xoves, 17 de outubro de 2024

LENDO A

 

LENDO A…

LENDO AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA AFONSINAS.

LÉXICO I. O VIÑO BOTADO

 

(O protagonista da cantiga do "viño botado" entra de monxe no mosteiro de Claraval. Todas as fotos están tiradas de Internet)

 

Son moitas as aproximacións que se poden facer a esta obra. Por exemplo, cabe un enfoque temático. Hai temas boísimos, dignos de ser novelizados ou teatralizados. Por poñer un exemplo, o da emperatriz[1] que é traída e levada polo mundo adiante e acaba en anagnórese co seu ex que dubidara dela… auténtico culebrón, plena actualidade, vaia…  Ou aqueloutra cantiga narrativa onde, dalgunha maneira, se lle dá ao protagonista o elixir da xuventude (nº 141): un clásico (desde Goethe ata o irlandés  Wilde). A miña amiga británica Maria comentábame que ciclicamente volve a Tolkien: eu ciclicamente volvo, entre outros, a Bioy Casares, de quen nunca canso, e ás cantigas afonsinas. Que modelo de galego literario vello…, marabilloso!

Que vos direi da análise dos costumes que reflicte o libro? Algúns conserváronse, outros -case sempre afortunadamente- perdéronse. Exemplos dos primeiros: as rogativas para que chova, o de sacar os santos en profesión (temos documentados en Galicia exemplos tomados de Vimianzo…), os exvotos, acudir ás sorteiras (nº 128, nº 13)… Exemplos dos segundos: guindar a muller polo caborco abaixo para ver se era ou non infiel… Exemplos de costumes perdidos: cazar con donicela etc.

Mais hoxe encetamos un capítulo dedicado ao léxico curioso. Analizaremos só un exempliño.

Vinno botado: era mui coitado || en aver a jejũar e bever vin[n]o botado (nº 88[2]). Mettmann di ‘viño alterado’. A frase non se documenta en ningún outro texto medieval, no que nós sabemos. É imposible precisar se na sociedade do XIII o viño botado estaba “picado”, avinagrado ou estragado por un exceso de auga. Nun libro de receitas en castelán antigo, de 1500, atopamos unha composición custosa (cunha ducia de ovos e queixo) para adobar vino blanco botado (Anónimo, CORDE, onde ou moito nos equivocamos, ou temos un galeguismo léxico). A frase non se conservou no galego actual mais si en portugués: documentámolo no primeiro quartel do XVII:

Em 1626-28, recentemente empossado para dirigir a comunidade religiosa de Santa Maria de Miranda pelo período de um triénio, D. Martinho de Almada “achou hum quarto de vinho botado”, (p. 273, file:///C:/Users/Charo/Downloads/TESEDOUTGONALOMARQUES000148685.pdf)

(Deste espléndido traballo tiramos o pequeno texto do s. XVII)

 

No XVIII: en  Tesouro dos vocabulos. Das dûas Linguas. Portuguéza, e Belgica, Abraham Alewijn, Joan Collé Amsterdamo : Pedro vanden Berge, 1714 (p. 919). Aí traducen viño botado = Doode, (viño) morto, é dicir, que perdeu a súa acidez, responsable de manter a súa estrutura.


 

Outro caso, tamén no século XVIII:

Vinho botado, que he, o que botou, e perdeu a cor (1744, Divertimento erudito para os curiosos de noticias historicas, J. Pacheco, Lisboa, p. 345).

E, sempre no dominio portugués, chega aos nosos días:  (botado adj. Prov. minh. O mesmo que turvo, corrompido,(falando-se do vinho). (Talvez corr. de voltado), en Figueiredo. Digamos, á derradeira, que se rexistra a frase igualmente nas cantigas tradicionais do pobo:

 O amor de homem casado

 quem o há-de pretender?

 É como o vinho botado,

que se não pode beber.

Veñamos un pouquiño, moi brevemente, á Galicia: Temos o viño raposo:

En el coto e jurisdiçon desta çibdad de La Coruña había muchas viñas de que se solía coger mucho vino el cual no es bueno, porque es casi todo raposo (p. 196, nota 86, Ismael Velo: La vida municipal de A Coruña en el siglo XVI). 


 

Non estamos totalmente convencidos de que ese raposo  e o botado afonsino sexan sinónimos totais, aínda que –canto menos- son parciais.

Ata aquí por hoxe. Proximamente (se cadra conto coa vosa axuda, prezados receptores) trataremos de ver como é a equivalencia actual en Valdeorras, Val do Salnés, Ribeira Sacra, Ribeiro etc. Feliz outono, estación tan amada por Otero Pedrayo…

 




[1] Cantiga narrativa nº 5: “Esta é como Santa Maria ajudou a emperatriz de Roma a sofre-las grandes coitas per que passou” (seguimos a edición de Walter Mettmann, 1986, ed. Castalia). Lamentablemente, non dispomos estes días de tempo suficiente e non podemos profundar no tema todo o que quixeramos. Falaremos neste punto, xa que logo, de memoria: esta cantiga de Beatriz, emperatriz de Roma, pasa, con certas modificacións, ao folclore europeo (supoñendo que non teña o relato afonsino raíces no folclore…). A historia de Xenoveva de Bramante e a relato galego de Santa Dora están emparentados.

[2] “Como Santa María fez a un físico que se metera monje que comesse das vidas que os outros monjes comían, que a el soían mui mal saber”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario