VISITANDO
A CASA DO INSTITUTO DA LINGUA
Visitei este día
Santiago de Compostela, cidade propicia e capital do Vello Reino. Propicia
porque aí coñecín o meu caro esposo;
asistindo ás clases de galego do inesquecible Chao Rego empezamos a
quedar diante do Rosalía, a carón da fonte.
Vedes que na vida de cada un de nós hai moito de literatura e de cando
en vez podemos deixar que aflore.
Normalmente non fai dano.
Era a mesma tarde
en que os fillos dos meus amigos actuaban (grupo Gelría) no Teatro Principal, acompañados da excelsa poeta e académica
acabada de nomear, Dona María Xesús Pato Díaz, ou se gustades, Chus Pato. Pero
eu asistía á reunión da Asociación Galega de Onomástica, na súa derradeira
sesión do ano 2016. A xuntanza celebrábase na sé do Instituto da Lingua Galega,
na Praza da Universidade. Preciosísimo contexto. Antes fomos ver a limpeza da
fachada do Obradoiro (reafirmeime polo meu interese cada vez maior polo tema
das campás e dos campanarios, prometinme a min mesma que lle preguntaría a
Ferro de onde tirou a lenda fermosa da raíña Berenguela...) e logo de escoitar
brevemente a arte incuestionable dun par de gaiteiros alí no arco que comunica
co pazo de Xelmírez, subimos á praza de Cervantes, ollei moi de esguello
acibeches neutralizando a gana de comprar algo (unha Virxe talvez, unha Virxe
negra medieval e galaica asemade, para poñer na parede da casa..., ou se non un
colar de doas facetadas en vinte caras, pequenos icosaedros perfectos, pesaría
moito e agora que xa estamos no 17 un meu propósito da emenda é gastar menos,
fixen ben non querer determe naqueles escaparates) e fomos devagariño polo
Preguntoiro mentres eu me preguntaba onde lin dun ruso dacabalo, un enviado do
zar, que pateaba Preguntoiro arriba na
procura de quen? Sería nese libro que me recomendaron e lin xa, ese titulado Tierra sin hombres, de Inma Chacón? Que fraca
memoria, abofé!
(Carolina Beis, Ana Isabel Boullón, Gonzalo Hermo, Carolina Pérez, na xuntanza derradeira do 2016 da Asociación Galega de Onomástica, en Santiago de Compostela)
E chegamos á casa
do ILG. A Asociación Galega de Onomástica (AGÓN) preocúpase –entre outras
cousas- de salvar topónimos,
microtopónimos, e de influír na medida do posible na conciencia cultural da
nosa sociedade, e das Institucións representativas. Ten unha páxina propia na
Internet, por se tedes curiosidade (http://ilg.usc.es/agon/:
verdadeiramente deberiades ter un mínimo desa curiosidade: lede da carta que
lle mandou a RAG ao Congreso dos Deputados, con bastante éxito; lede o artigo
do Estado mexicano de Morelos, e non
leades o artigo de Gonzalo Navaza porque quero tratalo eu aquí no blog...).
Hónrome en ser membro desta Asociación. Non é que faga moito, pero procurarei facer algo máis no futuro e en
todo caso paréceme un labor encomiable e necesario. De feito, era a
primeira vez que ía. Tiven a sorte de coñecer en persoa a Fernando Cabeza
Quiles, autor dalgún libro dos que manexo con certa frecuencia na casa. Está xa
xubilado mais vino novo de corpo e de espírito. Cheo de joie de vivre, diría incluso. Tamén estaban: Sandra Beis, Ana
Isabel Boullón, Mª Dolores Ferro, Gonzalo Hermo, Mª Luz Méndez, Gonzalo Navaza, Antón Palacio, Carolina Pérez e Pere Tobaruela
(no que eu podo relembrar, polo menos tres
deles, María Luz Méndez, Gonzalo Navaza e
X. Antón Palacio, foran no seu día
nomeados vogais da Comisión de Toponimia; e xa que estamos, permitídeme a
confianza: dous docentes xa xubilados do noso Instituto colaboraron dentro desa
histórica Comisión: Carme López Taboada e Jaime Pita Varela).
(En primeiro plano vemos a Mª Dolores Ferro e a Gonzalo Navaza; ao fondo X. Antón Palacio e Pere Tobaruela)
Entre os temas que
se trataron na xuntanza do AGON, quixera
centrarme en tres, deixando a un lado cousas máis burocráticas e quizais para
vós aburridas como a renovación dos cargos (cómpre renovalos cada 4 anos).
1º. Topónimos
recobrados e/ou salvados: comunicóusenos o caso da praza PENICHE , en Vigo
(grazas ao labor conxunto do Concello, da RAG e de AGÓN). Palabra ben bonita,
por certo. Hai outro Peniche en Portugal e vendo as fotos das súas paisaxes, dá
que pensar na raíz de pena ‘pedra’,
se ben cómpre recoñecer que o sufixo é atípico en galego, non así en francés.
2º. Falouse da
colección de estudos toponímicos titulada Terra
nomeada. Outra beleza de nome. Terra
nomeada: a nosa, amada, cultivada, transformada, habitada, esmagada,
invadida, recuperada, amada de novo e agora nomeada.
Quedei un tanto abraiada. Un pouco coa mente suspensa, nomear a terra é
sentirte descubridora, (re)creadora... Non lles faltan mans nin mentes para ese
traballo, faltan cartos. Dependen das subvencións das Deputacións, por exemplo.
Percibín que hai Deputacións amables e xenerosas con este tema e outras que
brillan pola súa ausencia. Así puiden saber que Xulia Marqués Valea traballa
sobre a toponimia de Agolada, Fernando Cabeza Quiles sobre a da Estrada (tamén
Gonzalo Hermo ten moitos topónimos da Estrada recollidos na súa tese), Xesús
Fernández Acevedo estuda a de Silleda etc.
3º. Aquí quero
vervos a todos, meus amables alumnos e amigos. Un dos puntos fortes do día, enunciado
en boca do profesor da Universidade de
Vigo, Antón Palacios, tocaba a Clubs de Fútbol e Toponimia. Hai moitos
equipos importantes deste país que non galeguizaron aínda o seu topónimo.
Outros si. E como exemplo dos que non, adiviñades a quen citaron? Entre
parénteses: preguntei isto hoxe na clase de 4º A e todos ao unísono responderon
: O Deportivo. Pois si, acertaron. Citáronse
outros dous pero a min doer doeume o da miña cidade querida. Algúns
rapaces comentaron rapidamente: Pero
están en tratos, están nesas, profe. E outro engadiu: están empezando polo Estadio... Non lle deixei acabar: Oe, o estadio non é do Depor, é do Concello;
distingamos...
Tamén comentei en
voz alta que as cousas do palacio van por despacio,
como dicía a miña avoa coruñesa (por certo, grande siareira do dépor, ela e o
meu pai, que en gloria estean).
Relembrei que a Academia era gallega
ata ben pasada a metade do XX. Para iso a
fundaron en Cuba, podiades dicir...
Pero en serio,
pouco a pouco imos entrando na dinámica democrática de seguir ou tomar como
modelo os ditados que emanan da Lei de Normalización Lingüística (a través -no caso concreto que nos ocupa- da Comisión
de Toponimia): as cartas que se reciben na miña casa dos grandes bancos xa
traen A Coruña hai anos. As botellas de Estrella
Galicia hai tempo que teñen escrito A
Coruña. O Concello acata a lei. Na páxina web da Fundación Barrié
lemos: “Rúa Cantón Grande, 9, 15003 A Coruña”. E na páxina de Inditex (http://www.inditex.com/es/our_group)
tamén lemos: Un repaso a la historia del
Grupo desde que abrió la primera tienda de Zara en A Coruña desde 1975”. Así que, como di o outro, eppur si muove.
A min
sorprenderíame que o Dépor non teña socios galegos galeguistas, que defendan
con paixón o seu equipo e a súa lingua e as nosas boas leis autonómicas. Teño
un amigo que entra dentro desa categoría e pedinlle a súa opinión. Velaquí o
que me dixo:
Este
tema leva no candeeiro varios anos. Xa na época de Lendoiro se lle solicitara
tanto nas asembleas de accionistas como a nivel privado, a mudanza do topónimo
no nome do Clube [así que os meus dilectos alumnos da
ESO tiñan razón, que ben informados...].
Así mesmo, nas asembleas de
accionistas baixo o mandato de Tino Fernández, tamén se lle pediu que adaptase
o nome do Clube ao topónimo oficial da cidade. En ambos os casos nunca houbo
unha negativa rotunda. Mais nunha das últimas, o presidente veu dicir (non sei en que momento, se na asemblea
ou a nivel privado) que había outros accionistas maioritarios que non opinaban
o mesmo.A miña percepción é que non existe ningunha guerra interna, non hai
sangue neste tema entre nós. Nin tampouco penso que os grandes accionistas se
opoñan con firmeza. O tema, entendo eu, haberia que tratalo con prudencia,
diálogo e unha certa "presión" social. Ocorreríaseme que os maiores
accionistas do Dépor fosen concienciados
neste tema. Se alguén os coñecese poderiase chegar a dialogar con eles para que
non se opuxesen e pemitisen que a directiva accedese á mudanza, sen guerras
fratricidas (tamén algúns directivos teñen un importante paquete de accións). Entón
con ese beneplácito e con certa difusión mediática, o tema acabaría
normalizado, sen grandes sobresaltos e oposicións.
O que hai que pensar sempre é que se comezamos unha loita
pública e aberta polo nome do Dépor, os poderes fáticos da cidade que non están
moito polo labor poden chegar a se oporen e logo custar máis o cambio.
[Di outras cousas, todas prudentes e cautas,
que vos aforro, e remata relembrándome
que] o directivo responsable da área
económica do Dépor (Calvete) é un concienciado "galeguista". E desde
que eles chegaron avanzouse no tema da nosa lingua: site tamén en galego,
megafonia no campo en galego, documentación diversa bilingüe.....
En conclusión,
carísimos, se queremos avanzar neste polo que parece, delicado tema, debemos sumar esforzos e traballar a coro. Só un clamor popular
conmoverá a conciencia deses socios capitalistas remisos a ver A Coruña no nome
do Deportivo.
(Aquí podemos ver tamén a Mª Luz Méndez e a Fernando Cabeza).
Rematamos. Non
esquezades que a toponimia (e microtoponimia) é un vaso de vida coma o Graal:
dá memoria do vivido. Des que eu era nena, e vou relembrar só o paseo case diario
entre a casa dos meus pais ata a dos meus avós paternos (e espazos próximos),
mirade cantos microtopónimos se perderon: a praia das Cañas, a fonte do Mirador/do Picho/de san Diego, o Montiño, a
Gaiteira de Arriba, A Gaiteira de Abaixo, o Corgo, a Fonte do Corgo, a Cubela,
o paseo da Granxa, Pedra Furada (moi próxima á igrexa de Oza, onde nacera o meu
pai, e onde, hai pouco que mo contaron de boa fonte, nacera o derradeiro
Alcalde de Oza) etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario