venres, 8 de agosto de 2014

ENTREVISTAS DE VERÁN

ENTREVISTAS A EX ALUMNOS DO 'EUSEBIO DA GUARDA'
 
ENTREVISTA A MARIO GARCÍA CORTIZO, EX ALUMNO DO IES ‘EUSEBIO DA GUARDA(www.mariocortizo.com).
-Moitas grazas, Mario, por aceptar contestar as nosas preguntas. Podiamos empezar con algunha lembranza, a ser posible grata, da túa etapa no Eusebio da Guarda.
-Graciñas a vós, por querer partillar un bocadiño de conversa. É un pracer voltar a abrir un fío de unión co Eusebio xusto cando fai dez anos do remate daquela etapa. A verdade é que non podo sintetizar ese tempo nunha soa lembranza, mais sempre que boto unha ollada atrás, penso no decisivo que foi á hora de configurar a miña personalidade; houbo unha serie de eventualidades como o Prestige e o movemento Nunca Máis, a guerra de Irak e os posteriores atentados en Madrid que nos fixeron rebulir e saír á rúa a berrar para defender aquelas cousas que nos parecían xustas. Lémbroo como un exercicio de liberdade que nos facía crer que xa non eramos adolescentes e que xa formabamos parte da sociedade con todas as súas consecuencias. Mágoa ter perdido un pouco aquel idealismo nestes anos…
-Dubidaches algunha vez que a túa vida, o teu destino, estaría directamente vinculado á música? Cóntanos da túa traxectoria vital-musical.
-A verdade é que non lembro cando a música deixou de ser un pasatempo para se converter nun tren imparable que me levaría á dedicación profesional; hai un momento no que sabes que dun xeito ou doutro o teu traballo vai estar vinculado á musica, e cando rematei o instituto xa o tiña clarísimo. Dende entón púxenme a loitar por conseguilo, sen importar a onde ir nin o sacrificio que puidese supoñer. No 2007 comecei o grao de percusión en Barcelona, cidade que xa considero coma miña e onde sigo a desenvolver a miña carreira profesional. Durante os dous últimos anos compaxinei o traballo cun máster na Haia, en Holanda, e agora estou desfrutando dun pouco de calma despois dun periodo tan frenético en canto a viaxes e actividade.
(Foto do finés Jouni Ranta)
-Párate un pouco co proxecto do máster. Fainos unha síntese do tema, e das influencias recibidas.
-A investigación que levei a cabo, Proposing Live Electronics as an Alternative to Larger Performance Set-Ups (A electrónica en vivo como alternativa ás grandes configuracións de instrumentos), nace da necesidade artística de atopar novos formatos e fórmulas á hora de deseñar produtos artísticos que fagan fronte aos problemas creados pola crise financieira. A comunidade artística ten a obriga moral de achegar a cultura ao pobo aínda cando non hai recursos, como fixo Stravinski co septeto L’Histoire du Soldat ou Lorca coa compañía La Barraca. Así foi como coa axuda da electrónica comecei a atopar solucións para poder facer concertos e espectáculos con poucos recursos. Estas ideas froitificaron de diferentes xeitos, como por exemplo o espectáculo Terra, que estreei en abril do 2013 na Haia, ou obras como Cadrados, que lle encarguei ao compositor iraní Siamak Anvari, para pandeiro cadrado galego e electrónica en vivo en oito canles. Foi un luxo poder traballar neste ambiente multicultural e plurilingüístico, convivindo con xente de todas as partes do mundo.
-Agora falemos do plurilingüismo. Entre pitos e frautas, cantos idiomas dominas xa? Que tal a aprendizaxe do catalán… Les xa aos clásicos cataláns na súa lingua?
-Non tantos como me gustaría: galego e castelán (veñen de serie), inglés (porque non me quedou outra que poñerme as pilas á hora de viaxar e estudar fóra), e catalán. Sen esquecer a excelsa irmandade lingüística que temos os galegos cos territorios lusófonos e o nivel básico que adquirín de francés no instituto; o holandés dino por imposible. En canto ao catalán, foi unha lingua que me veu regalada, nunca fixen ningún esforzo por aprendelo. Cando fixen a carreira, a grande maioría das materias estaban impartidas nesta lingua, que é tan forte e está tan presente na sociedade e na cultura que sae soa.
-E ademais, o amor. Sabemos que Deus os dá e eles xúntanse. Non é así tamén no teu caso?
-Pois si. Tiven a sorte de coñecer á miña moza gravando percusións para un disco seu (ela é actriz e cantante) a partir de poesía catalana contemporánea. Pouco despois gravamos unha canción miña, desta volta en galego. E agora xa hai tempo que compartimos vida, procurando traballar xuntos sempre que podemos, xa que desfrutamos moito cos procesos creativos dos dous. No día a día falamos en catalán, mais teño que dicir que ela leva aprendido moito galego neste tempo. 
-Pero nunca esqueces as raíces. A relación riquísima coa familia aquí na Coruña, cos amigos, coa Xove Orquestra…, coa matanza e o cocido dezao, dinos…
-Cada vez creo menos nas fronteiras e nos territorios, pero é imposible esquecer as orixes. Son galego e iso non vai cambiar nunca. Paso todo o ano a pensar no verán na terra: A Coruña, as Rías Baixas, Compostela… é o mellor refuxio vacacional. A maiores, vou á Coruña colaborar coa Sinfónica de Galicia sempre que é posible, pola calidade da orquestra e polo impacto que tivo a Orquestra Xove e a propia orquestra na miña formación como músico. O mellor que gardo dos anos no instituto é o meu grupo de amigos, que están aí pase o que pase. E en canto aos produtos do porco… procuro que na miña nevera nunca falte un chourizo de Lalín, terra dos meus pais, e cada ano fago cocido para os amigos en Barcelona.
-Proxectos? Descríbenos o futuro, tal como debería ser para ti. Non nos importa sermos utópicos.
-A prioridade máxima para min nestes momentos é asentarme un pouco e consolidar as redes laborais que teño na cidade condal. Si teño pequenos proxectos persoais que van collendo forma, mais sempre é difícil atopar o equilibrio entre as producións que enchen o peto e as que enchen a alma. En canto ao futuro, hai tempo que teño claro que a música non me vai facer millonario, así que son e serei feliz mentres me dea un sustento económico suficiente para levar unha vida sen luxos, pero cómoda e tranquila.
-Mario, pouco tempo che quedará, pero igualmente quixeramos preguntarche que les agora, ou que tes na mesiña de noite para ler proximamente?
-Pois mira, a verdade é que cando traballo na ópera é cando máis leo, porque botamos moitas horas mortas no foso ao longo dos ensaios; o libro e o bocadillo nunca poden faltar. Hahaha! Agora mesmo, estou a ler El amor en los tiempos del Cólera, de García Márquez, pero teño moitos libros agardando… Acabo de cambiar de casa, e coa mudanza descubrín unha chea de cousas que teño por ser lidas.
-Recoméndanos un par de discos.
-Mmmmm. Aquí poñédesme a proba, non é doado. Entendo que preguntades por cousas novas e non por clásicos, así que aí vos van dous achádegos que fan as miñas delicias. O primeiro é Quinto, do cantante portugués Antonio Zambujo, que xa leva un par de anos no mercado e que tiven a sorte de ver ao vivo en Bruxelas o pasado abril. Aproveitade a proximidade lingüística e consumide cultura en portugués, podedes ampliar as vosas fronteiras cognitivas de xeito exponencial. O segundo disco que vos recomendo é granada[1], da cantante Silvia Pérez Cruz (gañadora do Goya á mellor canción no 2013, por Blancanieves) e do guitarrista Raül Fernández Miró. É un disco ecléctico, de versións de Robert Schumann, Enrique Morente, Leonard Cohen ou Lluís Llach. Pode parecer demasiado experimental para o ouvinte que non estea afeito, mais penso que é moi necesaria a xente que arrisca.
-Grazas, Mario, por atendernos. Unha aperta. Sorte en todo o que emprendas.
-Grazas a vós por interesarvos no meu traballo.
(Enlaces e información a maiores que nos facilita Mario, por se tendes curiosidade:
 -O vídeo de Cadrados Cadrados
 -O disco que fixemos con Elena e do que falo na entrevista: Elena Tarrats – MA. El poder de decidir
 -O disco que recomendo de Silvia Pérez Cruz: Sílvia Pérez Cruz – granada)
 






[1] Eles mesmos escriben o nome en minúscula. Creo que convén respetalo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario