martes, 7 de novembro de 2023

BUSCANDO PALABRAS

 

BUSCANDO PALABRAS. Outono 23.

(Amorodos silvestres. Fotos tiradas de Internet)



 

Había tempo que non contribuïamos a este apartado achegando nova información. E un dos apartados nosos favoritos. Coma sempre buscaremos un número máxico. Miraremos doce palabriñas ou expresións.

Amoróns: son amorodos silvestres. A nosa informante é de Cruceiro de Roo, A Coruña. Hai un morico de variantes para a forma de denominar esta baga, da familia da mora. Estudamos e publicamos no seu día a voz amores, co mesmo valor semántico, documentado na obra de E. Pardo Bazán1.

Apachado: ‘Espotroado, estomballado’. O informante era un noso alumno de bacharelato (agora mesmo éme imposible localizar o seu nome, pero relembro perfectamente que as verbas eran da súa familia do Incio ou o Páramo, Lugo). Recórdanos algo a forma que usa a nosa nai, valdeorresa, para dicir que está amaiada (dicía a nosa avoa coruñesa, xa nonaxenaria,  ai, a min maio me amaia!), a nosa nai di ando apalastrada.

Argana: As barbas, os pelos da espiga: as do centeo e do trigo... esas si que agarran ben, e pican, cando chas cravan no lombo...Cando eu andaba nas mallas metíame coas mozas e elas metíanse comigo, entón colliamos poutadas de polvo diso, e tiña que marcharme e sacar a camisa porque se agarraban... (Eliseo González Blanco, dezao). A palabra é común e figura no DRAG (Dicionario da Real Academia Galega), pero é bonita a lembranza lúdica de outrora na boca do noso defunto sogro.

Balouqueiras: Chamábanlle así as mulleres de X que levaban á feira de Lalín os sacos coas castañas boas por riba e por debaixo as baloucas. Non tiñan boa sona… Enganaban (Eliseo). Non queremos dicir o lugar, dise o pecado pero non o pecador. A voz balouca (da familia de baloca, con ditongación espontánea, ou iso parece) figura no DdD.

 

(Vendedoras de castañas na Coruña. Ano 1925)

 

Bolada: Unha bolada é unha rolda de mozos. Era unha bolada, iban e collían as cancelas e os carros, e había un que dicía “a min non mo colledes, a min non” porque tiña pensado pasar toda a noite enriba do carro velándoo. Pero pegoulle o sono e á mañá seguinte faltaba el e o carro, e apareceu aló na Senra (Informante de Laro, Silleda, Pontevedra). Estas falcatruadas que se facían por Deza, Trasdeza e quizais tamén noutras partes, teño entendido que tiñan lugar pola Noiteboa, polo menos na terra do Deza.

(Un "cabás" de madeira como os que nós lembramos da nosa infancia, cando iamos á escola de Pura a Ferreña, en "Buenavista", Os Castros, A Coruña)

 

Cabás: En Roo é ríxido, de vimbio, moi planiño, leva patacas á praza: o capacho é flexible, e a esporta é de esparto, na esporta levaban as ferramentas os canteiros (Informante de Cruceiro de Roo, A Coruña). Para nós, na Coruña da nosa infancia, o cabás tiña asa e nel levabamos os libros, cadernos, estoxos, á escola. Habíaos de madeira e de coiro. É voz polisémica, moi antiga. Da familia do cabazo, calculamos.

(Precioso cesto de Noia para levar produtos da terra. Non atopamos un "cabás" da Serra de Outes)

 

Caldo de riola: O caldo de riola é o da matanza, faise coas vísceras... (O informante é o noso amigo Antonio Fondo, nado e criado en Calo, Vimianzo, A Coruña). Non podemos precisar a orixe da expresión, si hipotizar: talvez porque o día da matanza é un día de festa, de “riola”, en que se xunta moita xente na casa.

Chaolas: ‘Orellas de entroido’ (informante de Cariño, A Coruña). Da etimoloxía da palabra non temos certezas: talvez de bocha + sufixo ola , pola semellanza, ao fritirse na tixola, cunha bocha ‘ampola, vincha’. Pediría aférese da primeira sílaba. Claro que esperariamos como resultado *bochola. Igual había que pensar nunha composición, do tipo “bocha na ola”.

(As chaolas de Cariño)

 

Esperrechar ‘enfadarse ou encresparse facendo moito espavento’ (informante de Laro, Silleda, Pontevedra). A nosa nai, valdeorresa, di esperrearse. Cando alzabamos o ton de nenas, xesticulando, dicíanos: non te esperrees tanto. Son voces de orixe expresiva, como espirrar, perrencha, da mesma familia que o castelán perro.

Gasano: era como lle chamaba o meu sogro, dezao, ao trueiro. O caso é que cando amentou a verba relembrou de inmediato un regato en Canaval (Monforte), onde traballou longo tempo. Quedei pensando se a voz viría de alí. Non figura no DdD. Posible relación etimolóxica coa voz gasado ‘un tipo de rodo para sacar as cinzas do forno’ que se documenta dúas veces no DdD. Daquela teriamos probablemente un membro máis da familia de angazo, angazar.

Xargón de follatos: a frase oínlla a María Lema, nada e criada en Santa Cruz de Rivadulla. Dime que estaba feito coas follas do millo. Eu ese non o relembro pero si o colchón feito de copos de la, era o da cama dos meus pais cando eramos nenas, aquí na Coruña na casa dos Castros. A mamá pedíame de cando en vez axuda, “eu por un lado e ti por outro” e había que espilir a la, coma quen biliscaba o colchón. Follato ‘folla ou conxunto de follas do millo’ si que figura no DdD. Este día, visitando o Palacio da Brejoeira, no concello de  Monção, dicíanos a guía sinalando unha cama na que en tempos durmía xente de certa liñaxe que se enchía o colchón con crinas de cabalo (ela encarecíao, era unha cousa moi fina…).

(A esfolla. Espléndida foto custodiada no Museo de Pontevedra)

 

A festa das casas: a frase díxonola aínda hai pouco o noso esposo, da parroquia de Santa María de Cortegada, Silleda. A festa na súa casa é a da Virxe dos Afrixidos2, en setembro, e chámase a festa da casa porque as familias convidan a outros membros da familia, curmáns, irmáns casados, a viren e xantaren todos na casa pertencente a esa parroquia ou aldea que celebra a festa. Así que énchense as casas coa familia propia e coa parentela, familias vindas doutros lugares. Pechamos con esta frase porque, sinceramente, parécenos ben clariña (a semántica, digo) e moi bonita. Son frases que se perden. Hoxe é ou era a festa das casas…

(A capela da Virxe dos Afrixidos. Parroquia de Santa María de Cortegada, Silleda. A festa celébrase o 15 de setembro)

 

:::::::::::::::::::::

NOTAS:

1.    Luis González-García, Mª Rosario Soto Arias, “O galego na producción de Emilia Pardo Bazán”. Revista galega de filoloxía, Vol. 1, 2000, páxs. 97-155.

2.    O dicionario académico só recolle a forma do participio irregular, aflito. Porén, a variante regular está ben documentada desde Rosalía na nosa literatura. Pondal, Cabanillas, Otero Pedrayo, Darío X. Cabana… tamén a usaron. E téñase en conta que hai moitos verbos en galego que teñen a dobre forma (participio regular e irregular) conservada.

3.    A foto da cesta de Noia está tomada desta interesante páxina: http://14euskaldenda.blogspot.com/2009/12/exposicion-galeusca-de-cesteria.html

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario