domingo, 22 de maio de 2022

LENDO A

LENDO A FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN, I.

OBSERVACIÓNS AO VOCABULARIO DE F. COBO RODRÍGUEZ

 


 

Como sabedes, este ano, co gallo do Día das Letras Galegas, foi homenaxeado o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), cofundador -entre outros méritos- da revista Vieiros e autor dunha importante obra poética, rica en variantes léxicas, propias varias delas do galego oriental en xeral e do galego de Valdeorras en particular.

(Fotos tomadas en Córgomo, lugar onde nacera o poeta homenaxeado. Xentileza de Manuel Trincado Álvarez)

 

Varios foron os estudosos da literatura galega que se aproximaron á súa obra: podemos citar, entre outros, a Ricardo Carballo Calero, Xesús Alonso Montero, Xosé L. Méndez Ferrín, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Gurriarán Rodríguez, a nosa colega e actual catedrática de Lingua e Literatura Galegas no Instituto, Dulce Fernández Graña´, e o historiador da literatura galega e novelista, Xosé R. Pena Sánchez.

A este listado de estudosos podemos engadir o traballo do profesor de Historia valdeorrés, bo coñecedor do léxico do val, o señor Francisco Cobo Rodríguez, cuxas achegas léxicas chegan ás nosas mans grazas á xenerosidade do noso amigo o tamén profesor de raizame valdeorresa Luis Alonso. 


 

O artigo que nos interesa titúlase: “O léxico valdeorrés na obra de Florencio Delgado Gurriarán” e foi publicado na revista Babel 15, ano 2021. Xa na primeira páxina o autor explica que a maior parte do vocabulario valdeorrés que podemos considerar autóctono, propio, non é exclusivo da nosa comarca. Soe estar compartido, como é lóxico, co léxico das comarcas veciñas, coas que tiña máis relacións e pode que un mesmo fondo común latino e aínda prerromano (cando non expresivo, engadimos nós…, este é o caso dunha das verbas que amenta Cobo a continuación, do grupiño das valdeorresas “non illadas”, zurrichar ‘expulsar un chorro de auga -ou outro líquido- a presión’, de clara orixe expresiva ou onomatopeica, variante cichar que nós coñecemos da terra de Deza). Sobre parte deste léxico tirado da obra do poeta, obxecto de estudo de Cobo neste interesante artigo, é sobre o que nós, pola nosa banda, imos trazar unhas cantas observacións.


 

ALIGACHA: A forma estándar é LESMA. O dicionario académico-normativo admite como sinónimos limacha e limaco. Outras variantes documentadas en galego son: limigocha, lamagocha, lumigacha, e miligacha por metátese. Tedes aínda máis na entrada Alimacha no Glosario de voces galegas de hoxe de Constantino García (GL).


 

AMERODO: Ao dito por Cobo engadiremos o seguinte. É unha voz rica en variantes. Citemos o que di o ALBI [ATLAS LINGüÍSTICO DE EL BIERZO. INSTITUTO DE ESTUDIOS BERCIANOS. DIRECTOR: Manuel Gutiérrez Tuñón; COORDINADORA: Alicia Fonteboa López. Ponferrada, León, 1996] : “Aparece o termo meruenguanera  para denominar a planta que produce os amorodos / fresa /morodo /meruóndano = moruöndano = moruóndao (en Chano de Fornela) / biruéngano (en T del Sil) /meruéngano = miruéngano = meruéndano (en I) / amerodo / amiruéndano  (Silván) almorodo = morodo (Dehesas) [en xeral a frase é o froito cultivado; as outras var. designan o froito silvestre) / amerodo (Orellán) / ameruéndano (en Peñalba) (o subliñado é noso). E ides permitir que vos relembre que na obra da coruñesa Emilia Pardo Bazán aparece unha variante máis, en plural: amores. Na fala da nosa familia materna (todos nados en Valencia do Sil, concello de Vilamartín de Valdeorras)  tamén documentamos outra variante: ameródigos “Os ameródigos son os érbedos, morodos” (dinos un noso curmán de Valencia do Sil). A sufixación desta variante valdeorresa talvez se deba á analoxía con outros nomes de froitos coma o alpérchigo (en Valencia, alpréchigo).


 

BALSAÍN: Na nosa familia a variante usada é balsaíños (miña nai, próxima xa a ser nonaxenaria, recorda esta palabra en boca da súa avoa). Ambos sufixos diminutivos (-in/-iño) poden alternar no oriente de Galicia. Unha servidora sempre pensou na raíz prerromana presente en BALSA, pola cantidade de auga desta froita. A favor da hipótese de Cobo de que a voz viñera, coma esas mazás chegadas a Asturias, desde o Valsaín segoviano está o feito de ser a ‘nectarina’ unha froita produto de cruzamentos relativamente moderna, mais tampouco temos certezas para negar a existencia da verba de vello, aplicada se cadra a unha variedade de pexegos tamén rica en auga. A. Otero (DdD) achega a acepción balsado ‘dícese de la fruta que está excesivamente madura sin llegar a podre’.


 

CALANTORNIA: Esta voz, no que nós puidemos documentar, é propia só de Valdeorras. A miña nai descoñecía a acepción ‘xigante que sae nas procesións da festa do Cristo’. Ela, coma a súa avoa (con quen se criou), usou coas fillas esta voz coma insulto. Outros insultos valdeorreses son, por exemplo, cananfrán, modrollo, troxomenoxo e zorollo: e así como nós relembramos perfectamente que á nós, as fillas, mamá nos chamaba zorollo ou modrollo cando eramos desordenadas ou deixabamos as cousas feitas daquela desamañada maneira, tamén recordamos ben cando nos chamaba calantornia: cando resultabamos inútiles ou inoperantes, a frase era sempre “ai, calantornia!”, case diría que era sinónimo de estafermo, aí parada sen facer nada útil… Volvendo ao caso filolóxico, Cobo cita como verbas afíns: calandorna, calindorna ‘medusa’; calimbornia ‘cabaza’; calimbornio ‘animal grande e mal conformado’, e propón como étimo, unha posible deturpación de carantoña, ou carátula, antigo carántula. Non podemos negar a proposta de Cobo de arrimar o étimo ao de carantoña, pero recordemos que o propio Coromines (s. v. CARÁTULA) xa se pregunta polo sufixo desa voz. A título de hipótese pensamos na posibilidade dun cruzamento con voces galegas da familia de canfornio.

Canfornio: Esqueleto, conjunto de huesos de un animal flaco: A Marela, un canfornio de òsos e pelexos..., en Otero Pedrayo, O Mesón dos ermos (DdD).

Canfornio aparece ben documentado no DdD. Outro valor semántico que se repite aí, nese Dicionario de Dicionarios, é o que se corresponde con ‘armatoste’ (un valor semántico coincidente en boa medida coa ‘calantornia = cousa grande, xigante de cartón-pedra ou estafermo [vid. acepción n.º 1 do dicionario da RAG). A palabra ten ou tivo que ter un uso non desprezable porque deixou descendencia: canforneiro ou canfurneiro, canfurnar e canfurnada. A persoa canfurneira é definida no DdD como ‘trapisondista’, é dicir,  enredante, que conta contos, que fantasea… Quen sabe se habereá parentela etimolóxica coas Canfurnias, un lugar arredado e incluso mítico como a California dos libros de cabalarías (en inglés estadounidense existe ou subsiste o hispanismo californio para un habitante de California, en https://www.merriam-webster.com/dictionary/Californio): son ou eran lugares de fantasía, de incribles riquezas, de mulleres amazonas (así a ínsula California das Sergas de Esplandián: a raíña das amazonas era Calafia, unha muller descrita polo autor, Garci Rodríguez de Montalvo, como grande de corpo e con dominio sobre criaturas fantásticas coma os grifos), en fin, lugares que caían sabe Deus onde no sentir tradicional e que presentan uns nomes de eufonía estraña, moi distante no tempo e no espazo, unha eufonía que vemos tamén na toponimía prerromana que se documenta en Galicia na alta Idade Media (Calaforra, CODOLGA, actual Calahorra).

Así que, volvo dicir,  para Calantornia pensamos nun cruzamento de palabras. Dun lado estarían as formas con -f- (canfornio, canfurneiro…) e doutro, as formas con -t- coma carantoña.

Nun traballo inédito (do que falaremos nunha segunda entrega), Cobo explica algunha outra cousiña das Calantornias: O Cristo alude á festas maiores do Barco, con día grande o 14 de setembro; calantornia é un dialectalismo valdeorrés que alude, como o indica o poeta no adxectivo que precede, aos xigantes de festa (xigantes e cabezudos), non son “cocas, monstros de festa” como coida X. R. Pena na súa edición [Pena, Xosé Ramón, Florencio Delgado Gurriarán: Obra poética. Vigo: Xerais. 2022], que serían dragóns ou grandes serpes. Os xigantes actuais son unha parella na que figuran un rei e unha raíña, con rostros caricaturescos.

 

(O Meco e as Pampórnigas na Romaría quiroguesa da Ermida. Foto tirada de Internet)
 

Cobo ten idea de que a verba penetrou tamén en terras de Quiroga. Puxémonos en contacto co noso compañeiro e bo coñecedor da cultura quiroguesa, o profesor Xosé Pérez Mondelo e non sabía da presenza das Calantornias na zona. Falounos, en troques, das Pampórnigas (figuras paralelas ás valdeorresas Calantornias; fixémonos que a raíz expresiva, pamp-, dá idea de pampo ou apampado, estafermo…).


 

CARRÚA: Ao díto por Cobo engadiremos os sinónimos bercianos para o vieiro ou carreiro: “Rudeira / Corredoira / Camín / Carrúa / Carreiro / Rodera / Sendeiro / Carruna / Corredera” (ALBI). Como ‘camiño de carro’ recólleo o eximio filólogo E. Rivas en Frieiras e A Gudiña (DdD). Observa o profesor valdeorrés, Francisco Cobo,  que o sufixo é estraño. Supoñemos que hai que partir da base carruna, con caída do -n- intervocálico. Carruna é admitido como leonesismo polo dicionario da RAE e figura en Coromines dentro da familia de CARRO. O dicionario da RAG recolle a voz carrúa cun significado metafórico, ‘pachorrento’, pola lentitude do carro neses vieiros de difícil ou estreito paso…

CAVORCO: “Cabuerco ou carruezo é regueiro máis profundo” (no Bierzo, ALBI). Cobo retoma o étimo de García de Diego: cavu orcu ‘cova infernal’. Pódese ver a crítica de Coromines á esa proposta na entrada CAHUERCO.


 

CHOUPÍN: Ao dito por Cobo só engadiremos un par de observacións: rexístranse en galego outras variantes próximas,  con cambio de sufixo, para significar ‘cogomelo’: choupano e chouparro (dos sapos) (ambas as dúas no DdD: a variante chouparro dos sapos que recolle o GL, recorda o dezao pan de sapo como nome composto xenérico para os cogomelos, denominación admitida polo dicionario académico). En segundo lugar, e velaquí algo merecedor de ser destacado: o poder forte de evocación das verbas, máxime se sairon da man dun poeta… Cando lemos choupín evocamos aquelas procuras do saboroso cogomelo nas viñas, na infancia e relembramos o refrán: Choupín choupiñeiro, dime do teu compañeiro (un refrán que, por certo, non figura na extensa obra paremiolóxica de Vázquez Saco, e iso pode ser porque os de Valdeorras van de seminaristas a Astorga…). Volve a nós, coma nova madalena proustiana, o recendo da tortilla de patacas cos choupíns…

COUQUIZO: Volvemos ter unha voz non privativa de Valdeorras pero de uso común nesa terra. E volvemos ter unha orixe expresiva. Coromines, s. v. COGOTE fala da familia de coca ‘cabeza’ de creación expresiva. Nesa familia hai que integrar couquizo (se lemos con detemento esa entrada do filólogo catalán vemos que non faltan voces con ditongación inicial: bearnés coucòt, aranés cougòt etc.). No galego medieval temos toutiço (así nas Cantigas de Santa Maria: E a saeta assi ll ' acertara || pelo ollo, que logo llo britara || e ben ate eno toutiço entrara, cantiga n.º 129, ed. de W. Mettmann). Mettmann no seu glosario dá como único valor ‘cogote’, en galego normativo cocote. Ora ben, no dicionario da RAE ‘cogote’ refírese só ao pescozo, ao colo, mentres que no dicionario da RAG, ‘cocote’ ten dúas acepcións, coma en portugués ‘toutiço’: a segunda acepción refírese ao curuto da cabeza, onde o pelo adoita formar un remuíño. De feito, na fala da nosa nai, en ocasións o couquizo é o propio pelo rebelde, arremuiñado. É de subliñar que no noso dicionario académico couquizo e cogote figuran coma sinónimos.

Cerramos esta entrada achegando unha variante berciana -Concello de Curullón- de toutizo: ‘turuvelo’ (que relembra moito na sufixación o cotobelo da fala do noso bisavó Manuel,  cando ameazaba aos netos dobrando o brazo: vouche dar co cotobelo!)



 

NINO: Ao dito por Cobo engadiremos só un fermoso refrán que lle temos oído dicir moitas veces á nosa nai. Xulgámolo moi sabio. O ano que se cría o nino non se fía o liño. Xa sabedes, meus queridos, hai prioridades na vida. O primeiro é o primeiro.

RECOTEIXO: Forma composta con reco ‘porco’. Estamos de acordo con Cobo en que se trata dunha voz expresiva, da onomatopea do son que emiten os porcos cando griñen. A voz reco figura no dicionario académico, referido a un porco pequeno, tamén chamado rancho (así en Deza, quizais tamén palabra onomatopeica). Como curiosidade,  permitídeme a asociación coa forma raccoon que usan os estadounidenses para designar o mapache (tamén chamado en galego osiño lavador). Entra dentro do posible que esa voz algonquiana (https://www.merriam-webster.com/dictionary/raccoon)  tamén teña unha orixe expresiva.

VAXOLA: Imos pasar por alto sobre as explicacións etimolóxicas que sobre voces desta familia deron Corominas e o gran Pensado Tomé. Quedamos co que di Cobo ao respecto sen máis comentario filolóxico. Iso si, na casa da tía Maruxa, a quen Deus descanse, eran vaixolas. E veñen á nosa memoria aquelas tardes abrasadoras de verán, cando estabamos desexosos de que se cumprisen as regulamentarias horas de dixestión para baixar ao río e cando xa estabamos na porta a tía dicíanos: alto eí! Hai que escorbellar as vaixolas. E entre todos escorbellabamos unha cesta enorme chea das vaixolas ou vaíñas amarelas, que custodiaban, envolvían as preciosas fabas…


 

 

(Fotos tomadas do libro de Ricardo Gurriarán sobre a Vida e obra do poeta, libro publicado pola editorial do Castro-Sada-A Coruña no ano 1999)

Ningún comentario:

Publicar un comentario