venres, 8 de outubro de 2021

ENTREVISTAS

 

ENTREVISTA A AIDA, OLAIA E SABELA: AS TANXUGUEIRAS.

 

(As fotos son xentileza das Tanxugueiras. Foron feitas pola fotógrafa Rocío Cibes)

 

Mª R. Soto: En que Instituto estudastes e que lembranzas gardades dos profesores, se é que gardades algunha?

 

-Olaia e Sabela estudaron no IES Pontepedriña, en Santiago de Compostela, e Aida no instituto N°1 de Ribeira. Foron moitos anos das nosas vidas, así que temos de todo! Todas tivemos profes que nos marcaron tanto para ben...coma para non tan ben. Mais cómpre dicir que é unha época ben curiosa e intensa da vida!

 

-Sobre o nome, Tanxugueiras: xa sei porque o lin no 'Portal das Palabras' que é o nome dunha terra, dun prado ou leira... Pero por que ese nome en particular? Pola propia beleza e/ou rareza da palabra? Algunha asociación cun momento feliz da infancia talvez? Porque era un terreo dos pais, avós ou así?

 

-Foi amor a primeira vista! Escoitámolo e quedamos namoradas tanto da palabra en si como da súa sonoridade, pero non ten ningunha relación directa con nós. É toponimia de Fumaces (no Concello de Riós, na provincia de Ourense).



-No vídeo de FIGA, se non falla a miña memoria, hai unha poliña de flor de toxo ou flor de xesta? Simboliza algo en especial para vós?


-Si. A flor da xesta aparece no vídeo, pero é tamén a imaxe de portada do tema, na que sae unha rapaza co sombreiro e pano tradicional.

A base da nosa música é a tradición. Para nós é fundamental pór en valor aqueles elementos que forman parte do noso patrimonio material ou inmaterial. Figa (nome que remite ao amuleto contra o mal de ollo) é un tema que, coma toda a nosa música, bebe de coplas e simboloxías tradicionais, e que aquí mesturamos con líricas de creación propia e sonoridades modernas. Por iso, á vez que escoitamos bases electrónicas, vemos o lume, a flor da xesta ou mesmo vestiario e xoiería tradicional galega. 




-Que estades lendo nestes últimos tempos?

Gozamos moito coa lectura. Habitualmente lemos moitos libros ou documentos sobre música tradicional. Como sabedes, as coplas que cantaban as mulleres son fundamentais nas nosas cancións e cremos que é moi importante coñecer, e recoñecer, as súas creacións. En Galicia temos grandes narradoras e poetas que nunca foron recoñecidas pero que sen elas a nosa música e a nosa cultura non sería o que é.

 

Alén de navegar polos arquivos gústanos ler autoras cunha voz e identidade propia, lecturas das que gozamos e coas que sempre aprendemos. Berta Dávila, Míriam Ferradáns, Rosalía Fernández Rial... son moitas as mulleres que escriben (e moi ben) na nosa lingua e que vos recomendamos coñecer!  Nas últimas semanas polas nosas mesiñas tamén pasaron Teoría King Kong, de Virginie Despentes, e A froita do coñecemento, de Liv Strömquist.

 

Moitas grazas por dedicarnos do voso tempo e moitos éxitos no futuro!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario