luns, 23 de outubro de 2023

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

LENDO A...

WENCESLAO FERNÁNDEZ FLÓREZ E O HUMOR.

 

(Foto tirada de Internet)

 

          Wenceslao Fernández Flórez é unha figura complexa, imposible de catalogar porque, como indica o título da súa biografía, o paradoxo é a calidade que mellor o define. Hai unha frase feita moi usada que di que as cousas non son brancas ou negras xa que hai moitos matices de grises, na vida do noso autor as cousas poden ser brancas ou negras  dependendo da súa evolución persoal. E isto que moitos ven como un defecto, eu véxoo como unha característica moi valiosa porque nos garante que o que lemos é súa verdade e que non se molestará en maquillala ou escondela por agradar.

            Autenticidade que hai que valorar e agradecer, non hai impostura, só verdade e tenrura, moita tenrura como logo veremos. Hai tres aspectos da súa figura que me gustaría reivindicar por pura xustiza literaria.

 


 

             En primeiro lugar creo que hai que eliminar o pero, a que me refiro con esta frase? Observo con frecuencia que cando se fala da obra de don Wenceslao fanse afirmacións do tipo “era un bo escritor, pero….” E nese pero está implícita unha crítica que nada ten que ver coa súa produción artística. Non debes dicir de alguén, por exemplo, “é moi boa persoa pero…” porque entón vas invalidar a premisa inicial. No caso do noso escritor ese pero adoita levar a consideracións que nada teñen que ver coa súa obra literaria e si con certos posicionamentos ideolóxicos nalgúns momentos da súa vida. Eliminemos o pero e substituámolo polo punto: É un bo escritor e punto. Se aplicamos ese pero ás vidas de todos os escritores moi poucos sairían indemnes desa lupa. Poucos autores foron tan mal tratados pola crítica como don Wenceslao; mesmo parece que non se lle perdoase a inmensa popularidade da que gozara en vida. Adóitase dicir que a crítica literaria é a arte de resucitar os mortos e facer morrer os vivos, afirmación que é veraz se a relacionamos co noso autor e os mecanismos para este desdén foron dous: o silencio e a superficialidade. Co primeiro excluírono de moitos dos tratados de literatura española mentres incluían a outros dunha calidade notablemente inferior; os que si o tiveron en conta, os menos, negáronlle o valor á súa obra que etiquetaban como só humorismo. Que mal o pasaría agora nestes  tempos dunha corrección política que roza moitas veces o chiste non desexado! Na  súa novela As sete columnas contaba a historia dun anacoreta chamado Acracio Pérez ao que o diaño lle concede un único desexo e el presuroso responde que quere que desaparezan os pecados capitais. O país era un desastre repleto de hipócritas, ladróns, sablistas e o pobre Acracio quería solucionalo. Desexo concedido e cinco anos despois o país é un desastre maior: sen gula xa non hai gordos nin celebracións ao redor dunha mesa; sen avaricica nin cobiza xa non hai aforro nin emprendemento; sen luxuria termínase o desexo e ata a natalidade; sen soberbia non hai líderes sociais e a aristocracia, avergoñada polas falcatrúas dos seus devanceiros, forma unha cuadrilla bautizada, atención ao dato, como Canteiros reparadores encargados de demoler as estatuas dos próceres do pasado. A ver se, ademais de vindicalo como escritor, tamén debemos facelo como adiviñador do futuro. Canta falta faría actualmente esa visión irreverente sobre tanta bobada como aguantamos! Aplicar ao pasado a lupa do presente non nos dá unha visión correcta do sucedido: hai uns anos, ao comezo da transición, entrevistaban en TVE ao humorista Chumy Chúmez e preguntábanlle polas súas vivencias da guerra civil. Chumy empezou a falar do seu verán do 36 coma neno dunha aldea que pasaba o día xogando a bañarse no río e a tirar pedras con outros nenos. O periodista, un dos novos censores do pensamento único, interrompeuno molesto para indicarlle o horrible da guerra e o desexo de que nunca xamais se repetira. O humorista, moi serio, respondeu: “Bueno, y si se repite, que al menos los niños se aburran”.

(A casa coruñesa en que naceu o noso escritor. Rúa Torrerio. Foto tirada de Internet)

 

             É un ácrata de dereitas, como o define Luís Prados, viaxou por Europa máis ca ningún dos seus contemporáneos, leu moitos autores estranxeiros, entre eles  H. G. Wells e sempre quixo ser considerado algo máis ca un humorista: non o conseguiu porque non se decataba de que aí radicaba o seu auténtico tesouro. En segundo lugar hai que falar do seu galeguismo, negado por algúns pero que é algo que non admite discusión. Dise que non é un escritor galego porque non utiliza esa lingua na súa obra (salvo algún caso illado e por encargo dunha editorial) pero creo que todos os que lemos as súas novelas sabemos que F. F. é máis galego ca o queixo de Arzúa. E, gústelle ou non a quen lle nega tal privilexio, a súa obra O bosque animado é a mellor descrición do ser galego que lemos en moitísimos anos. Sabemos que amou  Galicia con todo o seu ser, galego orgulloso que presumía desa condición sempre que podía (lembremos a anécdota do seu paso por Aduanas como funcionario e o seu abandono de tal misión porque non quería fiscalizar as contas de Ortigueira, como podería facerlles iso aos meus paisanos? Contestáballes aos que se estrañaban de que abandonase o seu posto de traballo). Lembremos que no seu discurso de entrada á Academia vindica a Cervantes como o mellor escritor humorístico de España e atribúelle orixe galega: “Saavedra, di, é un apelido nado en Galicia e que dicir de Cervantes, se dá nome a un pobo de Lugo?.” Grazas a esta orixe, afirma el, os seus escritos son tan extraordinarios. Non é necesario recorrer ás manidas referencias á súa amizade con Castelao, á súa exitosa iniciativa para que a RAE deixe de considerar ao galego como dialecto e lle conceda o rango de lingua,  nada disto é necesario, leamos a súa obra e aí atoparemos a alma galega. 

 

(Algunhas das súas obras foron levadas á gran pantalla)


            O terceiro aspecto que hai que destacar na súa obra é o humor que, durante demasiados anos, se considerou un subxénero menor dentro da literatura coma se para transmitir unha mensaxe fixese falta desposuíla de toda referencia humorística porque iso desvalorizaría a súa intención. O mesmo autor, durante anos, renegou do humorismo porque pensaba que o facía popular pero menos apreciado pola crítica. Terá que chegar o seu discurso de entrada na RAE para que el abrace o humorismo como o trazo que o converte nun escritor único e apreciado por un público que lle será fiel ata o final. O erro de don Wenceslao é ser un humorista nun país que rexeita o humor e, con todo, aplaude o chiste e o sarcasmo. No seu discurso di que España é un país de “malhumoristas” ou, en palabras de Unamuno, malhumorados.

(Outra obra de WFF levada ao cine)

 

            Fronte ao chiste, que el iguala coas cóxegas porque provocan unha risa irreflexiva, el defende o humor que só é útil e veraz se leva dentro unha idea e pueril se non. Cando analiza a historia da literatura di que fronte  ao descontento hai dúas alternativas: a cólera, tristeza, imprecación e pranto onde encadra á chamada literatura “seria”, aí están Romeo e Julieta, o rei Lear, Desdémona, etc.; a outra alternativa é o humor: non queremos matar o adversario, di, se acaso que se suicide.

            Moitas das súas definicións sobre o humor implican unha carga de contido que merece unha reflexión: do sarcasmo di que é a risa amarga que se escapa entre os dentes; a ironía ten, segundo el, un ollo aberto e o outro chiscado e o humor é o ton máis suave do iris, bondadoso, sen crueldade porque se non é tenro e comprensivo, non é humor. O humor en literatura non se aprecia, “de min non ri ninguén” é unha frase moi utilizada pero, como dicía don Wenceslao, “ou sexa que nos poden enganar, traizoar, ferir, atormentar pero rirse de nós... nunca”. Pero este humorismo non pode distraernos do seu nivel literario, non é a columna vertebral  da súa obra. As súas novelas baséanse na angustia metafísica, os seus personaxes non son heroes graciosos, son homes vulgares representantes da vida cotiá cos seus valores e os seus lastres e pon especial énfase no absurdo da existencia humana. É novelista, xornalista, contista, escritor de libros de viaxes, é un autor completo que merece ser considerado como tal. 

(Caricatura de Mingote. Este debuxo está tirado da páxina web da Fundación WFF)

 

            Era un escéptico total en política, un pacifista fatal, un ecoloxista e un panteísta que criticou a todas as igrexas e relixións, un conservador que desprezaba o caciquismo, defensor do divorcio, eutanasia, en fin, un ser poliédrico. E desde o punto de vista literario, un bo escritor e punto.

 

Luisa Varela Barroso, catedrática xubilada de Lingua castelá e Literatura no Instituto ‘Eusebio da Guarda’.

 

(A autora do presente artigo, Luisa Varela, fotografada xunto á estatua doutro dos seus escritores favoritos, Miguel Delibes. A foto é propiedade da autora).

 

           

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario