A CORUÑA
A PROPÓSITO DA PONTE DE MONELOS
(Cadro de Alejandro Ferrant. Museo de Belas Artes da Coruña) |
Este día tivemos o pracer de poder falar da presenza da Coruña no cancioneiro popular galego, respondendo a unha amable invitación da asociación O FACHO, da que nos honramos en formar parte dende hai anos.
Reunimos un pequeño corpus dunhas cen cantigas nas que se fala da nosa cidade (incluídas aquelas que aluden a microtopónimos, como o Xuncal, a nomes de rúas ou a puntos concretos, como O cruceiro da Coruña).
Hai unha cantiga en concreto que fala da Ponte de Monelos, unha ponte que moitos de nós aínda relembramos. A cantiga di así:
Pola ponte de Monelos / vintecinco xastres van / cada un con unha fouce / para matar unha ran. Hai variante: Pola Ponte de Monelos, / vintecatro sastres van, / con vintecatro cardeñas / para matar unha ran.
Deixando agora á parte o tema (burla contra os xastres), porque non vén ao caso, imos deternos nesa ponte que forma parte das lembranzas da nosa infancia. A casa dos avós paternos estaba na rúa Joaquín Galiacho (aínda existe a rúa, non así a casa) e unha servidora frecuentou esa parte da cidade ata o ingreso no Instituto, época en que os meus avós se trasladaron a Santa Margarida, á praza do Comercio (esas son lembranzas para outro día, de cando eu subía do Instituto na Praza de Pontevedra, pasaba por diante das ruínas da Imprenta Roel, atravesaba camiños entre leiras a carón das Pontes/Acueduto e chegaba para xantar cos avós a aquela casa desde onde –daquela- se podía ver Cidade-Xardín, Riazor, a Torre, o mar… O mar, o mar, toujours recommencée!, como dixo o poeta).
(A 'Estación do Norte', foto tirada de Internet) |
A rúa Joaquín Galiacho lindaba coa Cubela e co inicio do Corgo e o seu curto trazado era perpendicular ao río de Monelos. Para ir, por exemplo, ao cine Monelos os sábados en que o avó Manuel nolo pagaba (ás netas e aos nosos curmáns) había que baixar ao río, cruzar por unha pequena ponte de pedra con barandas de metal (nas enchentes do río anegábanse as laxes de pedra e tiñamos que facer equilibrios pola baranda porque se te mollabas logo cheirabas de mala maneira, as augas xa baixaban emporcadas daquela…) e xa saías logo á rúa Caballeros onde estaba o cine. Non tiñas que cruzar a Ponte de Monelos, a ponte por antonomasia, pero alí estaba, río arriba, a moi pouca distancia da pontella que acabo de amentar.
Esa Ponte de Monelos ocupa un lugar nuclear no fermoso cadro de Alejandro Ferrant que se pode contemplar tranquilamente no Museo de Belas Artes da Coruña. Na páxina correspondente (https://museobelasartescoruna.xunta.gal/gl/coleccion/obras/vista-da-coruna-1) tedes unha rica ficha informativa encabezada por este titular:
“Vista da Coruña
Ferrant Fischermans, Alejandro
1891”
Á dereita e á esquerda da ponte vemos no cadro uns edificios en ruínas. Creo, sen moito temor a errar, que son os restos da fábrica de fundición do señor Joaquín Galiacho. A nosa nai, nonaxenaria, viviu acabada de casar un tempiño cos sogros, meus avós, na casa na que eu nacín e recorda aínda a fábrica “máis abaixo, onda o río…” ou o que quedaba dela. Da vida e milagres do andaluz (de Ronda, Málaga) J. Galiacho y Sierra hai cousas publicadas e non é agora tampouco o momento de estendernos. A súa foi a primeira fundición de ferro na cidade: empezou a funcionar en 1844 e estivo activa ata 1858 (máis información en: Daniel Lucas Teijeiro Mosquera, “Joaquín Galiacho y su Fábrica de Fundición y Loza La Victoria: el despegue industrial coruñés del siglo XIX”, Cuadernos de Estudios Gallegos, nº 136, 2023).
(Gravado tomado do artigo amentado do señor Teijeiro Mosquera) |
Como o punto de vista é bastante distante da cidade (logo veremos onde se situou o pintor), permítenos apreciar a actividade industrial, periférica. Así, case no centro, preto da ponte de Monelos, podemos ver a máquina de vapor botando fume, que sae da estación de ferrocarril. Recordemos que a primeira pedra ou pada de terra para a construción do ferrocarril na Coruña hai que datala en 1858, da man da raíña Isabel II. Daquela o lugar era chamado o Campo do Xuncal e a estación tamén foi chamada de forma efémera, Estación do Campo do Xuncal (pénsese que estamos preto da desembocadura do río de Monelos, con frondosa vexetación). Con todo, tras inverosímiles avatares, a estación inaugúrase oficialmente en 1883, esta vez polo fillo, Afonso XII. A estación será chamada ata a destrución polo incendio en 1964, Estación do Norte. O noso avó, que era factor, tiña despacho alí, recordo ir visitalo, encantábanos aos nenos coleccionar billetes de cartón duro de tren; a min tamén me gustaban aqueles lapis amarelos de tinta azulada con que o avó facía números en follas de papel cuadriculado.
Seguindo coa actividade industrial: por detrás do fume branco da máquina do tren, ocupando unha posición abondo centrada, percibimos o fume negro do que supoñemos que é a fábrica de tabaco da Palloza, fundada xa hai tempo, en 1804, axiña faría un século de existencia. Nela traballaba no tempo en que foi pintado o cadro a nosa tataravoa Genoveva.
E por detrás, cara á esquerda, do fumazo da de tabacos vemos outro penacho de fume escuro: sen dúbida ten que ser dunha das fábricas de salga –maiormente de sardiñas- que daquela había na Palloza.
Á dereita da imaxe, case tapada pola árbore senlleira, albiscamos outra cheminea que tamén fumea en negro. Fixádevos que está a un paso da praia e sen dúbida está a carón do castelo. O castelo recibiu o nome de San Diego e así foi coñecida a praia un tempo. Cando eu era rapaciña, de moi poucos anos, iamos de cando en vez á praia pero chamabámola das cañas. A cheminea ten que ser da fábrica de Mesa. Con ese nome figura na prensa da época. Que actividade desenvolvía? Trátase dunha fábrica para refinar petróleo. Cando Eduardo M. Cervigón pide permiso para construír outra semellante nas proximidades (de feito, comprará o castelo de San Diego e terreos circundantes) para construír outra fábrica de refinar petróleo, argumenta que xa se lle deu antes permiso aos señores Mesa, Marchesi e Martínez (sabémolo por una Real Orde do Ministerio de Hacienda publicada en: Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, Nº 251, 3/11/1894).
Quédanos aínda unha cheminea interesante da que falar: se trazamos un triángulo case equilátero e tomamos como vértices no plano de fondo a torre de Hércules e un dos muíños de Santa Margarida, o vértice que resta coincidiría con esa cheminea de ladrillos que vén estando nun extremo do Camiño Novo (hoxe en día, rúa de Juan Flórez, eximio alcalde que foi da nosa urbe). O Camiño Novo non ten perda porque está abeirado de árbores. Esas árbores ben puideran ser olmos porque Emilia Pardo Bazán refírese a ese camiño como La Olmeda. Hai quen di que a olmeda pardobaciana é un espazo por Santa Lucía, un espazo talvez tipo praza… preto de Santa Lucía arrancaba, preto fixo que se iniciaba ese camiño, pero era un lugar para recorrer, dinos a prolífica escritora: “Entusiasmábame […] recorrer la Olmeda, admirando desde ella la curva delicada y briosa de la bahía”. Percorrer percórrese ben un camiño…
(Neste gravado, tirado do libro da historia da Coruña de Vedia, vese ben o trazado do Camiño Novo con árbores) |
E, doutra banda, sabemos ben que no XVIII mandou o rei Carlos III que se fixesen plantíos nos camiños do seu reino, incluído o noso vello reino de Galicia:
En el capítulo 23 representó el Personero la necesidad de plantío de árboles en los caminos Reales hechos de orden de Su Majestad desde esta ciudad a Castilla y a Santiago.
Y visto por los Señores de la Junta la importancia del asunto y utilidad al común de la provincia de que todos los propietarios, así seculares como eclesiástios y comunidades, fomenten el plantío de árboles útiles paa toda especie de obras de que cada día se experimenta mayor escasez y carencia, acordaron que la Ciudad y su Corregidor expedirá y circulará las órdenes más estrechas a todas sus Justicias provincianas para que con el mayor anhelo y aplicación hagan se plantifiquen los arbolados en todos los terrenos cómodos y proporcionados, así en las cercanías del Camino Nuevo como en todo su distrito, encargando a las Justicias y Mayordomos de las feligresías el mayor celo, y para que aquellas pasen sus oficios a los párrocos para que con su doctrina y persuasión muevan a sus feligreses a una empresa de que además de la particular utilidad que cada uno conseguirá, resultará un beneficio universal para toda la provincia (Santiago Daviña, en: http://www.estudioshistoricos.com/wp-content/uploads/2014/10/sds_18.pdf) (se vos chamase a atención as verbas de “persuasión”, debo advertirvos que non andan desencamiñadas, porque sobran motivos para preocuparse pola sistemática destrución de árbores entre nós… Aínda no século XX, a boa xente de “Amigos do Campo” anda a voltas co tema: eles a plantar, axudados polo profesorado do noso Instituto, destaquemos aquí e desexémoslle que descanse moito en paz, a egrexia figura daquel catedrático de agricultura, o levantino Hernansáez…, como podemos tamén honrar a sempre grande figura do coruñés Luis Monteagudo, infatigable amigo do campo, das árbores e outros tesouros de nós…, e a bruta ou desinformada xente a destruír…).
Dicíavos que a cheminea de ladrillo era doutra fábrica, La Primera Coruñesa, de fiados e tecidos.
(Foto tirada dese sempre interesante blog titulado "De andanzas y relatos") |
Remataremos o escrito de hoxe sobre a nosa tan amada cidade aproximándonos ao lugar onde se sitúa o pintor (a cuxa familia temos sempre que agradecer que cedesen a obra do pai ao pobo herculino). A ficha do museo dinos que o señor Ferrant está pintando desde o Corgo. Efectivamente, o Corgo era o camiño que ascendía e ao seu carón quedaba a fonte do Corgo e tamén estaba, nos tempos da miña infancia, o “Reformatorio” con que os pais ameazaban os rapaces “se non es bo, vante levar ao Reformatorio”. Aínda podemos precisar máis: ese amplo espazo, que no cadro vese ben valado, un espazo que –insisto- era moi amplo porque chegaba a integrar tamén o edificio da Granxa Agrícola, era denominado La huerta del General. Foi todo iso comprado in illo tempore polo Capitán Xeneral de Galicia, Pedro Martín Cermeño y García de Paredes, quen ocupa a Capitanía durante máis de quince anos (desde 1774). Foi un home autoexigente, orgulloso, meticuloso y susceptible (p. 71), pero por su condición de Ingeniero Director de Obras en Galicia, desarrolla una densa labor que se torna sumamente creativa al continuarla e impulsarla desde su cargo de Capitán General. Soraluce lo califica como el renovador arquitectónico de La Coruña (p. 71: Leoncio Verdera Franco, José Ramón Soraluce Blond, Covadonga López de Prado Nistal, Ana Mª Carril Cuesta, La Capitanía General en la historia de Galicia). Martín Cermeño comprou esa espléndida parcela para situar nela a súa quinta de recreo. Con posterioridade no tempo foi adquirida (non podo precisar se foi unha boa parte ou na súa totalidade, pero integraba desde logo a casa principal) polo artista Alejandro Ferrant, así que pintou o cadro da vista da Coruña ben apousentado na súa casa.
No que nós sabemos, esa casa foi logo colexio das monxas da Compañía de María (antes de que edificasen, sobre 1927 –salvo erro-, o actual edificio en Visma-Riazor, e digo Visma porque Riazor pertencía á parroquia de San Pedro de Visma). Tamén estiveron as Adoratrices e mais as Carmelitas. A nosa avoa, Pura Vieiro Allut, ficou orfa moi noviña e estudou, como orfa de pai e nai, con aquelas monxas (debeu estudar entre 1914-5 e 1920) e non garda feliz memoria polos desgustosos distingos que facían entre nenas ricas e nenas pobres. Corramos un tupido veo porque ao cabo, educar educárona e en máis dunha ocasión ao longo da nosa xa longa traxectoria vital fomos ben aconselladas, as netas, con máximas áureas que adquiriu naquela institución educativa. Con todo, non sobran nunca as verdades amargas porque debemos evitar seguir cometendo ad infinitum os mesmos graves erros.
Déixovos aquí. Sorte coa lotaría de Nadal!
Ningún comentario:
Publicar un comentario