mércores, 13 de febreiro de 2019

LENDO A


LENDO OS NOSOS HUMORISTAS


DA LIBERDADE DE EXPRESIÓN



En xaneiro, en lembranza das mortes doutro xaneiro (do 2015) naquel atentado á revista ‘Charlie Hebdo’ en París, no noso Instituto foi organizada unha exposición sobre humorismo gráfico, algo do que os galegos (e outras tribos hispanas tamén) sabemos moito. Asemade, ese día encheuse de alumnado de cuarto da ESO o nobre salón de actos-paraninfo sempre fermoso e cheo de cromatismo e luz (acabamos de ver as fotos da escritora Estíbaliz Espinosa e os seus vitalistas e amables comentarios dedicados nas redes sociais a todo o alumnado do Eusebio...).



Léronse manifestos. A profesora de galego, dona María Teresa Pastor Novo, e varias alumnas e algún alumno de cuarto da ESO, leron os seus escritos. A min gustoume especialmente o de Martina Roel, cheo de paixón.



Hai que ter algo de paixón polas causas nobres, e ás veces polas causas de difícil amaño (non quero dicir perdidas, aínda que teña ese adxectivo un punto de heroico, de desmitificador, de poético). Pretendo insuflar enerxía e ánimo no progreso da especie. E no progreso de nós. A tribo hispana ou ibérica. Algo avanzamos: desde Valle-Inclán (-¡El mundo se arregla pegando fuerte!, dille o Cabalo de Espadas ao rucio de Sancho, nunha escena en que as tropas saen batendo marcha dos seus cuarteis, en  La corte de los milagros), ata X. M. Martínez Oca (“Vaste poñer de xoenllos agora mismo e pedirlle perdón a Franco. (...) De xoenllos, maricón!”, palabras dun policía da época, un gris a un detido sen causa, un coitado que nin sabe que é o que debe “confesar”, en A fuxida, novela publicada en 1980), algo avanzamos no camiño da liberdade.



Botouse en falta quizais un pouquiño de debate. Non houbo tempo. Esa é a verdade. Había que volver ás aulas. A educación ten as súas esixencias co horario. Nós, amigos e familia, si que fixemos debate e tertulia. O tema é delicado e complexo se queredes... Está a liberdade de expresión por riba de todo? Podedes reflexionar se gustades. Supoño que como en todas as grandes cuestións na convivencia e da existencia humana haberá que contemplar e harmonizar contrarios: un pode comprender, usando o sentido común, a prudencia e outras virtudes ou consideracións, que o respecto e a tolerancia son igualmente importantes. Como tamén todos entendemos ben que o papel é papel e a bala real que mata é outra cousa. Sempre vos dixen, aos que fostes meus alumnos, que usedes o sentidiño: se sabes que son un ser con espírito relixioso non blasfemes brutalmente na miña presenza: non podo nin debo mandarte ao paredón nin esaxerar no castigo nin suspenderte só por iso, pero tampouco valorarei a túa actitude coma boa; se sabes que son galeguista, que amo,  vivo e gaño o pan ensinando o idioma do vello reino, non me digas á cara brutalmente que esta lingua non vale para nada nin serve para a elevada expresión do pensamento (por dicir algo suave). Non é nin prudente nin intelixente. E se nas Probas da Selectividade (as ABAU chámanlles agora, Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade) tendes que opinar sobre unha cuestión na que todos sabemos que hai un posicionamento de esquerda e outro de dereita, procurade saber argumentar a un lado e ao outro e chegar a unha especie de medio pragmático se podedes.



Con isto non vos digo máis. Salvo talvez que cada un debe dar aquelas batallas nas que ten a súa cota de poder. Na alta política non entremos. Pensemos, iso si, que algún día igual podemos entrar: aprendamos a ser. Non nos deixemos manipular. Pero combatamos no día a día as pequenas inxustizas nas que si podemos dicir algo, ou como mínimo, sexamos conscientes de que o son: bloqueos da libre expresión. Frasemas bloqueadores: Ti cala, que non sabes o que dis. Por exemplo.

Parabéns aos profesores que participaron nesa valente e importante experiencia académica.




 (Todas as fotos foron feitas por Charo Soto)

1 comentario: