A ZAMBELA E OUTRAS PENAS CAMIÑO DO PORTIÑO
(Primeiro plano: Os Lapidos; máis á esquerda, A Zambela)
(O noso informante a quen designarei como X –que non quere fotos nin quere
saír con nome e apelidos, pero así a todo non se libra de que eu o loe, grande
persoa, comunicador infatigable- pronunciaba fambela, e falaba de que chegados a ese punto –o lugar onde están as
penas chamadas Zambela, a de
dentro e a de fóra- explícanos con detalle que aí xustiño, noutrora, cando a
navegación a vela, había que cambiar a
vela, fambear a vela, parecía dicir…
Penso mentres o escoito naquela frase do meu avó valdeorrés, que localizara
tamén na obra de Luis Mateo Díez, Bufar a la vela: "Se levantó bufando a la vela", e penso
tamén na sorte de encontrar un mariñeiro a quen lle gusta xogar cos étimos das
palabras. Vaia a ese propósito e desde aquí outro pensamento para un ferrolán
filólogo, Álvaro Porto Dapena, a quen tiven o pracer de tratar. Nun dos seus
libros refírese tamén a un seu informante, home de pobo, que tiña espírito
filolóxico e lle resolvera así coma quen non quere a cousa un étimo... Logo o
busco).
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Mes de Santiago de 2018:
(A Galera, entre esa pena e a terra, Paredes)
(A continuación dos Lapidos, está o "Meixón" ou "Mesón" das escaleiras: e realmente coa marea baixa percíbense penas en paralelo a modo de escaleiras)
A Galera [Pena
case en fronte dos illotes do Portiño]. As
pedras hai que velas coa marea baixa... 0’80 na táboa das mareas... a vostede
que lle gustan tanto as pedras, ten que vir coa marea baixa e facer foto desta
parte, é moi bonita... Na galera teño eu pillado a dous e tres pulpos.
Enfronte tiñamos os Fernandiños [baixíos] ,que
só se ven , alí, ve, onde rompe o mar, se ven coa marea baixa... Todas as penas
para velas ben... Todas teñen percebes, por iso mesmo se lles dá un nome. Víase
perfectamente a Zambela, pero é unha soa
pena, dixo así é, alí está a
fambeliña, a que el chama a fambeliña
estaba por fóra, a zambela grande é a de dentro, a de terra. E mire, ve alí onde a tal hora rompe o mar? E
que alí hai moi pouca auga, a tal hora se cadra hai só un metro... alí está a
Cagarrosa... Seguimos andando: E este
é o Lapido? Dubido entre usar o singular ou o plural. Si, estes son os Lapidos. Digo eu: Díxome vostede o outro día que aí abaixo había moitas lapas... Nunca eu
as comín, creo que os asturianos as valoran... Había énfase na súa
locución: Ou, si, moitas teño eu collido,
así de grande (debuxa un medio óvalo case tamaño dun ovo pequeno entre o
dedo furabolos e o polegar), non sabe o
ricas que están con arroz, danlle un gusto así especial ao arroz (a boca
facíaseme auga, case..., encántame o arroz). Pero seguín dándolle trela coa
Zambela: Lin en Internet que en Angola,
onde houbo moitos portugueses, hai outro lugar chamado Zambela..., é bonita a
palabra. Asentiu: si que o é...
Eu sigo: recorda a zamburiña, empezar
empezan igual... Aquí derivamos á empanada de zamburiñas...
Antes, na
Galera, relembrou etapa no Gran Sol, a propósito dos percebes que Basilisa, que
en gloria estea, nos cociñara con auga de mar tal día do ano case, pola festa
do percebe de Corme. Explicoume que se celebra porque lle cadra ben a marea...
para apañalos mellor... E miramos para a illa da cetárea e sorprendeuse unha
vez máis do ben feita que está a muralla e explicoume ben explicado que a auga
entraba por unha especie de canle desde a parte de atrás, logo tiñan unha reixa
e cerraban para que as lagostas non escaparan, sempre mantiñan aquel nivel de
auga fresquiña: denotaba admiración polo ben feito que estaba aquilo...Non, eu xa non a recordo en funcionamento,
iso tivo que ser cincuenta anos ou así para atrás...Si, isto todo estaba cheo
de boghavantes e lagostas... boghavantes entraban nas nasas, pero non se
querían... contábame fulano -esto ten tela!, e foi certo- que se botaban fóra
das nasas e volvían entrar, comían a carnaza, claro, daquela o que se facía era
darlles unha pisada, zas, e ala, pra auga, así non volvían, fai o aceno,
golpea no chan, coma quen esmaga caracois, e si que ten delito... que cousas se facían... Pregunto polas
nasas: eran de arame? Eu daba algo
por ver unha daquelas nasas de hai 50 ou 60 anos para as lagostas aquí no
Portiño coruñés...Non, eran de vime, así
coma este pau, eran enormes (debuxa con brazos e mans un círculo amplo,
onde entraría ben un raparigo ou dous),
de vimio trenzado, non, xa non se conservan, xa non se ven...
(O pixín. O nome parece posto por un asturiano. En Asturias chámanlle así ás rabadas. O nome débese á forma de peixe sapo ben estendido, aberto, a cabeza é a pena central, máis distante da terra)
Agora camiñamos
costa arriba, á nosa esquerda quedan os Lapidos, ao seu lado o Pixín. Pregúntame se o identifico ben,
quere dicir a forma do peixe. Son sincera: Se
vostede di que é unha rabada -el chámalle rape, en castelán- eu non llo
vou discutir, pero... Dime se vin algunha vez un, dígolle que si, e que o
como con certa frecuencia, esa é a
cabeza, este o corpo estendido... e aí ao lado está a viúda negra. Esa
distíngoa ben. Xa me dixera que se chama así porque está soa (exenta) e porque
noutrora estaba cheíña de mexillóns... e
mire agora que pelada está... aghora o mar está moi moi contaminado, xa non hai
nada, non quedan aí mexillóns. Máis adiante o cabalo, do que xa falamos
neste blog. Cóntame X que aí hai congros, unha
vez un meu compañeiro e mais eu collimos dous de dez quilos cada un...Eu
relembrei o que me contara hai moitos anos un mariñeiro de Caión e mais
relembrei a oración da señora Sinforosa, de Castelao, que rezaba por un ao que
mordera o congro e pregunteille polos dentes do animal, quixen saber se non o
xulgaba perigoso (por certo, e agora que o penso á par que o escribo, non era
un congro o animal mítico da lenda da praia ártabra de Alba, aí en Arteixo?) O
meu amigo X non dá creto, ten os dentes
moi finiños, morde se lle metes a man na boca.
E seguimos aínda: Pero convosco será xa outro día.
(O rego da Clarisa. Tamén hai quen lle chama a fonte de Labañou. Hai outras fontes interesantes camiño do Portiño que veremos outro día)
NOTAS:
. Angueira, na obra Terra de Iria,
fala dalgunhas pesqueiras (feitas con pedras no río de feliz lembranza:
prolífico, rico en mitoloxía…). Unha delas era a de Lapido. Hai foto desa
pesqueira en: https://culturmar.org/wp-content/uploads/2016/12/Ardentia3.pdf
. Se vos fixastes, había unha pena preto dos Lapidos chamada a
Cagharrosa. Forma plástica, expresiva, baseada nunha imaxe pola forma… Hai un
libriño marabilloso, verdadeiro tesouro que chegou hai anos ás miñas mans,
titulado Talasonimia da costa sur de
Galicia, da autoría de Xosé Lois Vilar Pedreira –no que se recolle
amorosamente moita información de moitos homes do mar galego-, onde figuran
outros microtopónimos semellantes (sempre nomes de cons): Cagada, Cagar de vacas, Cagatorio…
. O informante do grande filólogo Xosé-Álvaro Porto Dapena ao que me
referín arriba chámase Antonio Tojeiro: explícalle a etimoloxía de Montes de Calabanda como unha
modificación de Montes daquela banda.
E ao señor Porto parécelle moi axeitada esa explicación (en: Diccionario toponímico do concello e ría de
Cedeira. UDC. A Coruña, 2014, p. 125). Porén, eu creo que o noso informante
X, ao falar do étimo da Zambela (como algo próximo a facer (cambio) de vela) o que fai é unha etimoloxía popular.
Documéntase un topónimo idéntico Zambela
en Angola (territorio no que fixo acto de presenza a lingua portuguesa, como
sabedes). Na nosa modesta opinión, habería máis ben que inclinarse a arrimar Zambela á familia de zambullir, pola forza con que o mar é
quen ás veces de zampar as penas…
(Creo que se pode ver o "rabiño" da Vaca. Aí están o Boi, a Vaca e o Becerriño e coa marea baixa pódeselle ver o rabiño... Todas as fotos foron feitas por Charo Soto)
Ningún comentario:
Publicar un comentario