Lendo a Lino Novás Calvo (II parte)
Mercedes Rey Alonso
Formación
autodidacta e actividade literaria
Pero o destino de Lino Novás
non é obreiro. Os continuos cambios de traballo responden máis ben a unha
actitude rebelde e a dificultade para adaptarse a certas situacións ou ambientes incompatibles co seu temperamento
sensible. Nace así nel o desexo tenaz de escribir e compón un poema – “El camarada”– adicado a un compañeiro da fábrica de gorras,
que envía á vangardista e iconoclasta Revista de Avance (1927-1930), a cal o
publica en 1928.
A súa oportunidade de entrar
en contacto directo coa literatura chégalle tralo segundo encontro co director
da Revista, quen o atopa unha noite
traballando de taxista e decide axudalo. Entre todos os escritores da redacción
conséguenlle un posto de vendedor na libraría Minerva, o que lle permite durante o día ler e relacionarse co mundo intelectual e
pola noite estudar inglés e francés. Ao
mesmo tempo, segue a publicar na Revista
de Avance algúns poemas, ensaios, mesmo unha obra de teatro e, sobre todo,
os seus primeiros contos.
Tras unha breve estancia en
Nova York, regresa á Habana en 1926 como xornalista e comeza unha etapa crucial
para a súa vida. En 1931 é enviado como corresponsal do semanario gráfico Orbe a Madrid, onde chegará despois de
desembarcar no porto da Coruña e visitar a súa nai na aldea e escribir tres
reportaxes sobre Galicia. Pronto o semanario se deixa de editar e Novás Calvo
queda sen traballo. É entón cando decide intensificar a súa actividade
literaria e empeza a publicar contos e ensaios en revistas españolas. A edición
do sorprendente relato La luna de los ñáñigos na Revista de Occidente en 1932, abriríalle
as portas do mundo xornalístico e literario.
Con todo, o éxito literario
non chega ata a publicación en 1933 da vida novelada de Pedro Blanco, El
negrero, editada primeiro en
España e logo en Cuba. Aínda que acada un certo prestixio como escritor, polo
cal é elexido segundo secretario do Ateneo de Madrid, as necesidades económicas
obrígano a traducir do inglés e o francés obras dos autores máis prestixiosos
do momento, algún dos cales – é o caso de Faulkner– influirá de maneira
decisiva na narrativa do escritor hispanocubano: Canguro de D.H. Lawrence, Contrapunto
de A. Huxley, Santuario de W.
Faulkner, Os pequenos burgueses de
Balzac… todas en 1933; e tamén a
fascinante Historia da piratería de
Philip Gosse (1935). Destes anos é tamén
a súa correspondencia cos escritores norteamericanos, Sherwood Anderson,
William Faulkner e Eugenio O’Neil.
Atenazado pola inquiedtude,
trasládase a vivir a Francia; visita Alemaña e Italia e regresa a España en
1936, co fin de realizar reportaxes para
o Heraldo de Madrid e Mundo Gáfico. Neste mesmo ano publica en
Barcelona a novela curta Experimento en el Barrio Chino A
guerra civil sorpréndeo no norte da península mentras fai un traballo
periodístico sobre os cárceres. Os tres anos de contienda déixanlle unhas
pegadas dolorosas pois en Madrid foi acusado de ter publicado en 1934 varios
artigos contra os mineiros de Asturias,
o que implicaba o seu fusilamento inmediato. Sen probas do acusador e grazas á
defensa que del fixeron Pablo Neruda, Rafael Alberti, María Zambrano e José
Bergamín, foi finalmente liberado.
Á fin da guerra civil o
escritor, desorientado e sen recursos económicos, volve a Francia e dende alí
marcha á Habana coa intención de instalarse xa coma xornalista e literato. En
1940 casa coa tamén escritora e xornalista Herminia del Portal (1909.1983), coa
que ten unha filla, Himilce (1944), quen tamén se adicará á escritura. Mentres
en Cuba ensinaba francés, traducía e traballaba en Noticias de Hoy – un novo
xornal que reunía os escritores e xornalistas con máis talento neses anos,
entre eles Nicolás Guillén e Carlos Montenegro – o seu talento ía
consolidándose fóra: a tradución francesa de El negrero (Xenebra,
1942), a publicación en Bos Aires de La luna nona y otros cuentos (1942) e, en México, a novela curta No sé
quién soy (1945).
O recoñecemento de Lino
Novás Calvo como escritor acontece en 1942 coa obtención do prestixioso premio Hernández Catá de contos por Un
dedo encima que publica ao ano seguinte en Arxentina no volume La
luna nona y otros cuentos, co que obtén o Premio Nacional de Literatura
que outorgaba o Ministerio de Educación de Cuba.
A seguinte é unha etapa moi
produtiva pois, no mesmo ano, publícase en Bos Aires a colección de relatos de Cayo
Canas e, en A Habana, a novela curta En los traspatios; e,
así mesmo en revistas, Cuadernos,
Americanos Bohemia –Bohemia Libre, a partir de 1961–, OrÍgenes e no Boletín de la Academia Cubana de la Lengua.
(Na prestixiosa revista cubana 'Bohemia' colaborou en tempos o noso escritor; foto atirada de Internet)
Despois de deixar o xornal Hoy por discrepancias coa dirección –esta
apoiara a sinatura do tratado entre a Unión Soviética e a Alemaña nazi– e
empezar a colaborar con Ultra e Bohemia –a máis importante revista de
contido variado, da que foi xefe de redacción dende 1954 ata que marcha de
Cuba–, entrégase ao xornalismo,
tarefa na que recibe varios premios, pero sen descoidar o labor narrativo
–algunhas das súas mellores reportaxes poden cualificarse como literatura–, a
tradución nin a crítica literaria ou o ensaio.
Traduce O vello e o mar de
Hemingway (Bos Aires, 1954), outro dos escritores que más influíron na súa
obra, ao tempo que algúns dos relatos seus empezan a ser traducidos ao inglés, ao
francés e ao alemán.
O
exilio
Os primeiros anos da
revolución castrista son anos de intensa actividade literaria ata que en 1960, descontento coa situación
política decide saír do país e pide asilo
na embaixada de Colombia; marcha coa súa familia a Venezuela, despois a
Miami e, finalmente, á cidade de Nova York dende onde colabora para Bohemia Libre e outras revistas culturais
patrocinadas por exiliados cubanos.
En 1967 é nombrado profesor
de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Syracusa, no estado de Nova
York. Continúa publicando relatos nas revistas españolas Revista de Occidente, Papeles
de Sons Armadans e nas americanas Exilio
e Revista Nacional de Cultura de Caracas.
O último libro que publica é
o volume Maneras de contar (Nova
York, 1970) que recolle relatos dos anos corenta e outros escritos no exilio.
Tres anos despois sofre un ataque cerebral e retírase como Profesor Emérito.
Sucesivas complicacións da enfermidade déixano paralítico e sen posibilidade de
falar, ata que morre o 24 de marzo de 1983 e é trasladado para ser enterrado,
segundo o seu desexo, ao cemiterio de Syracusa. Guillermo Cabrera Infante (op.
cit.) lembraríao así aos poucos días:
Acaba de morrer Lino Novás Calvo, en
Nova York, despois de dez anos de agonía ignorada. [...] Nunca saberemos de certo
canto sufriu Lino na súa parálise, pero si sabemos o que padeceu con esa morte
en vida, a súa viúva Herminia del Portal. Entre estes reos aos que Jonathan Swift
con ironía irreverente chamou os Inmortais: condenados á vida, prisioneiros da
súa supervivencia no cárcere da lonxevidade.
[...] A sala na que estaba
recluído Lino
ulía ao que olen os vellos chochos – suor agre, ferruxes, babas - e Lino
apareceu sobre unha cadeira de rodas. Sufrira máis dun cambio. O habaneiro
miúdo, delgado, pulcro, convertérase, pola maxia do regreso biolóxico, nun
galego forte. Non se vía limpo pero non estaba de todo inválido e podía pintar,
aínda que coordinaba as súas mans mellor que as súas ideas.
[...] Agora acaba de morrer o home
que nacera en Galicia en 1905 e aos sete anos fora enviado, só, a Cuba a vivir
cun tío remoto e talvez a "facer a India" e converterse en indiano.
Sen sabelo a súa nai mandárao a ser un grande escritor cubano.
(Foto da Habana nas primeiras décadas do pasado século; foto tomada de Internet)
Ningún comentario:
Publicar un comentario