mércores, 24 de novembro de 2021

ENTREVISTAS

 

ENTREVISTA A FELIPE ARIAS VILAS, ARQUEÓLOGO GALEGO

 

(Felipe Arias Vilas. Todas as fotos, agás unha, son xentileza do entrevistado)

 

1ª. A primeira pregunta sempre é de rigor: Onde estudou o bacharelato? Garda algunha lembranza especial dalgún profesor?

Estudei todo o bacharelato no Instituto Masculino (hoxe Lucus Augusti) de Lugo, e teño un especial recordo (positivo) de 3 profesores: o de Grego d. Joan Vaqué Jordi, o de Latín d. Amable Veiga Arias e o de Literatura d. Xesús Alonso Montero. Recordo negativo tamén hai algún pero que prefiro non lembrar...


 
2ª. Fálenos do seu labor no Castro de Viladonga, na fundación do seu museo: 

A fins dos anos 70, estando eu no Museo Provincial de Lugo, o iniciador das escavacións en Viladonga, Manuel Chamoso Lamas, pediume que lle axudara, pero ata 1982 non me fixen cargo da dirección dos traballos no castro, que daquela dependía do Ministerio de Cultura. Poucos anos despois, e desenvolvendo unha idea do mesmo Chamoso, conseguimos que o Ministerio creara o Museo do xacemento en 1983 e logo o fose dotando de recursos e de persoal. O Museo, que viña completar decisivamente a importancia patrimonial do castro, abriu ó público en novembro de 1986 -ou sexa hai 35 anos- na súa primeira instalación, pois logo habería dúas grandes reformas máis, incluída a súa ampliación en 1992 cando a súa  xestión xa dependía da Xunta de Galicia. En resumo, eu botei máis de 32 anos traballando en Viladonga e dedicando iguales esforzos á investigación arqueolóxica e histórica que á conservación e difusión patrimonial para toda a sociedade.

 

(Castro lucense de Viladonga)

 


3ª. Este ano cúmprese o 50 aniversario des que empezaron as escavacións arqueolóxicas no castro. Como o celebraron ou celebran?

O Museo, baixo a actual dirección, ten en marcha varias actividades conmemorativas, especialmente unha exposición e unha publicación, ademais de recorrer hoxe tamén á difusión da celebración dos 50 anos nas redes sociais. Nese e noutros labores sempre conta co apoio da Asociación de Amigos do Castro e do Museo, que xa se creou en 1989 e que entre 1991 e 2005 se encargou da publicación anual dun Boletín de investigación científica e difusión cultural, denominado Croa, que agora edita a Xunta. 

 


 

4ª. Vostede ten que estar orgulloso, case que por forza, do seu papel na historia da cultura de Galicia. Sentou as bases dun modelo de xestión de parte importante do noso patrimonio. Cal é o segredo? Por que non hai moitos máis proxectos coma o de Viladonga no país, porque exceptuando quizais o de san Cibrán de Las…?

En conxunto, estou satisfeito da miña vida profesional vinculada á arqueoloxía e á historia e, sobre todo, ó patrimonio cultural, pero sempre queda a idea de que se podería facer máis, aínda que o mundo do patrimonio é abondo complexo, incluso socialmente, e non sempre se consegue todo o que un cre que se debería facer.

En efecto, Viladonga converteuse nunha referencia pioneira se pensamos que a fins dos anos 80 era o único xacemento que contaba cun museo propio e que funcionara plenamente como tal; daquela, na Península Ibérica os exemplos similares case se contaban cos dedos dunha man... Afortunadamente, o panorama, tamén en Galicia, foi cambiando, pero é ben certo que ós poucos e paseniñamente, e utilizando outras formas patrimoniais como os centros de interpretación (caso de S. Cibrao de Las) ou similares, porque museos monográficos (pero de incidencia moito máis que comarcal) seguen sendo moi escasos. Moitas veces, por desgraza, créanse “museos” ou centros que logo, cando pasan unhas eleccións, se deixan no esquecemento ou deixan de apoiarse e de dotarse como se debera.

 


 

5ª. Despois de vostede, viñeron outros arqueólogos e continuaron o vieiro, o camiño por vostede aberto: velaí está ese magnífico alxibe. Fálenos un pouquiño dese achado, por favor.

Na zona onde apareceu, no ángulo N.E. da coroa do castro, xa descubriramos nos anos 80 parte dunha construción que non parecía unha casa “normal” máis da croa, pero en efecto foi nos últimos anos cando se completou a escavación dese alxibe, un elemento que, por outro lado, cada vez aparece con maior frecuencia, e con certa lóxica, noutros grandes castros.

6ª. Que está vostede lendo arestora, señor Arias?

Habitualmente leo temas de arqueoloxía, historia ou patrimonio en xeral, e tamén de lingua e literatura galegas ou guías de viaxe... En xeral teño 2 libros ou obras “abertas” de xeito simultáneo para ir alternando. Por exemplo, agora estou coas Actas dun Congreso sobre Cultura Castrexa celebrado en 2018 en Portugal e tamén co último número da revista galega Encrucillada.




7ª. Fáganos un breve balance final. Que lle pide aínda á Providencia, ao fatum, ao futuro?

Pouca cousa pero que, en realidade, xa é moito: por un lado, poder seguir traballando a aprendendo nos temas que me gustan, e por outro, poder seguir dedicándome á familia e ver medrar os netos (9) que temos. Cando un ten 72 anos e xa pasou moitas, pois só pensas que hai que ir indo...

 

 


Graciñas mil ó blog Cazatesouros por interesarvos por min.

Felipe Arias Vilas

 

 

(Esta foto, coas dúas panteiras xuncidas, fermoso obxecto aparecido no Castro, está tirada de Internet)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario