domingo, 17 de xaneiro de 2021

ENTREVISTAS

 

ENTREVISTA A HOMES QUE AMAN OS LIBROS

ENTREVISTA A FRAN ALONSO

 

Fran Alonso. Todas as fotos están tiradas de Internet.

 

M.ª R. Soto: Ti es unha persoa polifacética: escritor de libros infantís, de libros xuvenís, de libros para adultos;  directivo dunha empresa; blogueiro;  ilustrador… Dinos, con que faceta te quedas (ti pensa naquela famosa pregunta a Joyce, se tivera que escoller un só autor para levar -os seus libros, enténdase- a unha illa deserta…, e o irlandés escolleu só un…)?

—A miña vocación é a escrita, a literatura, pero tamén a creación no seu máis amplo sentido, traspasando as fronteiras da creación literaria. Eu considérome un creador. Esa é a miña vocación. A edición aportoume e apórtame moitísimas cousas, e teño que estarlle moi agradecido: é unha atalaia privilexiada sobre a cultura, pero cheguei a ela desde o xornalismo; atopeime con ela, non a busquei.

-Fran, onde estudaches o bacharelato? Gardas algunha lembranza especial dalgún profe en particular?

-A verdade é que en Primaria pasei por dous centros (un no que me atopaba moi a gusto e outro que foi un arrepío) e no bacharelato pasoume o mesmo. A metade do bacharelato fíxena nun centro privado relixioso (porque os meus país estaban en desacordo con que fose ao instituto naqueles anos) e a outra metade no Instituto Santa Irene, onde fun alumno de Moncha Fuentes e X. L. Méndez Ferrín, excelentes profesores. 

Instituto Santa Irene. Vigo.

 

-Como director dunha editorial tes moitas responsabilidades e moito traballo pero tamén debe haber aspectos super interesantes e atractivos, como coñecer escritores, tratar con eles… Pero seguramente botarás en falta tempo para escrita, ou?

-Sen dúbida ningunha, o máis interesante da edición é o trato coas persoas, aínda que tamén a conciencia de que cada decisión é unha aposta, unha liña que trazas. Pero, tes razón, o que máis boto en falla –e bótoo moito en falla– é tempo para crear, para escribir, para concentrarme, para reflexionar, para pensar en min mesmo e noutras moitas cousas que me interesan e teño aparcadas.  


 

-Un tema recorrente na túa obra eu diría que é a incomunicación e, porén, estamos teoricamente hiperconectados, móbil, Internet, prensa, radio e televisión… Precisamente eses medios, as redes, a tecnoloxía son case un actante nalgunhas das túas obras, quero dicir que están moi presentes. O relato “Vacacións” (integrado en Ninguén, 2011), é neste sentido paradigmático, parece transmitir a idea de que a relación coa tecnoloxía e o ser humano é coma no título do tema de U2, “nin contigo nin sin ti”. Parece que vivimos nunha sociedade tremendamente contraditoria, e necesitada de cousas elementais, talvez, coma o silencio. Que hai de certo no que digo, desde o teu punto de vista?

-Creo que hai moito de certo; vivimos nunha sociedade profundamente contraditoria (tamén é certo que a nosa propia vida é contraditoria moitas veces) e, sobre todo, nestes momentos nunha sociedade profundamente desorientada. E iso é algo que me preocupa, porque dunha situación así unicamente a sociedade só pode saír reforzada ou vencida. En todo caso, vivimos nunha sociedade hipercomunicada que cada vez pon máis en evidencia o drama da soidade; en tamén, en consecuencia e en boa medida, a falta de empatía, de humanización.  

 


 

-Como e cando tomaches conciencia de que querías ser escritor?

-Cando era neno xa sentía, dalgún xeito, a chamada da escrita, aínda que non estivese familiarizado cos libros. Probablemente, tiven conciencia cando era adolescente, e xa escribía pequenos contos ou poemas. É algo dificilmente explicable, que levas dentro.

-En ocasións, á hora de explicar a obra de certos autores coma un todo cohesionado, o profesor de literatura fala de macrotexto narrativo. Creo sinceramente que á túa propia obra narrativa se lle podería aplicar o concepto: hai elementos recorrentes, a toponimia recorrente (Vigo, arredores de Vigo), certos personaxes recorrentes (Almas Perdidas, Corazóns Solitarios… unha personaxe recorrente é Celia Rivas)… Ti contribuíches inequivocamente a que moitos de nós souberamos da existencia desa figura épica. Por favor, podías dicirlles ao noso alumnado máis novo quen foi Celia?

-Certo, desde que comecei a escribir tracei as liñas dun macrotexto narrativo, que non é outra cousa que crear unha arañeira literaria identitaria e persoal: no meu caso, ese macrotexto márcano personaxes, palabras, símbolos, toponimos (sobre todo procedentes de literaturas lusófonas ou marxinais), espazos, lugares e referentes. Con todo, Celia Rivas aparece unicamente nun dos meus libros, en A punta de pistola. A figura de Celia Rivas é unha especie de contrapunto aos camioneiros de Tráiler, a miña primeira novela, marcada por personaxes de masculinidade terriblemente patriarcal. Celia Rivas foi unha muller camioneira, pionera, pois foi a primeira muller en conducir camións xa antes da Guerra Civil e a súa figura, valente e afouta, simboliza o valor da mulleres e a súa reivindicación.

-Que estás lendo arestora?

-Pois a verdade é que nestes últimos tres anos a inmensa maioría dos libros que leo son orixinais que entran en Xerais e dos que debo dar conta. Ás veces fago algunha fuxida para ler algo que me apetece por cuestións persoais, pero son unha diminuta minoría.

-Moitas grazas, Fran, por dedicarnos parte do teu tempo. Un último favor por hoxe: sabes que tiven hai case dous anos un netiño. Axiña lerá: recoméndanos un libro teu para nenos. Quedámosche moi agradecidos!

–Pois se ten dous anos, creo que o meu libro máis apropiado para esa idade é o álbum A araña e mais eu e, a continuación, por idade, o libro Poemas birollos para ler cos ollos, para descubrir a poesía xogando coa mirada. 

 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario