venres, 6 de maio de 2022

LENDO A

 

LENDO A CERVANTES. NOTAS SOBRE OS NOMES PROPIOS EN LOS TRABAJOS DE PERSILES Y SIGISMUNDA. II PARTE.

 

(Gravado de 1800.  Está no Museo do Exército, Toledo)



 


Bradamiro: Cervantes di deste personaxe que é un bárbaro llamado Bradamiro, de los más valientes y más principales de toda la isla, menospreciador de toda ley, arrogante sobre la misma arrogancia y atrevido tanto como él mismo, porque no se halla con quién compararlo.

Sobre Bradamiro, no que nós sabemos, a mellor síntese crítica das propostas etimolóxicas (por exemplo, do eslavo Vladimir ou do latín brandere) están no artigo de Miguel Alarcos (“Un  personaje  del Persiles  a  la  luz del  Mecencio  virgiliano:  bradamiro,  el  bárbaro  violento” en Anales  cervantinos,  vol.  XlV, PP.  269-292,  2013). Porén, non vemos que se propoña unha etimoloxía xermánica para esa raíz, Brad-, malia ser claramente xermánica a segunda parte do composto. Sobre -miro recordemos as palabras dun dos grandes filólogos expertos en xermanismos:

De todos os elementos do onomástico hispano-godo, ningún alcanzou, como segundo termo, a expansión de mereis ‘famoso, célebre’ (Joseph-Maria Piel, en “Antroponímia Germânica da Península Ibérica”, artigo de 1960, tradución ao galego nosa)

 

Este mesmo filólogo integra entre os xermanismos un topónimo galego coa raíz que nos ocupa, o pontevedrés Bradufe (Brad + ufe, < -ulfus < wulfs ‘lobo’) (en: “Toponímia Germânica da Península Ibérica”, 1960). Na Idade Media é posible documentar na península outros nomes que un estaría disposto a asegurar que son xermanismos:

Bradius, Bradida (nomes), Bradonas (apelido) (s. XI, CODOLGA)

Bradelina, Bradila, Bradilane, Bradilani, Bradile, Bradilina, Bradilo,  Bradiluni, Bradinane, Bradolina, Bradulina (CODOLCAT).

O significado desa raíz verosimilmente xermánica non é doado de asegurar. Si que podemos hipotizar: cando rastrexamos[1] o nome literario (modelo posible no que se inspiraría Cervantes) de Bradamante, personaxe épica que aparece no poema Orlando Innamorato (1483) de Matteo Maria Boiardo e sobre todo -pola fama que acada a obra- no Orlando Furioso (1532) de Ludovico Ariosto, observamos que en versións máis arcaicas o nome feminino está suxeito a varianzas, do tipo Bradamonte. Se por un momento admitísemos que esa composición, Brad (a) + monte, é a máis próxima á verdade etimolóxica, cadraríalle moi ben á raíz brad- un valor adxectival que concorde co susbtantivo común ‘monte’. Pois ben, en varios dicionarios etimolóxicos consultados, admítese como étimo de topónimos anglo-xermanos tales como Bradley, Bradford, Bradshaw etc., o vello inglés brād 'ancho, estenso, aberto, plano' (DIGITALES FAMILIENNAMENWÖRTERBUCH DEUTSCHLANDS, en: https://www.namenforschung.net/dfd/woerterbuch/liste/?tx_dfd_names%5Bname%5D=86257&tx_dfd_names%5BcurrentSelectedFacets%5D=&tx_dfd_names%5Bquery%5D=Brad%2A&tx_dfd_names%5Boffset%5D=&tx_dfd_names%5Baction%5D=show&tx_dfd_names%5Bcontroller%5D=Names&cHash=cca9ab8c2c790c34e77afedfdd698a8f).

 

(Outro precioso mapa da cidade de Arxel, onde se aprecian ben as portas do recinto fortificado. Relembremos que no libro III, capítulo X, o alcalde pregúntalle ao suposto ex cativo cantas portas, cantas fontes e cantos pozos de auga doce tiña a cidade. O mapa é de 1563 e consérvase no Arquivo Xeral de Simancas)

Cenotia: é unha feiticeira granadina, protexida do rei Policarpo. Aparece como bruta, falsa, traidora. Notan os críticos que hai bruxas tamén en El coloquio de los perros (Camacha, Montiela e Cañizares) e algúns pensan que está en parte modelada sobre a Camacha de Montilla, unha feiticeira da época de Cervantes. Pola súa banda, Colahan[2] pon en relación a Cenotia coa romana Canidia e fai fincapé en que ambas as dúas levan un nome similar canto á forma e engade que Cenotia leva o elemento ot aumentativo-despectivo presente no nome Quijote. Para outros estudosos, Cenotia é unha variante cervantina formada sobre o nome arameo-grego Zenobia, ben coñecida por ser nome dunha raíña histórica de Palmira, cuxo sobrenome fora Raíña do Leste. E Dominique Reyre (DR) engade aínda que o nome puede haber sido forjado por juego paronomástico con «cenotafio» del griego kenotaphion, de kenos, ‘vacío’ y taphos, ‘sepulcro’. Este juego entre Cenotia y cenotafio sirve para caracterizar a una maga mortífera.  A todo isto, nós só podemos engadir un par de observacións: unha, téñase en conta que non é difícil documentar nomes de muller rematados en -otia (sen que iso nos impida negar a dureza da fonética, e afirmar a pouco eufonía do nome): Astotia, Eldotia, Odrotia (CODOLGA), Audotia (variante rusa de Eudocia) etc. E segunda, talvez haxa que ter presente a voz grega Ceanothus ‘planta espiñenta’: aínda que é unha posibilidade remota, a imaxe das espiñas non lle vai nada mal a este personaxe, de quen di Cervantes:  Estaba escuchando Policarpo atentísimamente a la maliciosa Cenotia, que con cada palabra que le decía le atravesaba, como si fuera con agudos clavos, el corazón (o subliñado é noso).

(CLARICIA é outro nome do "Persiles". Aquí temos a ilustradora así chamada,  Claricia,  nun Libro de Salmos do 1200. Claricia foi moi coñecida en Europa)

 

Deleasir: A diferenza co que ocorre con Cenotia, temos aquí un nome eufónico. Cervantes acertou de pleno con esta creación. Xunto con Belarmina e Feliz Flora, son as tres candidatas a casar co francés duque de Nemurs. A crítica móstrase unánime en admitir que esas tres damas son unha reminiscencia das tres Grazas e que con toda probabilidade o autor creou o nome Deleasir tomando como base unha voz francesa: de loisir. O nome tivo moito éxito. Xa no século XVII, Mme. De Lafayette se inspira neste episodio cervantino para dúas historias, a de Alphonse e a de Alamir  (en Zaïde, 1671) e Kaplan fainos ver que da combinación dos nomes de Deleasir e Belarmina a escritora crea o nome de Bélasire, a amada de Alphonse[3]. Pero, insistimos, o éxito do nome chega aos nosos días. Documentamos con facilidade moitas mulleres chamadas Deleasir no español de América e tamén en Brasil. Tanto é así que o Boletín da Academia Arxentina de Letras ten publicada unha nota sobre o nome cervantino. No que nós puidemos estudar, este é o nome máis exitoso, con maior pervivencia dos creados por Cervantes no Persiles.


 

Libsomiro: nobre francés maldicente, estorba por envexa ou ciumes os amores de Renato e Eusebia. A crítica di o seguinte:

DR. Nombre construido sobre el modelo del de otro personaje violento, Bradamiro. Posible juego para designar de manera antifrástica a un calumniador: Li(b)so/miro (de «hombre liso, hombre de verdad» (Cov. Tes., 764), del mismo estilo que un retruécano de Moreto en Antes morir que pecar: «Al infante Casimiro / adoro ¡ah de mi suerte, / que casi miro mi muerte!».

A idea é enxeñosa e non podemos negar que fose esa a xénese do nome. Pódese, endebén, pensar no acurtamento de libidinoso>libso + o sufixo xermánico ben coñecido -miro. Recordemos que os valores semánticos dese adxectivo latino van alén da luxuria; tamén signifca ‘caprichoso, tiránico, que busca o seu pracer de modo arbitrario’ (Dicionario latino de Gaffiot).

Persiles: A crítica fala da imitación dos nomes cabaleirescos Sarquiles, Granfiles ou Gastiles, dos libros de Amadís; tamén se pensa no heroe homérico, Aquiles. E M. Menéndez Pelayo (CORDE) cita a Parisiles (da Segunda Diana de Alonso Pérez) como posible modelo. Hai quen fala dunha etimoloxía per + salio (que daría persilio ‘saltar a través’, en consonancia con Peri-andro, o outro nome de Persiles). Non recordamos ter lido a ningún estudoso que citase o heroe, un dos máis grandes heroes panhelénicos, Perseo, o salvador de Andrómeda.

Ricla: Non temos nada claro que Ricla sexa un nome inventado por Cervantes, como di algún crítico. No libro é a bárbara, nai de Antonio.   Rosales dedícalle unhas fermosas palabras a este personaxe ao que cualifica de anxo[4].

DR. Cervantes escogería sin duda este topónimo por sus afinidades sonoras con el adjetivo «rica», que corresponde al papel del personaje como «tesorera general» acostumbrada a manejar el oro del pequeño escuadrón de los pereginos.

Pero a verdade é que Ricla si aparece documentado antes de Cervantes. Riquilda, Riclitza, Richeza, Rica ou Rixa de Polonia (Wrocław, 1140 – 16 de junio de 1185), princesa de Polonia,  foi raíña consorte de León polo matrimonio con Alfonso VII o Emperador (1152-1157), condesa consorte de Provenza (1161-1166) e condesa consorte de Toulouse (1166-1183). Era filla de Vladislao II o Desterrado, Gran Duque de Polonia, e de Inés de Babenberg. Esta emperatriz, de orixe polaca, aparece en documentación galego-medieval como Ricla (Adeffonsus de Arquilinus ad Zemoram cum coniuge sua imperatrice Ricla, en CODOLGA, s. XII)[5].

Ata aquí chegamos hoxe. Queda na man, ou no tinteiro, un par de comentarios sobre Ortel Banedre: sinceramente, non cremos que fose arbitraria nin infundada a correspondencia que Cervantes fai entre o “polaco” (ou alemán) Ortel e o español Martín. Somos dos que pensamos que o autor de apelidos galegos non dá puntada sen fío. Pero aínda non maduramos suficientemente as nosas opinións a ese respecto. A ver o ano que vén… Namentres, desexamos e ansiamos a paz.

(Mapa de Toledo de Abraham Ortellius (1527-98). Parece ser que o nome de Ortel, que Cervantes escolleu para un seu personaxe do "Persiles", serveulle ao noso autor para homenaxear este grande cosmógrafo e cartógrafo de Brabante)



[1] Tese de Chiara Zarpellon: “IL PERSONAGGIO DI BRADAMANTE TRA BOIARDO E ARIOSTO. Avventure di una donna guerriero”

En: http://dspace.unive.it/bitstream/handle/10579/14396/866018-1221661.pdf?sequence=2

 

[2]  Clark Colahan (1988): “Auristela y Cenotia, personalidades horacianas en el Persiles”, Anales Cervantinos, Vol. XLIV, pp. 173-186.

[3] D. KAPLAN, “The Lover’s Test Thème in Cervantes and Madame de La Fayette”, French Review XXVI, 1952-53, Pp. 285-290.

 

[4] Luis Rosales: Cervantes y la libertad I, 1960, p. 232.

[5] Para a etimoloxía de Riquila, vid. Piel (1989): “Antroponímia germânica da Península Ibérica”, en: Estudos de Lingüística Histórica Galego-Portuguesa. Imprensa Nacional-Casa da Moeda. Páx. 134.

Ningún comentario:

Publicar un comentario