domingo, 19 de outubro de 2014

VISITANDO...


VISITANDO
Hoxe convídovos a unha visita virtual: unha amiga, Gloria Alonso, envíame este vínculo para compartir comigo –e eu convosco- as marabillas doutra amiga, a artista Carmen Senande.
Unha servidora xa coñecía persoalmente a Carmen, a través da profesora de Tecnoloxía do Instituto, Rosa F. Salmonte. Contábame Rosa que Carme quixo deseñar no paseo coruñés que leva desde o Milenium ao Portiño, as mulleres de Hércules, que foron moitas, e que quería que o vento mareiro, pasando a través delas, asubiase imitando os laios daquelas mulleres non sempre ben tratadas polo heroe grego.
Carmen Senande Pazos é muradá (Rosalía di en Cantares que as muradás son as máis fermosas das mulleres galegas; non erra aquí Rosalía, non), profesora de debuxo no Ensino Secundario, pintora, escultora e un ser humano accesible, próximo. Falando con ela persoalmente explícame que o grupo escultórico coruñés das mulleres de Hércules é de dez. En realidade –recorda- sabemos que tivo 140 mulleres pero na Mitoloxía só aparecen dez referenciadas, é dicir, só de dez coñecemos o nome (e incluso unha delas, Deianira, influenciada polo centauro Neso, acabou con Hércules, púxolle unha capa que o envelenou e morreu ardendo e con dor). “Ti pasas de cando en vez por alí, polo paseo marítimo?” “Con moita frecuencia.” “Pois daquela dáste de conta perfectamente de que hai que fixarse moito para velas, non se ven facilmente, están como invisibles, mimetízanse –malia seren estatuas altas, de case tres metro-  co mar. Quixen xogar con ese concepto, a invisibilidade… Tamén me interesaba que o vento asubiase por entre o aceiro e que se oísen os laios, de feito en días de moito vento algo se oe…”.
(Foto tomada da Internet)
Aí están, as esquemáticas, ousadas e delicadas estatuas abeirando o mar da Zambela, o mar que bate os Lapidos, o mar ao pé do Vixía (como chamaban algúns no XIX ao monte de san Pedro de Visma). A obra, en suma, de Carmen Senande Pazos sempre merece a pena.
 
Agora xa podedes entrar nesa exposición na cidade das Burgas. Por certo, non debe pasarnos desapercibido o nome de Marcos Valcárcel, ourensán de pro, amigo e amante da cultura galega, a quen o fado ou as fadas levaron cedo de nós. Descanse en paz e que a terra lle sexa leve!
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario