xoves, 23 de setembro de 2021

A NOSA CASA

A NOSA CASA

A ARCADA DO INSTITUTO ‘EUSEBIO DA GUARDA’

(A arcada do Pavillón Novo. Foto feita por Charo Soto)
 

Na vida pasa moitas veces así: hai cousas que estás canso de ver e que pasan desapercibidas, non chaman especialmente a nosa atención por formar parte, precisamente, do cotián. A min pasoume cos arcos da parte posterior do noso Instituto, a arcada que dá á avenida de Pedro Barrié de la Maza. Un día, hai moitos anos xa, comentou Mercedes Sampayo -amiga, contertuliana, profesora de matemáticas que foi de varios de vós-, ao tempo que as sinalaba, o Concello retiroulles a protección… E nós preguntamos: -E logo?, por que estaban protexidas? E así foi como tivemos noticia por primeira vez de que eses arcos procedían do vello hospital coruñés, en cuxa fundación interveu a moi relembrada Teresa Herrera, chamado da Caridade e tamén vinculado a Isabel Zendal (traballou nel) e á expedición da vacina a América, a chamada Expedición Balmis. Sobre ese hospital falaremos outro día. 

 

(Foto tomada de Internet. Vense ben os arcos no vello hospital coruñés, parte dos cales están hoxe na nosa casa)


 

Hoxe bástenos recordar que a súa construción foi iniciada en 1791, que o seu arquitecto fora Fernando Domínguez Romay e que estaba situado na zona entre as dúas murallas, preto do Convento das Capuchinas, na rúa que conserva o nome(Hospital). A demolición do hospital ten lugar na década de 1960 pero algo daquela fábrica é conservado: algúns arcos son transladados á nosa casa e parte mínima é levada á casa-pazo de Cornide. Os arcos eran moi altos e houbo que rebaixalos un pouquiño para que encaixasen no novo destino. Se non erra a nosa memoria os orixinais son nove, contando desde a rúa Modesta Goucouría. A quen lle debemos que se conservasen, a quen lle debemos ese traslado? No que nós sabemos ao daquela arquitecto municipal, o señor Antonio Tenreiro, a quen Deus teña na merecida gloria. 

 

(Fotos de arquivo. Vemos a sinatura do arquitecto municipal Antonio Tenreiro)

Volvo apelar á memoria (que xa non é o que era…): se non erramos, rompeu unha lanza a favor desa conservación o señor Ángel del Castillo (merece tamén unha páxina do noso blog: foi profesor -brevemente- no noso Instituto, grande coñecedor dos nosos monumentos, de Galicia, académico, ilustre persoeiro).

 

(Señores Estelles e Tenreiro, foto tomada de Internet)
 

 Permitídeme que vos diga que parte destes datos xa os publicamos no libro conmemorativo dos 125 anos de Instituto da Guarda: no artigo titulado “Breve historia do Instituto. Datas relevantes” (p. 154) aludimos ao profesor Alfredo Vigo, quen nun seu libro publicado no 2007 nos ilustra sobre eses restos arquitectónicos importantes. Hónrome en poder engadir que a miña promoción de bacharelato foi a primeira en inaugurar o chamado ‘Pavillón Novo’, con eses arcos a el incorporado. 

 

 


 
(Planos de J. González Cebrián custodiados na nosa casa. Pavillón Novo)

O deseño dese pavillón foi obra do arquitecto cordobés J. González Cebrián, un home ben establecido na Coruña (onde deixou sólidas raíces), ganador dun Premio Nacional de Arquitectura. Antes de despedirnos, réstanos volver ao asunto da protección desa arcada coruñesa de importancia histórica innegable. Quixemos saber que pasa coa súa protección institucional. Puxémonos en contacto co noso apreciado colega Manuel Regueiro, tamén ex profesor dalgúns de vós, e de contado -grazas desde aquí pola xentileza para connosco- achegounos información fidedigna do Concelleiro de Urbanismo: os arcos non gozan xa, efectivamente, da protección integral (categoría máxima da que desfruta o edificio principal do noso Instituto), pero seguen a gozar dunha certa protección, protección ambiental. Se esa recategorización é ou non suficiente eu non logro afirmar nin negar nada. Pero voces entendidas (por exemplo, a arqueóloga ben versada en leis do noso patrimonio, Purificación Soto) din que si. Así o esperamos e queremos, os que amamos a nosa cidade, A Coruña. Feliz inicio do outono!

 

(Colocación dos arcos do vello hospital na parte posterior do noso Instituto. Sobre eles ou a partir desa instalación proxectarase a construción do Pavillón Novo. A foto, tirada de Internet, é da década dos 60, por forza anterior a 1966, cando nós inauguramos ese pavillón, en primeiro de bacharelato)


(Foto do Hospital da Caridade. Tirada de Internet)
 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario