sábado, 24 de febreiro de 2024

LENDO A ROSALÍA

 LENDO A ROSALÍA

 

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO.

DAS AVES NA OBRA POÉTICA EN GALEGO DE ROSALÍA DE CASTRO

 

("A árbore da vida" de Gustav Klimt. Todas as fotos están tiradas de Internet)

 

As aves en xeral podemos dicir que son un universal literario. Caracterizan un locus amoenus. Son case sempre elemento imprescindible na descrición do paraíso (na mitografía da xénese ou creación do mundo aí están, pousadas na árbore oriental que dá inicio a todo). Sen movernos moito do noso contexto occidental europeo, na poesía trobadoresca forman parte do marco primaveral que concita o amor e a alegría de vivir. E están presentes na nosa lírica ibérica, en concreto na galaico-portuguesa. E igualmente sucede en Rosalía. Se pensamos en Cantares Gallegos [CG] de inmediato vén a nós a intuición, case a conciencia clara, de que por debaixo da man e do espírito da poeta galega flúe a corrente soterraña que nunca deixou de manar, a corrente da tradición orixinal que frutificou nas cantigas medievais, que sae de novo á superficie nos tempos de Sarmiento, cando dicía que en calquera ser humano sensible, especialmente do xénero feminino, agromaba un compositor de cantigas e aflora esa corrente unha vez máis nos Cantares Gallegos rosalianos. 


 

Na obra rosaliana as aves en xeral, sen especificar, son os paxaros e paxariños. Achegan múltiples valores: poden estar dentro de unidades fraseolóxicas, sobre todo comparativas, en símiles, en perífrases alusivas[1] e daquela teñen un valor metalingüístico ou metaliterario. Poden ter un valor descritivo puro, de marco colaborador, propicio… Digamos que principalmente en Rosalía os paxariños simbolizan a alegría, o gozo telúrico que lle inspira a visión de Galicia, gozo telúrico de universo -en principio- ben feito, e mais tamén unha alegría que a poeta sente e quere comunicar. Outras veces, en troques, paxaros e aves son un contrapunto claro, remarcan un forte contraste cos sentimentos do ser humano.

Isto queda dito baixo un enfoque xeral. Vexamos agora casos concretos.

(Rula. Bestiario de Aberdeen)

 

As aves-heraldo: Na poesía nº 4 de CG (edición do Patronato, 1982) son os galos os que anuncian a chegada da alba, traendo consigo a separación dos amantes. Como saberedes xa moitos de vós a autora glosa un poema tradicional, preexistente (Domingo Blanco, na súa magnífica recolleita de cantigas tradicionais recolle esta de Cantan os galos pró día /ao día…, tédelo no TILG). Ela glósao e dálle nova vida. O motivo ten unha rica presenza literaria. Antes ca Rosalía xa o precursor Nicomedes Pastor Díaz recrea este motivo:

Agora qu'á alborada /Os dulce paxariños xa cantaron […]/ Oio d'aquí os cantares / Da pillara fugaz, d'o merlo feo (“A Alborada” de Nicomedes Pastor Díaz, datado en 1823).

E na Idade Media temos aquela famosísima -e fermosísima- alba de Nuno Fernández:

Levad ' , amigo, que dormides as manhãas frias; | todalas aves do mundo d ' amor dizian: | leda m ' and ' eu (texto tirado do corpus XELMÍREZ).

Hai en Nuno unha inversión de voces, fala a amante e non o amante coma nos poetas do XIX, pero a presenza das aves-testemuña do amor é unha constante.

Máis tarde, en Romeo e Xulieta, aparecen unha vez máis, as aves anunciadoras do mencer e da subseguinte separación dos amantes:

X.  Quéreste ir? Aínda non chegou a alba; a voz do reiseñor, non da cotovía, fixo vibrar o teu oído temeroso; todas as noites canta no granado. Foi o rusinol, meu amor, non temas.

R. Foi a cotovía, o heraldo da aurora, non o reiseñor.

[…]

X.  É a cotovía que canta e desafina  con disonancias ásperas e agudos desagradables (…) (Acto III, escena quinta; versión nosa ao galego).

Vedes que Xulieta cualifica negativamente a ave-heraldo porque a culpa da marcha do amado: é de supoñer que é por esta mesma razón pola que Nicomedes tacha de feo o merlo.

A cotovía que amola é un tópico que Shakespeare puido coñecer de antigo:

Posiblemente se inspirara en las anteriores consideraciones el creador de la divisa protagonizada por la alondra que el emblemista Jacobus Typotius reproduce en el tercer bloque de sus Symbola divina et humana (fig.), con el lema Garrula et vade –“Aléjate, charlatana”–[2]

Así pois, en Rosalía son os galos e os paxariños (Xa cantan os paxariños. / Érguete, meu ben, que é tarde), as aves-heraldo.


 

As aves-símbolos de fidelidade ou lealtade: No poema nº 26 (“Meniña, ti a máis hermosa”) Rosalía glosa unha cantiga tradicional que di:

Que a rula que viudóu, / xurou de non ser casada, / nin pousar en ramo verde / nin beber da iauga crara.

Vemos que a meniña protagonista deste poema foxe da xente, busca a soidade e finaliza dándonos esa explicación. Deducimos que o seu amado falta e ela gárdalle a ausencia. O tema da rula-símbolo de fidelidade dá para moito. A súa historia levaríanos horas, vén de vello. En romance hispánico unha das primeiras documentacións do tema bríndanolo o CORDE:

E muchas bestias hay que aborresçen natural mente el adulterio asy commo la tortola que nunca toma mas de vn marido & despues quelo pierde sienpre lo llora & nunca posa en arbol verde segund que dize el philosopho (S. XIII, anónimo, CORDE).

Está na Biblia, na sermonística da igrexa ao longo dos séculos, nos bestiarios medievais. E na literatura vémolo no Libro de buen amor, brilla con letras de ouro no romanceiro en lingua castelá (Fontefrida). De aí renace con forza nos místicos (en San Juan de la Cruz) e é obxecto de estudos críticos que paga a pena ler con calma en tardes en que apeteza ler algo probadamente bo… Na miña humilde opinión hai tres estudos maxistrais sobre esta cuestión tocante á rula: o de Marcel Bataillon, o de Eugenio Asensio[3] e o de Francisco Rico. Deste último tomamos este parágrafo:

… el itinerario de la tórtola sí nos brinda algunas singularmente reveladoras. He distinguido tres etapas temáticas en ese itinerario. En la primera, de arranque más antiguo, la tórtola «viuda y con dolor» se documenta con largueza en latín, castellano y catalán en los siglos XIII, XIV y XV, con sentido tanto sacro como profano. En la segunda, la tórtola que no posa «en ramo verde» no se nos descubre ya sino en los siglos XIV y XV, en castellano y en catalán, y con acento más regularmente mundano. En la tercera, la tórtola que bebe el agua «turbia» comparece exclusivamente en catalán, en el umbral o en el curso del siglo XV53, y principalmente en la literatura de creación. La excepción a tal regla es una traducción castellana del Fiore di virtù, que nos recuerda un dato perfectamente establecido por otras vías: la última imagen de la tortolilla es de procedencia italiana y es en Italia donde tiene, hasta hoy, una popularidad incomparablemente mayor. (F. Rico: Texto y contextos: Estudios sobre la poesía española del siglo XV, en: https://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/texto-y-contextos-estudios-sobre-la-poesia-espanola-del-siglo-xv--0/html/01beec74-82b2-11df-acc7-002185ce6064_40.html).

E no noso ámbito galego-portugués? A simboloxía da rula fiel aí está, na pura beleza breve da forma popular. Sarmiento, no XVIII,  faise eco: 

A rula desque é viuda, / nunca pensa en ser casada, /nem pousar en ramo verde, /nem beber en agua crara. (DdD).

É case idéntica á cantiga que coñeceu e glosou Rosalía. Leite de Vasconcellos tamén se preguntou a principios do século XX polas orixes entre nós do tema da rula e chegou á idéntica conclusión. Fixo o seu niño na boca do pobo e deixounos cantigas de grande beleza. El recolle esta no norte de Portugal:

Eu sou como a triste rola/ Quando os amores perde: /Anda de ramo em ramo, / Nem agoa clara bebe!

E estoutra no Miño: Namorei-me, -foi meu gósto; / Olhar, -foi o meu regalo. / Nao quero ser como a rola, / Que morreu ao desamparo[4]

Así que a primeira documentación que temos do tema parece que é a de Sarmiento. Na nosa lírica medieval a rula está ausente, mais si está presente a fontana freda  e o tema da auga avolta, non clara: hai que reler a Pero Meogo e o estudo que dese autor fixo Méndez Ferrín.

Poderiamos citar ducias de refráns coa rula (en Vázquez Saco) e máis cantigas populares galegas onde intervén a rula, pero é suficiente con estas pinceladas.


 

As aves-contrapunto: Especialmente en Follas Novas, paxaros, pombas e rula serven de contrapunto aos sentimentos humanos que caracterizan o tempo presente.

Moito te quixen un tempo, / simiterio encantador […] / mentras cantaban os páxaros (Libro II. Do íntimo) A alegría do canto das aves sitúase claramente no plano do pasado.

¡Cal cantan os paxariños / enamoradas canciós! / Mais anque cantan, non cantan /para min (Íbidem). Vedes que o canto serve de contrapunto doloroso ao estado anímico actual do personaxe representado nese min.

Hai varios exemplos máis pero sen dúbida o caso paradigmático é o que aparece en “Tecín soa a miña tea”[5], cando lemos: Cala, rula; os teus arrulos / ganas de morrer me dan. Chamo a vosa atención sobre a tremenda forza expresiva provocada pola aliteración do erre múltiple. Se analizamos algo polo miúdo o tópico vemos que non é exclusivo da nosa autora, aínda que ela o use de maneira maxistral. Aparece na lírica medieval algo semellante, naquel refrán que Airas Nunez toma do pobo: "¡Ai estorniño do avelanedo, | cantades vós, e moir ' eu e pen ' | e d ' amores ei mal![6]

 

(Tecedeira. Ilustración de mediados do XV)

 

O canto da ave marca un forte contraste co estado de ánimo do ser humano. E antes, no eido dos trobadores occitanos, documentamos un par de exempliños paralelos na pluma do lemosino Gaucem Faidit. Vouvos copiar quizais os casos máis claros en que o poeta, que sofre pola ausencia ou indiferenza da amada, non sente pracer polo canto das aves:

Lo rossiholet salvatge / ai auzit que s’esbaudeia / per amor en don lengatge, / em fai si morir d’enveia (…)

***

Mout m’enojet ogan lo coindetz mes / don l’escur temps s’adourss’e s’esclarzis, el rossignols, que sol esser cortes,/ m’es tan vilas q’a pouc no m’a aucis, / q’ieu auch sos chans, e vei qel mons verdeja / et tot qant es poigna en joi aver, / e mos fis cors fund e mor e feuneja (…)[7]

 

Quizais vos preguntedes, volvendo á rula rosaliana, como pode ser que unha ave simbolice unha cousa e logo outra. A polivalencia é relativamente normal. Arriba vimos como a Xulieta shakespeariana falaba mal da cotovía [en inglés lark], unha ave tradicionalmente valorada polo seu canto e/ou polo seu elevado voo ao ceo, trazo enfocado por moitos para usala de símbolo da procura de Deus.

E se me permitides abondar aínda neste punto, antes ca a rula simbolizase a fidelidade, era a choia quen o facía:

En el primitivo Physiologus griego era la corneja [a nosa choia] el símbolo de la casta monogamia; la tórtola era pájaro solitario sin más. Ya había notado Samuel Bochart en el siglo XVIII, tras largas indaga¬ciones sobre los animales de la Biblia en la literatura patrística, que el primitivo símbolo de la casta monogamia era la paloma, "pero que, no se sabe por qué, la gran mayoría de los Padres posteriores habían trasladado dicho rasgo a la tórtola"[8]

A choia mudou de simbolismo e converteuse nunha ave agoreira. Desas tamén veremos a súa presenza en Rosalía. Nunha segunda parte. Non sexa tanta a cera que arda a igrexa. Quero dicir que non vaiamos esgotar a gana de ler a cantora do Sar. Ou de reflexionar sobre a súa obra. Felices relecturas rosalianas! E relembrade que onte, 23 de febreiro, cumpríronse 187 anos do seu nacemento.

 

(Pomba. Bestiario de Aberdeen. S. XII)

 

 

 

 



[1] Nº 16 (“Eu ben vin estar o moucho”, CG): como os páxaros do mare / nadando paso o regueiro; Nº 23 (“Castellana de Castilla”, CG) Ese mirar de pombiña / volvés en fosca mirada; Nº 20 (“Ora, meu meniño, ora”, CG) O que mantén as formigas / e ós paxariños sustenta [alusión evanxélica: Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin seituran, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial, en Mateo 6,  24-34].

[2] José Julio García Arranz, Symbola et emblemata vium. Las aves en los libros de emblemas y empresas de los siglos XVI y XVII. SIELAE. A Coruña, 2010, p. 171.

[3] Asensio dá as versións de Fontefrida máis antigas, principios do XVI, as catro anteriores a 1550: https://nrfh.colmex.mx/index.php/nrfh/article/view/319/319

 

[4] J. Leite de Vasconcellos, “A Rola Viuva na Poesia Popular Portuguesa”

https://www.jstor.org/stable/2917731

[5] Libro V. Este poema amosa con extraordinaria clareza as concomitancias coa cantiga de amigo galego-portuguesa: punto de vista feminino, tema-ausencia do ser amado, recursos paralelísticos, diálogo cun elemento non humano e forte presenza da natureza.

[7] Oín o reiseñor salvaxe que se alboroza por amor na súa linguaxe e faime morrer de envexa  //

Moito me amolou hogano o bonito mes en que o tempo escuro adoza e aclara e o reiseñor, que adoita ser cortés, éme tan vilán que por pouco non me mata, porque oio os seus cantos e vexo que o mundo enverdece e que todo canto existe pugna por ter alegría e o meu leal corazón se funde, morre e se irrita… (tradución ao galego nosa)

[8] Marcel Bataillon: “La tortolica de "Fontefrida" y del "Cántico espiritual"”, en Nueva Revista de Filología Hispánica, 7, 1953.


Ningún comentario:

Publicar un comentario