A NOSA CASA
Hoxe cedemos a
palabra ao noso colega e amigo, Raúl Trillo. Fágovos unha confidencia (unha ao
ano non fai dano): xa fun amiga e compañeira de pupitre da súa irmá, Mª Jesús,
hai anos, neste mesmo Instituto. Época feliz: corriamos no recreo xogando ao
racacá, xogabamos ao baloncesto, xogabamos a “Cesta e puntos” co profesor
Mejuto en Xeografía de primeiro...
Unha das escaiolas
tiña dentro unha especie de papiro coruñés, pero ese é tema para outro día.
Outra das escaiolas está asinada por Isidoro Brocos: figura sumamente
interesante, igualmente merecedora dun comentario especial. Temos materia para
seguirmos falando unhas cantas horas máis aínda na nosa vida. Confiemos en ter
longos anos de vida por diante!
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
NOTAS SOBRE AS
ESCAIOLAS DO CENTRO
Ata
ben entrado o século XX, non digamos xa a finais do XIX, as ensinanzas nas
Escolas de Arte (tanto Artes e Oficios coma Belas Artes) eran basicamente
“academias clásicas” da cultura occidental. É dicir, fundamentadas na arte
greco-romana procesado polo Renacemento, Barroco, Neoclasicismo ou
Romanticismo.
A
análise da forma tomaba coma modelos para o debuxo ou o modelado e esculpido,
esculturas coma o Apoxiomeno de Lisipo, o Doríforo de Policleto, a Venus de
Milo, o Laocoonte de Agesandro..., ou calquera outra escaiola que ás veces era
de excepcional calidade e incluso extraída de baleirados feitos directamente
das orixinais. Práctica, esta, inconcebible hoxe en día, xa que ningún museo ou
colección permitiría unha manipulación tan arriscada dunha peza antiga.
As
escaiolas conservadas neste instituto proceden da aula de modelado da antiga
“Escola de Artes e Oficios” situada na planta baixa do centro ata o seu
traslado á nova sede de Orillamar co nome “Pablo Picasso”. Están datadas entre
1882 e 1893 e coma é un material fráxil están moi deterioradas polos numerosos
traslados e golpes recibidos ao longo de máis dun século, e por non poder ser
preservadas nas adecuadas condicións.
Os
autores das devanditas escaiolas son tanto profesores (Isidoro Brocos, nada menos)
coma alumnos (A. Martín, M. Magariños, J. E. Romaní, Afonseti, Villoch...), de
inspiración pompeiana, barroca..., con profusión de motivos vexetais e
heráldica.
O
proceso de elaboración é o seguinte: primeiro modélase o motivo (copiado ou
inventado) en barro cos palillos de modelar de madeira de buxo. Unha vez
rematado faise o baleirado en escaiola mediante un molde. Neste molde,
verdadeiro “negativo” do modelo en barro, pódense reproducir tantas veces como
se queira os exemplares que se conservan no centro.
Nun
futuro estas escaiolas terán a consideración que merecen e estarán expostas e
preservadas como reliquias dun tempo periclitado.
Un
último apuntamento: a pátina gris non debe limparse, de tal manera que deben
estar limpas de po pero coa cor que lles corresponde polos seus anos e que
forma parte da súa historia. Polo menos é así como eu o teño visto en museos ou
coleccións.
Raúl Trillo
Docampo. Catedrático de Debuxo do IES ‘Eusebio da Guarda’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario