xoves, 25 de xuño de 2020

ENTREVISTA A LOLA E MILUCA

Benqueridos lectores e seguidores (followers) do noso blog!
Dentro da campaña da Biblioteca do IES Eusebio da Guarda para o curso 2019/20: E logo ti, de quen vés sendo? e na sección “OS ROSTROS DA CRISE”. Continuamos dándolle voz a unha serie de personaxes que están en primeira liña, neste caso son dúas voluntarias voluntariosas das Cáritas parroquiais de S. Vicenzo de Elviña e S. Fernando de Feáns (que ata a segunda metade do s.XX, pertencía á parroquia de Elviña, o nexo visual que as xungue é o famoso castro)
            Historicamente Elviña é un territorio dependente do mosteiro de Cambre, e o actual templo parroquial ten unha serie de similitudes co de Cambre. Elviña dou nome a unha lea ou batalla que se rememora cada ano en diferentes paraxes coruñesas, pero que tivo a súa principal confrontación nesta demarcación, xusto diante do templo. Tamén aparece descrita na Viaxe do Pai Sarmiento, e incluso hai fontes que sinalan a súa orixe antes da do burgo medieval da Coruña.
            Hoxe imos falar con dúas freguesas, dúas mulleres de ben e coa experiencia que dan os anos e as vivencias.
            Presentamos primeiramente a Lola (Mª Dolores Fernández de la Iglesia): naceu ao pouco do remate da Guerra Civil, alá polo ano 1942, é a maior dunha familia de dez irmáns, como di ela, “máis que unha familia, somos un clan”, polo ben que se levan. Persoa amable e responsable.
            Asistiu con bastante éxito á escola do barrio, e incluso a mestra lle recomendou á súa familia que lle permitiran facer a secundaria no “Instituto”, o noso centro, pero a familia non tiña posibles, aínda que tiñan unhas leiras e o avó un bo oficio, así como os pais, mais eran moitas bocas á hora de comer.
            Entón, cal foi o camino que tomáchedes?
-Fun de aprendiz a unha fábrica de bolsos, e logo aprender costura. Con 18 anos caseime, o meu marido era un ano maior ca min. Douse a casualidade ou o destino que tivo que facer a mili, cando xa nacera o noso fillo maior, e fíxoa en Melilla. Durante ese tempo de servizo militar, con autorización escrita e asinada por el, fun traballar a Suiza, quedando o neno ao cargo dos meus pais.
Á volta da mili o meu marido incorporouse de novo como torneiro á Fábrica de Tabacos.

Cambiou algo a vosa vida con ese emprego?
-Si que cambiou, a el non lle gustaba que traballara fóra da casa, así que me adicaba á loxística familiar e a coser. Ata que cando el tiña 37 anos faleceu. Entón si que fun traballar, para que os nosos fillos puideran seguir estudando, un tiña dezaoito e o outro cinco.
Despois de rematar os estudos o maior entrou a traballar na Fábrica de Tabacos, e co tempo o máis novo aprobou unha oposición de Persoal de servizos sanitarios.
Eu seguín traballando ata a xubilación, sempre no sector textil.
Como foi o de entrar de voluntaria en Cáritas?
Pois fará uns seis ou sete anos, o párroco e Miluca preguntáronme se podía botar unha man, así empecei, aínda que fai anos que non vivo na parroquia, síntome moi vencellada e son moi de Elviña.
Que vós reporta este voluntariado?
Sempre me tirou o espírito solidario, son a maior de dez irmáns e sempre estou disposta a axudar.
Aquí traballamos, pero todo o mundo me aporta algo, sempre me paro a falar con todo o mundo, creo que é algo moi humano, a tamén me gusta falar cos usuarios do noso servizo, algúns teñen situcións e panoramas moi complicados.
Podería darnos unha valoración do labor de Cáritas durante o estado de alarma?
Eu daríalle un 10, se houbera estas axudas cando eu me criei ou cando criei aos meus fillos...
Temos entendido que nestas duas cáritas parroquiais, cadaquén ten uns encargos ou especialidades, tamén nós dixeron que asesora para diferentes receitas culinarias. É certo iso?
Si que é certo, hai quen se encarga do “papeleo”, da recollida e do transporte, e hai quen prepara e axuda nos repartos. Eu fago un pouco de todo, o que se precise, limpo o peixe e envásoo, tamén envaso os polos e a carne, e logo axudo a preparar e repartir os paquetes.
Está cómoda co resto dos voluntarios?
Somos unha pequena familia, e temos moi bo ambiente, que tratamos de contaxiar ás familias usuarias. Sempre intentamos servir e ter unha boa palabra para todos.

  (Lola Fernández)


(Miluca Maceiras)




Agora pasamos a falar con Miluca (Emilia Maceiras Bermúdez), Miluca tamén naceu, criouse e segue vivindo na parroquia de Elviña. Ten case 72 anos, está casada con Rafael e ten un fillo e unha filla. Terceira dunha familia de seis irmáns. Muller enérxica e decidida.
Seu pai marchou traballar a Euskadi como albanel, era o boom dos altos fornos e da siderurxia. Logo emigrou a Venezuela, xa hai máis de 60 anos. “Ao principio escribía e mantíñamos correspondecia con el, pero despois do sexto ou sétimo ano estivemos moito tempo sen saber del, sen dar sinais de vida. Miña nai e nós incluso recorremos á embaixada.
Despois de máis de trinta anos voltou, estivo un mes ou dous e volta para Venezuela, donde morreu, e máis nada”.
-“Viúvas de vivos e viúvas de mortos”?
Miña nai sería un bo exemplo, tanto foi así que incluso lle expediron a Cartilla de Racionamento, pero nunca quixo facer uso dela.
Pronto empezamos a traballar os irmáns maiores, con catorce ou 15 anos.
-Cando e onde empezades vós a traballar?
Fun á escola, e logo estando empregada examineime para obter o certificado de Estudos Primarios.
Traballei dous anos na tintorería Rama, e logo na Emperatriz máis de 30 anos.
-Cando empezades a colaborar coa parroquia de S.Vicenzo de Elviña?
Xa co anterior párroco, D. José Acuña, durante uns cinco anos, e agora desde que veu D. José Olveira, polo menos outros vintecinco máis. Tanto participo no coro, como axudo co tema das flores e da limpeza do templo, así como na administración e na asociación do cemiterio.
-Que supón para vós o servizo de Cáritas?
Unha satisfacción saber que podemos aportar algo á xente necesitada, algunhas situación son difíciles e penosas. Temos un equipo moi eficiente e ben levado. Tanto traballamos, colocamos, limpamos, repartimos, como contamos un conto ou botamos unha parrafada.
-A Lola tamén lle pedimos opinión sobre as axudas de hoxe en día e as da vosa nenez ou de cando estábades casadas e con fillos.
Multiplicáronse moito, en parte grazas ó labor de Cáritas.
-Son agradecidas as familias usuarias?
Uns máis que outros, nalgunha ocasión sen bebelo nin comelo, vímonos no medio dalgunha lea allea a nós, tendo que intentar separalos e levando algún recordo. Hai xente moi agradecida, e incluso os hai que cando deixan de vir por mellorar a súa situación nós fan chegar o seu cariño e agradecemento. Tamén os hai que esixen ou pagan connosco as súas frustracións.

Ata aquí a nosa pequena homenaxe a todo ese exército solidadrio de formigas que forman Cáritas, e que intentan estar sempre ao lado dos máis débiles.
Son servidores de primeira liña, tiveron e seguen a ter un papel moi importante nas nosas vidas. Non queremos deixar de citar a varios dos compañeiros que tanto axudaron: Vicente, Carmen, Carlos, Luis, Mari Carmen, Salvador, Jesusa, Rogelio, Teresa, Pablo C, Pablo P., Alberto, Paloma, Germán T., Germán P., Mª Olga, José Antonio, Mª José, Stella, Antonio D, Rosa, Manolo, José, Antonio, Raquel, Esther, Laura…


( 1ª metade do s.XX -Elviña)



(Reparto en Elviña durante a pandemia) -  (Lola e Miluca)

Antonio Fondo Rodríguez






Ningún comentario:

Publicar un comentario