VISITANDO
Aí atrás visitamos
a libraría Moito conto para asistir á
presentación de dous libros sobre Manuel María. Un era a súa biografía, escrita
por Mercedes Queixas. Outra era unha antoloxía poética, feita da man do
matrimonio formado por Amelia (ausente por exercer de avoa) e do seu esposo, o
tamén poeta Darío Xoán Cabana.
O acto estivo
presentado por un noso ex alumno (cando dabamos clase na capital do vello
reino), Arturo Ponte, en representación da Editorial Galaxia.
Primeiro falou
Mercedes, quen definiu a Manuel María como a el mesmo lle gustaba ser definido,
labrego con algo de poeta. Dixo a
autora, en síntese, que é moi difícil prescindir ou simplemente peneirar o que
dicir dunha produción literaria que se estende ao longo de 54 anos de vida
digamos produtiva. Usou a imaxe dun río: coma
un río que ten unha canle á que se van sumando distintos afluentes. A
verdade é que Mercedes enunciou varias frases de innegable sentimento e beleza.
Escoitalo xa era unha regalía (...). Non é fácil ser obxectiva, ser imparcial.
Comentou da vinculación hai xa tantos anos, ao principio, do poeta homenaxeado
co grupo Voces Ceibes. Sinalou que
moita obra de Manuel María viu a luz grazas ás achegas dos amigos do exilio
(Caracas, Porto, Bos Aires...), e que malia os atrancos habidos en anos de
ditadura e demais, sorprende así e todo, a enorme difusión da súa obra. Deixa
dito, unha vez máis, que clase de persoa era o noso poeta: un ser xeneroso,
altruísta, entregado. E camiñante de seu: hai cartografía dixitalizada dos seus
percorridos polo país. Rematou Mercedes o ser discursiño lanzándonos unha
pregunta inspirada desde o propio espírito chairego: aquilo que el tivo como
utopía amada, a construción da nación, como
transmitimos iso ás xeracións futuras?
E logo falou o poeta
a quen tanto admiramos (os fieis a cazatesouros
tendes que recordar que magnífica tradución fixo por exemplo de A Divina Comedia). Sentiremos non ser
totalmente fieis ás súas palabras, de entre as caóticas notas tomadas no
pequeno caderniño que levamos no bolso veremos que logramos rescatar...
Contounos que
coñeceu a Manuel María a principios de 1969; escribiulle unha carta que
comezaba nestes termos: Querido e
admirado mestre. Recíbeo en Monforte e principiou así unha amizade
profunda; para Darío el foi o Irmán Maior, na poesía e mais na política, cadno
aquel empezaba na militancia nacionalista. O poeta de Outeiro de Rei
aconsellábao, le isto (François
Villon, Francis Jammes...)... Emociona oír xente emocionada, que sabe dar
grazas en voz alta por poder dicir que ten unha familia perfecta (que así sexa
por longos anos), un tal irmán maior e padriño de voda (crin entender), unha
netiña, unha muller amada, Amelia: Darío ten unha fermosa lembranza para
aqueles tempos primeiros, día de vento no Morrazo, con Amelia e aquela edición
de Terra chá que non conserva... A vida deunos moitos anos de amizade... Os da Terra Chá tiramos para a Coruña, “ten as casas da Coruña”, dise
dun que ten moito... Manuel María veuse para esta cidade onde tiña moitos
amigos, moita xente que o escoitaba, porque aínda máis que escribir eu creo que
lle gustaba falar... Na Coruña sentían auténtica adoración por el [ah,
Coruña! Soubeches sempre tratar os poetas, Rosalía quíxoche ben, e Pondal,
Curros levoute no corazón sempre...]...
Manuel María era un poeta popular no sentido máis profundo: representaba ao seu
pobo: amábao. Notábase ese amor e ese mesmo pobo estalle demostrando
reciprocidade... É difícil, despois de Curros Enríquez, atopar quen tivese unha
popularidade semellante... Talvez nin con Lois Pereiro (outro dos ben queridos
na Coruña) nin con Celso E. Ferreiro (outros dos grandes poetas populares)
vivimos unha festa das letras semellante...
A continuación fala
Darío do libro, da antoloxía e analiza o libro dividíndoo en xeiras. Non vos
canso: simplemente aconséllovos a lectura. Son poemas seleccionados por Amelia
e mais el: é a obra persoal deles dous, unha parella que leva xunta corenta e
pico de anos, que leu moito, que sabe transmitirlle á neta de catro aniños
poemas de Manuel María musicados. Trátase dunha antoloxía que procura aquelas
composicións que susciten a emoción pura da lectura. Neste libro cabe un pouco
de todo, os poemas de amor, os poemas á terra e á paisaxe do corazón chan de
Galicia, a lírica intimista, existencialista, a poesía militante, que quere
facer, como fixeron P. Neruda ou L. Aragon, poesía de propaganda política, Eu son a voz do pobo (verso cantado por
‘Voces Ceibes’), iso foi Manuel María en palabras de Darío. Fala tamén o
antoloxista daqueloutros poemas escollidos en que hai unha grande economía de
linguaxe pero logros altísimos (recita aquí versos paradigmáticos dunha certa
pureza: “A terra faise en ti, Saleta”, p. 232 do libro). En fin, queremos ir
rematando esta páxina dominical. Como modelo de perfección absoluta, menta
Darío Xoán Cabana estes catro títulos doutros tantos libros de poesía galega: Advento, Os Eidos, Profecía do mar,
O fin dun canto.
A feira deste ano é a feira máis grande das letras
galegas que se fixo nesta vida... Que grande amigo!
Que grande!
(De esqda. a dereita: Arturo Ponte e Darío Xohán Cabana, na librería coruñesa 'Moito conto'. Foto de Charo Soto)
Ningún comentario:
Publicar un comentario