venres, 12 de xuño de 2020

GALICIA


LONDRAS EN GALICIA




 (Corredor do noso Instituto, con aves disecadas, algunha pertencente no seu día ao naturalista V. López Seoane) 


E aproveitando, nunca mellor dito, que o Pisuerga pasa por Valladolid, hoxe imos falar de londras galegas. Seguro que xa sabedes a santo de que encetamos este tema. Si, efectivamente, pola suposta presenza dun crocodilo nas ribeiras do río Pisuerga (o vello Pisoraca: se fose un río galaico, a evolución fonética non pasaría de Pisorga). Moitos de nós somos escépticos e pensamos que realmente o que viu a rapazada é unha londra; aínda que como diría o outro, unha nos doe e outra nos proe, quer dicir, dubidamos, porque dunha banda sabemos que hai xente desalmada que compra raras mascotas e logo desfaise delas e doutra banda, hai tanta xente que na vida viu unha londra…

 (Do noso gabinete de Historia Natural. Da colección de láminas antigas)

E que queredes que vos diga? Se debo ser sincera -e convosco procuro sempre selo- o tema é precioso, porque o animal o é e sono tamén, interesantes, as implicacións, os ramais secundarios. Imos seguir o fío que nos trouxo aquí con fidelidade: a ver, non son amiga de manter moitas charlas (chats en inglés) no móbil. De tres que teño abertas, nisto só xogaron dúas. Entroume un chiste bo, deses que fan sorrir [Vese un crocodilo entrevistado, fálalle ao micro: -E que fai vostede polo Pisuerga? -Ata que empece a fase 3 non podo volver ao Nilo] e remítollo ao grupo familiar comentando aquilo de que moitos de nós nunca vimos unha londra -eu a primeira, e xa me gustaría- ao vivo. Apenas se ven xa. E miña irmá retrucou que estaba moi equivocada, e que en Arteixo varias persoas da miña idade si que as viran. Iso picou a miña curiosidade, e abrín a canle do grupo do Instituto. A colaboración foi magnífica, tanto que aquí estamos.

1º responde Antonio, o administrador da charla: lontras, grandes comedoras de troitas, hainas no curso final do Sar en Padrón, eu nunca as vin, non son pescador, pero contábamo algún alumno troiteiro.

2ª responde Dulce: Eu vin unha no Eume

3ª, Noemí: Eu vina unha soa vez, penso que era cerca de Belesar

Dulce engade: Faciamos ‘Kayak’ e ela atravesaba o encoro tan pancha…

4ª, Gloria dinos: Eu vin unha noite un grupo delas nun camiño á beira dun regato en Benquerencia. Viña comigo unha bióloga que ao día seguinte buscou pegadas para saber qué eran os bichazos que se nos cruzaran.

5ª, Ana comenta: Nós vimos unha o 11 de marzo fronte á praia de Riazor (e mándanos o vídeo!)

6ª, Fe, ao igual que María José, pregunta se teñen que ser galegas… Fe, por exemplo, viunas en Noruega…E Luis aproveita para comentar que seguramente hai unha londra galega na lúa (seguro!, dille Fe, e digo eu tamén…).

7ª, Rosa cóntanos que as viu preto de Melide, no río Furelos, nunha ruta duns 6 quilómetros, eran dúas e botáronse rapidamente á auga…, é unha zona onde hai anos se explotaba un sobreiral…

8ª, Pilar tamén intervén: Había bastantes nunha casa á que eu fun, ao lado dun río, na zona entre Betanzos e Irixoa.

Antes de seguir, moitas grazas a todos pola vosa amable e pronta colaboración.


 (Imaxe, tamén antiga, do noso Instituto amado)

Fomos ver variantes da voz londra no DdD, hai unha chea delas: londre lóndrega, lóndriga, variantes ás que cómpre sumar as que recolle o sempre ricaz e sabio Eligio Rivas:

en Ferreira do Valadouro loutra (vocalización de lontra); Bierzo, lundre, lundria.



Que riqueza! Nunca canso de marabillarme da nosa riqueza léxica, do Noroeste en particular, da península en xeral… Pero o súmmum, o culme da marabilla xa foi saber, mercé á entrada no DdD do lexicógrafo D. Eladio Rodríguez:



y aunque Buffon dijo que jamás pudo domesticar uno de estos animales, el naturalista gallego López Seoane dice que tuvo un ejemplar que le seguía por la casa a él y a su familia y criados, y aún le acompañaba al jardín y a la playa que estaba próxima.



Xa vedes, non puiden por menos de relembrar aquel gato, Patocho, que acompañaba mellor ca un can, o meu sogro nos seus paseos ao monte, percorría quilómetros detrás del…

Víctor López Seoane ben merece que abramos un novo ramal. Foi un grande científico e aconséllovos que leades algo da súa frutífera vida na rede. Como foi profesor no primeiro Instituto coruñés, non está de máis que recordemos algo do que se publicou sobre el no libro con que conmemoramos os 125 anos de Instituto da Guarda:

O Gabinete do Instituto coruñés estivo constituído inicialmente por elementos da colección do primeiro profesor de Historia Natural, o naturalista Víctor López Seoane. Pouco despois dotóuselle dos fondos propios, para o que se recorreu ao procedemento habitual na época, a merca de material en París. Dos 22.002 reais e 59 céntimos destinados á adquisición de “material” en 1865, 5.890 reais empregáronse na adquisición na firma de Mr. Eloffe de obxectos para o Gabinete de Historia Natural[1].

En anos sucesivos o Gabinete recibiu contribucións diversas, xeralmente agasallos de particulares. A situación mudou algo desde os derradeiros anos setenta, pois nese nese tempo, 1876,  o Instituto acadou a categoría de “provincial” e puido dispoñer de maiores ingresos, que  permitiron interesantes adquisicións.

Xa na nova ubicación da praza de Pontevedra, en decembro de 1890, o naturalista  Seoane agasallou ao Instituto cun exemplar dunha ave, un mascato (Sula bassana,  “en librea de un año, cazado en alta mar cerca de las costas de la Coruña”).

(“As  Ciencias nas aulas do Instituto”, da autoría de Xosé A. Fraga)



Por hoxe ímolo deixar aquí. Na recámara inda queda unha pequena entrevista co ex alumno de Antonio, o pescador troiteiro que topara londras… Proximamente. Deixádeme só, antes do remate, que pregunte en voz alta onde está arestora ese mascato espléndido (Sula bassana… sabedes que Sula é nome de muller? Hónrome en ter unha amiga así chamada, de Alabama, xa lle dixen que cabía a posibilidade de ter ela na ave mariña a explicación sobre a orixe dese atípico nome… leve posibilidade quizais, pero aí está…). Puxémonos á fala co señor Fraga e díxonos que de estar aínda en bo estado de conservación, tería que estar no Instituto irmán (na Coruña só hai 2 Centros históricos), no Salvador de Madariaga. Queda pendente esa averiguación.



Aquí despedímonos. Feliz fase 3! E relembrade que o confinamento noso fixo a felicidade doutros seres... Non foi en balde o sacrificio, xa que logo...





:::::::::::::::::::::::::::::::



Lontra na Ría do Burgo:









[1] (1866): Memoria leída en el día 16 de setiembre de 1865 en el Instituto local de 2ª enseñanza de La Coruña. Coruña: Establecimiento Tipográfico Puga, p. XIII.

Ningún comentario:

Publicar un comentario