martes, 23 de abril de 2019

LENDO A


LENDO A CERVANTES
Un novo galeguismo no Quijote?



Na nosa humilde opinión, a voz lercha que aparece dentro dunha unidade fraseolóxica en forma de estrutura comparativa -como sardinas en lercha- no libro cervantino, é un galeguismo máis na magna obra escrita polo autor de ascendencia galega. Sobre esta voz e polo de agora, é o coruñés Guillermo Rojo quen máis e con máis rigor científico ten escrito. Nós contribuímos cun pequeno gran de area no coñecemento da verba en cuestión nun apartado dun artigo que acaba de ver a luz. Co voso permiso, copiaremos o xa escrito por nós e engadiremos as referencias bibliográficas pertinentes. Feliz día do libro!

 (Neste libro dísenos que o "envaretado" da sardiña como método de clasificar ese peixe tan común noutrora nos nosos mares, xa está obsoleto no século XX: envaretábase usando unha "vareta", un sinónimo da voz estudada, "lercha". Todas as fotos están tomadas de Internet)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


“Estar coma sardiñas na lercha (Ferro 2006: 212). A voz lercha ‘vara’ é moi pouco coñecida no galego actual. Pero é unha palabra moi valiosa porque con ese significado aparece no Quijote38. O profesor G. Rojo (no prelo) dedicoulle un documentado artigo á palabra e aí estuda minuciosamente a súa concorrencia nos dicionarios galegos. En síntese, Rojo chega a tres conclusións: 1ª. Que a voz cervantina é efectivamente esa, lercha (non é froito dunha mala lectura ou dunha mala reescritura), 2ª. Que a súa aparición máis ou menos esporádica como voz manchega nalgúns vocabularios e/ou dicionarios non merece creto, 3ª. A súa relación coa voz galega común lercha ‘persoa deslinguada, descarada’ é de homonimia39.

Deixando agora á parte a posible etimoloxía, si que debemos engadir un par de datos interesantes á hora de establecer novas conclusións. Nós documentamos lercha ‘vara’ no concello de Mondariz (Pontevedra):


               A nosa avoa, que naceu fai 67 anos en Frades (Portela da Bouza) chama lercha ao pau que usa para que as xudías se enreden por el e vaian arriba. Ela di “Vai buscar unha lercha para as xudías”(nos chamámoslle chuzo ou pau)40.


Igualmente recibimos do conserxe do Colexio Público de Catoira a seguinte información:


O meu pai chamaba lercha a unha vara para os peixes, iamos pescar ao Ulla, era un xunco e metíase polas agallas... O meu pai xa faleceu, naceu en mil novecentos vinte e moitos, si, e recordo tamén un vello mariñeiro, chamábanlle o Moruxo, que tamén lle chamaba así, que vendía o peixe polas rúas, en Catoira41.


A  cuestión,  xa  que  logo,  permanece  aberta.  Visto  que  en  galego  común  –en  boca  de  persoas  do  pobo  non  especialmente  cultas  ou  ilustradas–  do  século  XXI  inda  somos  capaces de rastrexar acepcións iguais ou próximas á documentada en boca de Sancho, entra  dentro  do  posible  que  a  frase  cervantina  sexa  un  galeguismo  fraseolóxico,  un  fraseoloxismo que habería que situar a carón daqueloutro, Tarde piaches!"


NOTAS:

 38   Quijote, II, 10. Esta vara ou especie de espeto para ensartar ou envaretar peixes pode recibir outros nomes en galego: cambelo, por exemplo. Ou cambo (que M. Valladares xa consideraba sinónimo de lercha; cambo aparece en dous refráns costeiros citados no apartado 2.1.1, documentados en Herbello 2013). Rivas Quintas cita unha variante próxima foneticamente, lorcho, co valor de ‘pau, a pértega ou pértigo, a parte do mallo que bate no cereal’ (Rivas Quintas 1999: 195).

39 Se hai homonimia ou hai polisemia é difícil precisalo: cando pasan centos –ou máis– de anos desde a xénese dunha unidade léxica ou fraseolóxica, homonimia e polisemia iguálanse. Pero, ao noso ver, si cabe pensar na polisemia. Fixémonos neste paradigma de UFs sinónimas: ter a lingua coma unha subela, lingua de subela, ter a lingua que parés, polo que fura, subela (Lamas Carvajal, TILG), (ser unha) subela (en Pesqueira Crespo, TILG, co valor de ‘lercha’), ter lingua de víbora (ou viperina), lingua coma un alferrón (Vázquez Pintor, CORGA), lingua de xiba, lingua que fura sete paredes… De aí a ser unha lercha (entendendo que a base de derivación é lercha ‘vara que fura (a boca do peixe)’) só hai un paso, un paso que responde á addenda a aquel paradigma da ‘lingua furadora-instrumento cortante’ dun novo sinónimo xerado por metáfora e metonimia asemade (contigüidade boca/lingua/vara que se insire na boca ou moi preto dela).

40   Os  nosos  amables  informantes  son  Adrián  Romero  Melón  e  Desiree  Abril  Melón,  a  quen  agradecemos  desde  aquí  a  súa  colaboración.  Agradecemento  que  facemos  extensivo  á  súa  docente,  Claudia  Martínez  Alonso. A comunicación foi por nós establecida no ano 2016.

41   O noso informante, José Catoira Santiago, faleceu recentemente. Descanse en paz

(En: María do Rosario Soto Arias. “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017; 97-123. e-ISSN 2605-4507).

 (Os píos os lagares que se usaron para a salga da sardiña. Museo da Salga do Grove, digno de ser visitado)


::::::::::::::::::::


Referencias bibliográficas citadas no fragmento do artigo copiado:


FERRO  RUIBAL,  Xesús  (2006):  “Locucións  e  fórmulas  comparativas  ou  elativas  galegas”,  en  Cadernos  de fraseoloxía galega 8, 179-265.

HERBELLO  PUENTES,  Mª  Elena  (coord.)  (2013):  De boca en boca. Tradición oral mariñeira entre Aldán e A Guarda (www.accioncosteira.es/archivos/TRADICION ORAL GAC7_WEB.pdf) [Data de consulta: 26/07/2018].

RIVAS QUINTAS, Elixio (1999): Pan, sega e malla. Medidas. Ourense: Grafo.Dos.

ROJO, Guillermo (no prelo): “Como sardinas en lercha”, en CÓRDOBA RODRÍGUEZ, Félix  y  MURIANO,  Montserrat  (eds.):  Liber amicorum.  Homenaje a  Álvaro Porto. A Coruña: Universidade de A Coruña, 315-355.


Ningún comentario:

Publicar un comentario