luns, 12 de maio de 2014

A NOSA CASA (5)

A NOSA CASA (5).

Hai tempo que non visitades a nosa casa. Se vos achegades camiñando polos corredores de madeira do pavillón vello, miraredes os cabelos, o rostro do tempo nesta muller que no seu día debeu labrar na escaiola Isidoro Brocos.
            É unha cabeza con certo engado. Atráenos. O meu colega e amigo Raúl Trillo dime que si, que seguramente é da autoría de Brocos. Descríbema, pídolle. Como podes ver, o modelado ten unha factura propia dun mestre con oficio. Non é traballo de afeccionado. Os trazos da cara suxeridos sen definir ou o modelado das trenzas con presión dixital buscan unha expresividade alén dun obxectivo académico. Pregúntolle que representa na súa opinión: Muller galega do pobo? Quixera que Raúl me dea o seu propio enfoque. É un busto feminino con trenzas e pano pero a min non me resulta moi familiar o carácter folclórico.
            Esas palabras son precisas e exactas, quedo con elas: Busto feminino con trenzas e pano. E con todo, digovos que a min si que me resulta familiar o seu carácter galaico.
            Logo amósolle as fotos á miña irmá arqueóloga: Non che recorda a Dama de Elche?, e ela di: Máis ben a de Baza.
            Hai anos, cando Raúl e mais eu nos fixaramos por primeira vez nesa cabeza (maltratada e acantoada, aló arriba dun armario), vimos que o interior estaba oco, pero reenchido con papeis amolachados, enrugados. Eran copias amareleadas dun bando municipal coruñés de finais do XIX. Eu quedara cunha delas pero xa non sei onde a puxen, e ben que o sinto.



 (Sinatura de Brocos que aparece noutra escaiola conservada no instituto)
(fotos feitas por Raúl Trillo)
Falemos agora de Isidoro Brocos: Na Gran Enciclopedia Gallega, e sobre todo, no tomo XV de Galicia Arte (Hércules edicións) tendes cumprida información sobre el, vertida por Fernando Mon e por José Manuel López Vázquez. Sabemos, por exemplo, que foi mestre de modelado do rapaz Pablo Picasso (e J. M. López engade que Picasso sempre o relembrou como un bo profesor) na Escola de Artes e Oficios, que eu inda cheguei a coñecer, sita na planta de entrada ou planta baixa do noso edificio. Parte da súa obra pode verse no Museo de Belas Artes da Coruña, no Museo Provincial de Pontevedra, na igrexa castrense do santo André na Coruña, na de san Xián de Ferrol, na Colección Caixa Galicia e no Museo das Peregrinacións de Santiago. Ademais, sabemos que era amante das tertulias: colega e conterturlio de artistas como Román Navarro, Modesto Brocos (irmán seu), Alfredo Souto, Serafín Avendaño, Silvio Fernández, Vaamonde, Parada Justel, frecuentaba a Cova Céltica coruñesa, e foi membro da Real Academia Galega. Unha honra para o noso centro poder dicir aquí estivo, aquí ensinou, aquí creou Isidoro Brocos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario