luns, 17 de xuño de 2024

GALICIA INMORRENTE

 

GALICIA INMORRENTE

A GAITA E O GAITEIRO I 

 

(A gaita nas ilustracións das afonsinas Cantigas de Santa María. Códice escurialense)

 

Sobre este tema falaremos por partes. Un problema técnico no noso ordenador impídenos facer como quixeramos a primeira entrega. Hai moita información dispoñible: conviría empezar relembrando aquel soberbio programa realizado pola televisión galega, que podedes atopar pinchando aquí:  

 

(Gaiteiro de San Francisco de Ourense. Fotos tiradas de Internet)

 

Neste programa interveñen persoas cun discurso sempre interesante e cheo de sabedoría (espero que tomase nota completa dos participantes):   

O profesor escocés Cheape, os profesores galegos A. Santamarina e X. Alonso Montero; os señores Moncho Lemos, Xosé L. Foxo, Pablo Carpintero, Xabier Blanco, José A. Durán e Cástor Castro; a profesora L. López Cobas e a historiadora Ana Filgueiras. 

Hai un comentario do prof. Cheape que me interesa subliñar porque toca de preto unha circusntancia vivida por nós en Oxford hai moitos anos, nun congreso da década dos 90, congreso inesquecible, no que formara parte da organización o profesor John Rutherford. Unha tarde -chovía a mares- agasallárannos cun concerto na oxoniense igrexa de Saint Giles e alí quedounos esquecido o imprescindible paraugas negro de sete parroquias. Á mañá seguinte volvimos por el e alí estaba o pastor afable con gana de conversar connosco: “Ah, galegos... -a conversa era en inglés, of course-, en Galicia tócase moito a gaita..., a gaita é un instrumento que baixou alá desde aquí arriba...” E eu non puiden evitar retrucar: “Ou subiu desde Galicia...” 

Pois ben, o profesor Cheape fala do “Corredor atlántico” e di nesa entrevista estupenda que, efectivamente, é máis que probable que a gaita sobe cará aos países británicos desde o noso noroeste, sobe, sobe... 

Logo parécenos tamén de sumo interese este artigo: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/5923778.pdf 

Nel, Francisco Xavier Paz fálanos dun gaiteiro ourensán do XV, Gomes Mouro, así como do “seu resgatador” (quen primeiro nolo dera a coñecer), Ferro Couselo. 

Destaquemos algún parágrafo:  

Conhecemos alguns documentos como no que é citado o gaiteiro Johan Gonçalves e do que nos deu notícia Ramón de Arana. Neste, de 1374, o gaiteiro apenas é citado como testemunha num contrato de compra do mosteiro de Monfero. No ano 1418 –em 13 de Dezembro– segundo consta num documento guardado no arquivo da catedral de Tui, o cabido desta cidade fai um apeo em que, indirectamnete aparece, mais umha vez, a figura do gaiteiro: “... Constança gayteyra moller que ffoy de Martin Gayteyro morador que foi ena vila de Ponte de Lima do Regno de Portugal...” De 1458 é que data a avença ao gaiteiro Gomes Mouro. Tratase do documento mais antigo conhecido que regulamenta a actividade profissional dum gaiteiro, os seusdireitos e os deveres a cumprir. Com efeito, é na cidadede Ourense,em 14 de Dezembro desse ano,que o Concelho da cidade fai“aviinça” com Gomes ouro, por sua vida, estando obrigado a pagar dezaoito maravedis cada ano para poder desenvolver a sua actividade.  

 

(Anxo gaiteiro mosteiro santa Caterina de Montefaro)

 

Hai fotos boas sobre representacións na arte da gaita e o gaiteiro. 

 

(Anxo gaiteiro, Saint Giles en Edimburgo)

 

 

Non pechamos a páxina sen tratar minimamente a cuestión filolóxica. A orixe da voz GAITA. Todos os sabios filólogos -polo menos os que nós coñecemos- están de acordo en que a voz dominante a día de hoxe, “gaita” é de orixe xermana. Resulta imprescindible reler a entrada no dicionario de Coromines, a quen tantas cousiñas de noso hai que lle agradecer... Volve o catalán a mente, a imaxinación, a memoria, á corte dos reis suevos en Galicia e cre el que se acha a orixe do nome... Por imaxinación que non quede: a nós dásenos por pensar que antes do superestrato suevo ou xermano en xeral, outro sería o nome do primitivo instrumento, talvezpipa”. Unha vez estabamos de bucólico paseo, xa non recordo onde, pero era aquí, non lonxe da Coruña-cidade e vimos uns campos de cereal e nosa nai, valdeorresa octoxenaria, sinalou e dixo: “mirai, disto faciamos nós cando eramos nenos as pipas”. Era coma alfaia (recordemos a frase proverbial que vincula alfaia-alcacén e gaitas... “non está o alcacén para gaitas). 

Se cadra esas pipas que se amentan na Crónica Troiana (século XIV son as gaitas actuais, pensade que puideron coexistir un tempo os dous nomes):  

Et os hũus tãgíã cornos et os outros pipas, et os que estauã perlos muros da vila, algũus deles deostauã et dezíã moyto mal aos de fora. (Corpus XELMÍREZ). 

Con respecto, e aquí rematamos por hoxe, á documentación máis antiga (no que nós sabemos) sobre a voz que nos ocupa, GAITA, é de supoñer que é esta:  

 

Iohanne Fernando dicto Gayta (ano 1282, CODOLGA) 

 

Sería un alcume. Nada improbable... 

Feliz noite de San Xoán! 


(MUIÑEIRA, obra de Dionisio Fierros)


Ningún comentario:

Publicar un comentario