venres, 22 de agosto de 2014

VISITANDO DEZA


VISITANDO DEZA (I)

TRASDEZA: A ARQUITECTURA PERDIDA.

Algúns –non creo que moitos, e non o creo porque o verán produce nas mentes unha especie de varrido- dos que fostes alumnos meus en segundo de bacharelato recordaredes o concepto de ‘solidariedade semántica’, unha máis entre as relacións que os estudos de Semántica Estrutural do século pasado deran a coñecer. Xogando un pouco con ese concepto é como vos digo que hai substantivos que non casan nada ben con ese adxectivo –perdida-  (aí pouca solidariedade percibimos), por exemplo, o substantivo ‘muller’. En troques, hai outros que casan de marabilla. Mirade estes títulos: Na procura do tempo perdido, La arboleda perdida, Los pasos perdidos, O autobús perdido (de J. Steinbeck, podedes encontrar un comentario no blog da nosa biblioteca, ofarodesofia.blogspot.com, na sección “Un libro cada semana”).
(Capitel de pedra no mosteiro de san Lourenzo de Carboeiro, parr. Carboeiro, C. Silleda, auténtico emblema, buque insignia, do conservacionismo do Concello de Silleda; un labor digno de ser varias veces sinalado; hai camiño real que baixa ao río, ao Deza, con ponte de pedra medieval e lenda)
Hoxe encetamos unha serie vacacional, visitando lugares nos que descansamos no verán. Quedades convidados a colaborar en próximas edicións. Empezamos coas pequenas mostras de arquitectura en pedra que se perden nas nosas aldeas. Con excepcións, hai casos fermosísimos de encomiable recuperación. E como eu veraneo na bisbarra de Trasdeza (terra do meu home), por aquí nos moveremos. Antes de nada quero citar a Antonio López Ferreiro: este ciclópeo sabio galaico, arquiveiro e novelista, cando fala de Deza é para mentar aqueles doce carros tirados por bois do país que levaban madeira de nogueiras dezás, madeira con que se labrou o primeiro retábulo en honra de Santiago na súa catedral, retábulo anterior ao actual de prata. Esta mención ás nogueiras dáme pé para estruturar o proxecto dezao en capítulos, que trataremos só nas vacacións: un primeiro, dedicado á arquitectura en pedra –sen que nos movamos basicamente de Trasdeza, a banda de aló do río Deza dende a perspectiva lucense, porque estas parroquias –salvo as que están pegadas ao Ulla- pertencen á diócese da vella igrexa de Lugo-; un segundo, dedicado ás árbores do país de Deza, á arquitectura en verde; un terceiro, dedicado á arqueoloxía, etnografía e folclore dezaos, e un cuarto dedicado aos homes desta vizosa, sempre rica en castros e en historia, terra que ocupa o corazón de Galicia.
(Pontello, "ponte de Carracedo", sobre o río pequeno ou 'río de Cortegada', sito entre as parr. de Oleiros e Cortegada. Xa non se usa, pero afortunadamente pódese aínda pasar por el)

(Canle de pedra para levar a auga, metros e metros de canalización, en desuso total, para facérmoslle a foto houbo que cortar as silvas, levaba a auga desde o río pequeno ata o lugar da Brea)

(A fonte do souto. Abandonada, como está abandonado e asilveirado o precioso camino que desde Segade conducía a ela, na parr. de Cortegada)

(Fonte do pazo de Siador, recuperada, como foron recuperados pazo e capela por un particular, grande benefactor, por certo, do santuario da Saleta)

(Fonte da Saleta, parr. Siador, C. Silleda, sempre estivo ben conservada, desde a fundación de santuario, en 1864)

(Fonte na entrada do pazo de Liñares, parr. Prado, C. Lalín, onde nacera o grande aviador Joaquín Loriga, xa é Deza; foto de Mario S. García -as outras son de Charo Soto e Luís González)


(Lavadoiro en uso, pertence á casa dos Chaos; vimos varios totalmente abandonados; en uso sabemos doutros dous, un en Fondevila, parr. Cortegada, e outro en Vilar do Río, parr. Prado)
Empezamos. Pequenas obras mestras en pedra, de canteiros (arquitectos con minúscula?) anónimos, que se perden: fontes, petos, lavadoiros, pontellos, os fornos das casas, pombeiros… Logo están as cruces: na contorna atopámolas derruídas en medio dos castros, pero tamén vemos que se constrúen cruceiros novos e se colocan na entrada, na subida a un castro, como é o caso do castro de Oleiros (parroquia de Oleiros, concello Silleda); ao lado da desfeita debemos situar as recuperacións: aquí na parroquia hainas exemplares (por ex. a casa de Ramos, Camporrapado, parr. Cortegada, con. Silleda); un caso específico: as capelas. Sabemos de varias recuperadas, a pulso, cos cartos de particulares, sen subvención (a dos Chaos, e a de santa Lucía en Framiñán, parr. Cortegada). En troques  onte pola mañá fotografamos unha feita un pardiñeiro, en Carballeda, parr. Santiago de Taboada, c. Silleda.
(Capela pazo Siador. As letras falan dos fundadores, familias Baamonde e Pimentel, ano 1705)
(Capela dedicada a san Brais, avogoso para males da gorxa, invocado polas xentes noutrora tamén cando tusían as vacas; pertence á casa dos Chaos, parr. Cortegada, restaurada pola familia propietaria)
(Capela de santa Lucía, Framiñán, tamén restaurada polos propietarios; dentro estaba a imaxe da santa e outra de santa Melania, avogosa -díxome unha das propietarias- para os males de moas; Melania é tamén o nome da pastorciña a quen se lle aparecera na montaña gala a Virxe da Saleta)
(Fonte e capela desfeita -sen tellado e feita unha silvarada por dentro- de Carballeda, parr. Taboada, C. Silleda. Un lugar delicioso, con casa grande enfronte, casa con patín; advocación á V. dos Dolores)
Outro caso digno de mención: as alvarizas (construcións en pedra para protexeren as colmeas dos osos ou de calquera latrocinio): coñecemos tres, unha en  Pereiro (12 m. por 10, espléndida debeu ser, o valado moi desfeito, paisaxe divina, parr. Laro, c. Silleda), e dúas en Framiñán, unha recuperada, en activo.
(Exterior e interior da alvariza de Pereiro, Laro, Silleda. En case total abandono, e porén, esta familia segue tendo colmeas na casa)
(Exterior e interior da alvariza na Grimba, Framiñán, parr. Cortegada. Espléndido exemplo de conservación por parte da familia propietaria)
 
Os pombeiros ou pombais son para nota: que beleza! Cando visitamos a casa dos Chaos, díxenlle á anfitrioa: -Recorda vostede de ter visto as pombas entraren e saíren?  -Ou si, a miña sogra –haberá disto uns 40 anos-, facía un arroz con pichón excelente! –Pois –comentei ao fío de tan interesante dato- a miña avoa Rosario dicía que o caldo de pichón era bo para as acabadas de parir. –E o de galiña! Claro que… había que darllo ao cura, a galiña e mais os ovos, el tamén paría.
Hai costumes que non  importa que se perdan. Está claro. Si importa, en cambio, que se perda a arte e a piedade, a arte popular, como tamén doe que se perdan impunemente eses camiños…  Aínda que non sempre sexan de pedra. Levo 30 anos casada con esta terra –tamén con esta terra, si- de Deza e non me chegan os dedos da man para contar os camiños que se perden, cheos de toxo, silvas, xestas… Non se podía facer algo? Non podemos organizarnos en “Amigos dos camiños”? Pregunto. Un país que progresa non debería ser capaz de facelo sen desfacer as pasadas dos que viviron antes ca nós, a quen lle debemos o que somos?
(Pombeiro particular, moi desfeito, parr. de Siador, C. Silleda)
(Pombal da casa dos Chaos, medio tapado por un prexegueiro, como din aquí)
 
Para amar a terra como Deus manda hai dúas formas: unha, a desesperada, a daquel que a ten que abandonar contra vontade, rachando polo medio a alma, e fóra sente como lume a saudade, índice de amor profundo; a outra é mercé á educación. Da Universidade de Galicia saen ás veces homes que traballan a prol do coñecemento da paisaxe nosa: algún dos homes do Grupo Nós como Otero Pedrayo, os arqueólogos da paisaxe como Criado Boado, e xorden tamén por veces proxectos que queren axudar aos nosos fillos a saber ver cos ollos do intelecto e mais cos da intelixencia emocional, a terra. Un caso que nos toca de preto é o Proxectoterra, nacido no 2000 da man de xente vencellada á Escola de Arquitectura: Xosé Manuel Rosales, Pedro de Llano, o tristemente desaparecido Juan Luis Dalda, e o noso colega e ex profesor do centro, A. Díaz Otero, a quen lle cedemos a palabra: “Pretendíase achegar o mundo da arquitectura e da ordenación do territorio ás novas xeracións de estudantes para conseguir, mediante a educación e a sensibilización, un cambio de actitude na relación co medio. Para isto creáronse unidades didácticas, vídeos, unha banda deseñada… e, ao tempo, deseñáronse saídas didácticas para dar a coñecer o territorio e, tamén, a nova arquitectura que se estaba implantando no noso país. Inicialmente foi financiado en exclusiva polo COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia) e, máis adiante, cofinanciouse con aportacións de diversas Consellarías da Xunta”. As saídas didácticas (lembrádelas?, moitos de vós viaxastes en terceiro da ESO grazas a esta iniciativa co profesor Antonio Díaz, entre outros) están interrompidas por falta de fondos, mais o Proxectoterra segue. Nós tamén seguiremos a próxima semana aínda.
(Forno en completo desuso, Camporrapado, parr. Cortegada; o interior sempre é redondo, na foto de abaixo vese o tiro; na entrada poñíaselle unha tapa de lata, de ferro, e selábase con bosta; había oracións específicas para axudar á cocción do pan)
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario