xoves, 5 de xullo de 2018

ENTREVISTAS


ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN OS LIBROS

ENTREVISTA A UXÍA MEIRAMA



Mª R. Soto: -Parabéns, Uxía! Encantounos o teu libro. Bo inicio nesa túa nova faceta. Dicías onte na presentación coruñesa que te darías por satisfeita se enganchaba... Se un o deixaba, digamos na mesiña de luz pola noite e ao día seguinte estaba viva a gana de seguir lendo. Iso pasoume a min. É coma a proba do algodón... Fálanos un pouquiño, para empezar, da xénese. Como xurdiu o proxecto?


- Pois realmente..., coma unha fervenza no maxín. Empecei por albiscar a cabeza de touro de tres cornos na Fonte das Augas Negras; unha fonte que, por forza, tiña que estar empezoñada pois esa é unha representación do Maligno; de aí a matinar noutra fonte con augas "benfeitoras" houbo só un paso; e logo fóronse enguedellando os elementos da viaxe de Mael para ter que ila procurar, os inimigos aos que se enfrontar, o País de Fronteira... Todo anda revolto tempo e tempo nos miolos e un día calquera, dando un paseíño solitario e deixando rebulir o cocedoiro, maxia!!!, aparece un fío precioso que consegue enguedellalo todo con senso... Isto da creación, crédeme, tenvos algo de meigo!


 (Recoñecía Uxía este día na Coruña, na presentación do libro, que na súa xénese, do relato, algo influíu inicialmente a pequena investigación que fixeramos no seu día sobre o touro na nosa mitoloxía fragmentada galaica. Na fotografía vemos un touro mítico achado na vella Galia, concretamente en Autun, Saône-et-Loire)

-Hai moita mitoloxía galega no relato e tamén algo de mitoloxías atlánticas: facemos un pequeno rastrexo?

(Uxía Meirama e Miguelanxo Prado, o día da presentación do libro na Coruña, na libraría Sisargas. A foto, de regular calidade, foi feita por Charo Soto)

- Hai mitoloxía galega, si, e atlántica en xeral tamén. Iso foi unha consciente vontade dende o inicio. Quixen escribir tecendo con eses vimbios. Son meus, teus e de todos nós. Formaron e forman parte do noso pensamento colectivo. E é ademais unha herdanza tan rica! Coido que do mesmo xeito que outros antes ca nós teceron e desteceron, tamén agora e no futuro debemos seguir alimentándoa, nutríndoa, coa nosa mirada actual. Elementos que se poden salientar: as fontes milagreiras, as damas da auga, as/os meigas/os, os xigantes (na tradición galega tamén temos xigantas!), os tesouros agochados baixo os penedos...

 (Unha das ilustracións de Miguelanxo Prado: o xigante do Monte Carnot)

-Tamén é fundamental a toponimia. Cóntanos, por favor, de novo, a estupenda anécdota provenzal... E tamén o que sabes xa de Cornanda...

-A toponimia galega fascíname dende sempre. Cando ando por aí, sempre me vou fixando nela. É tan variada, rica, suxestiva... Tiña claro que tamén me ía apropiar dela para os meus xogos literarios. Todos os nomes de lugar que aparecen na novela son verdadeiros: Eiroá, Campa da Braña, Guiliade, O Camiño Ancho, O Camiño da Costa... E dous dos máis importantes, O Monte Carnot e O Bosque de Cornanda, foron os únicos nos que me permitín algunha "invención". A Carnot cheguei, sen moita dificultade, dende Carnota (lugar e nome que adoro). O monte do Xigante é un rochedo granítico que ben podía semellar o Pindo; e Cornanda, estaba eu moi contenta pensando que fora unha completa invención miña (ligando a raíz *corn, indoeuropea co valor de "pedra", cun sufixo toponímico como o que aparece en Miranda, Milmanda, etc...) O divertido é que axiña souben que non inventara nada. Dende que rematei a escrita, xa me falaron de varios Cornanda en Galicia (por exemplo en Brión, Santa María de Cornanda) e nunha viaxe á Provenza vin directamente o topónimo "Mont Carnot"! Xa ves ti, case nada está por inventar!

-Un escribe, como diría Rosalía, porque dentro hai unha especie de fervedoiro, pequeno volcán de palabras e ideas que pugna por saír. Pero tamén hai certos propósitos: quixeramos transmitir aos fillos, aos netos, aos alumnos, pequenas ou grandes máximas. Por exemplo?



- En xeral, gustaríame que os lectores, logo de ler Máis alá do bosque de Cornanda, sentisen curiosidade pola nosa riquísima tradición mitolóxica, e que, sobre todo os máis pequenos, a interioricen e aprendan a amala e trasmitila. En particular, destacaría na obra algúns valores humanos que quixen salientar: a riqueza que supón unha amizade verdadeira, que todos debemos recoñecer as nosas eivas e as nosas virtudes, que hai que se esforzar para conseguir o importante... De todos xeitos, non me interesa demasiado parecer moralista. Prefiro que a obra entreteña e divirta aos rapaces e que o que boamente ensine vaia calando sen nos decatar, coma poallo miúdo...

-Fálanos brevemente da colaboración con Miguelanxo: é incrible o que nos dixestes da absoluta liberdade pola súa parte á hora de seleccionar as imaxes (os momentos decisivos para el da acción), é dicir, que ti non intervés para nada pedíndolle que subliñe tal ou cal presenza... A selección de ilustracións é magnífica. Xa sabes o moito que me marabillou a figura da sabia de Eiroá, pola trenza coa fita vermella, que tanto me relembrou a miña amada (bis)avoa Clarisa... E a ti, Uxi, que  foi o que máis che gustou? Dinos das pequenas discrepancias…

 (Unha das nosas ilustracións preferidas: a Sabia de Eiroá coa súa "garceta" ou trenza coa fita vermella)


- Outra vez teño que falar de maxia, de misterio... A liberdade coa que traballamos foi absoluta. Eu non lle dixen que partes do relato quería que resaltase, nin el me preguntou tampouco. Pero eu estaba segura de que o resultado ía ser abraiante. A primeira vez que vin a Mael, á Sabia, á Xana... case chorei. Superaban con moito as imaxes algo distorsionadas da miña mente cando os imaxinei. Sil e Merlo sabía que serían así. O can sempre foi o meu Sil, un golden retriever tan cariñoso e lindo coma o Sil da noveliña; e o merliño... xa me dirás ti, vivimos rodeados deles!! Agora xa non podo imaxinar a todos eses personaxes doutro xeito, nin a Fonte das Augas Negras, nin a de Sandar, nin, por suposto, o bosque...
Dúas anécdotas: os dous tivemos en mente, sen sabelo a priori, un bosque que nos gusta cruzar en Ancares, entre o pobo galego de Piornedo e o leonés de Suárbol. Dende a primeira vez que o atravesamos pensei que algunha vez, algún personaxe meu tería que atravesalo tamén. E a segunda: só tivemos unha "pequena" discrepancia: eu quería que o Xigante fose máis peludo...

-Para finalizar, dúas cousiñas: agasállanos cunha relembranza da túa rica experiencia connosco, no Eusebio da Guarda. E dúas: que proxectos literarios tes xa na mente?


-Non podo cinxir a memoria a unha soa lembranza. Foron 20 anos cheos de dedicación e ilusión. Alí atopei algunhas das persoas que máis quero, procurei transmitir aos alumnos o amor pola nosa cultura, pola lectura, polo deber de desenvolverse como boa xente, curiosa, solidaria, cos valores da humanidade por riba de todo... Aínda me atopo con moitos por Coruña adiante e gústame ver que algo de min ficou neles. Ser profesor é unha profesión inigualable.
Canto aos proxectos: ando xa na segunda novela desta serie. Pódovos dicir o título, pois será moi semellante: Máis alá da furna de Maianca. A protagonista principal é unha rapaza desta vez, e non vai ter que enfrontarse a un Xigante, senón a outro ser Maligno (prefiro non desvelaros cal), para o que contará coa inestimable axuda de cinco trasnos rebuldeiros e dun curmán algo pasmón. Coma nesta, verase obrigada a ir ao País de Fronteira onde vivirá unha aventura que a marcará para sempre.


-Grazas por todo, amiga. Foi un pracer oírvos, un pracer lerte, un pracer estarmos cheos de vida.
 (Uxía retratada por Xosé C. Rivas nunha festa de xubilación do Eusebio da Guarda, en xuño de 2017).


Ningún comentario:

Publicar un comentario