VISITANDO
Un ano máis fixemos a Ruta do Quijote. Na primeira quincena de marzo. Desta vez facía moitísimo
frío, pero a luz era por veces marabillosa. Fomos catro profesores e 30 rapaces,
alumnos todos de segundo de bacharelato, todos merecentes dun dez en
comportamento, atención, puntualidade. Esas virtudes básicas.
Ben. Ímonos centrar nun par de cousas que me chamaron
a atención. Vós, os que fostes nos últimos anos, relembraredes que José Luis
Suárez sempre fai fincapé e chama a vosa atención no feito de que hai dous
lugares manchegos que se disputan ser El
lugar de la Mancha. Son Argamasilla de Alba e Villanueva de los Infantes. A
segunda cousa que me provocou curiosidade nace de algo que vos comentei este
ano cando vos falei da obra do Greco, a do enterro do señor de Orgaz: quen sabe –dixen en voz alta- se
sería certo que Cervantes viviu realmente unha parte da súa vida aquí en Toledo
(porque din os expertos que é un dos personaxes retratados abaixo, no plano dos
vivos, na famosa obra).
E recordaredes tamén que José Luis sempre cita a favor
de Villanueva a obra duns expertos da Universidade Complutense de Madrid.
Refírese ao libro titulado El lugar de la
Mancha es... El Quijote como un sistema de distancias/tiempos, de F. Parra
Luna e outros oito autores. Non puiden lelo todo pero teño idea de que
establece de forma digamos científica unha serie de cálculos matemáticos e
medicións con datos temporais (do tipo cantos días lle levou a X chegar a Z...)
da propia obra cervantina, de tal modo que chegan á conclusión de que a aldea
do Quijote era ese lugar, Villanueva
de los Infantes. Na páxina web dese concello explican moi ben a quen seduciu
esta hipótese, por exemplo, ao poeta Nicanor Parra. A outra suposición, que o
lugar da Mancha onde nacería e de onde parte don Quijote é Argamasilla de Alba, tamén ten os seus adeptos,
naturalmente (este naturalmente é
unha forma de falar... grandes cervantistas como Francisco Rico dinos na
edición última da RAE, de libro acceso na rede, na páxina do Centro Virtual
Cervantes, que non hai que darlle voltas ao tema, que son cuestións dunha
erudición demodé, aínda que doutra
banda pretender obedecer a Rico é como pretender poñerlle portas ao campo: os
que amamos o autor ilustre de ilustres apelidos de forte resonancia galaica
pensamos que todo o que toca é ouro e nunca nos vemos fartos de saber miudanzas
ou cousas graves del, da súa vida e milagres). Abramos a edición de Martín de
Riquer: vén dicirnos que a favor de Argamasilla está o feito incontestable da
presenza nas páxinas reais, da man de carne e óso de Miguel, dos sonetos
escritos polos académicos de Argamasilla: como está o feito innegable de que
Avellaneda así o entendeu e deu a saber (que o tolo universal nacera nese
pequerrechísimo lugar de Argamasilla de Alba) e que Cervantes nunca chegou a
negalo nin a contradicir ao tal Avellaneda (mentres que outras cousas si que
llas refutou).
Antes de falarvos da academia e dos académicos,
deixádeme incidir no tamaño de novo: Villanueva de los Infantes (a patria dun
santo nomeado pola igrexa católica, de nome Tomás) non me parece a min que fose
nunca unha aldea. E se ben a miña mente racional está con Rico _dubido moito de
que Cervantes centrase nun lugar concreto o seu pensamento á hora de redactar
ese famoso inicio...-, si que acho verosímil que visualizase e se inspirase ao
longo dos capítulos seguintes nun lugar ou incluso dous ou tres pequenos
lugares prototípicos de “aldea manchega”. Villanueva na conxunción de séculos
(XVI-XVII) pouco ten de aldea: empezando pola maxestosa parroquia de San Andrés Apóstol (coa súa monumental Torre del Reloj, feita antes de 1575): foi sé do Vicario do Campo de Montiel
por mandato do rei Felipe II en 1537, ata 1875; a principios do XVI contaba xa
co Convento dos Trinitarios, outra obra monumental; contou cunha Casa de los Estudios ou Antiguo Colegio Menor, que debeu de
construírse tamén a principios do XVI; sabemos que en 1628 se imprime en
Villanueva de los Infantes un libro de Jiménez Patón, é dicir, que nesas datas
tiñan incluso unha imprenta; tiveron a súa Casa
de la Inquisición; o convento onde morreu Quevedo, coa igrexa
correspondente, de Santo Domingo foi fundado en 1526... Non sigo, pero está
claro que máis que aldea era unha señora vila de moito avoengo e
monumentalidade suficiente como para descartar poder chamarlle aldea (máis
datos no libro Por calles y plazas de
Villanueva de los Infantes, de Francisco Castellanso Sarrión). E con todo e
iso, fixádevos no labiríntico que pode ser un tema de debate, hai algo que me leva, malia o dito, a inclinar algo a romana a favor deste núcleo manchego: a
presenza desa pequena universidade onde impartía aulas un catedrático con amigos na academia toledana... Ese Jiménez Patón non era moi proclive ás ideas
cervantinas: non lle entraba precisamente Cervantes polo olliño dereito... Quen
non nos di que Cervantes quere parodialo, a el e aos seus simpatizantes académicos e para disimular (para ironizar
libremente: a ironía sempre pide distancia, e naqueles tempos, coma nestes,
débese dicir o pecado –se o hai- e
agachar o pecador: algo que deberían aprender mellor certos académicos actuais,
polo que se ve...), arreda, afasta toda sospeita e sitúa en Argamasilla de Alba
a colocación desa Academia aldeá (aldeá non
por humilde en tamaño físico senón intelectual)?
Bartolomé Jiménez Patón era catedrático de elocuencia
en Villanueva de los Infantes, desde 1599 ata 1640, quer dicir, precisamente no
lapso de tempo en que Cervantes escribe e publica a súa magna obra. Era moi
amigo de Lope e nada amigo de Cervantes polo que parece (un artigo fundamental
para esta historia é o de Abraham Madroñal, dispoñible na rede: Cervantes y Lope frente a frente, publicado
na revista El humanista).
Quero ir rematando: relede, por favor, os estupendos
nomes dos académicos (capítulo LII, derradeiro da 1ª parte). Son chamados con
alcumes burlescos (a poesía burlesca, escarniña, é unha constante hispánica,
non é privativa de Cervantes, pero o noso autor domínaa ben): a un chámalle Monicongo, que vén sendo retaco, canijo (‘home de pequena estatura’ di a edición académica do
dicionario de 1787); a outro chámalle Paniaguado,
imaxinamos que equivale a dicir servil, adulador
(por non dicir algo máis forte), verosimilmente; a outro, Caprichoso; a outro Burlador (xa sabemos que chulo era aquel de Sevilla); a outro Cachidiablo (di Riquer que así chamaban
a un corsario temible, capitán do mítico Barbarroxa), dá idea dun pillabán,
malvado; ao derradeiro chámalle Tiquitoc.
Sobre esta voz xerouse moita parola. Hai varias interpretacións. Rico explica que así se chamaban dous monecos-xoguetes, do tipo dos tentetieso. Chegaríalle ben como alcume. Tamén se pode pensar nun
coxo-trenco, con pata de pau, que vai facendo ao andar ese ruído (no CORDE hai
unha documentación da onomatopeia tiquetoque
para o traqueteo das botellas ao chocaren). Julio Cejador, en 1906, na obra titulada La lengua de Cervantes, fainos ver que xa en Los baños de Argel aparece a expresión en boca do sancristán "¿Cuándo haré el tic y el toc?", quer dicir, cando volverei á miña terra? Aí o tic e o toc están representando o toque da campá.
Haber había un montón de academias –maiormente poéticas-
na España de Cervantes (o señor J. M.
Blecua hai anos que publicou un artigo sobre unha delas, da época cervantina, a
do Conde de Fuensalida; o propio Miguel asiste en Madrid entre os anos 1585-87 a unha, chamada "A Imitatoria", ou iso escribe Ricardo Majó Framis, na biografía que prologa á súa edición do Quijote publicada en 1969 depositada na Biblioteca do noso Instituto): en Madrid, en Toledo, en Valencia... e polo que vimos
tamén en Villanueva de los Infantes houbo un foco de ilustración, un foro de cultura literaria non desprezable. Eles mesmos, os membros, poñíanse alcumes
e ben ridículos en ocasións para a época en que vivían (Caballero Doncel del Mar, Caballero
de las Cuitas, El Ardiente, Píndaro...) e tendían bastante ao
autobombo. Non é de estrañar que o noso xenial e irónico autor os arromedase.
Seguiremos outro día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario