domingo, 15 de xaneiro de 2023

GALICIA

 

HOMENAXE A UN GRANDE FILÓLOGO

 


 

Finou hai uns meses o filólogo galego Elixio Rivas Quintas. Que a terra lle sexa leve. El era un bo crente, logo podemos engadir con fiúza que Deus o descanse. Con certeza estará no paraíso, no sillón ou mellor, na bancada pétrea (ao modo das que hai nas vellas citanias da Galicia bracarense) dos grandes filólogos galaicos, con Sarmiento, Aníbal Otero, Amable Veiga, José Luís Pensado, Nicandro Ares e algún outro que agora non me acorda. Os grandes amadores das palabras que deu esta terra!

(Fotografía tirada dun dos seus traballos. Foi un sabio polifacético)
 

Soubemos do seu pasamento pola páxina web da AGON (Asociación Galega de Onomástica) e iso hai que dicilo en voz alta. Sabemos tamén que a prensa ourensá fíxose eco de forma encomiable das súas virtudes e fomos informados de que no enterro había unha representación da Real Academia Galega, como non podía ser doutra maneira. Igualmente debemos relembrar que un académico de número, Xesús Ferro Ruibal, xa lle fixo un excelente panexírico cando estaba Elixio Rivas Quintas vivo. Podedes (re)lelo en: https://academia.gal/-/elixio-rivas-quintas-abeiro-de-palabras-galegas?redirect=%2Ftribuna%2Ftodas, e é moi aconsellable revisionalo porque dentro hai un enlace para acceder ao programa correspondente de Ben Falado, e aí tedes ao noso protagonista falando e ilustrándonos co seu inxente saber.

Pregúntome en voz alta como será o paraíso para un filólogo. Se eu puidese escoller, escollería ver por un buratiño -coma o santo Amaro- a época que vai entre aproximadamente o século V antes de Cristo e o V despois de Cristo: talvez vise a xente que fixo a Torre que vexo desde a miña fiestra e, inda mellor, oiría en que idioma falaban e xa con moitísima fortuna, entendería… Encantaríame, asegúrovolo! Seguro que o noso homenaxeado podería estar de acordo comigo en que iso é o paraíso (un dos posibles) dun filólogo.


 

Elixio Rivas Quintas era un ser cosmopolita, naceu e viviu e estudou dentro de Galicia e mais tamén viviu, estudou e faleceu fóra de Galicia. O Dicionario de Dicionarios que nós tanto citamos neste blog está enriquecido con moitas das verbas que el abonou ao longo dos anos. 

 


 

Con todo e iso, hai verbas na súa obra, dispersas aquí e acolá, que non figuran no DdD, nin tampouco no académico (DRAG), claro está. Vouvos poñer un par de exempliños:

Arrufana (páx. 148, Toponimia de Marín, 1982 [TM]). A arrufana é interesante porque hai anos pedíranme axuda para a etimoloxía do Camiño da Rufana, aquí en Elviña e eu deille voltas a varias opcións sen que ningunha me chegase a convencer. Dinos Rivas Quintas que é unha variante do portugués arrifana e ambas as dúas veñen do árabe ar.rayha-na ‘arraián’.

Bara ‘aba’: Dinos o filólogo relembrado: Curiosamente aínda está algo vivo o tema na zona; à parte da Serra San Mamede sobre o Val do Medo dinlle bara da Serra, co valor de ‘falda ou abas da Serra San Mamede’. Noutras partes de Galicia a forma é bareira (en “San Rosendo e a Serra de San Mamede”, Rudesindus 9, 2013, pp. 73-108, p. 101).

Lacha ‘laxe’ (TM, p. 67).

Murusa ‘muruxa’ (TM, p. 179): É unha herba que inza coma unha descosida nas hortas e xardíns.

Téupoa ‘toupa’ (TM, p. 213).

E logo hai un feixe de verbas que el usa con naturalidade e que a unha servidora lle resultaron de difícil comprensión, de modo que non quedou outra que botar man do dicionario. Para mostra abondan estas:

Baira ‘presa de auga’.

Gorbia ‘garganta entre montañas con pendente’. No DdD só figura a acepción súa. Topamos coa palabra cando lemos un seu artigo sobre a Milagrosa de Celeiros.

Montear: Non figura este verbo no DRAG. As acepcións que aboa Rivas para o DdD son únicas. Chega a nós ese verbo, por vez primeira, lendo o autor homenaxeado: “Entre os vasalos de entrámbolos mosteiros [Montederramo/Xunqueira de Ambía], dunha e outra parte era frecuente a titapuxa [sic] por motivo de pastos nas estremas: «en razón del pacer, cortar, montear y labrar dentro de los puertos de Valería, Val Escuro y Cabarca de Val Escuro»” (SR, p. 105), aínda que aí o valor parece o xeral, ‘perseguir caza nos montes’ [Luis Aguirre, 1858, deixou dito o que recolle o DdD: Montear ‘Correr por el monte, hacer montería’].

Paleiro ‘neveira’ (ben explicado en DdD, no parágrafo aboado por Rivas. Noutro lugar explica: “Houbo algo especial dende o século XVI; foi a explotación e aproveitamento da neve coma medio de refrescar as bebidas nas calores estivais. Aquí [Montederramo] por medio de paleiros amoreada a neve tarde no inverno e comezos da primavera, sacábanse diariamente, de vrau, moitas arrobas de neve, que levada en mulos a Ourense, incluso se mandaba a a outras cidades”. (SR, p. 105).

Pía de batear ‘pía de bautizar’ (igrexa de san Martiño de Mourazos, p. 213, en “Inventario artistico en torno ó camiño meridional de Santiago”, Porta da aira: revista de historia del arte orensano, Nº. 9, 2002, pp. 209-240) (IA)

Poceca: Di o DdD que é maior ca o poceco. Rivas relémbranos que no século X esas pucharcas na pedra eran chamadas burgarios  (SR, p. 99).

Poludía ‘tempo de sesta no verán’. Esta é a única acepción, a de Rivas, que figura no DdD. Parécenos unha verba ben xeitosiña.

Pordosol: No DdD só figura a acepción que Rivas aboa. Lemos: “A porta frontal, ó pordosol,” (IA, p. 218)

Sésego ‘alpendre’ (SR, p. 76).

Torolo (de mazá [SR, p. 97], mais somos incapaz de determinar con precisión o significado: anaco ou carozo?).

 


Os intereses do noso homenaxeado son inabarcables: ora toca temas filolóxicos, ora xeneolóxicos, ora arqueolóxicos. Era un ser dunha enorme sensibilidade, de aí que se esforzase por deixar constancia do que irremediablemente se perde, coma a figura do casteiro (“Os petos e os casteiros do Santuario dos Milagros”, en Porta da aira: revista de historia del arte orensano, Nº. 10, 2004, pp. 343-354, dispoñible en https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2045288).

(Peto aberto coa Virxe dos Milagres dentro)

 

Gustáballe tamén poñer en valor artistas populares, coñecidos en maior ou menor grao mais sempre gustosos de inspirarse na arte do pobo, como é o caso do pintor e escultor ourensán Antonio Blanco Pérez, o tallista Xosé González Lemos “Legoxo” ou o escultor Nicanor Carballo Garrido.

Non quixera pechar esta pequena homenaxe sen amentar un tema que tratou en dúas ocasións, como mínimo, e que a unha servidora lle parece sumamente atractivo, tanto como retomalo noutra ocasión. A suposta ofidiolatría da Galicia precristiá. 


 

O sésego en que se ergue a ermida de San Mamede coñécese en San Cosme de Monterramo por A Chaira, cume superior de toda a Serra, onde houbo asegún algús un pequeno castro, de certo humanizado de algún xeito en tempos remotos. Entre os elementos atopados nas ruinas, aparecéu, esculturado nun perpiaño, un gran ofidio, o que supón prácticas ofiolátricas precristiáns (SR, p. 76).


 


(en: “Influxos precristians na arte”, Porta da aira: revista de historia del arte orensano, Nº. 6, 1994-1995, pp. 207-227)

Neste parágrafo fala das serpes con ás, os “cobróns”, aos que tamén se refire Risco en máis dunha ocasión. Habería que saber ata que punto esa imaxe subxace na concorrencia do dragón nalgún dos nosos monumentos literarios (nas Cantigas afonsís, dito de memoria, como mínimo os dragóns aparecen dúas veces…).

Ata aquí chegamos. Remataremos como empezamos: Que descanse en paz Elixio Rivas Quintas, grande filólogo entre os grandes que Galicia deu.

 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario