domingo, 9 de xaneiro de 2022

GALICIA INMORRENTE

CAMPANARIOS DE GALICIA (II)

 

(A campá 'Segismundo' de Cracovia)

 

Limiar

Esta é a segunda entrega deste tema que tanto nos seduce. Agora que estamos rematando o tempo de Nadal na memoria de moitos de nós aínda resoan as campás das variadas panxoliñas que oímos: a min, por exemplo, emocionoume o meu netiño Luís Finch (fará tres anos en marzo) cantándome desde Alabama o refrán dese clásico en inglés (Jingle bells, jingle bells, / Jingle all the way…). Claro que esas son campaíñas, as que acompañarían as zorras tiradas por cabalos ou renos dos nevados países nórdicos. Tamén as ermidas do noso país teñen unha campá pequena. En troques, as nosas igrexas como mínimo han de ter dúas campás, con tons distintos e complementarios. Como sabedes, se lestes a primeira entrega neste blog (datada o 9 de agosto de 2017) a nós o que nos encanta é sabermos os nomes, caso de telos, claro. E este día, nun dos libros (Imperium) que hai arestora na miña mesiña de luz, fálanos o autor, o polaco Ryszard Kapuściński, da campá Segismundo de Cracovia (lemos a posteriori en Internet que foi instalada en 1521; Kapuściński está describindo a magnificencia do templo moscovita de Cristo Salvador tal como era antes de que fose destruído en 1931 e di que os seus catro campanarios albergaban 14 campás dun peso total de 65 toneladas, das cales só a campá principal pesaba 24: é daquela cando fai a comparanza coa campá máis grande de toda Polonia, a do cracoviano Wawel, a Segismundo, que pesa 8 toneladas), todo un símbolo de Polonia. A torre onde está instalada tamén se chama así, Segismundo. Pasa igual coa campá da torre Berenguela da capital de Galicia: a Berenguela é a campá máis grande e marca as horas.

 

AS CAMPÁS DE VIMIANZO

 

(A igrexa parroquial de San Vicenzo de Vimianzo. Esta e a anterior son fotos tiradas de Internet)

 

Na parroquia de san Vicenzo de Vimianzo, feita nos séculos XIX e XX e de estilo ecléctico, atópanse as campas; estas non son as orixinais xa que no ano 1966 o párroco, Manuel Arjomil, fixo unha reforma para que tanto a igrexa como o campanario mirasen cara á praza principal da vila.

As novas campás e a torre-campanario foron obra do canteiro Manuel Núñez. O campanario ten tres campás de diferentes tamaños: San Xosé, María e Xesús.

A finais dos anos 70, sendo párroco D. Francisco Couto Anido, contando coa axuda do reloxeiro Umberto Lema, colocouse un reloxo que daba as horas en punto e as medias e anunciábase coa campá máis grande. Pero isto durou pouco tempo, xa que os veciños non podían durmir. Actualmente están automatizadas as campás e non fai falla campaneiro.

A arte de tocas as campás: durante os anos 60 e 70 había un sancristán que tamén era o encargado de tocar as campás; despois tamén o facía algún monaguillo. Destacaron como campaneiros: Vicente Antelo, Rafael Rodríguez, Lucio de Tines e Manuel Fondo.

Tiñan diferentes usos: auxilio (toque continuo e forte), aviso de misa (vinte campanadas coa campá pequena 30 minutos antes), comezo de misa (tres toques seguidos), falecemento (tocaban dúas campás, a grande e a intermedia, dúas carreiras se era muller e tres se era home e a continuación dábanse 2 ou 3 toques coa campá pequena), enterro (repican cando sae o falecido da casa á igrexa e da igrexa ao campo santo), funerais (repican o día anterior pola tarde 20 minutos e outro tanto tempo antes do funeral).

Celebracións varias: primeiro venres do mes (anúnciase a véspera e o propio día para actos penitenciais), novenas (tócanse media hora antes), celebracións importantes (patrón venres das Dores, san Antonio, Nadal, Pascua…).

Curiosidades: Desde que se automatizou o sistema ás veces se hai treboada salta o sistema e tocan un pouco ao chou. Para estas continxencias cando hai celebracións están algúns dos actuais monaguillos, destacando a Roque Cernadas pola súa veteranía.                                             

Celia Elisa Fondo Santos, alumna de 2º ESO A no curso 2016-17. Actualmente cursa 2º BACHARELATO.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTA (CAMPANARIOS DE GALICIA):

En Galicia é bastante frecuente chamarlle as campás cos nomes da Sagrada Familia (Xesús, María e Xosé). Hai unha páxina marabillosa (para todos aqueles aos que lle gusta o tema das campás) en Internet, Inventario de las campanas de las Catedrales de España (http://www.campaners.com/php/catedral.php?numer=2256), e nela podedes ver nomes de campás galegas, entre outros moitos datos. A saber (por orde de aparición no listado do inventario citado):

Campás da Concatedral de San Xiao (Ferrol): Xesús, María e José; San Xiao menor e San Xiao maior.

Basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz): 3 campás coa inscrición habitual das campás galegas: JHS MARIA JOSE (Xesús, María e Xosé).

Catedral de Santa María (Lugo): A Mariana menor; a Mariana maior; San José, Sardiñeira; Froilana, Cana.

Logo hai unha á que chaman cimbalico, nome ben bonito que parece un aragonesismo -así o entenden os autores da páxina- pero non ten por que selo: non é un sufixo dominante en Galicia o sufixo -ico, pero documentar documéntase… se gustades, trataremos diso outro día; o que si nos gustaría saber a ciencia certa é por que lle chaman a unha das campás lucenses a sardiñeira. Lemos que a construción das torres da catedral de Lugo se custearon con parte dun imposto sobre o viño: talvez a campá se pagase con outro gravame sobre as sardiñas. 

(Detalle da campá lucense 'Sardiñeira'. Foto de campaners.com)

 

Catedral Basílica da Nosa Señora da Asunción (Mondoñedo): Aquí distinguimos o nome tradiciónal, o nome que figura na campá e o nome da bendición e rebautización das campás en 1868 e así, nesa orde, volos transcribo en series de tres nomes separados por barra vertical:

Agonía menor/ Santa Bárbara/ Fructuosa Bárbara das Dores

Agonía maior/ Juan / Gonzala Juana da Expectación

Esquilón novo/ (sen nome) / Martina de Jesús, María j José

Esquilón vello / Anepígrafa / Feliciana, Aldeodata do Patrocinio

Prima / Santiago e Rosendo / Jacoba María Concepción

Ronda / María Rosenda / Ronda Rosenda María Natividad

Paula /  Santa Paula / Paula da Asunción

Campá da traizón (na espadana; sen epigrafía ningunha).

 

(Detalla da Paula de Mondoñedo referido ao último refundidor: "Por Esteban Echebaster en Vitoria". Foto de campaners.com)

 

Ademais, en seis das sete campás o nome que figura na campá vai precedido dos tres nomes da Sagrada Familia (Jesús, María e José) ou de dous (Jesús María): faltan na máis antiga, anepígrafa e na máis moderna, a Paula, porque quebrara no XIX e fora refundida de novo en 1844 por un vasco (relembrade que os nomes da Sagrada Familia nas campás e propio da nosa tradición, de Galicia e é raro nas campás feitas fóra). Di Cunqueiro que cando a nai estaba de parto tocara a Agonía menor, que el chama Petra.

 

(A Paula de Mondoñedo: cruz con pedestal. Foto de Mª C. Álvaro e F. Llop: todas as fotos tiradas da páxina de Internet citada -campaners.com- son da autoría destas persoas)

 

Catedral de San Martiño (Ourense): Martiño, Bartolomé, Nova, Prima diario, Prima solemne, Pote, Segunda, Maior, Campá dos cuartos, Campá das horas, Campá de sinais.

Catedral do Apóstolo Santiago (Santiago): Campá de sinais, Prima Bárbara, De cuartos, Berenguela, Fogo, Prima Salomé, Ánimas, San Luis, Santiago Maior etc. 

 

(A Berenguela. Tumba do apóstolo. Foto de campaners.com)

 

Na páxina correspondente podedes ver a epigrafía: aconséllovos que leades, por exemplo, todo o que hai gravado na Berenguela (http://www.campaners.com/php/cat_campana1.php?numer=4927).

 

(Detalle da Berenguela: Santiago sedente, como patrón "das Españas". Foto de campaners.com)

 

A título de curiosidade: quixen saber por que lle chaman San Luís a unha das campás e din que non se sabe, pero detívenme a ver boa parte das 76 fotos desa campá que figuran e pensei: “ca!, é preciosa: chámanlle así porque é bonita coma un San Luís”. 

 

('A Berenguela'. Escudo real. Foto de campaners.com)


 

(A campá 'San Luís'. Detalle. Foto tirada de campaners.com)

 

Catedral de Santa María (Tui): María del Santísimo Sacramento, Santa Bárbara, María de la Soledad, San Telmo, Santa Ana etc.

Concatedral de Santa María (Vigo): Casimiro, Carme, Ángel, Santa Bárbara, Cristo da Vitoria etc.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Ata aquí por hoxe. Feliz volta ás clases e ao traballo cotiá.

 

 

(Imaxe de santa Bárbara na compostelá campá da Berenguela: supoñemos que a presenza desta santa implora ou pide protección nas treboadas. Foto de campaners.com)
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario