luns, 20 de abril de 2015

LENDO A



LENDO A CERVANTES

É difícil subtraerse á atracción dos “Universos de Cervantes”, como reza a publicidade con que te agasallan se visitas a vella Compludo. Este verán pasado, indo á sé do CSIC en Madrid en representación  do noso xove e brillantísimo alumno, Gonzalo Cao, ao pasar pola praza López de Hoyos, comentei en voz alta co taxista que fora o mestre de Cervantes e que moito o apreciara, e o taxista, con humildade comentárame que si, que algo sabía porque “algo lera” e engadira que todo o que tocaba a ese escritor tan vinculado a Madrid, todo o que caía nas súas mans polo menos, procuraba lelo. Sempre con humildade pero sempre con certa paixón –non creo que casen mal ambos conceptos-, imos achegarnos a unha das miñas pasaxes favoritas da segunda parte, a da cacería do xabaril. Esa foi a proposta que lles fixen hai xa case un mes aos cazatesouros: pedinlles que lesen a pasaxe, apenas unha páxina, e que imaxinasen, e que procurasen asociar con outras pasaxes, outras lecturas, outras épocas, películas con cazatas, e que chegasen á Galicia e mais á España de hoxe en día, a ver que averiguaban da caza do xabaril.

 (Folleto publicitario facilitado en Alcalá de Henares. A torre é o que resta da igrexa onde fora bautizado Miguel de Cervantes; a caligrafía da época é copia da súa partida de nacemento)

O primeiro que relembrei para eles foi a cazata infernal da Besta Ladrador  na Demanda do Santo Graal galego-portuguesa: aquela tremenda besta contra a que dedica toda a súa vida Palamedes, lanzando en pos dela unha interminable e sacrificable recovaxe de cans.
Pedinlles, ademais, que repasasen na mitoloxía historias de mulleres cazadoras, coma a duquesa cervantina: Diana ou a  raíña das amazonas (Hipólita ou Pentesilea), por exemplo.
Algo averiguamos da caza do xabaril en distintos lugares da península. Contarémosvolo. Mais antes habedes de permitirme que me interrogue a min mesma: por que me seduce tanto esa pasaxe? Pola forza plástica do cadro? Pola beleza da dama cazadora vestida de verde? Pola grande cortesía coa que é tratada, tanto por parte do seu esposo como por parte do protagonista? Pola forza e valentía con que ela quere, a primeira de todos, arrostrar a fera salvaxe, ata o punto de que eles os dous deben contela, nun man a man equitativo pois que os dous son cabaleiros e protexen ante todo a integridade física da muller?
Xa antes do capítulo XXXIV, onde se narra a secuencia da cazata do xabaril en terras dos duques (di Martín de Riquer que posiblemente estean aí retratados os duques de Luna y de Villahermosa, don Carlos de Borja e dona María Luisa de Aragón, aínda que recoñece que non hai certeza absoluta; estes señores tiñan a residencia –casa de pracer di Cervantes- no pazo de Buenavía, preto da vila de Pedrola), aparece a duquesa de verde vestida co azor na man... Hai varias cousas que me veñen agora e aquí á mente: unha, a cantiga de santa María afonsí onde o cabaleiro roga á Virxe pola saúde do seu inestimable azor cazador; dúas, a muller co azor na man cabalgando no seu cabalo é fermosa estampa medieval, que quizais retoma Seoane nun dos seus cadros de dama e cabaleiro da cabalo; e tres, ese verde de fino pano é ofrecido na casa dos duques a don Quijote e mais a Sancho para que vaian á cacería ben vestidos, este acepta polo valor económico,  mentres que don Quijote rexeita o ofrecemento, rexeita o luxo e fai ben porque así poderá o autor describir máis tarde, mentres Sancho está no goberno da ínsula, a terrible, patética, absoluta e única escena de soidade, saudade de seu, existencial, ou tristeza paradigmática do heroe na intimidade do seu cuarto, a soas consigo mesmo, a soas coa pobreza simbolizada nesa media rota á que se lle escaparon os puntos: aconséllovos que leades aquela páxina de Unamuno en que recrea ese cadro cervantino, tan teatral,  como toda a estadía cos duques... Se Cervantes non puido triunfar de forma directa facendo teatro á par de Lope no Madrid que ambos os dous compartiron, convence e vence na teatral maquinaria que argallan para don Quijote, para o seu maior lucimento e gloria, os duques no camiño de Zaragoza.

 ("A dama e o cabaleiro" de Luís Seoane; colección particular)

Só a literatura dun xenio como Cervantes pode neutralizar a crueldade das burlas dunha caste de homes ricos e poderosos. A súa arte por riba da cruel natureza humana. E con todo e malia todo, debemos loar o bo gusto dos duques escollendo as súas “vítimas”. Como debemos admirar que fosen xente lectora, informada, amiga dos libros de cabalerías. Xente cortés e ilustrada. Iso era así na España da época? Era, era... Non só o pobo de andar a pé, digámolo así, estaba engaiolado polas historias de corteses cabaleiros e endriagos fantásticos. Tamén as clases podentes tiñan interiorizado o esquema cortés: sabemos que Martorell (o autor do Tirant lo Blanc) viviu unha vida novelesca –poderiamos dicir impropia do seu tempo, se  non fose porque hai datos que aseguran que no XV aínda corrían polo reino de Aragón cabaleiros lanza na man desfacendo entortos-  e, con palabras de Vargas Llosa  publicadas en 1968, é un autor que cree ciegamente en lo que cuenta; dígovos máis: na corte valenciana da raíña Dona Germana de Foix publica Luis de Milán un libriño titulado Libro de Motes de Damas y Caballeros, en 1535, só 12 anos antes de que nacera Miguel de Cervantes, e neste libro no que hai un prólogo dunha elevada cortesía que podería asumir un nobre provenzal do XI, detállanse un sinfín de xogos corteses para xogaren as damas e os cabaleiros naquela corte real en pleno século XVI, unha corte das máis galantes e divertidas de toda Europa. Chega por hoxe co dito.



 (Fotos tomadas da edición facsimilar do libro de Luis de Milán; na inferior a dama pídelle nesa especie de xogo das prendas que baile cos pés calzados ao revés)

Mª Rosario Soto Arias.

xoves, 16 de abril de 2015

Os Diplomáticos de Monte Alto: "Deitado frente ao mar"


Os Diplomáticos de Monte Alto: "Deitado frente ao mar"
(sección coordinada por X. P. Mondelo)

Nuccio Ordine: A utilidade do inútil

La utilidad de lo inútil
Nuccio Ordine
Ed. Acantilado. 2013


                             Sabemos que hai palabras-clave, palabras-cume que condensan as nosas ideas, as nosas esperanzas e as nosas decisións, e que deberían brillar como estrelas mentais cada vez que as pronunciemos. Sabemos moi ben cales son esas palabras nas que se centran tantas obrigas e tantos desexos: liberdade, dignidade, dereitos humanos, pobo, xustiza social, democracia, entre outras moitas (…).
                           Mais, pouco a pouco as palabras viciáronse, enfermaron a por de ser violadas polas peores demagoxias da linguaxe dominante. E nós que as amamos porque nelas alenta a nosa verdade, a nosa esperanza e a nosa loita, seguimos decíndoas porque as necesitamos, porque son as que deben expresar e transmitir os nosos valores positivos, as nosas normas de vida e as nosas consignas de combate. Decímolas, sí, e é necesario e fermoso que así sexa.
                                                                                                  (Julio Cortázar: As palabras violadas)

O home necesita en primeiro lugar, como quen bebe auga, beber soños.
                                                                                                   (Álvaro Cunqueiro)





Por un azar, chegou ás nosas mans un ensaio necesario, cun título de seu moi suxerente: A utilidade do inútil, do profesor italiano Nuccio Ordine. Un ensaio de lectura amable, mais de grande profundidade e rigor. Unha lectura moi  grata en canto que o autor combina admirablemente a claridade da súa prosa e a amenidade expositiva coa fondura do seu pensamento, nunha simbiose moi efectiva, algo que o lector sempre agradece.

