martes, 31 de xaneiro de 2023

ENTREVISTA

 

ENTREVISTA A XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI, PROFESOR DA UDC (Universidade da Coruña).

 

(Xosé Manuel Sánchez Rei. Fotografía propiedade do entrevistado)

 

Mª R. S.: Moitas grazas, prezado Xosé Manuel, por dedicarnos algo do teu tempo. Sabemos perfectamente que, aínda que estás na flor da vida e teoricamente cheo de enerxía, o tempo -igualmente- é un ben de ouro, que hai que distribuír con moito tino… Así que, de novo, moitas grazas. A primeira pregunta é de rigor: dinos onde estudaches o bacharelato e se gardas algunha lembranza especial dalgunha ou dalgún docente.

-Son eu quen debe darche as grazas por me entrevistares e pola deferencia. A respecto da pregunta, estudei 1º e 2º de BUP no que se denominaba a “Extensión” do “IB Agra do Orzán”, a cal estaba na Sagrada Familia, centro que significou a orixe do que máis tarde foi o “IB Agra II” e actualmente o “IB Rafael Dieste”; aquí xa cursei 3º de BUP e COU. Daquela época, nos meus quince-dezaoito anos, gardo gratas imaxes dalgúns profesores e profesoras: Amparo Leis (Lingua), Elsa de la Calzada (Inglés), Uxío Bobillo (Historia), Maria do Carme García (Lingua), Carme Sueiras (Matemática), Manuel Pazos (Psicopedagogo do centro), Miguel Mato (Literatura Galega), Xosé Luís Axeitos (Literatura Española)… Debo sinalar que varias desas persoas, co pasar do tempo, acabarían por facer parte das miñas amizades. Outras e outros docentes tamén me traen boas memorias, mais non consigo ver o seu nome completo, de modo que, se leren isto, aproveito para me desculpar e para os saudar: Isabel (Español), Margarita (Grego) etc. En xeral, visto desde agora, cando a miña profesión concede unha notábel parte da dedicación laboral á docencia, só podo encamiñarlles un sorriso polo tempo investido en contribuíren para nos facer mellores cidadáns e cidadás e pola paciencia destinada a iso, como sabemos nin sempre recoñecida nin suficientemente valorizada.

 


(Xosé Manuel Sánchez Rei, “Notas sobre a toponimia menor do concello de Sobrado na época medieval: vereas e casais no camiño a Compostela”: conferencia impartida o 21 setembro de 2022, no Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago. Na foto: Detalle do Atlas catalán de Cresques Abraham. Copia de 1959 do orixinal de 1375. Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos)


 

-Hai un par de meses, naquel congreso en Santiago, na facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, sobre o Camiño, tiveches unha intervención que moito me gustou… Honraches a memoria da túa familia relembrando vellos vieiros da terra de Sobrado, había preciosos microtopónimos…

-Foi unha intervención especial para min, pois, entre outras cousas, serviume para recoñecer publicamente a miña avoa e o meu avó paternos, de quen lembro, parafraseando as palabras de Otero Pedrayo referidas á súa propia avoa de Trasalba, que falaban un “galego antigo e fermosísimo”. Para elaborar aquela palestra empreguei basicamente documentos medievais, mais tamén botei un fin de semana na compaña dun curmán, Antón Lago, docente xubilado, percorrendo aqueles vellos camiños que xa na Alta Idade Media atravesaban o condado de Présaras. Localicei no terreo e apuntei nun caderniño nomes antigos e actuais, algúns xa coñecidos debido a que botaba os veráns na aldea. E, con efecto, douche toda a razón: hai microtopónimos ben fermosos, como A Castronela, Cumbraos, Monte da Corda de Ara, Vilar da Maceira etc., algúns de probábel orixe celta, como Ara ou Tambre, outros latinos, cal Porta ou A Ciadella, e algúns xermánicos, cal Gondrei ou Sabegode.

-Tamén sei de moi boa fonte que a túa nai era unha coruñesa que gardaba memoria de topónimos tamén fermosísimos…

-Gardaba, si, sobre todo da zona de Cances, A Fontenova, A Moura, A Silva e do que hoxe é o polígono da Agrela-Bens. Repara: ela aínda se refería ocasionalmente á actual Praza de Pontevedra como A Porta da Torre e sabía dos nomes de lugar que ficaron hoxe en día sepultados polos cementos e as arterias industriais da Agrela porque a miña familia materna tiña propiedades que eran identificadas polos seus microtopónimos: Amarredonda, O Curro, A Fontaíña, Lamachán etc. Neste sentido, a min paréceme tremendamente ridículo e propio do cosmopailanismo urbano máis agresivo que uns apelativos cal A Agra de Cances ou O Regueiro Escuro, por exemplo, fosen mudados por Calle/Rúa Gambrinus, ou que o lugar da Ramalleira sexa agora unha parte da Calle/Rúa Gutenberg, ou até que o precioso topónimo Camiño das Eiriñas, entre Cances e A Fontenova, sexa agora Calle/Rúa Comuneros de Castilla (!!!)… Non imaxino a miña nai visitando as súas curmás, que viven ao pé da nosa casa, dicindo “Vou pola Calle/Rúa Comuneros de Castilla.”

 

(A propósito da Porta da Torre -magnífica pervivencia da memoria- en boca da nai do noso entrevistado, nesta foto de 1883 vese ben restos da torre de abaixo da fortificación ou Fronte de Terra. Houbo, onde hoxe está a rúa Juana de Vega, un foxo, de aí que Emilia Pardo Bazán fale de ponte levadizo e cadeas: mientras bajaba hacia la puerta del Castillo, defendida todavía, como in illo tempore, por su puente levadizo y sus cadenas rechinantes (en La Tribuna, CORDE. Esa puerta del Castillo é sen dúbida ningunha, unha das dúas portas da Torre -había a de arriba e a de abaixo-, é de supoñer que é a da Abaixo, porque Amparo vén baixando desde a Cuesta de San Hilario-Costa de Garás ou de Santa Lucía. Tanto en Madoz coma no historiador Vedía figura o nome Puerta de la Torre de Abajo)



 

Doutra parte, tamén coñecía os alcumes tradicionais das casas e familias, que, como sabemos, sobreviven na maioría dos casos a vida dos descendentes. Da zona de San Pedro de Visma e Peruleiro, de onde era natural o seu pai, proviñan “As/Os do Ruco”, “As/Os de Seoane”, “As/Os do Tonto de Labañou” etc.; na Silva estaban “As/Os da Cachiza”, “As/Os do Cangrexeiro”, “As/Os do Couto”, “As/Os da Cullereta”, “As/Os Gorechos”, “As/Os do Moreno”, “As/Os Marculetas”, “As/Os da Pibecha” etc.; en Cances moraban “As/Os da Bertorella”, “As/Os da Cuchas”, “As/Os da Mariñeira”, “As/Os do Presenteiro”, “As/os Sabelos”, “As de Xaquín” etc.; na Fontenova tiñan casa “As/Os do Muíño”, “As/Os de Obdulia do Regueiro”, “As/Os Patiños” etc.; na Moura habitaban “As/Os de Canosa”, “As/Os de ‘Grabiel’” etc.; en San Xosé levantábanse as casas das/os “da Borralla”, “As/Os de Filipe”, “As/Os do Galiñeiro”, “As/Os do Prixeleiro” etc.; de Mazaído procedían “As/Os da Baturria”, “As/Os do Grilo” etc.; por Bens andaban “As/Os do Bicho”, “As/Os da Corredoira”, “As/Os do Coxo”, “As/Os de Mosqueira”, “As/Os de Nelo”, “As/Os de Porradas, “As/Os de Xarabal” etc.;  En fin, todo un patrimonio cultural e lingüístico presentemente borrado da memoria colectiva do concello da Coruña.

-Podo dicir, sen medo a equivocarme, que ti es unha persoa polifacética. Interésanche moitas cousas da nosa cultura: a poesía medieval, a música (creo que es un bo gaiteiro), algo tamén a toponimia… Mais sobre todas as cousas estás interesado na sintaxe dialectal. En concreto, na sintaxe dialectal galego-portuguesa. Explícalle á nosa mocidade de que vai a cousa. Ponnos algún exempliño, por favor.

-Pois levas toda a razón, hai varios ámbitos da cultura galega que me atraen moitísimo, como a música. En xeral gosto de calquera música de calidade, sexa antiga, clásica ou contemporánea, e de moitos estilos, como o romantismo alemán ou ruso, o folclore dos países do leste, o folque, a música andina… e de grupos, intérpretes ou compositores actuais, cal Abe Rábade, Abraham Cupeiro, Jordi Savall, Rodrigo Romaní, Trevor Morris… Estou totalmente de acordo co director Seiji Ozawa cando di que “só hai dous tipos de  música: a boa e a outra”. A toponimia, a cultura da Alta Idade Media, a época de transición entre o mundo antigo e o medieval… tamén me atraen e tanto é así que unha boa parte das miñas lecturas de lecer se orienta a esas temáticas.

Mais profesionalmente o meu traballo de filólogo norteouse cara á gramática e, dentro desta, cunha maior dedicación, á sintaxe. A sintaxe é a estrutura dunha lingua, o seu esquelete, un dos elementos que mellor a identifica face a outros idiomas. Podemos utilizar palabras que só teñen uns anos de vida (beirarrúa, clicar, rato do computador etc.) ou vocábulos que están connosco desde hai máis de vinte e cinco séculos (barro, rodaballo, tona do leite etc.), ou termos de diferentes rexións (filloa e freixó, fiestra e xanela, chicharro e xurelo etc.), mais a sintaxe case sempre permanece estábel: levamos colocando o pronome átono practicamente sen mudanzas desde a época medieval e temos case os mesmos tempos verbais (seis no indicativo e tres no subxuntivo) que se empregaban na época dos trobadores. No que comentas de sintaxe dialectal galego-portuguesa, corresponde a unha esfera de pesquisa non tan transitada como as referidas a cuestións fonéticas ou morfolóxicas; un exemplo pode ser o uso do dativo che (Non che digo nada), típico do galego e até non hai tempo tamén do norte de Portugal, mais descoñecido no centro e sur deste país; outro asentaría na utilización do pronome vós (Vós tendes) común entre nós e na fala da xente idosa do norte de Portugal, embora totalmente esquecido do estándar lisboeta (Vocês têm). Habería moitos máis casos que se poderían citar a para tal propósito, mais xa os enveredo nas aulas das materias Lingua e Variación no Espazo Galego-Portugués ou Gramática Galega, ambas leccionadas no Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios da UDC e nos programas de simultaneidade.

 


 

-Agora debo darche os meus máis sinceros parabéns pola túa magna obra, O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais (2ª ed: 2022). Non me estraña que en pouco tempo necesitase unha segunda edición! Perdoa a hipérbole, se che molestase, Xosé Manuel, mais este libro case que xustifica unha traxectoria profesional, case que xustifica unha vida… É algo hiperbólico, si, pero estou francamente abraiada. O tempo que che levaría escribilo, o tempo que terías que “mergullarte” en bibliotecas portuguesas… Aprendín unha montoneira de cousas e tamén sufrín un tantiño así vendo certas inxustizas históricas para co norte… Conceptos interesantes para min foron por exemplo: densidade de comunicación, deíxe social, saber que o DS (dativo de solidariedade, especie de marca interna ou idiosincrática do galego) aparece na escola teatral vicentina… Hai cousas realmente sorprendentes e que se prestan a unha reflexión. Centrarei un par delas para logo darche paso, para que as comentes, se foses tan amable: 1. A Norma: persoalmente e socialmente (nas aulas) sempre a defendín: necesitamos, os que amamos a lingua de Galicia, unha Norma para evitar a disgregación, a atomización e en última instancia, a glotofaxia pola lingua en adstrato con maior poder socio-político. A Norma en principio parece un instrumento positivo e porén, é tamén “esmagadora” de vellas varianzas e de trazos arcaicos (como aconteceu en Portugal e ti tan ben ilustras no libro). Parece unha contradición, éoa (que diría miña nai, “éuoa”). Ou iso creo. 2. O vínculo histórico entre galego e portugués: por que custa tanto admitir aos estudosos portugueses cal é a relación histórico-xenética entre o galego e o portugués? Como moito conceder, chegou a dicir un sabio tan grande como Leite de Vasconcelos que son linguas irmás…, tras falar longos anos de dependencia (codialecto pero non en termos de igualdade). 3. Entendo ben o concepto de galego-portugués. Usámolo na escola, nas clases de literatura cando estudamos a rica poesía medieval do XIII. Ti usas ese concepto no teu libro, como non podía ser menos: ámbito galego-portugués (p. 553),  lingua galego-portuguesa (p. 561), lingua histórica galego-portuguesa (p. 565). Farán o mesmo en Portugal? Haberá neste sentido xusta reciprocidade? Quizais non. O peso dos vellos prexuízos ou preconceptos é enorme. En calquera caso, as cousas claras. A orixe é común, e ben está facer que brille a verdade. Facer fincapé nesa vella unidade é tamén xustiza poética, diría eu.

-Como non podería ser doutro modo, comezo esta resposta manifestándoche a miña gratitude polas túas palabras, que as sei sinceras e que viran para min especialmente agarimosas polo contexto persoal en que escribín o libro: foi durante os meses de agosto a novembro de 2019, cando estaba a recibir un tratamento médico por causa dun serio problema de saúde que tivera. Inicialmente, pensara nun artigo dunhas catro ou cinco páxinas para a revista dixital Terra e Tempo, mais comezando a tirar deste fío e daquel e daqueloutro e tamén desoutro… acabou dando forma ao traballo que publicou Laiovento. Despois veu a pandemia e a obra non puido saír do prelo até aos primordios de agosto de 2021, mais a boa acollida que tivo fixo necesaria a segunda edición en febreiro de 2022.

Sobre as cuestións que colocas, teño de dicir que, en xeral, estou de acordo co espírito e coa formulación de cada unha delas, embora o convite para as matizar se me faga irresistíbel. Canto á primeira, eu tamén son partidario de termos unha variedade estándar nas aulas (e non só), mais tamén penso que debe ser unha norma asentada na tradición lingüística galego-portuguesa e que debe ter como referencia as estruturas morfosintácticas máis tradicionais e o léxico máis idiosincrático: por que debe preferirse O libro teño que lelo en vez de O libro teño que o ler, que era a construción máis detectada na lingua deses avós de Sobrado de quen antes falei? A estandarización implica sempre un duplo proceso de consecuencias na praxe lingüística: por un lado, socialmente, unifica e uniformiza; mais por outro, do punto de vista individual, facilita a mudanza, pois os idiolectos particulares son secundarizados en prol dunha norma común. Doutro lado, hai profesorado de lingua que só ten interese en que os rapaces e as raparigas saiban acentuar e en que distingan o te do che ou en que coñezan as prescricións da norma estándar, mais que non fan fincapé en que o problema real do galego é a perda de falantes. Eu tiven un profesor na Facultade de Filoloxía da USC cuxa única obsesión era corrixir os clásicos porque, claro, non sabían escribir; desta forma, pasamos as súas sesións das prácticas de galego durante un cuadrimestre pondo na variedade estándar autores como Cuevillas, Cunqueiro, Curros, Fole, Otero Pedrayo, Risco, Rosalía… Xa me dirás. A norma é necesaria, mais se non houber vontade política real de inverter a situación sociolingüística, o galego desaparecerá sen remedio, como dan a entender os últimos estudos neste campo.

O segundo dos asuntos que dis é, en parte, un dos esteos do meu libro: moitos eruditos portugueses non quixeron ter en conta o galego porque mesmo o portugués setentrional estaba nunha consideración pouco favorábel, sempre a teren o eixo Lisboa-Coimbra como referencia modelar. Alén diso, que consideración poden ter se ven como, deixando de parte honrosas excepcións, a maioría de representantes gobernamentais galegas/os e líderes se expresan en español en actos comúns entre a Galiza e Portugal?

E a terceira das cuestións está igualmente vinculada ao tema anterior: en Portugal, por descoñecemento, costuma empregarse o termo “galego-portugués” para a poesía medieval, ignorando que mesmo na altura o que se falaba no recén creado reino lusitano era galego e só galego, conforme di Fernando Venâncio no seu traballo Assim nasceu uma língua / Assi naceu ũa lingua. Sobre as origens do português (2019). Vultos de Portugal, como Manuel Rodrigues Lapa ou mesmo Lindley Cintra ou Celso Cunha, que recoñecían a esencial unidade lingüística entre galego e portugués, non enforman o prototipo de intelectuais contemporáneos, que non conceden atención a eses asuntos. Penso que a cuestión non é só poética como dis, mais tamén, en xustiza, trae consigo unha reivindicación histórica e sociopolítica.

-Imos rematando. Que estás lendo arestora?

-Hai pouco acabei o fermosísimo traballo O eco das estrelas. Música medieval no camiño de Santiago (2021), de Mariña Arbor, Francisco Singul, Francisco Luengo e José Manuel Salgado. Nestes días estou a terminar unha relectura das Historias contra os pagáns do noso bracarense Paulo Orosio (s. V), nunha recente tradución (2022) para o español de María Luísa Fuentes de la Rosa. Tamén comecei co ensaio Leer contra la nada (2021), de Antonio Basanta, ao tempo que andan pola mesa Os ontes do silencio (2022), de Manuel María. Finalmente Quando Lisboa tremeu (2010/2013), de Domingos Amaral, está á espera da súa vez e quizais lle toque axiña.

-Moitas grazas por todo. Quedo obrigada para contigo, pola túa xenerosidade impagable.

-Foi un pracer, Rosario. Obrigado eu por te lembrares de min para esta entrevista e gratísimo polas nosas conversas sobre toponimia, nas cales aprendo un monte de cousas.

 

 


 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario