LENDO A CERVANTES. MERLÍN.
A presenza de Merlín no Quijote circunscríbese a dous momentos nucleares: a procesión
solemne-festa entre lúdico e áulica que organizan os duques, dunha banda, e a
súa mención-existencia implícita na Cova de Montesinos.
Por que Merlín e para que Merlín?
Imos supoñer que Cervantes non se pode subtraer ao seu
influxo: igual que non se puido subtraer á existencia previa da Materia de
Bretaña: da mesma maneira que calquera de nós, humilde mortal, non se pode
subtraer á lei da gravitación universal. E se así o enfocamos sinceramente non
creo que andemos moi desencamiñados. O coñecemento, a fascinación talvez, a
naturalidade mellor con que integra algo que ben seguro mamou por ser el quen
era, un ser nacido, criado e educado nun contexto atlántico-europeo, con raíces
claramente occidentais ibéricas mais tamén con raíces culturais occitano-itálico-levantinas,
así o facía lóxico e esperable. Lémbrese que os maiores logros de Cervantes son
susceptibles de seres cualificados coma míticos: a liberdade de ser un quen é e
podelo dicir (“Eu sei quen son”), a
liberdade de amar un mito-arquetipo, a liberdade de poder expoñer en boca de
muller que o amor é froito dun libre designio, a liberdade de elevar a un plano
superior a idea do ben sobre o poder e a riqueza material... Logo non podía
faltar un mito da categoría de Merlín.
(Viaxe 'Ruta do Quijote' ano 2016. Villanueva de los Infantes)
MERLÍN NA PENÍNSULA IBÉRICA.
No que nós sabemos a primeira documentación que dá
testemuña da presenza literaria explícita de Merlín na nosa península
correspóndese coas Cantigas de Santa
María do rei Afonso X (podedes entrar no Corpus Xelmírez, de libre acceso na rede e aí tendes os textos).
Nesta obra escrita en galego do XIII, o vello druída aparece xa na dobre faceta
de poderoso meigo-profeta dunha banda e de fillo do demo doutra: respondendo
así ao tan ben coñecido proceso de cristianización que experimentan os
personaxes sobranceiros da Materia de Bretaña no seu camiño de divulgación e
metamorfose ao longo de Europa xa desde o século XII (o antigo profeta-mesías
redentor da nación bretona pasa a ser enfocado pola óptica cristiá coma unha
especie de Anti Cristo xerado polo demo, pois que coa nova lei o único redentor
é Xesucristo).
Este rei,
Afonso X, tiña claras relacións co mundo
británico. Por exemplo, apadriñou un príncipe de Inglaterra á hora de ser este
armado cabaleiro (nun artigo, “La pila de la catedral de Santander” publicado
en 1920 na revista “El Arte Español”, con que topamos buscando datos sobre a obra
dun ex director do noso Instituto, D. Antonio Bermejo de la Rica, lemos: Esta merced les fago por mucho seruicio que
ficieron al rey Don Fernando, mío padre, e a muy mayormiente en la presión de
Sevuilla. Et que por este mío donadío sea más firme, más estable, mandé seellar
este priuillegio con mi sello de plomo, fecha la carta en Burgos, por mandado
del Rey, ocho días andados del mes de Enero de era de mille doscientos
sesuaenta e tres annos. Et yo, sobredicho Rey Don Alfonso, regnante en uno con
la Reyna donna Violante, mi mugier, e con mis fijos, la infante donna
Berenguela e la infante donna Beatriz, en Castiella & en el Algarbe, otorgo
este preuilegio e confírmolo e mando que vala en el anno que don Odoarte, fijo primero e heredero del rey Enrie de
Anglatierra, recibió cauallería en Burgos del Rey don Alfonso el sobredicho
[negriña nosa]).
Falo de Merlín, non da Materia de Bretaña en xeral,
porque daquela teriamos moi probablemente que desprazarnos aos reinos de Aragón
e Navarra para as primeiras datacións peninsulares, anteriores á afonsí, por
mor da proximidade xeográfica co mundo provenzal.
En castelán só tendes que ir ao CORDE para ver desde
cando e en que libros (a partir do primeiro terzo do XIV) aparece citado. En
galego-portugués temos tamén escritos entre 1300-1350 o Livro de Tristan e Livro de Merlin magnificamente editados polo
Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades.
(Almagro)
MERLÍN NA APARICIÓN DO CAPÍTULO XXXV DA SEGUNDA PARTE.
Inicialmente podía pensarse que hai unha certa
ambigüidade nesa aparición: Merlin vai nun carro, e o carro podía ser
denigrante: recordade a Lanzarote ou ao propio don Quijote cando volve nun
carro derrotado á aldea... Pero aquí, na luxosísima escenografía preparada
polos duques, máis ben a ambigüidade xorde desde outra óptica (teño que
dicirvos, meus queridos, que en Literatura a ambigüidade é un valor: canto máis
riqueza de significados potenciais, mellor). Antes de nada, unha observación
importante: Cervantes é bastante realista cando nos describe tamaña operación
escenográfica: os duques operan como calquera nobre que se prece: gastar unha
montoneira de cartos en facer festas ten unha compoñente innegable de
normalidade, tanto no renacemento coma no barroco. Digamos que todo o mundo
daba por bo que os nobres se distinguisen da xente do común polos cartos
gastados en festas, festexos, festerolas e magnificencia do estilo. Todo moi
caro e moi teatral. Hai bibliografía abundante ao respecto coa que non vos
enfastío. Permitídeme só que recorde un artigo que lin hai tempo sobre festexos
da casa de Lemos no Monforte do XVIII. Facían coma os romanos (cando montaban
batallas navais con lagos artificiais...), organizaban unhas tremendas
estruturas con castelos, fogos, dragóns e demais (asalto ao castelo).
En fin, indo ao caso: este Merlín elevado nun plano
superior na carroza, magnificamente rodeado de luxo-flor dun día é unha
representación algo carnavalesca dun... de que? Dun deus arcaico, dun meigo
poderoso noutrora, dun profeta, dun vate, dun druída vello envolto en oropel? Todo iso ou nada diso. Moi
poderosa a pluma de don Miguel. En Cabanillas (seguindo modelos primitivos, do
ciclo clásico medieval, o chamado Pseudo-Boron), Merlín é un vello druída que
domina as idades e o tempo, que axuda ao novo rei, que o guía e ilustra en
certo modo: aquí na segunda parte do Quijote tamén é bo. Dínolo explicitamente:
Eu son Merlín, aquel que as historias /
din que tiven por pai ao demo/ (mentira autorizada polos tempos),/ príncipe da
Máxica e monarca / e arquivo da ciencia zoroástrica, /(...) E posto que é dos encantadores,/ dos meigos
ou máxicos contino/ dura a condición, áspera e forte,/ a miña é tenra, branda e amorosa, / e amiga de facer o ben a toda a
xente (tradución ao galego e negriña nosas).
E desvía de si a causa do encantamento de Dulcinea. Di
que abandonou o inframundo en que estaba para axudala. Literalmente. Hai unha
relación en paralelo, ser vello /ser novo (Dulcinea, relede a pasaxe, aparece
como doncela xove e fermosa) á relación protectora Merlín/Artur.
(Solpor nas Táboas de Daimiel)
Dicimos que desvía
de si... porque no capítulo correspondente á Cova de Montesinos, os
personaxes alí encantados mentan a Merlín como causante. Xoga de novo Cervantes
coa faceta de ser proteico que ten este personaxe. En Montesinos Merlín é
demoníaco, non protector ou filial. De entre todas as vidas-formas proteicas
con que Merlín intervén na Literatura europea, hai unha, a de namorado coma un
boi, vítima? do seu propio encantamento á mans de Viviana, que parece subxacer
no episodio de Montesinos. Pero esta é unha especie de hipótese na que
dubidamos se entrar ou non. Se seguimos tecendo este fío é porque o tema, a
materia merliniana, seduce tanto que somos proclives a pensar que a débeda
contraída polo noso autor con ela é maior do que a simple vista parece. Cando
estudamos a xénese e raíces das relacións Viviana-Merlín, presentes nalgunhas
interesantes versións literarias, en
epidodios da Suite de Merlin ou no Meraugis de Portlesguez, non podemos
evitar pensar na influencia substratística do folclore celta: mulleres-encanto
que ofrecen coma nunha tenda atributos aos que pasan; mulleres encantadas na
rocha; seres encantados que viven en covas subterráneas esperando seren
desencantados: o propio Merlín vive unha inverosímil, difícil de descodificar
situación de esplumoir, de muda (de cambio de condición, de
atributos: coma as mulleres valquirias ou mulleres focas ou mulleres lobas
galego-ourensás que perden as plumas, as pelellas, é dicir, metamorfoséanse,
namórase e faise humano, talvez...) nun claro ambiente feérico (da familia das nosas fadas, do folclore tamén galaico e
hispano que sexa para as boas fadas; malas fadas me fadaron que eu antes branca
me era...). E, malia ter acceso Cervantes a antecedentes concretos en
libros -máis próximos a el no tempo- de cabalaría concretos, tamén intuimos,
respiramos case en Montesinos esa atmosfera feérica. Mundo subterráneo
pechado e seres encantados que aman ou amaron
imposibilitados de saír.
En fin, o caso é que don Quijote si saíu. Afectado,
conmovido mais indemne. Novo Eneas tras a baixada ao mundo das sombras.
(Campo de Criptana)
BREVÍSIMA CONCLUSIÓN: A MITIFICACIÓN DE DULCINEA.
En contacto con Merlín, Dulcinea mitifícase. A
presenza de Merlín está garantindo unha transformación substancial. Pasa a ser Dulcinea
un Mito con maiúsculas.
Con ollos de Sancho fixérase humana. En Montesinos
insiste o autor no proceso de humanización. Necesita seis reais –suma non moi
elevada, case unha miseria- para necesidades tan concretas que non poden ser
senón humanas. Da man de Merlín mitifícase. Volve á categoría que ab initio lle
corresponde. Un arquetipo literario puro. Un Mito.
(Madrid)
[Nota: o concepto de esplumoir lémolo por vez primeira no libro citado editado pola
Xunta de Galicia, Livro de Tristán e
Livro de Merlín; fora este libro un agasallo da miña amiga Carmela, a quen
unha vez máis debo dar as grazas; o equipo de investigación que aí deixou tan
bos froitos está coordinado por Pilar Lorenzo Gradín e José Antonio Souto
Cabo].
Ningún comentario:
Publicar un comentario