luns, 15 de febreiro de 2021

A CORUÑA

 

A CORUÑA.

O ENTROIDO

(Carroza na Rúa Real. Ano 1910, aprox. Foto tirada de Internet)
 

Cando eu era nena (aló polos anos 60) o entroido na nosa cidade celebrábase na rúa, nos barrios e tamén nas sociedades. Daquela, no que eu sei, había distintas sociedades, segundo os barrios: a Sociedad Deportiva de Los Castros (estivo en varios edificios, o noso pai ía botar a partida, ler a prensa, xogar ao billar, ao dominó etc.), a da Gaiteira; estaba o sempre relembrado Liceo de Monelos (algún día haberá que dedicarlle un par de páxinas, aí se coñeceron os meus pais e a nosa avoa paterna fora Madriña do equipo da Granxa, tan vinculado ao Liceo), onde se celebraba un estupendo baile de carnavais, e estaba o baile do Casino coruñés no Leirón do vello Camiño Novo, hoxe rúa de Juan Flórez. Unha das lembranzas típicas e repetidas da nosa infancia, anécdota irrelevante pero curiosa xa que falamos do entroido coruñés, é a daquela vez que a miña avoa, disfrazada -encantáballe disfrazarse, un entusiasmo que, todo hai que dicilo herdou máis ben a miña irmá ca unha servidora, e unha das súas constantes era vestirse de negro rigoroso, con velo ocultando o rostro, e ir de viúva chorosa acompañando o cortexo fúnebre no Enterro da Sardiña; aló ían, á Ponte da Pasaxe, onde guindaban o ataúde da Sardiña á ría- de mascarita, colleume da man e fomos dar á Sociedade (a dos Castros) para ver se o meu pai recoñecía a súa nai. Chegamos. Había moita xente (debo dicir que a avoa tería daquela sobre 50 e poucos, muller alta, de boa planta) e vai un home e achegándose interpélaa: -E ti quen es, mascarita? E antes de que a miña avoa puidese reaccionar, saltei eu -non tería máis de 5 ou 6 anos: -Non é “mascarita”, é a miña avoa Pura! A anécdota ten o seu aquel. Trae á nosa memoria a secuencia do relato “El escapulario”, de Emilia Pardo Bazán: están no Real (de Madrid, nun baile tamén de máscaras) e o personaxe diríxese á protagonista: -¿Buscas a alguien, mascarita?[1]

 

(A "Pista" do Liceo de Artesáns de Monelos, onde se celebraban bailes de carnaval; para nós, os meniños fillos ou netos de socios, lugar de xogos inesquecible)

 

Cando estudaba os primeiros anos de bacharelato no noso Instituto, con doce anos, disfrazabamonos na casa con certa arte (coa axuda de nais, tías e avoas) e logo quedabamos no centro (allá abajo, como se dicía daquela) e paseabamos en grupo polas rúas coruñesas, era cuestión de ver a quen identificabas e quen te recoñecía a ti...  

Na Coruña actual  -salvando as parénteses da pandemia- a zona nuclear dos paseos das comparsas é sen dúbida ningunha, a rúa da Torre. 

(Carroza de entroido. A Coruña, ano 191?. Foto de Ferrer)

Gustábame tamén que lle botásedes unha ollada á Coruña carnavalesca do XIX e principios do XX. Ímolo facer a traves dun libro rico en información desa época: Contribución a la Historia de La Coruña, de Félix Estrada Catoyra. La Coruña, El Ideal Gallego (falta o ano de edición pero debe ser 1930, data en que declara, no mes de xaneiro, rematar a redacción do libro). En realidade, é a  historia da cidade vista a través das peripecias dunha sociedade que foi famosa e importante mentres durou: La Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos en sus ochenta y tres años de vida y actuación, como reza o subtítulo do libro. Coñecida tamén como Círculo de Artesanos ou Reunión de Artesanos (R.A.). Era unha sociedade para xente da burguesía coruñesa, de carácter monárquico. Así é vista por autores como Rey Majado [3REY MAJADO, A., A Coruña y la música, A Coruña, Ayuntamiento, 2000, p. 106], mais supoñemos que habería de todo como nas familias: desde logo non se pode negar, por exemplo, que compartían nun grao elevado a ideoloxía galeguista, se xulgamos só polos numerosos actos en que esta sociedade tomou parte e nos que participaron ilustres personalidades do galeguismo histórico; sen ánimo de cansarvos e por citar algúns conferenciantes que falaron desde a tribuna da R.A. amentemos os seguintes: Murguía, Cuevillas, Risco e Pedrayo -cando a Real Academia Galega o nomeou membro, en 1929, os actos tiveron lugar nos salóns do R.A.-, e homenaxearon a: Rosalía de Castro, E. Pardo Bazán, M. Murguía, Eduardo Pondal, M. Curros Enríquez, Florencio Vaamonde, B. Vicetto, F. Añón, Concepción Arenal, Román Navarro etc. 

(Outra carroza carnavalesca na Coruña. A foto está tirada do libro "Crónicas Coruñesas" de J. Ricardo Díaz Pardeiro, profesor que foi do noso Instituto)

 

A R.A. participa e organiza directamente moitos actos de carnaval cada ano. A primeira noticia que documentamos é do ano 1851. Aí inícia a Sociedade a celebración do enterro da sardiña. Entendo que era na cidade, sen ir como antes vimos, á Pasaxe. O enterro-festival foi ampliándose e variando, e terminaba cun sermón ou alocución burlesca no teatro de Variedades (estaba daquela na rúa da Franxa). No ano 1862 vemos que se inician os festivais o domingo anterior ao Carnaval co anuncio da entrada de Momo e moita pompa, luxo de carrozas tiradas por bois, paseos de cabalerías con claríns, bandas de música e un longo etc. Parece que destacaron as comparsas do Circo (supoñemos que se refire ao Teatro Circo) e a da Tertulia de Confianza. Esta última levaba incorporada unha pequena fábrica coa súa cheminea: Fábrica de Filloas al vapor e repartíaas ao público... Máis animado aínda fora o martes de carnaval... Era daquela alcalde José Mª Abella.

O entroido de 1863 ocupa varias páxinas do libro, imposible resumilo. O Momo chega por mar nunha falúa aos Cantóns, hai baile de nenos, unha “Corte Grega”, as comparsas -como en anos anteriores- dos obreiros da Mestranza de Artillería (nesa Mestranza está hoxe o Reitorado da UdC), que levaban tres plataformas representando as fraguas de Vulcano, con coros entoando himnos. Todas as comparsas guindaban doces empapelados e confites aos balcóns...

(Foto de Carnaval de principios de século. Fixádevos onde foi feita, ao fondo vemos as Escuelas da Guarda. Está tomada de Internet)
 

No ano 1865 decide a R.A. poñer en escena a noite do enterro da sardiña un “xoguete cómico”, con letra do socio Domingo Camino e música de don Canuto Berea (quen, por certo, logo foi Presidente da R.A, 1870-1874), e foron invitados a ese festival autoridades e a directiva das sociedades do Casino, da Tertulia de Amigos (con sede na rebotica da Farmacia Villar) e Tertulia del León de Oro (con sé no café homónimo da rúa Real).

En 1871 dísenos que os bailes de carnaval tiveron lugar no Teatro, limitándose as festas exteriores ao enterro da sardiña, que se fixo con gran ostentación, conducindo o carro fúnebre unha parella de bois, mentres que o sermón se pronunciou no Teatro de Variedades. En 1872 aparece por primeira vez o concepto de Apropósito, referido á oración fúnebre burlesca do enterro da sardiña, pronunciado sempre por algún socio humorista. Na p. 84 cítanse moitos apropósitos, destacaremos só estes: “Una broma pesada” con música de José Castro Chané, o do humorista coñecido Antonio Carricarte e os escritos polos ilustres académicos da Galega, Manuel Amor Meilán e Eladio Rodríguez González. En 1886, ano de gran brillantez entroideira na Coruña (chama a atención neste sentido a nota de saudade de Félix Estrada, ah, que tempos, como se divertía antes a xuventude na nosa sociedade, agora só se interesan polos deportes, vén dicir), colabora o orfeón El Eco, dirixido polo ínclito Pascual Veiga. En 1888 vemos que colabora coa R.A. a tuna ovetense. En 1891, malia as débedas que acumula a R.A, alugan igualmente o Teatro Principal[2] para os bailes de carnaval, con colaboración novamente do Eco, e colaboran tamén socios como León Bianchi e Román Navarro (importantes nomes para a nosa cidade e para o noso Instituto, ambos participaran na decoración e pinturas do egrexio salón de actos).

Aquí o deixamos. Quen queira seguir sabendo do carnaval coruñés por medio deste libro debe ler aínda as páxinas nn: 144, 145, 149, 153, 160, 175, 182, 186, 189, 233, 235, 236, 259 (en que se fala do coso, espazos carnavalescos ad hoc, construídos nos Cantóns), 268, 293 e 336.

 

(Baile de Carnaval no Teatro Rosalía de Castro. A foto, nós a tiramos de Internet, foi tomada entre 1925-1935)

 

 

 

 

 

 



[1] O carnaval aparece en varios relatos da coruñesa E. Pardo Bazán. Quizais paga a pena reler este fragmento onde se recorda o carnaval marinedino, quer dicir, coruñés: Estábamos en Carnaval. En Marineda hay años de gran animación carnavalesca, mientras otros transcurren lánguidos: esto pende de circunstancias imprevistas, del estado de los bolsillos, de la duración de la temporada teatral, del humor de los Presidentes de las sociedades. El año de la muerte de mi pobre Ilda, tocaron Carnestolendas bulliciosas; sobre todo hubo muchas máscaras por la calle, a lo cual ayudó el caer la «temporada de locura» a fines de marzo, y estar el tiempo sereno, despejado y magnífico. La primer comparsa la organizó la Nautilia, sociedad nueva y emprendedora, empeñada en eclipsar a otra más antigua y acreditada, el Casino de Industriales. La comparsa de la Nautilia, que salió el Jueves de Comadres por la tarde, representaba la entrada de Dios Momo, cuyo bando o proclama iban repartiendo profusamente unos demonios vestidos de colorado; anunciaba Momo que traía en sus baúles alegría y felicidad para los pollos, noviazgos para las niñas, melancólicas reminiscencias para las viejas, y que se marcharía dejando en pos chascos y desengaños a montones. Los que iban a esperarle cantaban versos alusivos, y regresaban luego escoltando la dorada carroza donde se repantigaba el dios, lucio, risueño, enviando a diestro y siniestro saludos con la mano enguatada de blanco, que metía a veces en un saquito de raso rosa para arrojar confites a las señoritas que descollaban entre el gentío. Como la tarde era primaveral, la temperatura deliciosa y el espectáculo alegre, entretenido y gratis, despobláronse las casas de Marineda: todo el mundo se dirigió hacia los arrabales para admirar la lucida comparsa. (672-3, Doña Milagros). A respecto dos arrabaldos da Coruña na época á que se refire Emilia Pardo Bazán (a publicación de Doña Milagros lévanos a 1894 pero botade de conta que reflicte anos anteriores) temos que ter presente que o cogolliño da cidade é a chamada cidade alta (hoxe vella) e parte da Pescadería, rúas Rego de Auga e Real basicamente. Na Coruña que aparece en La Tribuna, por exemplo (publicada en 1883) aínda hai murallas con portas que van desde a actual Rosaleda (Malvecín) ata o Caramanchón (Se habían tendido en una pequeña explanada, que formaba el glacis de la fortificación, lemos naquel capítulo onde se relata a romaría, entre o monte de Santa Margarida e a muralla esa, coas súas dúas torres nos extremos. E relembremos tamén que cando Eusebio da Guarda se compromete a facer ás súas expensas o noso Instituto -tras convencer ao Concello, porque aquilo era arrabaldo e pensábase en destinar ese terreo para un espazo para gando…- esixe do Concello en 1881 a cesión de todo o baluarte do Caramanchón, incluídas tres baterías e mais o antigo corpo de garda da Porta de Arriba, e pide que se bote abaixo todo iso e se achance. Será a partir de 1880 cando empece a ampliación da cidade cara ás hortas de Garás e pola banda do Campo do Carballo (este último, aproximadamente onde a Praza de Lugo actual).

[2] O edificio do Teatro Principal (e Palacio de Goberno Provincial) érguese arredor do ano 1840 no lugar no que existía antes o templo de San Xurxo, demolido coa desamortización; o Concello encárgalle a obra, o Teatro Novo, ao arquitecto don José Mª de Noya. En 1867 o teatro ardeu a a súa restauración levouna a cabo don Faustino Domínguez Coumes Gay -o que deseñou o edificio do noso centro- entre 1868 e 1870, quen ten como colaborador no deseño interior a Eusebio Luchini. Este edificio sufrirá distintas obras sobre todo en 1929, da man do arquitecto Pedro Mariño, e en 1950 da de Santiago Rey Pedreira. (datos tomados de La Coruña vista desde sus libros de actas, de José Mª Fernández Camaño).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario