xoves, 8 de febreiro de 2024

GALICIA INMORRENTE

 GALICIA INMORRENTE

A VECEIRA

 

(Valencia do Sil protexida pola montaña, sempre rica en augas)

 
(Vista da montaña por riba de Valencia e Santiago desde a Rúa-Petín. Valencia fica á esquerda da cheminea da central que se ve ao fondo. Esta e a de arriba son fotos propiedade de Manuel Trincado)

A nosa nai, nonaxenaria, é o único ser humano que coñecemos que vivira en primeira persoa a viceira (en galego estándar veceira). Lamentablemente, a súa memoria está -digámolo metaforicamente- moi fragmentada. Relembra retrincos. Retrincos de vida (vedes que parafraseamos o fermoso e expresivo título da obra de Castelao). En fin, sirva -se gustades- este mínimo escrito de homenaxe para as nosas nais, moitas delas auténticas matriarcas, gardadoras fieis da estirpe ou da tradición.

Á nosa, en concreto, foi un berrido (coma o brado de Merlín…) o que lle activou ou lle desencadeuou as lembranzas. Comprara ese día unhas parrochiñas fresquísimas e acordoume a súa imaxe aquel berro de Lola, a peixeira de miña infancia, que anunciaba a mercadoría nos Castros (actual avenida de Oza): Sardiña viviñaaa!!! E así, un pouco axudada desa “corda” (vocálica e mais dos acordos) relembrou outro berrido: A viceira!

Había que dar esa voz para avisar de que partían. Cada veciño, cada casa, sacaba fóra da corte ou cortello as súas cabras e ovellas para seren recollidas e levadas, conxuntamente -en forma de rabaño- a pacer ao monte. Á mamá non lle gustaba a viceira. Era traballo e ela unha nena. Había que subir unha costa tremenda, iamos montaña arriba… Ti recordas a casa da avoa Clarisa? (avoa súa e bisavoa miña) Había que coller aquel camiño arriba, o que leva ao Trual, pero non quedabamos no Trual. Tampouco na Cortiña… Non recordo como se chamaba, pero víase ben Mones…

Mamá tería daquela once ou doce anos e acompañaba á súa tía, Maruxa, uns sete anos maior ca ela. As dúas faciamos boa falta, serían trinta cabezas ou así… As ovellas non daban moita guerra pero as cabras si. Levabamos un bastón na man para alindalas. Pregúntolle a que hora saían da aldea e que levaban de comer, porque regresaban pola tarde. Creo que sobre as dez da mañá, no inverno penso que esa era a hora… Pan con queixo, pan con xamón… Ás veces facíannos unha tortilla… 

(A foto é propiedade do Rancho Folclorico Meu Pais de Maisons-Alfort)


 

Por facela falar, pregúntolle aínda quen berraba a viceira!, ela ou a tía Maruxa. As dúas! Baixabamos ata o río, ata os Olmos[1], chamando e avisando; na última casa xa sacabna os animais sen que berrásemos porque xa oíran, xa sabían…

A memoria da nosa nai non dá para máis. Había que velas por un buraquiño… Falo co meu curmán, nado un ano despois ca min, fillo da túa Maruxa, sempre disposto a axudar nestes contiños.

Eu non fun nunca á viceira. Cando eu era un rapaz na casa [antes amentada, a dos seus avós, bisavós de meu] só tiñamos unha cabra. Onde ían daquela as nosas nais? Ao Orbedal[2]. Rotaban entre os veciños que tiñan cabezas. Eu penso que ían da mañá á noite, o camiño era longo… Recordo a polvareda[3] ao baixar do Soutelo… Non se vía… Penso que a viceira era diaria. Se cadra aos da casa tocáballes unha ou dúas veces ao mes.

Ata aquí o enfoque máis íntimo e familiar. Ampliemos agora os datos.

A veceira é un bo exemplo de colectivismo, no sentido amplo do termo. Non é o único no modus vivendi tradicional galaico-portugués pero xa vedes que permanece vivo no acervo dalgúns de nós.

A solidariedade e a cohesión entre a xente da aldea créase e maniféstase pola veceira que é o conxunto das ovellas da aldea. En Loureses non as hai, porque non hai montes en man común, pero as outras aldeas da parroquia teñen unha veceira. Cada casa coida da veceira por turnos. O veciño que non ten as súas ovellas na veceira é mal visto polos outros e se o lobo vén buscar unha ovella ó seu rebaño, os outros veciños non o axudan[4].

Hai varios estudos sobre esta actuación comunal de outrora.  Desde o punto de vista lingüístico veceira/viceira deriva do latín vix, vicis ‘vez’ e semánticamente pode significar tanto o rabaño coma a operación de facer as quendas, ou as propias quendas. O DRAG dá as dúas acepcións: o fato e a quenda. O DRAE [s. v. VECERA/VECERÍA] fala só do conxunto de animais e di que por antonomasia é gando porcuno. Entre nós, galegos, non é frecuente. Nós, polo menos, non temos constancia de que se movesen os porcos na viceira e así mesmo o di Lisón Tolosana[5], si en Portugal: 

 

(en: Tesouro do léxico patrimonial do galego e do portugués, TLPGP,  https://ilg.usc.gal/tesouro/gl/search#search=normal&mode=lema&q=vezeira). A verba ten un uso ricaz. Hai fraseoloxía específica, tal volta desfasada, pero haina: 

Andar á viceira. Cando noutros tempos todo o mundo tiña ovellas, para non perde-lo día gardando dez ou quince que viña tendo cada un, xuntábanse todas no medio do pobo e cada día gardábaas un veciño, ó que se lle dicía “a viceira”. Tamén se lle aplica á moza que é un pouco lixeira[6].

Tocar a beceira: Dícese tocar la “beceira” cuando a un vecino, en el prorrateo comunal, le corresponde pagar la comida al pastor así como una especie de soldada según el número de ovejas (Taboada 1971, TLPGP).

Nestoutro caso a expresión por viceira está a medio camiño de ser unha unidade fraseolóxica, equivale ao castelán por turnos:

Enriba de Balboa, na Pena do Pando, habitaba (quen sabe os anos que desto haberá) unha cobra descomunal que mantiña acoradas a todas as xentes daquelas vilas.
Tiñan que levarlle por viceira años, cabritos e curdeiros a aquela besta que nunca chea se vía. (en: En:

https://terraeantiqvae.com/group/arqueoastronomia/forum/topics/la-guarida-del-drag-n-la-vid-montes-de-valdueza-corao-balboa-y

Vexamos, á derradeira, o uso nun texto poético, onde viceira vale por ‘fato’:

No medio do alén, por fóra, pastorea a vida unha viceira de ovellas miúdas de la azur[7].

Fóra de Galicia, documentamos a viceira en Zamora,  concretamente en Lubián:

Veceira:   Rebaño de vacas formado por los animales pertenecientes a distintos propietarios y que éstos llevan a pastar  por turno cada día[8].

En León:

vecera/vecería

veceira | veceirina | veceirona | viceira

1.     Conjunto de ganado de un pueblo guardado por turno entre los dueños 2. Turno establecido para salir con dicho ganado 3. Turno para regar, pastorear o cualquier otra cosa comunitaria Según las zonas, la voz designa o solo el ‘ganado vacuno’ o el ‘ganado caballar y asnal’ o el ‘ganado lanar’ o la ‘piara de cerdos’ o varios de estos mezclados; del latín vǐcis, ‘turno, alternativa’, ‘turno de uno en el ejercicio de una función’, ‘función, lugar, puesto que uno ocupa’ (DECH, s. v. vez). Figuran vecera y vecería en el DRAE con la acepción de ‘manada de ganado, por lo común porcuno, perteneciente a un vecindario’.

vecerada

veceirada | viceireda

 Número grande de animales de cualquier clase 2. Ganado en libertad que destroza cuanto encuentra a su paso derivado de vecera. No figura en el DRAE[9].

En Asturias:

Pero o máis normal, e racional, na xeneralidade dos veciños era recorrer ó sistema de viceira, é dicir, unha quenda de pastores que se establecía en relación coas cabezas que cada propietario tiña no rabaño común. Este sistema, moi estendido nas terras montesías de Galicia, Asturias e León […], podía abarcar a toda a veciñanza da aldea se era de tamaño pequeno; pero tamén se podía fragmentar o gando dunha localidade en máis dunha veceira. Así sucedía, por exemplo, en Trascastro, onde “no había una veceira, sino 4 o 5” (Trascastro, xullo 2000). En Faro, cando había que levar o gando ó monte próximo pola mañá para traelo pola noite, as vacas da aldea estaban divididas en fatos formados por catro ou cinco veciños que cooperaban no coidado dos animais. Os fatos eran tres, chamados Fatón, Fatín e Cabuerco, e entre eles había unha certa rivalidade, como chegar os primeiros a un monte no comezo da temporada. De todas as maneiras, unha vez que se subía ós pastos máis elevados a partir de maio, estes fatos desfacíanse e todo o gando de Faro era coidado en veceira, malia que na braña seguía habendo unha competición manifesta nas loitas entre touros dos distintos fatos[10]

 



E, como xa demos antes a entender, tamén en Portugal:

(Diccionario de) Figueiredo: veceira f. Prov. trasm. minh. Rebanho, que se reveza com outros em certas pastagens.

O famoso filólogo, dialectólogo e etnógrafo alemán Fritz Krüger tamén estudou a veceira e recolleu información do norte de Portugal[11]. Un dato sumamente interesante recollido das páxinas portuguesas é o feito de chamaren á viceira non coa voz, coma miña nai e a tía Maruxa, senón cunha fermosa bucina, un bucio.

(A foto é propiedade do Rancho Folclorico Meu Pais de Maisons-Alfort)

 

Ata aquí por hoxe, xa abusei abondo da vosa paciencia. Pasou xa o san Brais. A nosa nai relembrouno cun refrán da súa mocidade: Meniñas ao san Brais, que festiñas non hai máis!

 

(Vista aproximada do que verían desde arriba, preto xa de Mones, as mulleres protagonistas hoxe da viceira de Valencia do Sil)

 

 

 

 

 

 

 



[1] Os Olmos, As Covas, Santiago. Son barrios de Valencia. Valencia do Sil tiña noutrora reunión do seu propio concello e tiña escola, na Aira. Pertence este lugar ao municipio de Vilamartín de Valdeorras, Ourense.

[2] Este microtopónimo valdeorrés é un fitónimo e mais un substantivo colectivo, indica un lugar onde hai érbedos ou albedros.

[3] Esa poeira, tan cervantina:  Y la polvareda que había visto la levantaban dos grandes manadas de ovejas y carneros que por aquel mesmo camino de dos diferentes partes venían, las cuales, con el polvo, no se echaron de ver hasta que llegaron cerca ( cap. XVIII, 1ª parte).

[4] M. Mandianes Castro: Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega. Vigo: Galaxia, 1984, p. 97.

 

[5] No tengo información sobre viceira de cerdos, en nota 30, p. 139, Antropología cultura de Galicia, AG, ed. AKAL, 2004, p. 139, nota 30.

[6] Xosé Val (2012): Díxoo ou predicouno? Ditos populares. Lugo: Ed. de Xosé Val, Cura de Vilar de Ortelle.

[7] Iago González, “Calipso canta” con Olga Novo, en Evohé, nº 31.

 

[8] Luis Cortés Vázquez (1954): El dialecto galaico-portugués hablado en Lubián (Zamora) (Toponimia, textos y vocabulario).

[9] En: https://lla.unileon.es/?id=EC115681. Joaquín Costa achega datos e documentación da viceira en León na súa obra Colectivismo agrario en España.

[11] Se tedes interese pola viceira en Portugal podedes afondar nestas páxinas: “Sobre beceira y variantes, Krüger, GK pg. 116, que recoge formas de Alonso, Rato, García Lomas, Lamano, Valladares, Figueiredo, etc. Exactamente igual que en Lubián lo recoge Braga; Schneider 'rebaño'; Lorenzo, Notas, como en Lubián, pero 'de cabras'; Llorente, vecera 'rebaño de cualquier clase de ganado, principalmente cerdos', que está de acuerdo con Krüger, San Ciprián, beceira de cuchinus, y los datos de GK loc. cit.; habiéndolo recogido también con significación de 'rebaño de vacas', op. cit. pg. 163. Con significación de 'rebaño' existe en Sabrosa (Vila-Real), RL XV 346; 'de cabras y ovejas' en Vila Pouca de Aguiar (Vila-Real), RL XV 349; en Boticas (Vila·Real), RL XV 336, y Ribeira de Pena (Vila-Leal), RL XV 345; en las formas bizeira y bezeira. Alvarez, beceira 'vecera'. De VICE, REW 9307” (en: https://www.frontespo.org/es/tesoro/beceira). A viceira en Cavanca é outro relato desde o punto de vista das mulleres que o viviron (publicado en 2018) (https://www.facebook.com/644717699005602/photos/a.648399591970746/1507366236074073/?type=3). Unha última páxina, deliciosa, a viceira en Fafe, na vella Galicia bracarense: http://meupais.free.fr/tradicoes/a%20bezeira.htm

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario