LÉXICO MANUELMARIANO. PALABRAS QUE NON FIGURAN NO DdD
Despedímonos do mes de maio e mais de Manuel
María (polo de agora: vós sempre podedes ler, por exemplo, os sonetos de As lúcidas lúas de outono, deliciosos).
Unha volta máis xoguemos algo coas palabras, que para iso –entre outras boas
razóns- fomos nados.
E perto de ti,
nunha espuma,/ andiven as ronseiras
do regueiro
(“Oración perto do meu muíño”, en Muiñeiro
de brétemas (MB)) [Fina voz, bonita eufonía; se non erro, temos aquí unha
variante da máis común en galego ‘ronsel’; calculo que ambas as dúas hai que
emparentalas co vbo. ‘rozar’, un verbo que ten entre as súas acepcións a de
‘pasar tocando lixeiramente’ e tamén entre as máis vellas ‘arar’; quixera
chamar a vosa atención sobre o sufixo –el
de Ronsel, non é de noso, non é patrimonial: ou veu da man dos
mozárabes ou máis modernamente, dos provenzais, ou dos francos ou franceses].
Dous abrollos ían
coas dezasete letras /do teu nome e máis do meu/enchendo as apreixuras do camiño e do caneiro. [subst. derivado do vbo.
‘apreixar’: énos difícil pillar o sentido exacto do verso: enchendo o espazo
estreito/apertado que deixaban camiño e caneiro? Ou enchendo no sentido de
completando/complementando esas apertas que se daban camiño e caneiro? Por
exemplo… É linguaxe poética, logo o verso espállanse en múltiples feixes de
raios de significación ou raios de luz que, coma lóstregos, producen un flash
mental, fan nacer en nós unha imaxe de beleza].
Vou rezando decote
este prego/ polos xuncos todos, /polo caz
de ilusiós/e pola miña alma e pola túa peneiradas [castelanismo pouco usual: caz vale por ‘cauce’ –galego canle-; a evolución é paralela a Saz –na toponimia, Villares del Saz- por sauce].
Son verbas pegureiras (“Oración
de brétema”) [nova polisemia de beleza asegurada: verbas que emigran ou camiñan
coma os pegureiros ambulantes? Ou verbas humildes como é humilde o pastor ou a
pastorciña… Quen sabe].
E das historias
tolas/ perfiadas nas penumbras dun
regueiro [temos
un hiperenxebrismo: o poeta di ‘perfiar’ por ‘perfilar’, voz culta].
O vento loitando
co velamio (“O
mar”, en Mar Maior).
Vós quixerades ter outras palabras/ e chamar ás
pombas irmauíñas (“O
agoiro”, en Advento) [na maior parte
de Galicia –tanto no país de Deza coma na terra dos meus ancestros maternos-,
dise irmao, que parece estar na base
dese irmauíñas, inda que non
necesariamente; en galego común sería irmanciñas].
¡Non sei que de grave e tristurento/ no corazón
dos ríos vai metido!
(“Ríos”, en Terra Chá) [o adx. está
formado sobre ‘tristura’, voz poética onde as haxa; podemos lembrar a Macías,
poeta namorado do XIV: Cativo da miña
tristura/ xa todos prenden espanto…].
E baixo un abelanedo / o seu cantar escoitei…!
(“Homenaxe ós poetas da Terra Chá”) [outra voz de
fortes resonancias medievais: aquelas avelaneiras floridas de Airas Nunes… e
nunha pastorela tamén di a moza que sofre porque o amigo casa con outra: e pousarei sob o avelanal; en galego
común dicimos abeledo, así que en
Manuel María achamos un arcaísmo].
O tempo de Nadal é frío e ventureiro. Noiteboa.
¡Se hai leña no unlleiro/ chegarán os Reises á entrada de Xaneiro! (en “Traballos de todo o ano”, en Terra Chá) [neste libro cántase, entre
outros ríos, o Anllo; agora vexamos que nos deixou dito Aníbal Otero no DdD
sobre a voz ollar como substantivo: “Sitio para la leña (o ollar da leña), junto al hogar, en la
cocina, en Córneas. Esta forma parece
confirmar mi opinión, expuesta en el art. VIII, fasc. XXXVI de CEG, respecto a las palabras que J. M. Piel deriva de angularis”. Ulleiro non
figura con ese valor directamente, pero Constantino dáo como sinónimo de ‘ollar
=terreo húmido’ e ao buscar ollar,
salta a acepción recollida por Aníbal Otero; en conclusión, o unlleiro manuelmariano é o sitio que hai
–ou había- na cociña, normalmente nun recanto, por iso pertence á mesma familia
ca ángulo, para gardar a leña].
Na agra a
luz é lene e apardada
(“Sementeira”, Terra Chá) [verba
formada sobre o adx. ‘pardo’].
Hai patacas cazonas e
mariñas;/grandes, pequenas, mareliñas (“As patacas”, Terra Chá)
[eran un tipo de patacas alongadas e non demasiado grandes: agora xa non se usa
moito esta voz, pero a xente de certa idade si que a coñece; o noso informante
foi o pai do noso amigo Manuel Fernández Ferreiro, natural –o pai- de Lanzós,
cerca de Vilalba; canto á familia léxica á que pertence a voz supoñemos que é a
de ‘cazo’ = ‘cacho’, ‘cabeza’].
Están todas as carpazas/ co lilailo da
súa flor (“Primaveira”, en Terra Chá) [graciosa formación a partir
da cor lila das flores das carpazas].
(Carpazas en flor; foto tomada da Internet)
A ermida é algo alleo/ neste monte raso, carquixeiro (“A ermida”, en Terra Chá) [rico en carqueixas, outra típica planta da montaña, útil
polas aplicacións medicinais –podedes ler esa entrada no DdD e o que dela
escribe Sarmiento; mirade que tanto carqueixa
como carpaza comparten a raíz morfolóxica
con carballo, en común está o sema de
‘materia vexetal dura, leñosa’].
Este bigote rexo: / un ben de Deus, /un metemedo/ (…) un
paralóstregos,/ un colleondas de luz (“Canción de amor ao meu
bigote”, en Terra Chá)
[enténdense ben, inda que non veñan no diccionario: relembrade que o poeta,
coma o novelista, é creador de palabras, e non é pouco poder].
Señor: /¡Estamos queimados/ e cinlleiros/
como a fonte humilde/ no Agosto! (de Libro de pregos) [palabra
que inicialmente me levou á confusión porque pensei na cinza, porque lle
cadraba aquí o sema ‘queimado’, quizais polo italiano Cinderella, non sei… pero erraba: a voz é unha mera variante fónica
de senlleiros: o complicado, se
queredes que vos diga a verdade, é ver como se pasa da idea da soidade á idea
de esterilidade… unha vaca cinlleira é a que non dá leite: claro que tampouco é
moi difícil, un só non pode dar a vida, para iso necesítase ao outro ou á
outra; ora ben: hai que ter sempre presente que a historia dos cambios
semánticos, cos seus pasos intermedios, é cousa complexa, suxeita a moito
estudo].
E imos vivindo sen escoitarnos/ sen afondar
na alma,/ sen saber que pasamos cinlleiros,/ sen ser ninguén (“Poema da nosa autenticidade”, en Mar Maior).
Penso no ceo azul que
te embretema ((“Poeta a un cosmonauta”, en Mar
Maior) [delicadísimo verbo: embretemar,
envolver, cubrir, vestir de brétemas].
Onde o silencio é unha flor/chea de escintileo
feiticeiro (de Libro de pregos) [o DdD recolle o vbo. escintilar ‘brillar’].
O río Cabe –tan humilde- vai lodo, triste
e feo (“Carta a Luís
Pimentel”, en Mar Maior) [como adx.,
o DdD recolle lodoso; tamén figura no
diccionario académico da lingua española; é de supoñer que neste verso lodo’ sexa
forma curta e sinónima de lodosa].
Ai, ¡que me escachizo: /que non é un
rato,/ que é un chourizo” (“O
bolo”, en Os soños na gaiola) [no diccionario
académico figura escachizar ‘romper
algo’; aquí hai un uso metafórico, aplicado á persoa que se esmendrella ou
desfai ou parte de risa].
FRASES FEITAS
Non hai canto tan
fermoso:/ fino como un asubío (“O carro”, en Terra Chá).
Sempre sinto estas
soidades / presentíndote a trasmao (“Horizontes”).
Estamos
enveliñados/ con tanta fondura existencial/ _encardernada en luxo e toda a pesca_ (“Comezo por dicir…”, de Mar Maior).
Hai carpazas por
miles de milleiros/ e coróaas a neve a
propio intento
(“Carpazas”, en Terra
Chá).
¡O vello cuco, cucou/ e
moito máis cucará!/ ¡O cuco non me capou/ e nunca me capará! (“O cuco”, en Terra
Chá)
(Nós temos recollido no noso dicionario do 2008, Dicionario de fraseoloxía galega, dúas frases sinónimas, Botarlle o cuco as alforxas e Capar o cuco a unha persoa, sinónimas no sentido
correspondende a ‘sentir moito sono’; parece estar focalizada a orixe desta
frase curiosa, baseada nunha especie de interdición forte/superstición relativa
á ave, nas terras luguesas –documéntase por exemplo, na obra de tres autores
nados no vello convento lucense: Manuel María, Xabier P. Docampo e Xosé
Miranda-. A verdade é que o folclore do cuco dá para unha páxina ou dúas
enteiriñas, pero centrándonos nesta frase en concreto: pensamos primeiro se non
sería unha prohibición ameazadora-orde de obrigado cumprimento, “hai que
almorzar cedo: non se pode saír da casa sen almorzar, en caso contrario o cuco
vaite capar”, xurdida na linguaxe educativa das nais ou dos pais para cos
fillos, pero logo vimos noutro lugar [en ”Encantos, demos e cucos. Folclore e
cultura popular na tradición oral de Beche, A pontenova”, de Miguel A. Abraira
Pérez] que as consecuencias de pillar o cuco un ser humano en xexún podían ser
tan graves coma a morte. De onde máis ben parece deducirse unha orixe ancestral
–na noite dos agoiros coas aves- para esta especie de maldición ou praga
cuqueira.
“Atravesaron varios regatos, comendo pan e liscos de touciño, non fose
ser que os capase o cuco.Denantes de se meter na chousa, ás beiras dun outeiro,
ó pé da fonte, ollaron como o sol, a cachón, entraba no val pola Portela”, en Xosé
Miranda, Infancia e desventura de Lino
Carrán.
“En paralelo co recreo venme o acordo do camiño da escola e del un día do
mes de abril no que, tendo saído da casa ao escuso de miña mai sen comer o
almorzo, ao pasarmos a Manola e mais eu por enfronte da casa da Francisca,ao pé
dun ribazo no alto de cal había
unha árbore cativeira, non
lembro cal, cantou o
cuco e a
muller desde a
porta berroume: «Paquiño, comiches o almorzo?», Interpretou atinadamente
o meu silencio culpábel e asegundou: «Ai, pois acaba de te capar o cuco»”
(Xabier P. Docampo, no TILG)).
Hei de ir a Castro a
Abadín e de Begonte a Cospeito / para ver como os labregos teñen que partir
o peito (“Cantiga para andar pola Terra Chá”, en Terra
Chá).
Cuberta de
folerpas brancas como o leite (“Alba descoñecida”).
Cecais que os piñeiros sexan / os meus irmáns máis sinxelos (“Sen dúbida son poeta”, de Morrendo a cada intre, MO).
Ti es unha momia/que vives a cen légoas
desta vida (“Manuel María aos 45
anos”, MO).
Se eu tivera un pulmón de aceiro/ podería
respirar estrelas fachendosas/ que xogarían ao feito nas miñas entrañas. (“Poema persoal”, MO) [Para o noso saber, é
moito máis común a frase a feito/a eito,
a variante do noso poeta é atípica].
Onde o silencio é fondo e se oi o Miño / ir co
seu paso de boi cara os encoros / que deteñen a súa forza poderosa (Terra Chá,
“Canto á Terra Chá”) [Frase que non precisa explicación pero si queremos
acompañala da saudade do que xa non se ve, aqueles bois que tiraban do carro do
país… Meu pai, coruñés, aínda lembraba cando miraba pola fiestra do colexio Dequidt –situado a partir de 1900 no chamado daquela Camiño Novo, hoxe rúa de
Juan Flórez- como cargaban boa pedra branca da canteira de santa Margarida os
carros tirados dos bois marelos e a transportaban ao Muro, ao peirao para
embarcala sabe Deus a onde; o paso de boi é un paso lento].
("O carro de argazo", de Serafín Avendaño; foto tomada da Internet)
Potentes carballos centenarios/ Que loitades co
vento brazo a brazo.
Non deas nunca ó olvido/ idioma,
patria e canción
(“Soneto ó carballo…”, en Terra Chá).
Ningún comentario:
Publicar un comentario