ENTREVISTA A HOMES QUE
AMAN A MÚSICA. E OS LIBROS
TAMÉN.
ENTREVISTA
A NANI GARCÍA.
Mª R. Soto- Grazas, Nani, por dedicarnos parte do teu precioso tempo. Comezamos con algo
de información sobre ti para os nosos alumnos máis novos.
Es coruñés, cofundador na década dos 80 do grupo Clunia; non creo
esaxerar nada se digo que es unha figura senlleira do jazz galego. Tamén compós, traballas como profesor (cursos teórico-prácticos sobre Composición Musical para
Imaxe) e como director artístico (festival Imaxina Sons de Vigo); fixeches música para películas (eu lembro con especial abraio De
profundis), para operetas (A Berenguela)... Que che queda
por experimentar, Nani?
-A verdade é que o mundo
da música é inabarcable e polo tanto teño aínda moito que aprender e
experimentar. De feito non vou ter tempo de poder facer todo o que me gustaría.
Ou polo menos así o sinto neste momento. Moito do que fago ou ben é por encargo
ou ben é consecuencia de compromisos que adquiro pero paralelamente hai
moitísimos proxectos que teño en mente facer,
ou que polo menos me gustaría levar ao cabo algún día, para os que teño
que buscar momento e/ou financiación.
- Cal foi o primeiro libro en galego e/ou en castelán que liches?
-¡¡Buf!!, Nin me lembro.
Supoño que algún dos que me veñen á memoria: Corazón de Edmundo de Amicis, Plarero
y yo, algún libro de Enid Blyton ou Allain
Quatermain de Rider Haggard. Tamén lembro As aventuras de Arthur Gordon Pym de Poe. Algún deses debe ser.
Pero estaban en castelán. Curiosamente empecei a ler en galego durante a miña
estadía en Suecia. Por esa época tiña xa 22 anos e como non tiña acceso a moita
literatura galega pois matriculeime en portugués na universidade de Estocolmo e
comecei a ler en portugués. Lémbrome vagamente dalgún libro de Carlos Casares, Fole ou Dieste nesa época.
-
E en sueco?
-En
sueco estaba máis dedicado a os libros ou apuntes da universidade que había que
ler en sueco ou en inglés. Fóra deses libros non me lembro ningún. Hai uns anos
intentei ler a saga de Millenium de
Stieg Larsson en sueco comecei con “Flyckan som lekte med elden” (A rapaza que xogaba con lume) pero
deixeino enseguida. Resultoume difícil de máis.
(As fotos foron tomadas da Internet)
-Agora coa música: cal foi o primeiro disco, o
primeiro tema, o primeiro músico do que gardas
memoria, que marcara un fito importante, iniciático,
na túa vida?
-Ben, o primeiro disco
non é pero si foi un dos que máis me marcou. Lémbrome dun LP que me abriu a
cabeza para sempre no seu momento. Chamábase “LLena tu cabeza de Rock” e
editouse alá polo principio dos anos 70. Era unha recopilación de grupos
americanos da época que aínda non chegaran a España neses momentos. Foi todo un
descubrimento. Acabo de buscalo en internet e efectivamente non foi unha
ensoñación. Existiu.
Había grupos como
Chicago, Flock, Taj Majal, Leonard Cohen, Janis Joplin, etc. Foi un fito para
min e unha das cousas posiblemente que definiu a miña vida para sempre. Esas
cousas nunca se saben onde e cando poden aparecer pero aparecen nalgún momento
da túa vida.
- Que libro che prestaría ler agora en galego e/ou
en castelán? Que disco che prestaría comprar?
-Non compro cds dende
hai tempo. Son socio de plataformas como Spotify e con iso e coa librería que
xa teño e moitos cds que recibo de agasallo teño de abondo para escoitar ata o
final dos meus días. Sempre pode aparecer algunha cousa que tería que comprar
pero iso cada vez é máis raro. É o sino dos tempos que xa nos tocan vivir, polo
menos en canto á música se refire.
En canto a libros
gustaríame ler o último de Rivas ou descubrir algún novo (novo para min). A
verdade é que hai tantos…
- Algún título (libro/disco) para agasallar a un
amigo ou amiga?
-La embriaguez de la metamorfosis de Steffan Zweig. En música, non
sei. A verdade é que hai tempo que xa non penso en cd físico. Recomendaría a
escoita dalgún autor.
E son tantos… Jarret,
Richard Strauss, Arvo Pärt, Bill Evans, Mikael Wolny, Joshua Redman, Brad
Mehldau, Tigran Hamasyan, todo Miles, John Williams, John Adams, Herbie
Hankock, Jonh Zorn, Bach, Ligetty, Magnus Lindberg…
- Que libro/disco tes neste momento enriba da mesiña de noite, no e-book, no lector de CDs?
-“Francamente, Frank” de
Richard Ford, “Crimen e castigo” de Dostoyevsky, “O capital no secúlo XXI” de
Thomas Piketty, Madame Bovary (no
ordenador) e un ensaio, que me leva moitisimo tempo, sobre o concepto infinito
de David Foster Wallace. Tamén ando carretando dun lado para outro dende hai
moitos anos “The catcher in the rye” en inglés, que retomo de cando en vez.
Sobre todo cando viaxo a visitar a miña familia en Minesotta. Sérveme de
estimulador e recordatorio para cando teño que poñerme en situación no contexto
anglo-parlante. Outras lecturas nas que me gusta bucear son ensaios sobre a
música e a súa contorna.
- E cal está agardando hai moito tempo por ti?
-Non o sei. A verdade é
que vou picando aquí e alá segundo me pida o corpo. O que si adoito facer é
combinar narrativa con ensaio para non saturarme. Por exemplo gustaríame volver
ler “Cien años de soledad”. Supoño que o
farei en breve. Ou mesmo rematar algún dos relatos que me quedan de Roberto
Bolaño no seu 2666. Tamén me apetece
ler algún da serie de Mario Conde de Leonardo Padura. Lín hai pouco “La novela
de mi vida” e abraioume. En canto a ensaios sobre música poden ser libros ou
simplemente artigos que atopo en internet ao chou ou que alguén me recomenda.
- Houbo
algún textos ou autores (tanto libro como música) que che quedasen na memoria para sempre? Algúns versos dun dos teus poemas/cancións
favoritos?
-Non sou moito de reter
na memoria frases ou poemas pero si que hai libros ou músicas que sempre
recordarei. Moitas das músicas da época de rapaz e que se agora me poño a
escoitar xa non o fago da mesma maneira. Algunhas desas músicas volvinas comprar
en CD, a maioría non. Mirando coa vista atrás dáste conta que cada época ten a
súa música e iso ao final remata sendo un signo distintivo que compartes con
certa xente. Dende a música determínase de forma clara o Zeitgeist
dun tempo.
En canto a libros, pois
moitos seguro. Na época de universidade lémbrome con moito cariño da inmersión
no mundo de Herman Hess ou de Samuel Beckett. Cando vivía en Estocolmo lémbrome
tamén dun libro que lin en Portugues, “Meu nome é Asher Lev” de Chaim Potok.
Trátase da vida dun neno que quere ser artista. Impactoume moito. Hai poucos
anos busqueino e resulta estar editado nunha editorial de libros relixiosos,
pois este Potok debe de ser ortodoxo xudeu. De feito é rabino. Recoñezo que
cando o lin non fun nada sensible ao seu
proselitismo. Haber había seguro. Pero no seu momento a historia epatoume.
-Grazas por todo, Nani. Unha aperta. Os nosos mellores desexos para o
futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario