Ramón, Pessoa, Noriega Varela…  

11. Uns versos dun dos teus poemas favoritos?

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,

I a tea dos teus sonos non se move.

A espranza nos teus ollos se esperguiza.

Aran os bois e chove.
Xosé María Díaz Castro: “Penélope”.

Xulio L. Valcárcel, poeta
(Sección Coordinada por Xosé P. Mondelo)

xoves, 23 de xuño de 2016

A CORUÑA

125 ANOS DE INSTITUTO DA GUARDA

Este ano celebramos 125 anos de Instituto da Guarda. Un acontecemento que ten un certo significado para a nosa cidade. Dedicarémoslle un par de capítulos no blog.
Con ese gallo a festa de final de curso foi especial. Faremos un breve percorrido con fotos. Todo ocorreu un mércores 22 de xuño do ano 2016...

(A xeira comeza con teatro de Manuel María: varios alumnos da ESO e de 1º bach. representan unha parte da Farsa de Bululú. No escenario -dadaísta, vede o trono- aparece a criada; trátase de Martina Roel Tomé, quen logo tamén fará de Ministro de Facenda; nun recanto pódese ver ao virtuoso do trombón de varas, Néstor Bolaños Acuña, soberbio; Martina leva na masa do sangue o teatro, é filla de actor e mais escenografista)

(Actuaron tamén: Lucía Vaamonde López, Marcos Fernández Martínez, Julia López de la Osa, Adrián Caridad Villar, Lidia López Campoamor -Clara Campoamor foi a súa tía-bisavoa-, Michelle Budiño Regueira, Paula Fiaño, Manuel Rioboo Otero e Ada Morlán Alcobre).

(Actores e profesores: Iria Otero e Eduardo Varela foron os artífices; ambos os dous son profesores de ética. Gustounos moito o alegato final: fixeron, ao xeito unamuniano, intervir ao final ao autor, e este -fai de Manuel María o rapaz de camisa branca- lanzou por aire os papeis do discurso teatral e dixo que de todas as filosofías posibles quedaramos coa vida: "vivide... vivide agora, denantes e mais despois". Non está nada mal. A vida por riba de todas as tiranías)

(E logo a festa. Festa rachada. Houbo postos de venda de doces, bebidas, caricaturas -parabéns a Martín, unha promesa da arte gráfica-, pulseiras, colares... o diñeiro era de época, moitos alumnos e profes viñeron de época...)

(Estrela de cinco puntas: no medio a Concelleira de Servizos Sociais e Educación do Concello da Coruña, Dª Silvia Cameán: esta institución brindounos axuda, tras a petición cursada por unha das organizadoras máximas da festa, Dª Mª Jesús Quintáns; estruturas coma o palco da música e os aparellos de son foron imprescindibles para termos unha boa festa; xunto á  concelleira vemos á nosa directora, Dª Isabel Ruso)

(Outras xoves promesas: tocaron varios temas de ACDC)

(Hai que felicitar tamén aos profesores-titores: o grao de colaboración foi exemplar)
(A vicedirectora, a concelleira e a directora)



(Estupenda a caracterización anos 50 da profesora Dª Ana Sierra)

(Mirade o xogo da ra... Aproveitei a ocasión para recordarlle á señora concelleira que non estaría mal recuperar ou revitalizar o xogo da chave, tan coruñés, tan popular... É unha mágoa que se perdan esas tradicións ancestrais; en Nova York, a un paso da biblioteca pública máis importante da metrópole, creo que se chamaba Bryan Park, vimos xogar a petanca...)

A CORUÑA

125 ANOS DE INSTITUTO DA GUARDA

Este ano celebramos 125 anos de Instituto da Guarda. Un acontecemento que ten un certo significado para a nosa cidade. Dedicarémoslle un par de capítulos no blog.
Con ese gallo a festa de final de curso foi especial. Faremos un breve percorrido con fotos. Todo ocorreu un mércores 22 de xuño do ano 2016...

(A xeira comeza con teatro de Manuel María: varios alumnos da ESO e de 1º bach. representan unha parte da Farsa de Bululú. No escenario -dadaísta, vede o trono- aparece a criada; trátase de Martina Roel Tomé, quen logo tamén fará de Ministro de Facenda; nun recanto pódese ver ao virtuoso do trombón de varas, Néstor Bolaños Acuña, soberbio; Martina leva na masa do sangue o teatro, é filla de actor e mais escenografista)

(Actuaron tamén: Lucía Vaamonde López, Marcos Fernández Martínez, Julia López de la Osa, Adrián Caridad Villar, Lidia López Campoamor -Clara Campoamor foi a súa tía-bisavoa-, Michelle Budiño Regueira, Paula Fiaño, Manuel Rioboo Otero e Ada Morlán Alcobre).

(Actores e profesores: Iria Otero e Eduardo Varela foron os artífices; ambos os dous son profesores de ética. Gustounos moito o alegato final: fixeron, ao xeito unamuniano, intervir ao final ao autor, e este -fai de Manuel María o rapaz de camisa branca- lanzou por aire os papeis do discurso teatral e dixo que de todas as filosofías posibles quedaramos coa vida: "vivide... vivide agora, denantes e mais despois". Non está nada mal. A vida por riba de todas as tiranías)

(E logo a festa. Festa rachada. Houbo postos de venda de doces, bebidas, caricaturas -parabéns a Martín, unha promesa da arte gráfica-, pulseiras, colares... o diñeiro era de época, moitos alumnos e profes viñeron de época...)

(Estrela de cinco puntas: no medio a Concelleira de Servizos Sociais e Educación do Concello da Coruña, Dª Silvia Cameán: esta institución brindounos axuda, tras a petición cursada por unha das organizadoras máximas da festa, Dª Mª Jesús Quintáns; estruturas coma o palco da música e os aparellos de son foron imprescindibles para termos unha boa festa; xunto á  concelleira vemos á nosa directora, Dª Isabel Ruso)

(Outras xoves promesas: tocaron varios temas de ACDC)

(Hai que felicitar tamén aos profesores-titores: o grao de colaboración foi exemplar)


(Estupenda a caracterización anos 50 da profesora Dª Ana Sierra)

(Mirade o xogo da ra... Aproveitei a ocasión para recordarlle á señora concelleira que non estaría mal recuperar ou revitalizar o xogo da chave, tan coruñés, tan popular... É unha mágoa que se perdan esas tradicións ancestrais; en Nova York, a un paso da biblioteca pública máis importante da metrópole, creo que se chamaba Bryan Park, vimos xogar a petanca...)

domingo, 19 de xuño de 2016

ENTREVISTAS FINAL DE CURSO



ENTREVISTAS DA MAN DOS ALUMNOS 


A semana pasada subimos unha entrevista feita por un dos nosos alumnos de ‘Oratoria Aplicada’. Non sei se vos dixen que é a primeira vez na vida que impartía esta materia optativa. E quizais sexa a derradeira porque se aproxima o tempo xubiloso e as novas experiencias hai que llas deixar aos que veñen detrás, aos novos. En calquera caso, deixádeme que vos explique minimamente como foi o conto. No primeiro trimestre traballamos especialmente a oralidade, o plano da expresión , discursiva, argumentativa e tamén literaria, poética sobre todo; no segundo traballamos máis coa comprensión de textos escritos (facendo fincapé na linguaxe xornalística e cinematográfica) e no terceiro trimestre dedicámonos á tipoloxía textual. Como exercicio final de curso escollimos a produción dun texto dialogado, e como modelo a entrevista. Eles escolleron o entrevistado (eu só puxen unha limitación: tres profesores como máximo, porque do contrario, todos escollían profesores, ou case todos...). Teño xa unhas dez entrevistas avaliadas.  É a miña intención –sempre con permiso dos entrevistados- dárvolas a ler. Esperemos que algo saquemos en limpo. De min só podo dicir que tiven en xeral uns alumnos (14 entre rapazas e rapaces) estupendos, auténticos, críticos, apaixonados do debate, duros ao axuizarme ás veces, fieis na asistencia. Deséxolles bo futuro a todos. Naturalmente que si.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


 (Entrevistador e entrevistado)


Entrevista a D. Diego Calvo Pouso (actual presidente do PP A Coruña)



Preguntas:



1-Que foi o que lle impulsou a entrar na política?

Cando era un neno, o alcalde do meu pobo, San Sadurniño, era un home moi traballador e sempre buscaba a colaboración dos mozos para facer cousas. Lembro que nos chamaba para axudarlle a colocar as sillas no salón de actos, ou a repartir calquera tipo de información polas casas… Así, pouco a pouco, vin que me gustaba a política, que entón e agora a concibo como un traballo para axudar á xente. En canto puiden anoteime en Novas Xeracións do Partido Popular, primeiro en Ferrol e logo en Santiago… e ata agora. Sempre conto que cando eu me afiliei ao PP foi nun momento en que o que estaba de moda era pertencer ao BNG, ser nacionalista, porque era o que facían boa parte dos mozos naquel momento. Pero eu quixen ser revolucionario e afilieime ao PP, porque era o partido do meu alcalde e tamén o partido no que eu me tiña formado. Creo, estou seguro, de que non me equivoquei.





2- Que cousas bota de menos na súa vida e das cales lle priva a súa profesión?

Clara e definitivamente, o tempo libre e o tempo para un mesmo. Cando estás nisto da política, pasas a ser escravo do pouco tempo libre que tes, porque nós non sabemos de horarios nin de entrada nin de salida. Por iso ás veces é duro escoitar esa frase de que “os políticos non fan nada”. Porque non é certo. Primeiro, porque non todos somos iguales e, segundo, porque traballamos moito, tanto cando a xente nos está a ver como cando non se nos ve tanto. Iso é probablemente porque estamos nos nosos despachos ao fronte dalgunha administración, facendo xestión… Pero volvendo ao que me preguntabas, boto en falta máis tempo libre para pasar coa miña familia e, sobre todo, co meu fillo.





3- Como político, cales son as accións das que máis orgulloso se sente?

Hai moitas cousas que lembro, a maioría que pasan desapercibidas pero que para min foron moi importantes. Porque cando traballas nisto, e tes un cargo público, podes axudar a moita xente en pequenas cousas que para eles son importantísimas e que para nós, desde a administración, son sinxelas de resolver. Esas pequenas accións que ves que son tan importantes para as persoas son as que te animan cada día a seguir traballando. Pero tamén me sinto orgulloso doutro tipo de cousas, como pode ser ter participado na que foi na primeira fusión de municipios que tivo lugar en Galicia, e en España, nos últimos 35 anos, a de Oza-Cesuras. E tamén de ser quen de xestionar a Deputación da Coruña para deixala moito mellor do que a atopamos. Porque cando nós, o Partido Popular, collimos o goberno da Deputación no ano 2011, atopamos unha administración saneada, pero que aínda arrastraba unha débeda bancaria importante. Traballamos en anos moi difíciles económicamente, pero nos propuxemos facer máis con menos e conseguimos deixar a débeda en cero, devolver unha administración completamente saneada, mellor que a que collimos, libre de cargas e que demostra, ao meu entender, un compromiso co futuro e co bo facer que debe imperar en política.





4- No que respecta á educación, cal é a súa opinión sobre a lei actual e a súa revalida de bacharelato?

A Educación é un tema moi complexo, importantísimo, fundamental nas nosas vidas e que nos afecta a todos. Por tanto, é lóxico que haxa moitas opinións e moitas formas de pensar. De tódolos xeitos, eu creo que non se interpretou moi ben a aplicación da Lomce, xa que o que se fixo este ano en terceiro de Primaria e en sexto de Primaria non foron reválidas: foron probas de avaliación sen ningún valor académico. O obxectivo destas probas non é outro que obter datos estadísticos do funcionamento da ensinanza na nosa comunidade autónoma. Eu persoalmente creo que é unha cousa boa, porque nos dá datos que nos poden axudar a mellorar a calidade da ensinanza, que é o que todos buscamos. De tódolos xeitos, tamén creo que houbo moita desinformación e nalgúns casos moita manipulación interesada. En canto á chamada reválida de Bacharelato, aínda queda por definir como será a súa implantación, pero está pensada tamén como unha avaliación para comprobar os coñecementos adquiridos polos alumnos. A min todo o que sexa mellorar a calidade do ensino dos nosos mozos paréceme ben.



5- Cal é para vostede a persoa que máis admira no ámbito da política? Por que?

Admiro ao concelleiro que se levanta todos os días pensando en que será o mellor para os seus veciños. A esa persoa que, sen recibir ningún salario nin máis recompensa que a satisfacción persoal, dedícase á política por vocación, para ofrecer un servizo público e tratar de facer deste mundo un lugar mellor para os seus fillos ou os seus netos. A maioría das persoas que nos adicamos á política pensamos así.  E esas persoas son as que realmente admiro.



6- Que opina sobre as redes sociais e que influencia cre que poden chegar a ter nunha campaña política?

Gústanme moito as redes sociais porque son unha forma única de poder chegar á xente, de poder comunicarte coas persoas que o desexen e, sobre todo, de poder escoitar o que te queren preguntar. Sei dos sus perigos, porque cando estás nas redes sociais estás moi exposto ás mentiras e ás críticas gratuítas, pero aínda así creo que é unha canle de comunicación moi importante e que temos que aproveitar. En campaña electoral a súa importancia pasa pola posibilidade de explicar as nosas propostas, que no caso do PP van sempre en positivo porque non buscamos a confrontación pola confrontación. Eu persoalmente só estou por agora en twitter (@DiegoCalvoPouso) porque leva moito tempo atender a todos as mensaxes ou comentarios que recibes, pero pronto me animarei tamén ao facebook.





7- Xa para rematar: Se nun futuro próximo tivese intención de presentarse á alcaldía da Coruña,  en que aspectos pensa que podería vostede contribuír para a mellora da nosa cidade?

Non se me pasou pola cabeza esa idea, pero supoño que se chegara o caso, aínda que xa che digo que non teño pensado nada semellante neste momento, creo que o primeiro que faría é tratar de sacar á cidade desta situación de parálise que sofre desde hai un ano. Desde que a Marea goberna no Concello de Coruña non se fixo nada, ningún proxecto novo, e o único que temos visto os cidadáns é como pretendían adiantarnos o cobro da contribución ou como gastaban recursos no cambio de nomes das rúas. Botamos en falta algo máis de xestión, de avance, de consolidar esta cidade como polo industrial e de servizos de Galicia e como unha cidade na que dá gusto vivir porque ofrece todas as comodidades aos seus veciños. O que tamén me preocupa é como se está a retrasar a tramitación da concesión de licencias de obra ou de apertura de novos locais. Iso é malo para a cidade, malo para a economía da cidade e, polo tanto, malo para todos os veciños.



Moitísimas grazas, señor Calvo, por dedicarnos parte do seu tempo.

Moitísimas grazas a ti por interesarte polo meu traballo. Encantado!



(Entrevistador: Adrián Méndez B. Alumno de 1º de bacharelato).



xoves, 16 de xuño de 2016

Xosé Lois Romero & Aliboria - Mangüeiro (Olvídame)



Xosé Lois Romero & Aliboria - Mangüeiro (Olvídame)
(sección coordinada por X. P. Mondelo, editado por Mario S. García)

Wapapura Live: Sacred Riverside Gathering no Monasterio de Santa Cristina, Galicia



Wapapura Live: Sacred Riverside Gathering no Monasterio de Santa Cristina, Galicia
(sección coordinada por X. P. Mondelo, editado por Mario S. García)