LENDO TEXTOS PRELATINOS DA PENÍNSULA
(A chamada 'Ara de Liñarán': unha das mensaxes primordiais deste curso toca a esta xoia da nosa epigrafía. Todas as fotos están tomadas de Internet, agás a do grupo)
Hoxe, se me
prestades un pouco do voso tempo e da vosa atención, quero falarvos dun galego
universal, un sabio discreto e humilde –como debe ser ao meu parecer todo ser
sabio- que traballa en Alemaña e
investiga sobre linguas do pasado en Europa e máis en concreto no Occidente
hispano ou ibérico. Chámase Carlos Búa Carballo e estivo en Santiago impartindo
un curso, “A onomástica prelatina de Galicia”.
Tiven a inmensa fortuna de poder asistir e aprendín algo importante:
dunha banda, que hai que ser moi respectuoso cos límites (teoricamente xa o
sabía, e refírome aos límites da elucubración
etimolóxico-lingüística, pero nunca vén mal telo presente); doutra banda,
percibín con clareza que se pensaba en que sabía algo de onomástica e teonimia
prelatina, o que me resta por saber é moitísimo máis. Podedes dicir: “nada novo
baixo as estrelas”. Acertariades. Pero caben outros enfoques sempre entre
medias. Queredes que me sincere? Pois, amigos e alumnos que fostes meus, amigos
todos, hai certezas case absolutas na mente dun lingüista ou dun filólogo que
de cando en vez piden ser comunicadas: o coñecemento do pasado lingüístico non
é unha parvada, non é costal de palla, non é unha perda de tempo. É unha fonda
e poderosa egua veloz e áxil, que coma unha aguia que partise do berce do noso
planeta, do Himalaia, por exemplo, ou da cunca dos cursos primixenios (Ganxes, Indo...)
baixase, batese soberbia as alas e se achegase dignísima, fermosísima, ao noso
Atlántico europeo, traéndonos auga pura ou algo así, conciencia de quen fomos,
quen somos, renovando alianzas. Falando, unha vez máis, da roda, do tríscele,
da unidade de noso.
(O grande filólogo indoeuropeísta Jürgen Untermann recolle das mans do Príncipe de Asturias -daquela príncipe, hoxe rei Felipe VI- o premio correspondente, no ano 2010. Carlos Búa foi discípulo de Untermann)
(O profesor Untermann deixoulle un importante legado ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades)
O profesor Búa
deunos un pequeno repaso ao que se sabe da lingua nai protoindoeuropea (de onde
proceden as linguas indoeuropeas [Ide]). Existiría pero pouco sabemos a ciencia
certa dela. Recordounos que no século XX se amplía o listado de linguas Ide,
integrando as linguas tocáricas (tocario A, tocario B) e a lingua hitita
(pertencente ao grupo anatólico-micénico). A póla tocaria, ao norte do Nepal,
é a máis oriental.
Para nós son moi
importantes as linguas célticas (escocés, gaélico, bretón, córnico, galés...),
hoxe linguas marxinais pero que noutrora gozaron dun enorme territorio na
Europa continental (Suíza, Eslovenia, Austria, terras bañadas do Danubio ata a
súa desembocadura), Turquía... e península ibérica.
Para quen estea
animado a estudar Ide, quitoulle ferro á parte máis digamos árida da cuestión:
só cómpre dominar un mínimo de fonética e algo de formación de palabras, de
morfoloxía nominal basicamente... E lanzou unha e varias veces o seu axioma
áureo: nada de lingüistica especulativa, nada de “xogar” coas etimoloxías... Cuestión
sumamente difícil de levar á práctica: todos especulamos algo... nun dos textos
analizados –por exemplo- en lingua lusitana –concretamente na inscrición
rupestre do Cabeço das Fráguas- aparece a voz ifadem, e está ou parece estar en concordancia con taurom. Pois ben, no que eu sei, os
intentos de comprensión de ifadem
xogan con esa proximidade física na cadea escrita e presupoñen un adxectivo que
indique un atributo que lle cadre ben a un touro –nunha ofrenda sacrificial a
un deus, probablemente a Reve [que é interpretado polo señor Villar, experto
indoeuropeísta da Universidade de Salamanca como divindade-Río]. Para ifadem discorréronse tres étimos: un que o vincula a
un verbo Ide, que significaría ‘copular’ usando unha palabra aceptada
socialmente e evitando outra peor vista, daquela teriamos un touro-semental;
outra derivación etimolóxica vincula a palabra a outro verbo Ide co valor de
‘bater’ e sería un touro-bravo, que combate ou así, e unha terceira idea é
vincular a palabra á un substantivo, ben documentado en linguas célticas
insulares, co valor de ‘teixo’ –sinto dicirvos que esta última seina de
esgueira, indirectamente, e non puiden consultar a fonte, o artigo no que se
defende: logo non podo asegurarvos a lóxica semántica: un touro (forte) coma un
teixo?, igual que hai estruturas frásicas do tipo forte coma un carballo/buxo/breu?-. Tampouco quero cansarvos. O
tema dá para moito.
(Unha das inscricións en lingua lusitana, esta é a do Cabeço das Fráguas)
Que pasa coa nosa
terra? En Galicia non hai textos indíxenas (por linguas indíxenas entendamos
aquí por exemplo o vasco, o ibérico, a lingua celtibérica do bronce de
Botorrita, a lingua lusitana, a lingua tartésica –que en principio non podemos
considerar Ide, e cando algún lingüista como J. Koch elucubra e analiza textos
tartésicos coma se fosen célticos, o que está facendo é iso, elucubrar),
mentres que para o lusitano si hai textos, textos relixiosos, ademais: textos
dunha beleza en boa medida enigmática e críptica, pero beleza dunhas
resonancias ancestrais profundas (como ler, por establecer un digno
paralelismo, poemas de Estirpe, de Ferrín...), un gozo
inenarrable, vamos. Con Búa repasamos as tres posicións básicas con respecto ao
lusitano: 1ª, a de Tovar, Antonio Tovar, grande que descansa xa en paz. Non é
celta para el. En 2º lugar, a posición de Jürgen Untermann: tamén en mellor
vida xa –Búa fora discípulo del-; non nega Untermann a posibilidade de ser o
lusitano unha variedade céltica, con trazos moi conservadores (ao final integro
unha breve addenda a este respecto). En 3º lugar acaróanse os agnósticos,
partidarios de esperar. Esperan novos textos, novas inscricións que dean luz
definitiva (boa opción: é o que facemos moitos de nós, os desexosos de saber o
étimo da voz Coruña: esperamos novas
inscricións... Díxose neste curso que a provincia coruñesa é moi pobre en
inscricións, a carón das outras galegas... Así que velaquí estamos, esperando
por Elviña).
Volvamos a Galicia
a vista de ave... Búa insistiu moito nun par de cousas: a riqueza teonomástica
do occidente noso, da península, máis de 700 teónimos... e insistiu nun dato
nuclear, básico, sobre Galicia: hai datos –como a incontestable existencia da
área que el etiquetou ÁREA BRIG- que
nos din que esta terra foi indoeuropeizada. A existencia, ademais, de textos
bilingües –celta + latín- en Galicia así nolo confirma. O celta é o prelatino
máis recente. Temos a incrible sorte de
ter textos latinos con parte de lingua indíxena, e son sempre textos votivos.
Nestes casos que veremos as linguas indíxenas son linguas celtas. E vimos,
efectivamente, algún deses textos. Citarei tres para non fartarvos:
Lugubo Aruqeobo C(aius) Iulius Hispanus
v(otum) s(olvit) l(ibens) m(erito) (Sober, Lugo. A
forma latina ou latinizada da parte teonímica tería sido Lugubus (ou Lugovibus) Arquienis).
Deidabo
Nemucelaigabo Fuscimus Fusci f(ilius) v(otum) l(ibens) a(nimo) s(olvit) (Chaves, Vila Real; lectura presentada en Búa 2000)
*Crougiae
Toudadigoe
Rufonia Sever [-------] (Xinzo de Limia, Ourense. Coas
terminacións flexivas latinas correspondentes teriamos outra cousa, teriamos: Crougiae Toudadigo).
Remato xa: só unha
cuestión importante máis. Hai cousas que deben estar a bo recado nos museos
acondicionados ad hoc. Os museos están para algo. Entre o alumnado presente
estaba o señor J. María Bello, quen fora director durante anos do Museo
Arqueolóxico de San Antón: tróuxonos a todos fotocopia de tres aras depositadas
no museo coruñés con onomástica non latina: unha dedicada tamén a Lug, formaba
parte dunha ventá de Sinoga, Rábade, Lugo; outra, dedicada ao deus Coso, servía
de base do altar na igrexa parroquial de Meirás, Sada, A Coruña; a terceira, na
que consta claro o oferente, un Reburro –nome común na nosa epigrafía do N.O.-
, procede de San Vicente de Présaras, Vilasantar, A Coruña. Pois ben, Búa
chamou a nosa atención sobre algo clave: como pode ser que un documento en
pedra valiosísimo como é esa inscrición dedicada a Lug, a de Sober, portadora
dun texto bilingüe único, excepcional, unha xoia de pedra, estea onde está...?
Calquera podería ir por alí co tractor e darlle (como pasou coa serpe pé do
cruceiro de Corme), calquera podería ir por alí e rompelo, querendo –así
romperon a pedra de Cabeço das Fráguas, pensando que había un tesouro- ou sen
querer) ou simplemente roubala. Esa xoia galega, a que está en San Martiño de
Liñarán, Sober, ten que estar nun dos museos de Galicia. Que un bo canteiro
faga unha reprodución fidedigna e se poña no lugar da orixinal. Tamén isto é o
progreso ben entendido. Ata aquí chegamos por hoxe.
(Foto de grupo, maio de 2018. Aquí só figura unha parte da xente que asistiu ao curso e lamentablemente non coñezo todos os nomes. Cito os coñecidos, de arriba abaixo e de esquerda a dereita: ?, Gonzalo Navaza, José María Bello, García Trabazo e Cayetana Jhonson; Antón Santamarina, Charo Soto, ?, Rosario Álvarez, ?; Julia Marqués, ?, Cabeza Quiles, Xesús Ferro; ?, ?, Luz Méndez, Carlos Búa e Ana Isabel Boullón. A foto foi feita por Luz Méndez)
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Addenda breve:
Sobre o
posicionamento de considerar o lusitano unha variedade celta arcaica: quizais
nos conveña de vez en cando revisar os clásicos. A formulación de Untermann
achégase en certo sentido ao pensamento de Henri Hubert. Este profesor, que
impartira nos anos vinte do século pasado un curso de arqueoloxía na Escola do
Louvre, este prehistoriador eminente –dicimos- dedicou moito tempo a
diferenciar na Céltica, en Europa, as pólas de goidelos, britónicos e galos,
así como as relacións íntimas en maior ou menor grao entre celtas e latinos ou
italiotas en xeral, celtas e xermanos e celtas e outros pobos anteriormente
establecidos nos territorios europeos onde os celtas se foran establecendo.
Para Hubert, os goidélicos son sen dúbida ningunha os celtas que máis cedo se
desprazaran cara a occidente, son os que teñen a lingua máis arcaica.
Goidélicos ou non, tamén falaron unha lingua moi arcaica os celtas que ocuparon
parte de Alemania, en concreto os que deixaron a pegada onomástica presente na Selva Herciniana. Cando estuda esta
palabra, herciniana, di: Este
nome é unha reliquia dun estado moi antigo do celtismo (...), o nome da selva herciniana é dunha antigüidade que remonta máis aló da
caída do p en celta... (pp. 124-126, tradución ao galego nosa,
subliñado en negriña noso; en: Henri Hubert, Los celtas y la civilización céltica, Madrid, Akal, 1988). Así que
teoricamente é posible considerar o lusitano unha variante arcaica do celta: a
conservación do p- non é un atranco. Outra proba da súa antigüidade é que inda
non se produce nesa lingua occidental ibérica a labialización da gutural (Iccona –nome dunha deusa vinculable aos
cabalos- e non *Ippona> Eppona/Epona).
Con todo, e como conclusión inapelable, segue sendo prudente confiar na
aparición de novas probas epigráficas ou novos avances na comprensión da lingua
lusitana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario