VISITANDO
Este día, 4 de
marzo, visitounos o escritor Santiago Lopo. Os rapaces leran unha súa novela, A diagonal dos tolos, publicada no 2014.
Xuntámomos todos no Salón de Actos, como adoitamos facer nas visitas
importantes e alí escoitamos e participamos do pracer de podernos
interrelacionar co autor nunha especie de foro con preguntas e respostas. Unha
das cousas que máis me gustaron a min foi o afán con que, nun momento dado,
Santiago quixo saber por outros finais. Demostrou un auténtico interese por
coñecer os pensamentos dos seus lectores a medida que estes se aproximaban á
fin da historia. Pensastes noutro final
distinto ao que eu escribín? Que final escribiriades vós? Hai algo de
humildade e moitas ganas de aprender aínda nese enfoque, creo eu.
A maior parte do
tempo dedicouna a provocar interrogantes: máis que falar del ou da súa novela,
quería oír as preguntas e comentarios de todo tipo dos lectores. Dá gusto estar
na presenza dun autor tan pouco dado a falar, a oír a súa voz, e tan consciente
da importancia do receptor.
Así que nós ímonos
centrar basicamente naquelas cuestións que xurdiron directamente ou por
derivación das preguntas que os rapaces lle fixeron ao escritor vigués.
Empezamos pola
lingua. Preguntaron polo crioulo. Santiago definiuno coma unha mestura de
linguas africanas mais francés antigo, coma un produto dun pasado histórico,
dunha etapa de colonialismo (logo fomos mirar nos dicionarios académicos: no da
RAG fálase dunha lingua europea como unha constante, sendo as variables o
substrato de Cabo Verde ou da Martinica, por poñer un par de exemplos, ou da Illa da Reunión, no caso do
libro de Lopo; en troques o dicionario da RAE non fala dunha lingua europea e
si dá como dato básico a transmisión de pais a fillos, factor que determina a
conversión dese sistema comunicativo en lingua común). A profesora Susana
Piensos interesouse por coñecer a situación sociolingüística do crioulo, por se
había paralelismos coa situación do galego na nosa sociedade. Lopo dixo que
apenas ten apoios: as chamadas linguas “rexionais” foron practicamente
exterminadas polo estado francés [os que sodes alumnos meus en segundo
bacharelato debedes relembrar o que implica o nacemento no XIX dun novo
concepto de nación-estado forte que prima os factores unificadores _un único
sistema de pesos e medidas, unha soa relixión “oficial”, unha soa lingua “oficial”,
unha administración centralizada, etc.- sobre aqueloutros factores susceptibles
de convertérense en factores disgregadores, xa sabedes: unha dialéctica entre
outras dialécticas: desde o ser ou non ser shakespeariano ata o ser ou non ser
lingüístico somos sempre á busca e procura do equilibrio, etc., etc.], de tal
forma que na illa o crioulo vese como algo exótico; recordou tamén como outras
linguas da Francia continental con proxección histórica coma o bretón ou o
occitano, están en vías de extinción (citou o caso do bretón que se estuda como
4ª optativa pouco máis ou menos). Sálvase o caso do corso, en Córcega si que se
dan materias en corso, engadiu o escritor convidado [eu mentres falaban deste
tema que tan de preto nos toca aos galegos, pensaba na situación do friulano en
Friúl, país amado onde vivín e traballei tres anos: non é mellor o seu futuro
có do galego: vive unha situación parecida de autodesprezo e de diglosia; e con
todo e iso, aquí hai un marco estatutario que aínda nos pode redimir e que
dalgunha forma nos permite situarnos legalmente na vangarda
lingüístico-cultural de Europa: tede iso en conta e non o esquezades nunca].
Santiago Lopo
estivo na Illa Reunión e confesa que por veces sentíase en Galicia: hai zonas
con toxos e con vacas. Pero outras di que pensaba estar nas Canarias. Hai
relación coa cultura galega? Quizais na música interiorizada (e o baile).
Relembrou a Eduardo Galeano cando en El
libro de los abrazos [tedes que lelo, nun destes veráns da vosa longa
vida...], fala dos nadie que no tienen
cultura (=”arte”) sino folclore (=”artesanía”).
A Galeano tróuxoo á
palestra noutra ocasión: cando se falou do tema da escravitude e Santiago Lopo
nos contou aquela pasaxe da obra do uruguaio en que relata como as mulleres
escravas fuxían e levaban agochadas nos cabelos sementes. Logo, cando chegaban
á nova terra, movían a cabeza e soltaban a semente: esa semente que faría logo
que puidesen vivir unha nova vida...
Quizais ese é o
tema dos temas: a existencia da explotación do home polo home. A escravitude.
Sen dúbida. Ese é o núcleo duro da novela de Lopo. A orixinalidade e riqueza
estrutural tamén conta. Une dúas carreiras, dúas vidas, dúas traxectorias en
tempos distintos. Explicábanos como tentou transmitirlle á narración un ritmo
semellante ao dunha carreira. Aí, dunha noutra lembranza e asociación, trouxo a
Murakami, quen o deixou todo pola escrita e por correr. Correr coma unha
maneira de concentrarse.
Unha nosa alumna,
Zeltia, pregúntalle por que a Illa da Reunión e non outra. É doada a resposta: neste caso porque se me ocorreu a idea do
libro cando estaba alí (Santiago tivo a sorte de ter amigos que o levaron á
Illa, confesa ter a sorte de coñecer a carreira desde dentro, a sorte
_dubidosa_ de saber de preto o que significa durmir tres horas en tres días, a “sorte”
de saber o que é asistir a unha persoa alucinada por deshidratación...).
Alicia Cabana, do
Club de Lectura dos martes, pregúntalle se a cova é real. A cova dos primeiros poboadores. A verdade é que hai bastantes
covas porque o terreo é volcánico. Pero non, a cova é un lugar imaxinado.
Tamén lle preguntan
pola moza mestiza. É a mesma que el coñecera sendo adolescente? Deixo aberto ese punto...
Outro dos membros
do Club de Lectura, Javier Enríquez, toca o tema do mito da creación do home,
preciosísimo para o meu criterio, que aparece narrado na novela. Contéstalle
Lopo que é un mito malgache, posiblemente con influencias cristiás.
E con isto, haberá
que ir parando. Lede o libro se non o fixestes, e se vos prace, seguide algún
ano a carreira por Internet (á altura de outubro ou novembro). Canal Plus France adoita seguila. Aínda
que leva trazas de converterse nun reality
show. O nosos autor dinos que hai un corredor catalán que gañou xa varias
veces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario