sábado, 25 de decembro de 2021

A CORUÑA

 

A ILLA DE SAN CORAL

 

(A sevillana Virxe do Coral: igrexa de san Ildefonso. O meniño Xesús leva o coral colgado do seu colo)
 

 

Temos aquí na Coruña, vindo do Milenium e a un paso do Portiño, a Illa de san Coral. A misteriosa illa de san Coral, porque non son quen de atopar claras referencias a ese santo: vai haber que aumentar a nómina dos santos que non son oficiais. Santos populares non canonizados pola igrexa: san Amaro, san Vintila ou Wintila… e este san Coral.

A primeira vez que lin algo sobre o tema foi grazas ao noso prezado Ismael Velo Pensado. No libro La vida municipal de A Coruña en el siglo XVI (vou citar pola 2ª edición, Deputación da Coruña, 2020) aparece esa illa amentada varias veces: Eremitorium Sacti Corali, Sancti Antonii e Sanctae Marinae… (documento de 1508, páx. 582, nota 243 do libro citado de I. Velo). Vese ben que na Coruña había máis ermidas, moitas foron derruídas polos ingleses que viñeran con Drake. Podo citarvos algunhas, todas tiradas do libro La vida municipal…: Santa Cruz ou Santas Cruces, San Juan (preto estaba a fonte de Seoane, que hoxe en día dá nome a unha rúa coruñesa, hai un documento onde lemos que esa ermida estaba junto a los molinos del viento, muíños que inda se ven en gravados antigos, camiño da Torre), a de Santa Lucía, San Sebastián, San Roque y Labañou, a de Santa Bárbara (logo enriba edificaríase o convento), de Sancti Spiritus… 

 


 (A Illa do Pé -nome moderno ou actual- ou Illa de San Coral -nome documentado de antigo; coa marea baixa pódese chegar a ela a pé, de aí o nome. Aí estaría en tempos a ermida de san Coral. A fonte do boi queda abaixo, cara á dereita. Foto de Charo Soto).


Nas terras de interior as persoas que querían dedicarlle a Deus a vida en oración escollían fragas mestas (no Eume ou no canón do río Sil, por exemplo, ou alá arriba naquel monte coma os mosteiros inaccesibles gregos…), mentres que na costa escollían illas e illotes para recluírse (así aquí, na Coruña, san Antón, san Coral, santa Marina…).

A segunda vez que toparon os meus ollos co tema foi lendo un artigo rico en información que publicou na prensa o historiador X. Alfeirán, cuxa lectura vos recomendo encarecidamente.

[Referencia do artigo de Alfereirán: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2018/04/02/ermida-san-coral-do-portino/0003_201804H2C5991.htm]

 

Gústame moito pasear ese territorio (Paseo Marítimo desde Riazor ao Portiño), nunca igual a si mesmo, rico en microtoponimia, rico en azuis, en matices, en luces e volumes… Normalmente non chego ata o Portiño senón que dou a volta na praza dos adoquíns onde está a ‘Fiestra aberta ao mar’ de Francisco Pazos. Pero un día que viñamos camiñando de tomar unha birra nun sitio de moda no Portiño, ao pasar por diante dun dos chalés que hai, un que fica xusto en fronte da illa protagonista da páxina de hoxe, fixámonos que tiña gravado San Coral.  Casualmente estaba a propietaria na porta e pregunteille: por que san Coral? E dixo: porque a leira, onde construímos o chalé, se chamaba así.  Hai un illote de San Coral pero queda máis para aló… E sinalou un punto indeterminado cara a Suevos, cara á chamada Illa Redonda; aí estaba equivocada pero desculpámosllo; logo vin en Internet que hai unha agra de San Coral rexistrada nunha páxina que recolle microtoponimia das parroquias circundantes da nosa cidade: http://historiabirloque.blogspot.com/2012/12/toponimos-de-visma.html

 

(Aí vedes ben a illa do Vendaval, con restos da vella cetárea)

 

E así foi como entrou na miña mente a idea de escribir sobre o lugar: non, o lugar é o detonante, o punto fermoso de partida; logo o pensamento voa á figuración case que onírica da illa con capela, con humilde construción de pedra medieval talvez, incluso anterior?, e pensas a pleno sol no verán, en pleno gris invernal, chantada en actitude interrogativa en fronte das pequenas illas: Existirías realmente, Coral? Serías un ermitán alimentado como Mamede polas aves? Pescarías ti mesmo, ou levaríanche o xantar os paisanos? Cruzarías a pé para vir beber á ‘fonte do boi’? Unha serie de preguntas sen doada resposta

 

O santo tiña moito do que comer: inda hoxe vemos na illa ou illote do estremo (nalgúns mapas denominada Illa do vandaval) restos dunha cetárea; dinos o noso informante, B.,  que xa coñecedes -foi quen nos indicara a situación da que chamamos neste blog ‘Fonte de Paredes’- a propósito dese illote: Contábame o meu sogro que nos anos 30 colocaban as nasas [para as lagostas]  e que moitas veces viñan cheas de lumbrigantes e daquela collíanos e matábanos, chas, chas, esmagábanos e botábanos ao mar para que non volvensen entrar nas nasas… [aquí fixo unha paréntese e baixou a voz] fíxese que cousas se facían, un crime aos nosos ollos hoxe en día, pero claro, se os deixaban vivos volvíanlles entrar pola carnaza e a carnaza [quixen saber que botaban de ‘carnaza’ e díxome sardiña ou xurela] supoñía traballo e valía o seu… hoxe un boghavante vale moito pero daquela non, esmagábanos así [bateu varias veces co pé no chan] e botábanos ao mar…[pregunto se serían comestos polos polvos], claro que os comían, os polvos e os congros, esta zona toda sempre deu moita pesca, polvos, congros, había percebes, mexillóns, había de todo… agora xa non, os percebes e os mexillóns acábanse, e lapas, enormes…

Logo, se o santo existiu tiña ben de que comer.  E para beber, a auga fresca da Fonte do Boi. Esta fonte a día de hoxe está cegada. Dime B.: hai coma unha pequena furna, aí, debaixo de onde está ‘Reto’, e daba unha auga moi boa… tapárona, agora está tapada con bolos [entendo que os bolos son pedras moi grandes: permitídeme unha nova asociación: relembrades os cabalos que baixaban do monte a bañarse en san Roque de Fóra e que pintara Román Navarro? Agora son bois os que se mollan e beben na auga… Na Coruña do XVI había outra fonte, Catabueyes, citada no libro de Ismael Velo].

 


 

Veñamos agora ao nome. Coral: nunca coñecín un home con ese nome, nin é fácil topar con el na letra escrita digamos contemporánea. Coral como nome feminino está claramente testemuñado. Aquí en Coruña coñecimos unha de nena (amiga da nosa familia: Coral ou Coralia, era o seu nome e debemos pensar máis ben que Coral éralle o diminutivo de Coralia) e este día soterramos unha tía valdeorresa: Lita, de Coralita. Como algúns de vósa sabedes, estou rematando un Libro dos nomes e nel figura Coral. Neste noso libro van amentados personaxes reais ou ficticios que leven o nome en cuestión e con ese gallo puxémonos en contacto cunha historiadora amable e ben informada, Coral Cuadrada Majó, a quen lle agradecemos unha vez máis a súa xenerosa comunicación. Fíxonos saber que a Virxe do Coral se venera no Rosellón francés e tamén en Sevilla: puidemos ver a imaxe, o retábulo desa preciosa Virxe sevillana: o coral pende do colo do meniño Xesús. Elemento apotropaico por excelencia [o coral vermello], ben puidese ser nome de home, xa que o leva un home, Xesús, nese caso sevillano. Para a profesora da Universidade catalá, a nosa xentil informante, é un nome de raigame xitana: Coral, Coralillo etc.

É unha hipótese boa, para Coral como nome feminino. Pero Coral como nome masculino? Di Alfeirán no artigo en prensa arriba citado que non atopa por ningures, en ninguna páxina da igrexa, en ningún martiroloxio, un santo chamado Coral, e engade que quizais haxa que admitir a posibilidade de termos aquí unha variante de Conrado, tal como reza o Diccionari català-valencià-balear (s. v. CORAL, acepción nº 5: “ant. Nom propi d'home, avui Conrad. Micer Coral Lança, Muntaner Cròn., c. 198. (V. Corral)”, en: https://dcvb.iec.cat/). Teño as miñas dúbidas: é dicir, do que non cabe dúbida é de que nesa crónica, do catalán Ramon Muntaner (1265-1336), aparece ben documentado o nome de pía Coral (Coral Lança ou Llança) e a variante Corral, pero non vexo claro -ben entendido que non domino as grafías medievais catalás- que teñamos realmente o nome Coral con erre simple: se conmutan Coral/Corral e se se nos di que ese Corral é unha variante ou equivale a un Conrad-, o esperable é que teñamos sempre un erre dobre (porque de Conrad- dificilmente esperamos unha variante con erre simple), é dicir, que a grafía Coral catalá con erre simple realmente haxa que lela ou entendela como Corral. Dito doutra forma, se Coral=Conrado, o Coral da crónica medieval levantina non é o Coral que buscamos.

É certo, porén, que non se atopa un santo chamado Coral nas páxinas dos martiroloxios (polo menos nós non o documentamos). Puxemos como di o outro os santos en procesión e interrogamos sobre un posible san Coral a un erudito bolandista (estes xesuítas, os bolandistas, saben moitísimo de haxiografía e levan facendo durante séculos un traballo de expurgación de falsos santos nas páxinas da historia da Igrexa), de probada xentileza e raudo na resposta, Diego Arfuch, quen descoñecía totalmente a existencia do noso occidental san Coral [e quedou gratamente sorprendido, que conste], como descoñecía tamén a existencia de ningún santo así chamado. Se algo averiguase neste sentido, prometeu comunicarmo. Con todo, algo logramos saber grazas á unha interesante páxina da igrexa católica francesa: Coral serait un saint martyr de Thrace au IVe siècle comme Saint Agathonique et ses compagnons martyrs (https://nominis.cef.fr/contenus/prenom/1660/Coralie.html). Dá a entender esa páxina que o feminino Coralia ou Coral é a forma correspondente a un masculino san Coral. Coral, polo tanto, valería tanto para homes como para mulleres. Se debo de ser sincera, a páxina francesa déixame con dúbidas. Penso ou temo que haxa confusión entre un suposto Coral home martirizado en Tracia con santa Coralia que, segundo puidemos ler, foi unha mártir moi venerada da Igrexa de Oriente ou Ortodoxa e que aparece representada en fermosas iconas gregas ou bizantinas (por se tedes curiosidade, velaquí os nomes das famosas corenta virxes martirizadas en Heraclea, Tracia, no século IV: Adamantine, Athena, Akrive, Antigone, Arivea, Aspasia, Aphrodite, Dione, Dodone, Elpinike, Erasmia, Erato, Ermeneia, Evterpe, Thaleia, Theanoe, Theano, Theonymphe, Theophane, Kalliroe, Kalliste, Kleio, Kleonike, Kleopatra, Koralia, Lambro, Margarita, Marianthe, Melpomene, Moscho, Ourania, Pandora, Penelope, Polymnia, Polynike, Sapfo, Terpsichore, Troada, Haido, and Harikleia). Se cadra é un “temor” meu infundado. De feito, santa Agatónica di o Martiroloxio católico de 1956 (o único que puiden consultar en liña) que foi martirizada en Pérgamo (Asia), con moitos outros mártires (Carpo, Papilo, Agatodoro etc.). E se volvemos a vista á xente martirizada en Tracia, á parte das iconizadas 40 virxes, houbo moitos máis mártires: Eutiquio, Plauto (recordados o 29 setembro); Severo, Memnón (e 37 mártires máis, relembrados o 20 de agosto). Posibilidades de que martirizasen un san Coral habelas hainas.

                  (As corenta virxes martirizadas en Tracia. Foto da icona tirada de Internet)

 

En calquera caso, e acabo xa -debo tervos xa martirizados con tanta historia-, do que non cabe dúbida é de que aquí, no occidente galaico e hispano, houbo xente -e homes en concreto- chamados con esa raíz, Coral-:

Bulcai Latro/ni f(ilio) et Patrici/in(a)e Corali f(iliae) / post mortem / fili(i) pos(uerunt) mon(umentum) (en Hispania Epigraphica: pensade que normalmente cando se di neste tipo de inscricións que fulano é fillo de alguén, ese alguén adoita ser o pai: logo entendemos que ese Coral é un home; esta inscrición de época hispano-romana foi atopada en Vila Real, norte de Portugal).

 

Cambavius / Corali f(ilius) / SENA For(o)irie(n)s(is) / annorum L / h(ic) s(itus) e(st) / s(it) t(ibi) t(erra) l(evis) (atopado en Padrón, A Coruña).

 

Meda/mus / Cora/li / hic situs / est / an(norum) XXV (atopado no Rosal, Pontevedra).

E que sabemos deste nome prerromano e occidental-hispano, Coral ou talvez Coralo ou Coralus ou se cadra Coralos? O finlandés Kajanto non o recolle: non figura en inscricións latinas. O que sabemos hai que deducilo desas tres inscricións da vella Gallaecia: tanto Cambavius como Medamus aparecen documentados como celtismos xa en A. Holder (Alt-celtischer Sprachschatz). Así que parece que Coral ou Coralos pon ou póñenlles nomes celtas aos fillos. O cal non significa que o nome do pai sexa tamén celta. Tampouco o podemos negar pero se fose celta esperariamos velo na Galia ou en territorio británico, e non o atopamos. Si que cremos, en troques, que é indoeuropeo, porque se documenta a través da historia unha tribo, a dos Coralos, sármata, e os sármatas son un pobo iraniano, e os iranianos ou iranios son indoeuropeos. Para máis simetría, meus queridos, volvemos a Tracia: resulta que segundo Estrabón os coralos habitaban na Tracia (en: https://www.tesaurohistoriaymitologia.com/es/, s. v. CORALOS).

Ata aquí chegamos por hoxe. Se tiver novas certezas fariávolas chegar. Boas saídas e mellores entradas!

 

(Foto tirada de Internet)

 

2 comentarios:

  1. Moitos parabéns Charo! Grazas polo teu traballo!

    ResponderEliminar
  2. Grazas a ti, Xabier, por rescatar tantas fermosas historias das vellas terras bañadas polo Arteixo! Aperta forte.

    ResponderEliminar