O capítulo inicial do libro leva por título: “A útil inutilidade da literatura”. Un título revelador. Moito se ten escrito sobre o valor das humanidades, sobre a súa transcendencia na formación humana e sobre a seu rol e a súa consideración curricular no actual sistema educativo. Temos lidas moitas páxinas ao respecto, moitas veces admirables e clarificadoras, mais outras moitas pouco reveladoras. Por iso louvamos tanto a lectura deste libro, pois poucas veces vimos tan ben tratada esta cuestión obxecto de innumerables controversias. Nun tempo social e educativo no que estamos necesitados de pensamento educativo liberador, as palabras de Nuccio Ordine resúltannos vivificadoras e iluminadoras. Botando man do pensamento de diferentes pensadores e creadores, do campo das artes, da literatura, da filosofía e  da ciencia, desde os pensadores e escritores clásicos ata hoxe, en base a citas e a fragmentos de variados escritos destes creadores, imos recoñecendo o sentido profundo que estes saberes teñen para a conformación intelectual e sentimental dos seres humanos ao longo da historia. Semella algo evidente, mais no actual marco de pensamento dominante, son moitas e moi poderosas as ideoloxías que nos queren convencer da inutilidade destes saberes na sociedade actual.

Este pensamento utilitarista e monetarista vai ser cuestionado, dunha maneira clarividente, na segunda parte do ensaio que leva como encabezamento este significativo epígrafe: “A universidade-empresa e os estudantes-clientes”. En efecto, toda unha corrente de pensamento ultraliberal, fundamentalmente desde a década dos oitenta, está percorrendo o mundo económico e educativo, alterando e derrubando os seus alicercerces máis sólidos, os seus máis nobres fins. En nome da calidade, da mellora,  da produtividade, da eficiencia ou da excelencia, palabras enganosas e prostituídas no seu significado primixéneo, trátase de desvirtuar e de pór ao servizo de intereses meramente economicistas, todos aqueles ámbitos de benestar e progreso social construídos con tanto esforzo e sufrimento ao longo dos séculos. E, daquela, cuestionar e desvirtuar, mesmo anular, todo aquel pensamento “inútil”, e toda a tradición educativa crítica e liberadora dos seres humanos. Semella que xa nada tivese valor, só un prezo (que as clases máis desfavorecidas deben pagar). O libro recórdanos que debemos estar preparados para desenmascarar as mensaxes, as prácticas e os fins que se agochan debaixo destas ideoloxías poderosas que se nos presentan enfeitadas tralo engado desas palabras, verdadeiros eufemismos encubridores dun pensamento conservador a ultranza. O profesor Nuccio Ordine recórdanos que a escola non é unha empresa e que o sistema educativo foise construíndo históricamente en base a un pensamento e a uns valores propios de renovación e cambio. É desde ese pensamento propio, desde os propios valores da cultura escolar, desde onde debemos dialogar en pé de igualdade co mundo económico e social, única maneira de non quedarmos aos pés dos cabalos do pensamento neoliberal e de construírmos desde o diálogo e a cooperación un mundo xusto, unha sociedade con verdadeira liberdade e igualdade de oportunidades. Non estamos a falar a mesma linguaxe de certos sectores  que enchen os seus discursos coa palabra liberdade, elección de centro  ou dereitos do individuo: qué liberdade de elección poden ter millóns de cidadáns nun mercado “libre” ao que concorren cos petos baleiros fronte a unha minoría dona da gran riqueza do planeta? A man invisible do mercado ten dono e propósitos moi ben definidos. E a globalización non é tampouco un concepto neutro ou abstracto.

Centrándonos no mundo educativo, non deberiamos esquecer os nosos valores, toda a nosa cultura escolar de calidade e mellora educativas. Habemos de partir das nosas propias prácticas e experiencias, tanto no ámbito docente como no de xestión e organización dos centros educativos, recoñecendo e valorando o traballo de calidade acadado, para a partir da nosa propia tradición docente e de xestión, elaborar desde dentro do sistema público  propostas para seguir perfeccionando o sistema educativo, sempre abertos ás demandas e esixencias sociais dun mundo cambiante, mais, desde unha perspectiva propia de profesionalidade e renovación. Desde unha cultura educativa que debemos coñecer, valorar, difundir e da que sentirnos orgullosos, pois aséntase en alicerces moi sólidos, desde a antigüidade aos nosos días. En definitiva, o pensamento educativo existe, este patrimonio ten un inmenso valor como factor de cambio social e de liberación humana e non pode ser ignorado nin desprezado desde posicións interesadas, desde ámbitos de pensamento que basan o desenvolvemento humano e social en axiomas economicistas, de valores ruíns de cálculo mercantilista e de beneficio a curto prazo.

A terceira parte, que o autor titula: “ Posuír mata: dignitas homini, amor, verdade”, é un novo alegato en favor da dignidade dos seres humanos. E, para ilustrar os camiños dunha nova pedagoxía posible, na cuarta e derradeira parte do libro, o autor inclúe unhas palabras do pedagogo norteamericano Abraham Flexner (1866-1959), un dos creadores do Institute for Advance Study de Princepton, que dirixiu entre 1930 e 1939. Unha reflexión final deste pedogogo norteamericano, ao fronte dunha das institución educativas máis libres e avanzadas, na liña do pensamento libre e liberador de tantos pensadores e creadores que foron ao longo da historia. Un discurso, pronunciado no ano 1939, que titulou: “A utilidade dos coñecementos inútiles”, que é toda unha declaración de intencións.
Por último, non deixa de sorprendernos a disposición tan orixinal e significativa da bibliografía final, tan diversa, tan vasta. Unha disposición bibliográfica en base a núcleos temáticos e á propia ordenación do discurso, que resulta moi atractiva, por eficaz e novidosa.
Para os que nos dedicamos a este vello e delicado oficio, ler este libro é tan necesario como bebermos soños, esa auga que nos permite seguir adiante. Respirar e resistir, nun tempo de confusión. X. PÉREZ MONDELO



luns, 13 de abril de 2015

VISITANDO



VISITANDO

(Fauno pintado por Picasso cando estudaba na planta baixa do noso edificio)
Os cazatesouros do Club de Lectura visitan a exposición sobre o primeiro Picasso (o Picasso coruñés podemos dicir) no Museo de Belas Artes da Coruña. Válelles de guía unha servidora (previamente xa eu acompañara a un grupo de primeiro da ESO e tivera a fortuna de oír a explicación dunha muller nova e moi versada no tema). 

 (Fauno pintado sendo xa o artista un adulto: percíbese ben a evolución experimentada)

Sobre que cousas –algunhas delas anecdóticas pero válidas para enganchar a súa atención- fixen pé? Cítovos só algunhas para non rebentarvos de todo a película: unha importantísima ao meu entender, que nunca nunca deixou de ter á man os cadernos e os cadros destes primeiros anos, hai fotografías expostas onde o pintor é septuaxenario –está con Xaqueline- e curiosean cousiñas feitas por el cando vivían aquí, e tamén hai outras do seu estudo de artista afamado en París (creo lembrar) e vese na parede algún cadro da etapa esta, da adolescencia na terra dos ártabros. Outro dato por min apreciado: gustáballe o popular, seleccionaba tipos do pobo, aldeáns co porquiño diante da casa, a cabeza da muller galega co pano atado arriba, as casas do lugar de san Roque de Afora... 

(Había na Coruña daquela un mendigo moi coñecido... A expresividadade da man é digna de subliñarse, quere saír do cadro, apélanos)


E tamén quedei co xogo da rapazada diante do instituto (el mesmo así o contará anos máis tarde): xogaban a tourear, facendo un deles de touro con cornos... (iso no chairo dianteiro: recordade que por detrás do insti, no Orzán, seguirían toureando as ondas).

 (Sería verdade se cadra que Pablo Picasso nunca esqueceu os xogos de neno diante do Instituto da Guarda)


Arredor de determinados obxectos rodeábanme e eu preguntáballes cousas: Sabedes onde estaría daquela a praza de touros (o mozo Pablo pintou parte dunha corrida aquí na Coruña)? E os cazatesouros pensaban que sería no ‘Coliseum’. Imposible, aquilo estaba alá lonxe, había aldeas, Someso, Mesoiro..., había ríos e fontes e leiras e fragas... (os Cazatesouros ignoraban a existencia da antiga praza de touros da Coruña).

(Foto dos Cazatesouros á saída do Museo de Belas Artes)



Fixemos unha foto á saída do Museo e nos días seguintes quixen averiguar que foi o que máis lles impresionou. Velaquí algunhas respostas:

Gadea: A min o que máis me chamou a atención era o ben que debuxaba sendo tan neno, e o pouco que lle gustaban os estudos.

Carolina: Eu quedo cos retratos de Conchita e cos debuxos da praza de touros: aí apréciase un trazo moi bo, sobre todo se pensamos na idade que tiña cando os fixo.

Valentina: A min impactoume ver como foi evolucionando, vese moi ben na serie do fauno...

Andrés: Penso que se Conchita non morrese, Picasso podería seguir aquí.

(Isto último é rebatible: houbo máis factores, sen negar que o falecemento da filla debeu ter moito peso, que inflúen na decisión do pai de pedir o translado, coma a reuma que aconsellaba cambio de clima e as disensións no claustro, coa caída do director amigo seu; doutra banda, non se pode dubidar que unha cidade cosmopolita e aberta a Europa como Barcelona lle abriu ao mozo unhas portas que dificilmente a Coruña da época lle podería abrir).

 (Responso pola morte de Conchita, pintura datada "xoves 10--95/Coruña",  é o título deste cadro que pintou en lembranza da irmanciña, cuxa acta de defunción custodia a igrexa de santa Lucía, ubicada nese momento non onde está hoxe, senón na capela de santa Lucía na Travesía do Monte, que máis tarde sería a Igrexa Parroquial de san Pedro de Mezonzo; recórdese que a colocación da primeira pedra da actual igrexa de santa Lucía dátase en agosto de 1899, ida xa a familia Picasso; non foi ata o ano 2014 cando Rubén Ventureira e Elena Pardo desvelan que se trata realmente do responso ou pequena oración de defuntos, pola irmanciña, e o espazo onde transcorre é o interior da capela do Cemiterio Xeral da Coruña, hoxe chamado de san Amaro)


(Disque Pablo lle axudou ao pai, algo impedido pola reuma, a pintar as paticas das pombas deste cadro da autoría do señor Ruiz Blasco)

A semana próxima contarémosvos dos éxitos picassianos dunha nosa condiscípula, membro do Club de Lectura dos Cazatesouros.
(Mª Rosario Soto Arias)

luns, 6 de abril de 2015

LENDO A...



 LENDO A SANTA TERESA

Este sábado pasado, 28 de marzo, cumpríronse 500 anos do nacemento de santa Teresa. Pareceume hora de subir ao estante máis alto da nosa biblioteca na casa aquí na Coruña e coller un libriño que me regalara a familia da miña amiga Mari Carmen cando tiña uns 14 anos. É o primeiro tomo da súa vida, nunha edición de 1872, co prólogo de frei Luis de León (outro grande das letras hispánicas do XVI, el non chegou a coñecer á santa tamén vinculada a Salamanca, pero apreciouna: os dous teñen en común, amais das afinidades de espírito, ter sido obxecto de persecucións inquisitoriais).


Levo só vinte e dous capítulos lidos, pouco para o que ela escribiu, suficiente como para ir abrindo boca. Todos os que fostes meus alumnos –e prestastes atención-, cansariades de oírme dicir que o signo lingüístico –falando do mínimo, ou morfema, seguindo a escola compostelá- é unha unión íntima, indisoluble, tal como a palma e mais o dorso da man, o anverso e mais o reverso dunha folla, ou a cara e a cruz dunha moeda. Así un bo libro, como este escrito de man de muller (o primeiro que eu saiba na historia das literaturas en linguas romances na península, porque en árabe coñecemos polo menos un poema escrito por unha muller no sur, logo se me acorda búscovolo): agora temos un signo lingüístico superior e nel a unión íntima e indisoluble dáse entre o fondo –as ideas: tema e subtemas- e a forma lingüística por excelencia (a sintaxe, os recursos literarios, a fraseoloxía, o léxico). De todos os xeitos, éme imposible xebrar: que me atraeu inicialmente máis: a frescura innegable (ese carácter primixenio: ese pensar canta razón tiñan os homes do 27 en buscar as fontes, a poesía chamada “primitiva”, os cantares populares anónimos do XV..., canto mellor se entende aquí a forza irresistible que a poesía dos códices do XIII e do XIV exerceu sobre os homes do Grupo Nós a principios do século XX...) da lingua teresiana, tan inxenua se cadra, sempre tan pura, ou as ideas? Por exemplo, desde o principio podes ver como o tema principal –a conquista ou coñecemento do amor de Deus, ou o dominio, dito con outras palabras, da linguaxe do espírito- estrutúrase en graos: a conquista é un movemento ascendente. Sóbese: igual que o bo amador, o amador cortés, o que segue a teoría do amor cortés provenzal que irradia polo Camiño de Santiago a media Europa, experimenta ou quizais sofre estadios ascendentes. 

 (A obra barroca de Bernini tocando o tema da éxtase teresiana, "extasi" escribe ela. Foto tomada da Internet)

Hai, pois, na construción que deseña a nosa única doutora pola igrexa nomeada, Teresa de Ávila ou de Xesús, unha escala ascendente: a base dese camiño é a humildade. O método por excelencia é a oración, a comunicación. Logo tamén ten moita importancia o saberse levar: a combinación, primeiro dialéctica,  entre facer e padecer: a forma activa e a forma pasiva (creo que había un bo exemplo para distinguir –como nun exame de Selectividade que traballamos este día en 2º de bacharelato- entre pasiva reflexa e pasiva perifrástica: era co vbo. elevar ou sinónimo: a alma elévase /VS/ a alma é elevada: no 1º caso hai esforzo por parte da alma: no 2º caso todo o mérito é de quen a eleva, Deus na idea que comunica a nosa autora).
Vedes, meus queridos, que me gusta moito a forma lingüística, pero non me gustan menos outras ideas que se perciben clarisimamente na obra: por exemplo, a conciencia de ser muller. Continuamente hai comentarios a ese propósito: se difícil é entender que Deus se comunique cun pobre ser, imperfecto, máis difícil lle resulta concibir que o faga cunha muller: Sea el Señor bendito por todo, que á una mujer como yo quiere y consiente que hable en cosas suyas, tales y tan subidas; En especial para mujeres es malo [avisa non subir o espírito si el Señor no lo subiere], que podrá el demonio causar alguna ilusión [ela parte da base de que a muller é máis débil ante esas “ilusións”]; De todo mi ánimo (que dicen no le tengo pequeño, y se ha visto me lo dió Dios harto mas que de mujer); Basta ser mujer, para caérseme las alas, cuanto mas mujer y ruin. Non sigo, pero está claro, e non creo que a) sexa antifeminista, nin b) bote man de tópicos de falsa modestia: creo que responde ao pensamento da época, e como así pensan todos, así pensa ela, normal. Preguntábame unha amiga nesa orde de cousas, pero por que? Por que este pensamento xeneralizado de sermos inferiores? Basicamente porque da diversificación de funcións (función reprodutora: nutricia) deriva a repartición de espazos (a cociña, o dormitorio, a horta) e de aí a excluírnos das esferas do saber só hai un paso: que unha muller como Melibea ou como Teresa lean moitos libros é unha rareza histórica na Europa do momento, quizais só explicable porque eran de familia de conversos. Pero derivo xa moito do tema. Si podemos engadir, en conexión coa cuestión do xénero, que no libro está presente o escrúpulo de non querer que se saiba que é ela a autora:  Escribirlo he todo lo mejor que pueda por no ser conocida. Así fará 400 anos despois Rosalía cando inicialmente se resiste a publicar co seu nome.

 (Este monumento avulense a xente chámao 'Os catro postes' e é común viren aquí os acabados de casar para faceren fotos; a tradición conta que neste punto pillou o tío a Teresa e ao irmán -dos once que tiña- máis querido, Rodrigo, cando escapaban a terra de mouros para poderen ser mártires. Foto tomada da Internet. Vedes as murallas medievais da cidade, cuxa construción -igua cá repoboación con xente do vello reino astur-galaico-leonés- se atribúe aos condes de Galicia, dona Urraca e don Raimundo)

Vaiamos agora á forma. Nunha primeira aproximación á forma, hai que referirse ao xénero literario: o enfoque é o da primeira persoa do discurso, o eu, quen se dirixe a un receptor –forma pseudo epistolar, con influencia quizais das Confesións agustinianas, que nos recorda moito ao Lazarillo, en canto que está presente o destinatario, V. m., a segunda persoa, vosa mercé, un superior que lle manda que escriba-. Receptor que se fai múltiple axiña: tan logo fala con Deus, a quen dá o tratamento de Majestad (un interlocutor a quen a autora do libro lle confire a categoría de actante principal: interlocutor igual a emisor nunha sinonimia integral, nun acto de fala perfecto podiamos dicir, de perfecta interrelación, se interpretamos as liñas mestras do trazado do libro, na súa interpretación metalingüística ou metaliteraria),  como entra na súa conciencia a necesidade de ser oída por nós, aqueloutros seres humanos receptivos en quen ela pensa como seres aptos para, ou necesitados de, recibir as súas palabras.
Canto á forma lingüística, tal como a entendemos facendo valer a función poética, os recursos que máis chaman a nosa atención son os símiles, as metáforas e as antíteses.

Símiles: a alma como horta ou verxel e Deus o xardineiro.
Que son entonces [refírese ás outras dúas potencias do ser humano distintas da vontade, a saber, a memoria e a imaxinación] como unas palomas que no se contentan con el cebo que les da el dueño del palomar [Deus] sin trabajarlo ellas.
Recogida [a alma] como sabia abeja.
Ayudar á llevar la cruz a Cristo como buenos caballeros, que sin sueldo quieren servir á su Rey [debemos relembrar aquí que a nosa Tareixa amaba de rapaza ler libros de cabalaría, como máis tarde fará Alonso Quijano].
El alma da un vuelo y llega a mucho, aunque como avecita que tiene pelo malo, cansa y queda [ fixádevos que antes os rapaces observabamos e xogabamos máis que agora cos paxaros..., na parroquia do meu home –dezao- dicíase que os paxariños tiñan a tiña e daquela non se tocaban por medo; esa “tiña” era a penuxe, o pelo malo de santa Teresa: aquí le nacieron las alas para bien volar, ya se le ha caido el pelo malo].
Anda [a alma] como vendida en tierra ajena [recordade que naquela sociedade había escravos, ao igual que os había en terras americanas e musulmanas-hispanas].
Y se labra ó purifica, como el oro en el crisol.
Coge el Señor el alma (digamos ahora, á manera que las nubes cogen los vapores de la tierra).

Metáforas e alegorías:
Tantas veces de nuevo la habéis tornado á rescatar y quitar [a alma] de los dientes del espantoso dragon.
Es, pues, esta oración una centellica que comienza.
Más hacen aquí al caso unas pajitas puestas con humildad (...), y más le ayudan a encender, que no mucha leña [este é un caso típico de alegoría: entran en correlación a serie de metáforas relacionadas coa materia que arde ao prender a centellica: así se inflama o espírito, eis a flamma de amor en Quevedo].
Estar en este destierro ‘mundo’ [metáfora fixada polo galego Pedro de Mezonzo na Salve].
[Gústanlle moito á avulense as metáforas do reino animal; cando fala da escolla dos mestres di] que no les enseñe a ser sapos, ni que se contente con que se muestre el alma á solo cazar lagartijas.
Porque aun non es tan hijo [fala da alma novel, consciente da súa insignificancia cando lle da o Sol de justicia] desta águila caudalosa, que pueda mirar este Sol de hito en hito.
Viene un ímpetu tan acelerado y fuerte, que veis y sentís levantarse esta nube, ó esta águila caudalosa, y cogeros con sus alas.
Sino que quiere el cuerpo, aun siendo tan mortal y de tierra tan sucia [velaí unha metáfora que veremos tamén en Rosalía: Este barro mortal que envolve o esprito...]

Antíteses:
Acá (o mundo, as cousas do mundo perecedoiro) /VS/ Aquí (en este estado superior en que ela e outros seres chamados entenden).
Todo era poco según ellos eran muchos.
Sea Dios alabado, que me dio vida para salir de muerte tan mortal.
Por claro que yo quiera decir estas cosas de oración, será bien oscuro para quien no tuviere experiencia.
De ver que un muladar tan sucio y de mal olor hiciese huerto de tan suaves flores.
Siervos del amor.
Su Majestad no quiere gocemos de cosa tan preciosa sin gran precio.
Suave es su yugo.
Y mientras mayor mal, mas resplandece el gran bien de vuestas misericordias
Que hace una confusión que hace deshacer.
Ello es un recio martirio sabroso.
No hay poder contra su poder.
No hay alma en este camino tan gigante que no haya menester muchas veces tornar á ser niño.
(Continuaremos  outra semana cunha segunda parte).

 (Interior do convento da Encarnación, en Ávila, onde tiña santa Teresa unha cela. Foto tomada da Internet)