xoves, 9 de maio de 2019

DÍA DE EUROPA


9 DE MAIO: DÍA DE EUROPA


SOMOS EUROPEOS. MAIS SOMOS EUROPEÍSTAS?



Somos europeos, si (somos europeos e participamos en empresas europeas desde sempre: comerciamos co Mediterráneo e cos pobos nórdicos, cruzamos sangue e matrimoniamos con francos, normandos e xermanos; compartimos trazos culturais europeos: filiación lingüística indo-europea, megalistismo, celtismo, romanización, cristianización, románico, gótico...; exportamos cultura a Europa polo Camiño de Santiago, pola arabización da península e logo a través da hispanización do chamado Novo Mundo...), pero a cuestión aquí e agora, en véspera das eleccións europeas, é esta: somos europeístas? Queremos a unidade política, socio-cultural e socio-económica de Europa? Somos partidarios de progresar nese desiderátum? Porque claro, pensar que a Unión xa está feita é pensar mal. Hai moito por facer.  



Quizais sexa o primordial é estarmos informados. Non é doado. Diríase que as estruturas europeas son algo plúmbeas, arredadas, parecen alleas ao noso día a día... E porén non é tampouco así. O que se coce nesas Institucións tócanos directamente. Tócanos a carteira, tócanos o corazón (os matrimonios e emparellamentos grazas aos Erasmus...) e ás veces, móvenos a paciencia. E reclamamos. E quixeramos que funcionasen mellor as cousas. Vouvos poñer un par de exempliños: unha vez, viaxando por Austria -país dentro da Unión, por se dubidabades- tivemos que asumir unha boa multa porque non pagaramos a peaxe obrigada en canto pos o pé nas súas autoestradas. Pareceunos tremendamente inxusto que os carteis anunciadores do pago estivesen só en alemán. A ver, a Unión pide necesariamente plurilingüismo: pide polo menos a presenza dunha lingua do grupo románico [o luso-brasileiro é falado por millóns de persoas, e o francés continental e non continental tamén, e arestora o español é falado por 577 millóns de persoas no planeta e inda que moitas o teñen como lingua B, como lle pasa ao galego en Galicia, pensade nos millóns de falantes de español de EEUU, hoxe por hoxe -insisto- este idioma ocupa o segundo lugar por número de falantes no mundo, e iso ten moito peso en xeral, mais pouco aínda en Europa]. Outra vez  quixen comprar bombillas que non fosen de mercurio (hai anos, pero non tantos, inda non había as luces led: non quería as de mercurio porque son perigosas cando rompen e custa moito localizar onde se reciclan ou se reciclaban). Pois non atopei ningunha porque unha directiva europea chimpara con elas -coas “normais”- de vez, en favor das de mercurio. “Ah... e como foi iso? E cando o decidiron?...”. En fin, inda onte mesmo, no telexornal: non sei se oístes aos traballadores asturianos dunha multinacional do aceiro cuxos postos de traballo perigan: esixían á Unión Europea que afrontasen dunha santa vez o tema dos aranceis: querían que Europa lle puxese aranceis ao aceiro “sucio” -que non paga peaxe ecolóxica- de Asia... [unha cuestión moi complexa na que non podemos entrar demasiado: a política arancelaria é un tema interesante para debater talvez na aula cos vosos profesores de historia: tende en conta só que se gravamos o que vén doutro país, ese país tamén pode gravar o que eu lle compro, ou pode deixar de comprarme por exemplo, o que eu fabrico... E para que nos fagamos unha idea: hai moitos europeos que compran tecnoloxía e coches de Asia, mentres que eles nos compran trens, avións etc. Quero dicir, que ante taboleiros de xogo con tantas implicacións, é importantísimo ter representantes capaces alí onde se toman decisións].



E con isto, volvemos ao de antes. Fundamental é saber, estar informado. De aí que hoxe nos conformemos con mover minimamente a vosa curiosidade. Informádevos hoxe para votar mañá. Como te informas? Claro, esa é outra... Por que non hai nos medios de comunicación públicos un espazo fixo, diario, sobre o que se coce nas Institucións europeas? Porque non vende? Vende o fútbol, vende o tempo meteorolóxico, vende o que se lareta en papel cuché... Pois deberían importarnos máis cousas.


O NOSO INSTITUTO É EUROPEÍSTA



E nós gabámonos, alegrámonos de podelo dicir así. A principios deste curso o noso Instituto foi nomeado Escola Embaixadora do Parlamento Europeo. Foi a profesora de lingua e literatura galegas e Xefa do departamento, dona Benigna Vidal Tomé, a promotora e encargada de integrar o centro nese programa. O programa Escuela Embajadora naceu hai tres anos en Madrid co obxectivo de darlle visibilidade ás actividades lexislativas do Parlamento Europeo e difundir información sobre a democracia europea. Os alumnos máis directamente implicados son os de primeiro de bacharelato da materia de Oratoria,  en canto que son eles os embajadores júnior, os que parcipan en debates sobre as actividades parlamentarias europeas e os que poden participar en concursos a nivel estatal dentro deste programa.

 (Visitounos para falar de Europa o señor D. José Blanco, acompañado na foto dos profesores M. Regueira, Mª I. Quiroga, B. Vidal e da directora do centro, I. Ruso)


Tamén quixemos saber se o noso profesorado é europeísta, así que tenteamos a súa opinión. Pedímoslle a uns cantos profesores que nos desen dúas razóns para ser europeísta. O argumento máis repetido é de corte pragmático-filosófico: a unión fai a forza. O pragmatismo pesou moito: a comodidade de viaxar sen pasaporte, sen fronteiras e co euro no peto.

 (Tamén nos visitou o señor Jesús Gamallo, que dirixe a Fundación Galicia-Europa: na foto vémolo dirixíndose ao noso alumnado)

 Mais tampouco faltaron compañeiros que quixeron deixar claro que a unión debe ser antes cultural e social que financeira: queremos a Unión para que Europa non sexa só a Europa das finanzas... e unha profesora díxonos: Europa é a zona do mundo máis igualitaria, máis comprometida coas minorías, máis social... (Que así sexa, non deixa de ser utópica a miña colega, pero oxalá: sen utopías non sei se pagaría a pena vivir...). 

 (E recibimos a visita hai pouco do señor Ferreiro, actual alcalde da Coruña, para falarnos do tema que nos ocupa, Europa e as súas Institucións unitarias)

Un noso amigo, a quen moito apreciamos, dixo tamén: Ser europeísta mellora as relacións entre países e mellora tamén as relacións entre persoas nun mundo tan global. E, xa para rematar, houbo quen nos dixo: só con recordar que noutrora en Europa se armou unha tremenda guerra por un anaco de terra, por un sentimento exacerbado do territorio, por uns metros de fronteira que se movían... xa tes argumentos para xustificar unha nova Europa, hai que evitar novas guerras, iso ante todo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario