ENTREVISTA A MULLERES QUE AMAN OS LIBROS
Entrevista a Rosario Álvarez Blanco.
Mª Rosario Soto:
-Moitas grazas, Charo, por concedernos esta entrevista. Non creo que che sobre
o tempo: nai de familia, docente, investigadora no eido da gramática, directora
dunha revista de lingüística, membro da Real Academia Galega e agora, presidenta
do Consello da Cultura Galega. Antes de máis, parabéns por este importante
cargo. Que sexa para un óptimo servizo a
Galicia. O caso é que non che debe sobrar o tempo... Dinos, como o logras? Hai
que sacrificar algo, ou?
-Primeiro ten que
gustarche facer o que fas. Eu son unha privilexiada: gústame a vida familiar,
son docente vocacional, investigo na área que máis me importa, traballo en
asuntos que me permiten devolverlle á sociedade galega parte do moito que me
ten dado... Gozo facendo todo iso, así que non é difícil compaxinar.
(Fotografía de Rosario Álvarez. Todas as fotos están tomadas de Internet)
-Para os nosos
lectores desinformados, que ignoran as funcións desa institución, o Consello da
Cultura Galega conta cunha páxina web. onde poden ver que é o que aí se fai:
dixitalizar documentos, poñer ao día arquivos -eu diría que nucleares como o da
emigración-, actualizar páxinas webs interesantísimas como o “Álbum da
Ciencia”, organizar congresos... Deixei algo básico na man ou no tinteiro,
Charo? Que subliñarías ti neste sentido?
-Efectivamente, o
portal do Consello da Cultura Galega é moi potente. A través del ponse a
disposición do público en acceso libre unha mediateca, multitude de recursos,
información cultural, etc. etc., mais esa é só a visibilización dunha parte da
actividade e razón de ser do Consello, relacionada con preservar e arrequentar
o patrimonio cultural galego e con fomentar a lingua e a cultura de Galicia. O
Consello da Cultura Galega foi creado como un organismo de alta asesoría,
independente do Goberno, que debe estar atento ao estado da cultura galega e elevar
informes e propostas, dirixidas sobre todo aos gobernantes (autonómicos,
locais, etc.), para defender e promocionar a cultura galega en toda a
sociedade.
-Na entrevista que
xa concediches á radio galega, oímosche dicir que o Consello necesita tamén poñer
o día o orzamento. Todos sabemos que os cartos non caen do ceo: as
Universidades necesitan máis cartos, a Academia, a investigación e desenvolvemento necesitarían
tamén... Seguramente es consciente de que nesta sociedade post crise os poderes
políticos, os que distribúen os anacos da torta presupostaria, non están moi
polo labor de investir máis na cultura. E porén, moitos de nós sabemos que a
cultura nun sentido amplo é unha grande señora dadora de bens traducibles en
postos de traballo: editoriais, parques temáticos, circuítos turísticos
enriquecidos, cine e audiovisuais, novos espazos arqueolóxicos, novas patentes
para a industria... Así que imos supoñer por un momento que o Goberno
incrementase o presuposto para o CCG: a que destinarías eses novos cartos?
Cales serían as túas prioridades?
(Rosario Álvarez, acompañada dos señores Villares e Freixanes na sé do Consello da Cultura Galega)
-Non, creo que non
se me entendeu ben. Eu non me refería ao orzamento concreto do Consello da
Cultura Galega, que por certo é cousa do Parlamento de Galicia e non do Goberno
(se dependésemos economicamente dun Goberno perderiamos a independencia). Non
pedía para a institución que terei a honra de presidir. Falaba de maior
investimento en cultura. A cultura non pode serguir entendéndose como un adorno
prescindible senón como un sector estratéxico de grande importancia social e de
grande importancia econónica: move unha parte importante do PIB galego, capaz
de xerar e soster unha grande cantidade de postos de traballo...
-Sabes que entre os membros de Consello hai
polo menos dúas persoas que foron profesoras no noso Instituto, Ascensión
Cambrón e África López? Que importante é o Instituto na nosa vida... Cóntanos,
por favor: onde fixeches o bacharelato? Gardas algunha lembranza especial
dalgún ensinante en concreto?
-Eu fixen o
Bacharelato en Pontevedra, no Instituto. Primeiro era “O Instituto” único que
había (era director Filgueira Valverde) e acabei no Instituto Feminino, que
pasou a chamarse Valle-Inclán. Comezabamos daquela o bacharelato aos 10 anos e
rematabamos co PREU, aos 17. O meu era un instituto dunha excelencia a toda
proba. Dígoo sempre que teño ocasión, porque é moito o que lle debo. Profesores
extraordinarios. O día que entrei na Real Academia Galega, hai hoxe 15 anos,
tiña moito e a moitos que agradecer, pero na escolma que citei polos seus nomes
estaban don Marcelino (Filosofía), don Jesús (Grego) e María Victoria [Moreno]
(Literatura), os tres profesores excelentes e mellores persoas, que influíron
moi positivamente na miña vida.
-Que estás lendo
arestora?
-Estou rematando A
hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe, na tradución galega.
-Ata aquí chegamos
por hoxe. Non ousariamos quitarche máis tempo. Quedamos moi agradecidos
contigo. Longa e frutífera vida!
-E que vós a vexades! Foi un pracer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario