venres, 31 de marzo de 2023

VISITANDO...

 VISITANDO SANTIAGO DE COMPOSTELA


(Interior da Catedral de Santiago visto desde a Tribuna. Todas as fotos, agás a dos Santo dos Croques, son da autoría de Pedro Rodríguez, a quen agradecemos a súa arte)


Santiago ben merece unha visita (25/III/2023)

Unha vez máis, e xa pasamos das vinte, os compañeiros e amigos do Eusebio botámonos a estrada para confraternizar e coñecer algún recuncho máis da nosa terra.

A proposta é moi doada, tan soada como coñecida, aínda que o “Locui Sancti Iacobi” sempre nós sorprende.

O día espabílase morno, con neboeiros de camiño, “a ver se non chove”. Pero claro Santiago sen chuvia non é Santiago.

 


 

A nosa expedición arriva ao barrio de Sar pouco antes das dez da mañán. Da comenzo o noso taller de cabalística: “que animalada de arcobotantes”, “que bonita sería se se puidese ver en toda a súa amplitude románica”.

Estamos na marxe norte dese adolescente Sar, donde bota a andar a súa cunca, zona fértil e de carácter aluvial, a problemática e beleza das súas naves, paredes e claustro ben empenadas ou torcidas, non de fábrica, pero xa forman parte do seu ADN.


 

Os Agostiños regulares crearon esta comunidade a un quilómetro escaso da catedral, ao pé da Ruta da Prata e camiños do Suroeste, calzada romana. Quedan vestixios patrimoniais e toponímicos. Desde aquí controlaban a chegada de peregrinos e de mercadorías, o famoso viño do Ribeiro do Avia, tamén os que se dirixían ao centro da península polo mesmo camiño,  Camiño Real de Castela.

 Aséntanse no século XII, sendo arcebispo de Compostela Diego Xelmírez. Quen o empeza a construir é cóengo da sede compostelá, chegando a ser bispo da sede mindoniense.

Xelmírez relanzou a peregrinación xacobea durante o seu mitrado, sendo pontífice de Roma Calixto II conséguese a graza de poder celebrar Ano Santo ou Xubilar Compostelano, sempre que o 25 de xullo cadre en domingo, cunha cadencia moi curiosa (11/6/5/6/11 anos). Neste momento xa suman 120.

Xelmírez responde a ese prototipo de clérigo, señor feudal, famosas son as súas liortas coa arquicoñecida raiña Dona Urraca. Sería quen de inaugurar o noso paseo da fama compostelán.

Xelmírez da man do Mestre Mateo ponlle ese magnífico ramo á catedral, nesa Apocalipse plasmada en pedra, esa Xerusalén Celeste que en pleno período románico nos anuncia por medio dos anxos trompeteiros ese novo estilo artístico, o gótico.

O Mestre Mateo tamén fai acto de presencia no noso particular paseo da fama, cantas obras en Galicia levan a súa firma, o seu carácter, ou o da súa magnifica escola de arquitectos e canteiros.

 

(O chamado Santo dos Croques. Comunmente aceptado que é o propio Mestre Mateo o que ficou aquí para sempre labrado en pedra. Está na columna do parteluz do Pórtico da Gloria. Proximamente habemos de dedicarlle un par de páxinas. Parece ser que nese pequeno cartel que porta na man había un par de verbas que rezaban así: "ARCHITECTUS FE". A foto foi atirada de Internet).

 

Empezamos a falar en linguaxe xurisdicional: priorato, colexiata, cabido, parroquia ou freguesía,  e tamén  de cargos da igrexa: abades, cóengos, dignidades eclesiásticas, clero regular e secular.

Dun xeito ou doutro intentamos desempenar a historia e podela galgar e entender desde a óptica do III milenio.

Sar segue sendo un lugar no Camiño, case ao pé do Apóstolo, unha freguesía donde teñen cabida a Calzada romana, o famoso lavadoiro octogonal de “Picaños” (famosa tertulia literaria), as Santas Mariñas, a Canteira, o Cruceiro e Angrois (cantas veces desde o 2013 levamos escoitado este nome). Noutrora Angrois soaba despectivo (“pareces de Angrois”), hoxe soa como símbolo de solidariedade e servizo ao pé do Camiño, camiño de ferro, que moitos non puideron rematar na véspera do patrón.

 


Avanzada a mañán cambiamos de barrio, imos ao de san Roque, e entramos en contacto cunha orde conventual ou mendicante, son as clarisas.

As ordes mendicantes establécense na zona extramuros das cidades e vilas, en Santiago temos os exemplos de santa Clara, de san Domingos de Bonaval, das dominicas da Virxe do Portal en Belvís, ou mesmo de san Francisco no Val de Deus.


 

Curiosamente o convento das clarisas fúndase no século XIII da man de Dona Violante, muller de Afonso X, “o Sabio”. Recordemos a súa predilección polo uso da lingua galega na lírica, e por ser o promotor da Escola de Tradutores de Toledo, un gran humanista, que xunto coa súa dona estarían no paseo da fama compostelán.

O convento é amplísimo, entramos pola portada ou falsa fachada que fora iniciada por Domingos de Andrade, e rematada polo seu discípulo Simón Rodríguez. Tamén terían cabida nese paseo da fama mestre e discípulo.

Polo bucólico xardín entramos á igrexa, relucente e pulcra, dá gusto outeala e escoitar as explicacións de Mercedes. Chámanos a atención as réplicas na tarima dos debuxos que descansan no chan de pedra: esbozos, alzados, deseños, que neste material gráfico poderán alcanzar a eternidade. O altar e a portada son barrocos a máis non poder.


 

As clarisas son coñecidas polo seu carácter contemplativo, a elas recorren as mozas en vésperas de nupciar para implorar un bo día para o seu enlace, a ofrenda son ovos da casa. A patroa é santa Clara (12 de agosto), que xunto coa santa Inés son as grandes difusoras da orde franciscana feminina. Ademais do san Francisco nas súas vidas ocupa un papel fundamental a Inmaculada Concepción, que defenden desde os seus primeiros tempos.

As monxas entérranse no coro baixo, dentro do propio edificio, algo parecido aos enterramentos dos membros do cabido no claustro da catedral.

 

Co pouso espiritual e da descuberta sobre a nosa existencia encamiñámonos pola urbe entrando pola porta da Atalaia ou do Castro, que marca o eixo Norte-Sur do casco vello. Buscamos acougo e “mollar a palabra” nalgún local.

Cara ao medio día entramos na rúa de san Pedro no “Casal do Cabildo”, local hosteleiro que nos brinda unha boa acollida e mellor xantar rodeados de paredes de pedra, cheas de historia e de historias ao pé da Porta do Camiño.


 

 

Na sobremesa volvemos cara ao Obradoiro, a chuvia sae ao noso encontro, Santiago é pedra, Santiago é chuvia, pedra e a chuvia en Santiago son arte.

Nesta tarde lentecida agardamos na cripta do Pórtico da Gloria para facer a visita, toda unha sorte de catequese, de catecismo en pedra. San Xoán escribiu o Apocalipse coa pluma, o Mestre Mateo deulle “vitam aeternam” na pedra.


 

As explicacións son sinxelas, catequese da existencia, historia da salvación para o mundo cristián. O Pórtico é a culminación do camiño de conversión. O significado dos números: a universalidade do doce, por exemplo. Estamos no segundo andar do pórtico, o máis monumental.

Subimos á tribuna, tomamos conciencia das xenerosas dimensións e das boas prestacións do edificio catedralicio, a planta de cruz latina ou plan lonxitudinal, que daremos en chamar igrexas de peregrinación. Un recordo para os anxos turiferarios que dan a benvida á gloria, paralelos aos trompeteiros do primeiro andar.


 

Ascendemos pola torre das campás ata chegar as cubertas, recreamos as antigas torres, percorremos a historia coas nosas pegadas nas renovadas lousas de granito. Canto arte e canta fermosura. A cada recanto súa descoberta, ou a súa panorámica fotoxénica. A catedral é unha síntese do mapa histórico, cada período aporta a súa achega.

A chuvia é un veo, unha cortina de auga, que non nos impide admirar a contorna: edificios, prazas, chemineas, fachadas a modo de lenzos, o urbanismo que se sumerxe na noite dos tempos.

Perimetramos as cubertas, a Cuz dos Farrapos, a xirola, a intrahistoria do campaneiro/xastre e da súa familia, censados en  tan panorámica mansión. Subimos a torre da Carraca lembrando os oficios da Semana Santa, e o papel deste peculiar instrumento.

 


Descendemos con suavidade ata o refectorio de Xelmírez, seguimos admirando esculturas con instrumentos musicais, tamén algunhas viandas da época, como os queixos ou as empanadas.

De novo aterramos no Obradoiro, procuramos acougo nalgún local das céntricas rúas, un cafeíño ou algo para entrar en calor.

 


 

Unha vez máis voltamos á nosa realidade cotiá, á nosa cidade, recordando o fin e a esencia da Creación, e o gran papel didáctico da arte.

Vémonos en calquera dos recantos máxicos de Santiago, ou da nosa terra.

 

Antonio Fondo (Marzo, 2023)

Ningún comentario:

Publicar un comentario