LÉXICO DE
MANUEL MARÍA QUE NON FIGURA NO DdD
Continuando coa nosa particular homenaxe polo Día das
Letras ao poeta chairego, presentamos léxico manuelmariano que non figura no
dicionario académico da Real Academia Galega, nin tampouco no DdD: Dicionario
de dicionarios, citado neste blog máis dunha vez, obra coordinada polo
profesor-doutor Antón Santamarina, de libre consulta na rede.
Anguieira (en Auto do mariñeiro): ¡Heiche matar a anguieira/ da túa soidade
sin fin! (Variante de angueira,
voz común que xa figura nos dicionarios)
Está baixo, Maxestade, cousa que non comprendo comendo
tanto porco e coas grandes enviadas de
viño (BU [Farsa
de Bululú]) (Só aparece documentada unha vez no DdD, da man de E. Rivas,
pero el alude a alimentos que se envían sen masticar, e aquí non é caso; en
galego tamén se di ‘botar dun envión/grolo/gulapo/saque’).
Agachado nunha frouma/ moi espesa e verdecente/ sei dun
niño de paxaro/ que se chama o escribente (“O
escribente”, de Os soños na gaiola)
[hai variante, escribenta, chámanlle
así porque os seus ovos están raiados, xa o di o poeta chairego: Teñen [os ovos] liñas como letras/ que semellan escrituras)
Graznear, grazneo (BU) [Castelanismos, formados sobre o castelán graznar]
Lanfrán (BU)
(na obra manuelmariana aparece como insulto; consultado o DdD comprobamos que non figura o valor que nos
interesa na entrada LANFRÁN, onde só vén a unidade fraseolóxia De lanfrán ‘de lado, oblicuamente’; pero
atopamos na entrada LANFREÁN a palabra ‘lanfrán’ como simple variante fonética.
A voz ‘lanfrán’ dise dun animal moi comedor. Na entrada LANFAR vemos que
conmuta nalgunha partes de Galicia por LARFAR, e aí temos a mesma raíz que en
LARP-(EIRO) [o ‘p’ e mais o ‘f’ poden conmutar porque teñen dous trazos en
común, son labiais e son xordas], da onomatopeia LAP-, do ruído que fai a lingua
ao chapar/papear o alimento _hai un conto da raposa e o corvo, aquela convídao
a unha merendola: ponlle unha fonte plana coas ricas papas e ela coa lingua lap, lap, lapouno todo..., así tal cal o
contaba o avó dezao dos meus fillos_, cun erre que chaman os lingüistas
‘adventicio’ ou ‘repercusivo’ , que vai e vén, dependendo das consoantes que
estean presentes... un elemento móbil e líquido este erre... A nosa nai valdeorresa, por certo,
insultábanos de nenas dicindo, “Ai, cananfrán!”, quen sabe se hai unha
composición de can+ lanfrán...)
O rombar dos ríos, /o canto/ dos regueiros,/ a auga que
corre/nas pradelas (en Aldraxe contra a xistra)
(debe ser, evidentemente, un prado pequeno).
Macuto do vagamundo: Sinto non ter un bo cigarro habano
pra ir trompeado, moi recreado e
fachendoso, no meu asento (en Auto do Castromil ou a revolución dos baúles) ( a palabra é da
familia de trompazo, trompo, trompicón:
quer dicir dando saltos ou botes no asento)
FRASEOLOXÍA
MANUELMARIANA
Que chovera , que
nevara , que fixera sol ou que xeara , el sempre soliño ó pé da habenza (en Contos en cuarto crecente, CCC).
Feito un fargallo (conmuta
por farrapo, en cast. guiñapo).
¡Oxe o mariñeiro bebeu moito demais! (en Auto do mariñeiro).
¡Limpa o bico! (en Barriga verde) (Manuel María presenta unha variante curta da
Unidade fraseolóxica galega lunga, Límpate,
que estás de ovo; tamén a recolle en
cast. o dicionario da RAE Límpiate, que estás de huevo; é frase irónica que se lle di a un que peca de
ilusorio, a imaxe que subxace é moi expresiva: é a de alguén a quen xa lle cae
a baba pensando no que vai lograr cando aínda non o ten ... Na obra de Manuel
María é a Moza a que lle di iso ao Serrador, creo recordar, equivale a que máis quixeras!, porque el xa conta con tela no papo a ela; a frase pasou
a América, cun galeguismo integrado: Lámbete,
que estás de huevo, e xa que estamos, recordade os que sodes/fostes meus
alumnos, algo importante: as palabras nacen, medran, multiplícanse por
derivación, composición etc. e morren: así dicían os neogramáticos; agora
engadide: e tamén viaxan).
Aquí imos como señores de consideración (en Auto do Castromil ou a revolución dos baúles).
Deixoume gravado a
fogo (CCC).
Ou cecais está botando
un neto cun paxaro (CCC) (Equivale a 'botar un chanqueiro, un grolo').
-¡Cómame o outro...!
¡Iso non é falar...!¡E moito menos razoar...! (eufemismo
polo ‘demo’; a frase úsase para aseverar).
Non hai home no mundo máis cumpridor, aínda que sexa feo
dicilo... a miña palabra é coma unha
escritura (Esta frase tamén a usaba o meu avó valdeorrés, materno: significa que a palabra dada é de lei, de obrigado cumprimento).
Conforme ó meu
sentir eu
soio son un poeta labrego, lugués , compostelán e tan só como tal quero morrer (en Documentos personaes,
DP).
Carnet de identidade : san e salvo (DP).
Xuro por Deus e
polos santos
que estou no meu xuício (DP).
¡Que non quede nin
a semente da caste señorial! (de Unha vez foi o trebón, UV) (Forma enfática de dicir 'nada de nada').
Xa sabe que son de
palabra (UV).
Boa sorte tés que o señor non exerza o dereito de pernada ou che durma
coa muller a primeira noite. Ben bó é. ¡Había
de ser eu! (expresa desaprobación, equivale a ‘eu non faría iso, faría outra cousa ben
distinta’) (En castelán sería: Si fuera
yo.../ Si llego a ser yo...) (UV).
Fuxe como unha
sombra (UV).
Afellas que non puiden (UV).
Coñózovos como se
vos parira (UV).
Vou a quedar por
portas (UV).
¡Déixate de
comedias! Ou
pagas ou quedas sen os eidos (UV) (Nós falamos de 'comedias' onde o cast. di '(facer) teatro').
¡Ai de min! ¡Son
perdidiño! ¡Quedo por portas pra toda a miña vida! ¡Nunca máis poderei erguer cabeza! (UV).
¡Caen sobor de nós como
o pedrazo! (UV).
¡Máis nos valera
non ter nacido! (UV).
Fuxen en
desbandada(UV).
-¡Fillos dunha
loba! (UV) (Dá idea tanto de fereza coma de
voracidade).
Eu prométovos que, polas
boas ou polas malas, hase de cumplir a xusticia (UV).
Miñas donas, meus señores: /eiquí pode suceder,/resultar
e acontecer/ ¡que as mantas son
cobertores! (en Farsa de Bululú, BU) (temos aquí unha frase lúdica, expletiva
_recordade os que sodes alumnos meus que xa vimos o concepto ‘expletivo’ ao
falarmos do dativo de solidariedade: expletivo na tradución ao castelán,
enténdese_; a frase fai rima con señores
e o uso normal é na modalidade negativa. Oínlla por vez primeira ao noso colega
bergantiñán Emilio Facal: eu dixera algo así como cando me ía: -Ben, señores... e el raudo replicou: -As mantas non son cobertores; é unha
frase dialóxica e rímica, bonita en canto que nos recorda unha vez máis que
somos seres lúdicos, capaces de xerar o riso e de cultivar o sentido do humor,
virtudes sen as cales non existiría a boa literatura; a frase documéntase tamén
nunha páxina web dun internauta do Valadouro [Señoras e señores... as mantas non son cobertores, a páx. está
datada en febreiro deste ano]; no uso manuelmariano, ao darlle a volta, quere
dicir que van suceder cousas non esperadas, sorprendentes).
Un mozo como un
carballo, cunhos bigotes que daba
xenio (BU) (xa
sabemos o que vale o carballo para o pobo galego: un símbolo de seu: de
lonxevidade, resistencia, fortaleza etc. ; a fraseoloxía co carballo é rica,
vouvos poñer un par de exemplos só: -A
quen me dea un pau doulle un peso, e dous se é de carballo / Xa medraron os carballos ‘pasou moito
tempo’ / Cando os carballos dean uvas
‘nunca’ etc.).
Foi unha hora ruín
que tivo (BU) (cfr. Tener una mala hora). Conmuta por
‘un mal momento’ ‘un momento de loucura’ ou así.
Decíache unhas cousas que mesmo che partían as cordas do corazón (BU) (idéntica
imaxe á do poeta-rei medieval , cando oímos o que di a amiga do seu amigo
trobador: “fez unhas lirias no son / que mi sacan o coraçon"; o significado
é o mesmo: sexa a voz sexa a música, ambas as dúas van directas ao corazón do
receptor: conmóveno profundamente; o aparentemente brutal e descarnado sema de
‘partir’/’sacar’ en realidade o que representa é a idea de ‘corazón aberto:
aberto á recepción: á flor de pel’ /VS/ ‘pechado’, ‘duro (de oído)’).
Déixate de lerias (BU) (lerias conmuta aquí
por contos).
(Cartel elaborado polo alumnado do noso Instituto baixo a dirección da profesora de galego Beatriz Moreno, anunciando a primavera das letras)
Non son nada maliciosa que ben iñocente me deu Noso Señor. -¡Que che metan un dedo entre os dentes!
(BU) (frase bonita que non se encontra doadamente nos dicionarios: Dar Deus/Noso Señor a alguén + ADX. OU FRASE
ATRIBUTIVA; en cast. viría sendo Facer
Deus a alguén + ADJ. O FRASE ATRIBUTIVA, por ex. Soy como Dios me hizo. Esa acepción do vbo. DAR ‘crear’, ou _secundariamente_
‘facer’, [ou simplemente, como unidade fraseolóxica: DAR DEUS/NOSO SEÑOR a
alguén + ADX. = SER + ADX.] debería entrar no dicionario da RAG en liña). ¡Que
che metan un dedo entre os dentes! Frase irónica: significa a ver, imos facer a proba para ver se
realmente es tan inocente como dis... a ver se mordes ou non...; témola
tamén en cast., recóllea por exemplo Seco no seu dicionario, Diccionario fraseológico documentado del
español actual, e pasou ao español de América, documéntase ben en Google,
con distintas variantes, do tipo no le
metas un dedo en la boca etc. Tamén nós, Carme L. Taboada e unha servidora,
integramos Meterlle o dedo na boca no
noso dicionario do 2008, e está xa documentada a frase co valor de ‘non é
parvo’ no TILG no ano 1899: espabilouse
polo mundo , e nin se lle mete o dedo na boca , nin penso que seña home a quen
se poña medo doadamente, é de X.
Rdguez. López ).
Desaparece da escea como
alma que leva o demo (BU) (=velozmente, tamén en cast.).
Heite de rematar o
mesmo que un can doente (BU) (tamén se di en
galego coma (a) un can da rabia:
escóllense imaxes tomadas da realidade social xa pasada –polo menos en Galicia-
de animais que deben ser rematados, sacrificados por causa da rabia).
¡Xuro a Hércules e a Marte/ que a furarei parte a parte! (BU) (a frase é de parte a parte,
‘dun lado a outro’, ‘por enteiro, por completo’, ten valor enfático).
¡Deixe sa de parolar,/predicar,/baduar/ e darse pisto! (BU)
(temos a mesma imaxe fraseolóxica que na frase darse pote: encherse ben (de alimento) e de aí ‘inflarse’ na
acepción tan coñecida de empavonarse,
ensoberbecerse... Nin unha nin outra
figuran no dicionario académico. E deberían).
Pasan cousas das que teño que informar a Vosa Maxestade
moi ó por miudo (BU)
(Quere dicir ‘con moito detalle’, tamén se podería dicir ‘tintín por barín’).
Sano como un buxo
e forte como un penedo (BU)
(se se di así é porque a madeira do buxo é moi resistente: son comparanzas
nacidas da experiencia, do coñecemento das distintas madeiras).
¡Qué verdade nin
qué caracho! (BU) (negación enfática; ‘caracho’ é
un eufemismo; a palabra caracho pasou
a América, como expresión que denota enfado).
Sigue repartindo cachiporrazos a barullo (BU).
Aparecen correndo como
lóstregos (BU) (A comparanza non creo que necesite
explicación, os lóstregos sucédense velozmente polo ceo... A voz é bonita, da
familia de ‘lustre’, ‘ilustrar’, é sinónimo de ‘lustro’, ‘alustro’ e ‘relustro’
e ten un sufixo átono comparable ao –ago do cast. ‘relámpago’ _’lampo’ en
galego_ para prolongar o corpo fónico da
palabra; é posible que teñamos o mesmo sufixo _ou querendo, interfixo “-ag-“,
no galego ‘limigocha’; o mesmo caso dáse entre o galego ‘galapo’ e o seu
sinónimo ‘galápago’, en DdD; é de supoñer que este proceso está tamén en
palabras como ‘xara’ / ‘xaramago’: cambia a semántica, son plantas distintas,
pero úsase semellante procedemento morfolóxico).
Comeza a repartir cachiporrazos a eito; Estou no allo de todo; Home de
palabra; Ir ó grau (BU).
¡Xa mo daba a min
o cheiro! (BU) (Esta frase de Manuel María non a
coñeciamos nós: si que coñeciamos ‘dar o corpo/dar o corazón/dar a alma’ para o
concepto de ‘intuír, presentir’. E tamén sabiamos do valor de ‘cheirar’ como
‘recear/sospeitar’, e incluso ‘nin por cheiro’ = cast. ‘ni por asomo’; no TILG
vemos que se documenta porque che voa
polo ar un recendo de patacas gobernadas que mesmo consola . A min xa me deu o cheiro antes de entrar,
texto de Luis Moure, pero vedes que nese contexto hai un cheiro literal, real,
físico: no texto manuelantoniano hai un paso máis: dáse o salto ao plano
fraseolóxico: xa non olemos co órgano do olfacto, senón que olemos coa mente: do plano “real/olfactivo” pasamos
ao plano “mental”: o salto é o que se chama proceso metafórico puro. Ao mediar
a metáfora, temos a Unidade Fraseolóxica feita e dereita).
Buscarlle un mozo axeitado, / ben lavado e perfumado,/
pra que lle desfaga o leito (BU)
(a
frase ten claro valor sexual).
Hanos dar que
tecer (BU) (tamén se di ‘dar guerra’, ‘dar
faterna’, é dicir, dar traballo; debedes ter en conta que moitos esquemas
lingüístico-fraseolóxicos que perviven reflicten procesos reais que xa desapareceron
da nosa sociedade: aquí temos que relembrar como se tecían aquelas prendas,
colchas, mantas, roupas da casa, de liño, o traballiño que daban...).
En todo mete as
narices (BU) (comete o noso autor un
castelanismo, en galego a frase pide meter o nariz/os fociños, ou máis
coloquialmente aínda, meter a napia).
E ve medrar hastra
a herba (BU) (a frase sentir/ver medrar a herba pondera a perspicacia dunha persoa; é
unha hipérbole: as hipérboles, coma as metáforas e as metonimias, vedes que son
motores/mecanismos/operadores dos cambios semánticos, fan nacer novos
significados; en castelán encontramos como semellante a frase “ver pensar”: “Es
lista como un rayo, de las que te ven pensar”, di Carmen Martín Gaite en Nubosidad variable; mais tamén se di ‘ve
crecer la hierba’).
¡Sodes peores que
a tiña! (BU) (A tiña era unha moi mala e
contaxiosa enfermidade que dos animais, coma os gatos, podía pasar ás persoas).
Mais eu antes que
a galiña metínlle dente a sardiña (BU) (Espléndida frase
proverbial, case un refrán; equivale á castelá Yo ya fui cocinero antes que fraile; podemos dicir que en galego sardiña e galiña constitúen un prototipo de PAREMIA, entendendo aquí por paremia un par de palabras que concorren
frecuentemente xuntas para formar unidades semántico-fraseolóxicas novas;
mirade estas combinacións posibles: ese
empezou por sardiña e acabou por galiña ‘ese foi medrando’; En fin,
que antes de comer galiña hai que comer sardiña , Manuel Vázquez no TILG; Trata en sardiña e comerás galiña,
refrán; Onde haxa galiñas sobran sardiñas,
en boca da raposa, no TILG; tamén o vemos en castelán: Quien no come gallina come sardinas; todos estes exemplos estannos
falando dun tempo pretérito en que o noso mar daba sardiñas a esgalla, por
millóns de millóns ao ano, tempos de fartura sardiñeira, e con iso era un
alimento popular, de pouco custo).
Andoriñas en
concello/ sobor dun poste pousadas/ ¡Qué de palabras secretas/ e razós
apaixoadas...! (“Andoriñas”, en Os soños na gaiola) [Fermosísima frase! Pode valer para traducir
aqueloutra que a RAG considera castelanismo, facendo tertulia].
Un poeta fai de balde/ o seu traballo, e de/
porparte, aínda/ pon el o material/ e as ferramentas (“Reclamación laboral”, en Proba
documental) [‘E por se fora pouco’, ‘e por riba’; non viña mal integrala no
dicionario académico, onde non figura: sumaríase ás outras formas de traducir
as frases castelás para más inri/ para
colmo].
Os emigrantes son felicísimos/ posto que todo o mundo os
enche/ de atencións e fanlles a vida/ moi amábel. Non é verdade, pois,/ que
sintan saudades da súa terra./ Se sentiran saudades non irían/ tocar o zoco mundo adiante. (en “Oda aos emigrantes”, en Odes
nun tempo de paz e de alegría) (Unha frase sinónima é bater a chanca –documéntase por exemplo na obra de Bieito Iglesias:
en castelán vén sendo algo así como “rodar por el mundo adelante”, “andar dando
tumbos” ou “gastar suela”; espero que sexades quen de percibir a ironía aceda
do poema, e en xeral deste libro publicado en 1972, espella unha situación en vigor
desgrazadamente para moitos seres humanos a día de hoxe).
Ningún comentario:
Publicar un comentario