venres, 10 de decembro de 2021

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 

“O Xallas, vida e comunicación co FINISTERRAE peninsular”

(Vista desde o Mirador Frei Martín Sarmiento (O Enxilde))

Nace en terras de Santa Comba e discorre por este concello e tamén polos de Coristanco, A Baña, Zas, Mazaricos, Dumbría e Carnota. Debemos sinalar, ademais, o de Vimianzo, que toca no Encoro da Fervenza.

Describe unha liña Nordés – Suroeste, prolongándose polo Ézaro e as Lobeiras nun escintilante Ara Solis dos ritos de fertilidade do monte de San Guillerme do promontorio Nerio.

 O seu nome provén do término salia ‘auga corrente’, aínda que remansada nos diversos encoros, que se van sucedendo ao longo e ancho da súa canle desde finais do s. XIX: A Fervenza, Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía, quen de tocar o ceo da man do Pindo, nunha plataforma granítica olímpica, antes de deixarse caer no colo do mar Océano, sorte de cadoiro, caso singular na Europa, bica as augas salgadas cunha sensación de descanso, desafogo merecido despois de superar todos os atrancos do seu curso.

 O que son as cousas, a nova presa de Santa Uxía foi levantada nos 80 do s. XX, e de aquí ao verán do 2000 prohibiuse o desfrute desta espectacular ducha natural, dese cincelar fino na mole granítica, cal feitura de canteiro de Cotobade. 

(Encoro da Fervenza)

 

    O paradoxo é que foi inaugurado este cadoiro da man do Presidente da Xunta, Manuel Fraga, no 2000, despois do clamor popular e do traballo do tecido asociativo de toda a Costa da Morte, mención especial á Asociación Neria e ao alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, quen o segue sendo a día de hoxe, e quen terá moito que ver co adecentamento dos accesos, así como da súa iluminación, marabilla que podemos desfrutar agora nas noites da fin de semana no verán.

 Show lumínico refrescante, culminación dos seus 64 quilómetros de lonxitude, caída e colofón cal Pórtico da Gloria no Paraíso Atlántico. Os anxos turiferarios anuncian a chegada das diferentes achegas, mentras outros esculcan e pesan os feitos de vida do seu caudal acuoso, non moi lonxe da banda sonora da fervenza da Noveira, veciña da presa na parroquia de Arcos. Cando se precipita no mar somérxennos nese clímax pretérito da fin do Mundo. 

(Fervenza da Noveira)

 

     Expectante e erguido está o monte Pindo, abrazado por cantidade de lendas e ritos, nomes evocadores neste Olimpo granítico, así como en todos os núcleos de poboación da contorna: Pindo, Quilmas, A Curra, Panchés ou Caldebarcos (concello de Carnota), o Ézaro (Dumbría) ou Gures e a arqueolóxica factoría baleeira de Caneliñas (Cée). San Crimenzo, Santa Uxía, Anseán, Buxantes, Brazal, Hospital de Logos, Olveiroa (Dumbría), Corzón,  Colúns, Ribeiratorta, O Furiño, Xián, Castrelo, O Enxilde, Arcos, A Noveira, O Fieiro, Reboredo, Cabanude, Cornes (Mazaricos). 

 O Pindo é quen de levarnos a vivir diferentes períodos históricos, remontándonos aos primeiros tempos da Cristiandade entre nós con Athia (Raíña Lupa) de protagonista, pasando polo medievo cos Irmandiños (Peñafiel), ou a avanzada e máis que necesaria idade Moderna, que en Galicia virá da man de Frai Martín Sarmiento a mediados do s. XVIII.

 O beneditino andou percorrendo Galicia co seu burriño e vai dando fe do seu periplo polo litoral coruñés. Leonor Alonso Otero, Luis Antonio Giadás Álvarez e Xesús Antonio Jurjo Lado axúdannos a ler e interpretar esta auténtica viaxe iniciática; pode que nalgún momento levara o pensamento na lenda do inicio da saga nobiliar dos Mariño, na que Pero Froila se namora dunha serea, estirpe e testemuñas heráldicas de tantas casas grandes ou pazos galegos, e iso que eran tidos por nobreza de segunda. Tamén tiñan certos privilexios para o pastoreo do monte Pindo. 

(Fervenza e desembocadura do Xallas)

 

 A viaxe dou os seus froitos, a súa traza e as súas pinceladas son dignas do mellor pintor puntillista, mestura apontamentos importantes con sensacións, cal poeta romántico engaiolado polo clima e a néboa, ao fin e ao cabo morriña.

O seu percorrido acompáñanos case tres séculos despois, sae de Cée e polo litoral vai camiño de Brens; de alí vai por Berroxe, sobe ao Alto de Miñóns para alcanzar o curso do Ézaro (así lle chama el) na súa baixada a San Crimenzo, para tomar a “Barca dos Cregos” e vadear o curso fluvial. Vai nunha nave chea de historias e de contos desta ou daquela banda, de S.Pedro de Buxantes ou Santiago de Arcos. A pequena embarcación e os múltiples lugares de paso, pasais que permiten esa comunicación, para a liturxia (funerais, festas, casamentos) ou mesmo para mocear ou traballar.

 Modesto García Quintáns (“Os pasales, a barreira natural do paso sobre o Xallas”, na Revista Que pasa na Costa, 16 de Xaneiro do 2021), apunta: “O río Xallas era unha barreira natural nas comunicación entre as Terras de Santiago-Padrón-Noia e a Costa da Morte, Muxía-Fisterra”. Vainos describindo a abundancia destes pasos, a maioría asolagados por encoros ou arrasados polas enchentes. 

(Mapa de Modesto García Quintáns)

 

 Volvendo ao percorrido do monxe, pasa a parroquia de Arcos, parando a louvar a paixase e a panorámica no Enxilde, onde se lle honra coa presenza dun mirador que leva o seu nome: como fondo a presa de Santa Uxía, e ao lonxe Fisterra.

Frei Martín Sarmiento amosa unha gaiolante prosa poética do entorno no que destaca o Pindo, ano 1745.

Segundo se recolle en diferentes documentos históricos e no saber popular en Santa Uxía houbo barqueiro ata o 1951. Sería o clímax bucólico do cadro.

Faltando menos dun cuarto de século para os trescentos anos desta viaxe, diríxome nunha temperada mañán de domingo a procura de diversos territorios do Xallas inspirado polos citados autores e tamén por Natalia Lema Otero, xove baiñá que escribe sobre “OS Baos”, como parte de súa parentela, e vai sinalando os diferentes espazos e as festas e costumes, todo baixo auga. 

(Pedra Cabalgada do Brazal, Dumbría)

 

Achégome por Baíñas cara terras de Olveira, pasando por Regoelle coa mente na Arca da Piosa, paso polas Touzas e subo cara á planicie que leva ao encoro da Fervenza.  Acólleme Vilafernández, nobre asentamento lindeiro da remansada acuífera superficie, aves limícolas e de paso, invasores cangrexos americanos que forman parte da dieta das lontras.

Neste mar interior, que evoca paz e tranquilidade están os Baos, a dereita e de fronte terras de Mazaricos, de fronte tamén a parroquia de Brandoñas (Zas), a esquerda Vimianzo, cantos pasais quedaron baixo as augas, cantas leiras e cortiñas, cantas casiñas abandonadas á súa sorte hai más de medio século.

Polas inmediacións do Couquiño baixo a San Martiño de Olveira, logo pola estrada vou divisando a Boudañeira e Lucín ata chegar a Olveiroa, cal burgo medieval no Camiño de Fisterra-Muxía, dá gusto pasear polas súas rúas. Sigo cara á Ponte Olveira, cerca chegan os ecos da liorta cos franceses, así como o propio topónimo da capital municipal, A Picota.

A ponte sobre o Xallas separa e une Dumbría e Mazaricos, o concello galego con máis gando vacuno censado. Recende a silo, a maquinaria agrícola invádeo todo, predios, camiños e pistas da parcelaria.

    En Corzón, nas terras mazaricáns da Ponte Olveira, dáseme por pensar nas diferentes transacións comerciais e mercantís da súa feira, letras de cambio redactadas oralmente e rubricadas dando “a súa palabra” (dar a palabra era o mellor aval). Da ampla contorna acudían para mercar ou vender gando, porcos, vacas, e outras mercadorías. Aínda me chega o recendo de tixolas e potas cocendo o polvo e outras viandas, adubiado con viño do Ribeiro ou aguardente. Os homes chegaban cos seus paraugas colgados detrás da caluga, de xénero negro, grandes, de “sete parroquias”. Os diferentes produtos estaban expostos nunha sorte de pendellos da parte dumbriesa.

Para entrar en calor entro no albergue de Corzón, aquí cruzan os peregrinos que prolongan a súa viaxe a Fisterra ou a Muxía, tamén as xentes que viaxan de Fisterra e Soneira a Mazaricos, Muros e Noia.

Remexendo o café repouso o visto, penso en castros, dólmens, pasais… e nas xentiñas do Niñán e dos Baos que tiveron que deixar a súa terra por predios alleos, a onde foron parar? A Santa Comba, a Picota A Zas e en territorio vimiancés, a Baíñas e a Castrelo.

Releo dentro de min algunha pasaxe de Natalia Lema, penso nas miñas veciñas, Maruxa e Primitiva, e mesmo no tío Domingos. Non fai moito tomei conciencia do que debeu ser a parroquia de Santo Tomé dos Baos, hoxe trasladada pedra a pedra cal Portomarín atlántico. O temática é recorrente nas festas da casa do tío en Cambeda, cidades asolagadas, antes por non crer e non hai tanto polo progreso.

Continúo preto do Xallas, paso pola parroquia de Colúns, templo granítico de esvelta feitura. Subo o monte e vén visitarme a néboa, aparecen na escena os primeiros coches de cazadores, pouco a pouco volvo á consciencia xeográfica: Ribeiratorta, o Furiño, o Xián, e por fin… O Enxilde, mágoa de tempo, “metereoloxía antiselfie”, diante de min, o mirador adicado a Frai Martín Sarmiento, marco e enclave panorámico para grandes angulares, o monte Pindo, Santa Uxía, igrexa, aldea e presa, Arcos, co seu maxestuoso templo, lugar ben coidado, ao fondo a ría de Corcubión e a fin da terra emerxida.

Con tanta brincadeira achégome á fervenza da Noveira, quedo pampo co seu martelear hidraúlico sobre a rocha nai. Refresco e aireo os meus pensamentos. Paso o Lugariño e o Fierio antes de cruzar a presa de Santa Uxía, para rematar no mirador do Ézaro, auténtico Tourmalet das rondas ciclistas galega e española. Por sorte mellorou a climatoloxía e crúzome con centos de flashes tirando instantáneas. De baixada cara ó núcleo do Ézaro paso por parte do percorrido inicial de Sarmiento.

Podemos tomar conciencia da súa viaxe iniciática sen axuda das últimas tecnoloxías, GPS, Google Maps, sen medio de locomoción e o único apoio loxístico do seu burriño. A Concentración Parcelaria e o trazado de pistas asfaltadas son da semana pasada.

Importante a súa viaxe, importante o seu legado. Agardo que pronto poidamos saír en grupo a compartir estas pequenas cousas, confidencias, xantares e contos polas corredoiras da nosa xeografía, da nosa Galicia profunda.

Antonio Fondo Rodríguez (outono do 2021)

2 comentarios:

  1. Da gusto Ter un curmán con tantos e enriquecedores coñecementos e ese transmitir poético....cal bardo galaico!! Un bikaSo!!

    ResponderEliminar
  2. Grazas a ti por lerme. O maior placer da escrita e que a disfrute quen a le.

    ResponderEliminar